O nacionalismo e a literatura, amigos ou inimigos

Frédéric Mistral.

Manuel Veiga Taboada.

É común contrapoñer os termos nacionalismo e literatura, entendendo que a literatura ten, de por si, unha vocación universal. Con todo, non se pode dicir, de forma tallante, que ambos conceptos estean enfrontados.

Talvez poderiamos empezar por observar a evolución da literatura norteamericana, hoxe a máis influente do mundo, escrita ademais nunha lingua común á que foi a súa metrópole. Cabe falar neste caso de literatura nacional?

Ao longo de todo o século XIX, o debate intelectual que bulía no novo país xirou arredor do seguinte dilema: había que imitar os modelos británicos ou era imprescindíbel rebelarse contra eles? A actitude de boa parte dos autores conducía á rebelión pero a realidade facía inevitábel a imitación. Por exemplo, o dramaturgo Royal Tyler reclamaba unha literatura propiamente norteamericana, cuxo tema fose a vida e os valores americanos en vez de arremedar os modelos europeos. A necesaria existencia dunha literatura nacional converteuse na prioridade da maioría dos escritores.

Nin sequera o emprego dunha lingua común facía o problema máis doado de resolver. O dramaturgo Eugene O’Neill fíxose a seguinte pregunta: Cal é a linguaxe especificamente norteamericana? A el non lle servía o inglés dos personaxes de Shaw nin tampouco lle parecía adecuado recorrer aos tons líricos de Yeats, aínda que estivese impresionado por algunha das súas obras. Deste modo, comezou a escribir coma se partise de cero, até crear o tipo de expresión que lle pareceu adecuada para os seus personaxes. A unha conclusión parecida chegara xa Whitman para o caso da poesía. A pesar da súa admiración polo británico Tennyson, decidiu buscar unha linguaxe diferente, baseada no inglés oral das rúas dos Estados Unidos, aínda nos casos nos que parecía incorrecto, incluíndo ademais termos indíxenas e outras expresións que poderiamos denominar fronteirizas.

É ilustrativo que o gran crítico Edmund Wilson pasase boa parte da súa vida reivindicando unha literatura conforme “ás realidades presentes na vida norteamericana”. En 1928, cando Thornton Wilder consegue o premio Pulitzer, despois de ter publicado varios best sellers, Wilson pídelle que “estude os elementos diversos que conforman os Estados Unidos e nos dea os seus retratos nacionais”. No transcurso das dúas primeiras décadas do século XX, o crítico era consciente de que a literatura creada en Norteamérica aínda non podía ser “tomada en serio” e aos seus chamados clásicos antepoñíalle a cualificación de “supostos”.

A Ezra Pound, Wilson aféalle, por exemplo, a súa obsesión por “fuxir o máis lonxe posíbel de Idaho”. “Témome –afirma– que Ezra Pound repetiu a historia recorrente e tan a miúdo contada do artista norteamericano que foxe a Europa”. E pon na súa boca estas palabras sarcásticas: “Miren que culto e cosmopolita me volvín desde que deixei América, que diferente son dos que quedaron alá. Aposto a que ningún de vostedes coñece a Pratinas e a Gaudier-Brzesca. Podo ler media ducia de idiomas!”.

Os estudosos da historia da literatura norteamericana falan, sen dubidalo, dun nacionalismo cultural crecente, a partir da independencia, e dunha simbiose político literaria que se manifestou, con claridade, en Whitman, un dos fundadores, identificando a súa función persoal e nacional. Por suposto, esa autonomía non puido ser nunca máis que relativa. Poe, por exemplo, outro dos iniciadores, consideraba a literatura norteamericana como unha continuación da europea. A historia literaria dos Estados Unidos nutriuse, até ben avanzado o século XX, do incesante conflito entre estas dúas concepcións.

Algo, en parte similar, foi o que ocorreu en Rusia. As súas elites preferían expresarse en francés. Para a aristocracia e gran parte da burguesía o ruso era pouco máis que unha lingua de campesiños, ao tempo que a maioría da intelectualidade conformábase con imitar os modelos da Europa occidental. A reacción veu da man dos grandes narradores. Dostoievski recomendoulles explicitamente aos rusos ilustrados que limpasen as súas mentes, todo o que puidesen, de ideas preconcibidas procedentes do estranxeiro.

Pero a afirmación dos elementos nacionais é, claramente, máis difícil nos países pequenos. Kundera pasou anos formulándose a pregunta de por que os checos decidiran tomar, no século XIX, o camiño “difícil”, o de escoller o checo fronte ao alemán: “Os checos, todos eles bilingües –recorda–, tiveron entón a ocasión de elixir: nacer ou non nacer; ser ou non ser”. E acabaron por preferir “unha cultura nacente á cultura xa madura dos alemáns”.

Nos anos cincuenta, o polaco Gombrowicz incluía esta frase, nunha carta ao seu compatriota e futuro premio nobel, Czeslaw Milosz: “Se dentro de cen anos a nosa lingua aínda existe”. Zagajewski, pola súa parte, recoñece que tanto os lectores como os escritores do seu país se formulan decote esta pregunta: Quen somos?

Pero non todas as linguas se consolidaron. O inglés converteuse na lingua habitual dos escritores irlandeses. Nos anos dez, en plena loita pola independencia, Yeats, Joyce, Synge e outros moitos propuxéronse, para compensar a imposibilidade de escribir en gaélico, subverter o inglés desde dentro, en parte nutríndose da cultura francesa, que coñecían ben, e en parte retorcendo a sintaxe e o léxico.

O asunto xa viña de algo máis atrás. O filósofo e crítico Terry Eagleton cualifica a Oscar Wilde, nacido en Dublin, de “quintacolumnista nas filas inimigas”. Algo parecido tentara facer Gogol, un ucraíno que escribía en ruso, e o mesmo se podería dicir de Valle Inclán, que adoptou nas súas obras un español sui generis. Este intento de subversión lingüística ía moitas veces acompañado dunha actitude persoal irónica ou provocativa.

A tensión entre as culturas e as linguas nacionais foi, e segue sendo, moito máis frecuente do que habitualmente se coñece, aínda que deu lugar, segundo o caso, a resultados moi diferentes. En 1904, Frédéric Mistral recibiu o Nobel, o que representaba un xesto de apoio á lingua provenzal, pero o premio causou tal polémica en Francia que a Academia nunca máis se atreveu a recoñecer unha lingua minorizada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s