‘Grandarroiba’, un cómic no rural de hoxe

Páxina de ‘Grandarroiba’.

César Lorenzo Gil.

Grandarroiba, de Cristian F. Caruncho (editado por Demo), conta a historia de Moncho de Grandarroiba, un veciño dunha das aldeas máis inaccesibles da comarca de Ortegal. Marcado por unha vida de illamento e marxinación, o cambio xeracional permitiralle ter unha segunda oportunidade para se nutrir dos vínculos e afectos da súa comunidade.

Moitas veces se fala de que a expresión cultural (tamén a galega) primou durante moito tempo os discursos das clases dominantes, tanto no plano económico coma no cultural. Protagonistas que comparten problemas, arelas e conflitos cos propios autores. As voces baixas, excluídas do discurso, convértense entón ou en caricaturas ou en ecos: fálase deles pero sen contar con eles. Fálase deles como figurantes ou como ideais.

Tras o gran cambio socioeconómico que viviu Galicia desde a década do 1960, o medio rural sofre moitas veces destas dores: ás veces a aldea aparece como locus amoenus onde todo está como conxelado (cun enfoque positivo ou negativo); outras veces só se fala do paraíso perdido, a aldea como escenario da infancia. Non é que estea mal seguir reivindicando un territorio e un sentimento comunitario que forma parte da galeguidade desde antes dos suevos pero tamén cómpren achegamentos que intenten enender os habitantes do rural actual. E penso que Caruncho conségueo de maneira brillante en Grandarroiba.

O autor de Ortigueira converte o seu traballo de banda deseñada nunha tese sobre un personaxe, o protagonista Moncho de Grandarroiba, nunha interesante pesquisa psicolóxica e sociolóxica ao redor dun personaxe que é tan específico que acaba converténdose nun prototipo: o home criado na serra, con carencias afectivas, esquecido por un mundo que o despreza, redimido polas novas xeracións que contan cunha visión máis desprexuizada.

Velaquí o máis relevante da visión sociolóxica de Grandarroiba: os tempos cambiaron tanto, especialmente nese rural que para moitos está paralisado, que as condutas ou actitudes antano deostadas son hoxe, non sei se admiradas, pero si recoñecidas. A carraxe pasa a querenza: os avós ían á misa e respectaban a Garda Civil (todo por medo); os bisnetos son ateos, levan brincos nas orellas e son quen de crear novos lazos entre xeracións con gran naturalidade. A comunidade rural modificou a súa estrutura afectiva. Nin antes nin agora era ideal ou harmónica de todo pero precisou algunhas décadas para resituarse, dito isto con todas as prevencións porque o rural galego segue en convulsión, nun proceso de mingua demográfica e abandono institucional, mais favorecido polas infraestruturas nas comunicacións de todo o tipo, novos xeitos de explotación (aínda que sexan cativos e moitas veces frustrados) e o dominio dunha cultura global que xa non fai distincións. Como di o escritor Ramón Vilar, hoxe visten igual os adolescentes da aldea ca os de Nova York.

Caruncho acerta non só na fórmula argumental nesa dimensión persoal e social senón que o fai cunha envexable economía de medios e un discurso gráfico completamente acaído para a historia que conta. O ton lírico aséntase sobre o realismo das paisaxes, sobre a autenticidade dos personaxes, sobre unha narración pausada, madura, que non esquiva a tradición e incluso a fascinación por xéneros como o western (os cabalos, un dos tabús dos ilustradores pola dificultade técnica do seu debuxo) ou a crítica social (unha serra cun silencio case postatómico mais coas aspas dos taravelos eólicos a funcionar). O ilustrador e guionista soubo levar a bo porto a vella máxima da boa arte: cóntanos a historia universal da túa aldea.

Cristian F. Caruncho

A nivel técnico, Grandarroiba é impecable. Un branco e negro rotundo pero limpo: dominio do trazo e da liña sen filigrana. Caruncho coloca todos os recursos inescusables e cando os ten todos dominados simplemente vai quitando lastre até quedar co esencial. Poden as páxinas dun cómic transmitir silencio? Poden. A banda deseñada é, dentro da escala evolutiva da narrativa básica, o elo entre a narración en palabras dun libro e o cinema. O autor escolle o plano e o enfoque. E a partir de aí xorde o ritmo. Neste volume todo iso está medido e funciona.

Non precisamos ter todos os datos. Tampouco precisamos que este achegamento ao Moncho de Grandarroiba sexa rigoroso coma nunha reportaxe xornalística. O lector, como en calquera boa historia, ten que rematar de construír o narrado, ten que evocar os seus propios Monchos, os vividos e os aprendidos nos libros e nas películas. Mentres lía este cómic lembreime do personaxe do contrabandista da novela Cinco Dias, Cinco Noites, de Manuel Tiago (pseudónimo do portugués Álvaro Cunhal), ambos na mesma xínea de personalidades tan atractivas que merecen a inmortalidade, como o Charlie Allnut de The African Queen,coma Corto Maltés.

♦ Grandarroiba, de Cristian F. Caruncho. Demo, 2019. 56 páxinas. ♠13,90€

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s