Nial Binns e os escritores estranxeiros na Guerra de España

Paul Éluard.

Xesús González Gómez.

Collo da biblioteca do barrio dous libros de Nial Binns: La llamada de España. Escritores extranjeros en la guerra civil, Barcelona, Editorial Montesinos, 2004; e Voluntarios con gafas. Escritores extranjeros en la guerra civil española, Madrid, Mare Nostrum Comunicación, 2009. O primeiro é un estudo sobre escritores que viñeron a España durante a guerra civil, como correspondentes de xornais, como loitadores ou como participantes en congresos, etc. Escritores dos dous bandos. Evidentemente, non están todos os que viñeron nin todos os que escribiron sobre o «conflito» (Binns fala mesmo de xente que escribiu sobre a España en guerra pero que nunca pisou territorio da península nos tres anos de conflito, como, por exemplo, Paul Éluard). É un traballo curioso que dá a coñecer nomes descoñecidos para moitos dos estudosos e afeccionados. Como non son especialista no tema supoño que non comete erros; erros que si comete no capítulo «Surrealistas e ex-surrealistas», no que a carón de Louis Aragon, Paul Éluard e Benjamin Péret coloca a Jules Supervielle, que do surrealismo estaba como a unha distancia de dous séculos, poética e politicamente. Entre os máis coñecidos falta o nome de Tristan Tzara.

Voluntarios con gafas é unha escolma de textos de escritores estranxeiros sobre a guerra civil española: relatos, novelas (fragmentos delas, claro), textos máis ou menos xornalísticos e poemas. Binns antologa un total de 68 escritores e escritoras, que se poden repartir da seguinte maneira: 56 a favor da República, seis a favor dos fascistas e seis que poderiamos considerar neutrais: non están cos sublevados mais tampouco claramente cos leais ou son pacifistas, como Virginia Woolf, que perdeu o seu sobriño «preferido» na guerra (Julien Bell, condutor de ambulancias, no bando republicano), W. B. Yeats, que en realidade non se sabería por que bando se decantaría (o seu poema simplemente di que o corpo dunha rapaza o fai esquecer de ir a unha guerra), aínda que moito nos tememos que estaría a carón dos sublevados; Saint-Exupéry, que en principio quere manterse neutral pero que, finalmente, case se decanta polos republicanos; o chileno Joaquín Edwards Bello e, finalmente, Jacques Maritain, que o se ben está contra os sublevados –nega o carácter de cruzada da sublevación– afirma que esa postura non significa estar co goberno de Valencia. E Jules Supervielle, que talvez se perda no seu humanitarismo. Con todo, cómpre lembrarmos que Jonathan Littell, na súa novela As benévolas, coloca a Supervielle a carón de Maurice Blanchot, Claude Roy e outros escritores e pensadores franceses que na década de 1930 pertencían á extrema dereita. Tampouco está de máis lembrar que o escritor fascista Robert Brasillach, no seu libro de memorias: Notre avant-guerre París, Librairie Plon, 1941, p.124-128, afirma que un día á semana comía con Supervielle, do que era, segundo as súas palabras, íntimo amigo. Amizade que Supervielle nunca negou, que saibamos.

Os escritores escolmados que apoian os fascistas son: o británico Roy Campbell, os franceses Pierre Drieu La Rochelle, o citado Robert Brasillach e Paul Claudel; e o uruguaio Wing (pseudonimo de Luis Alfredo Sciutto), quen, nun principio se decantaba polos republicanos e acabou apoiando os fascistas, e mais o alemán Stefan Andrés. Entre os 56 escritores e escritoras pro republicanas, unha morea de xente coñecida, de Thomas Mann a Paul Éluard, pasando por Neruda, Vallejo, Huidobro, Alejo Carpentier, Hemingway, Dos Passos, Auden, Spender, Octavio Paz, Carlos Pellicer ou o poeta negro americano Langston Hughes. Reproducir todos os nomes sería aborrecido.

Destes 68 escritores e escritoras digamos que polo bando republicano dez tomaran as armas, é dicir, estiveron na fronte disparando: J. Cornford, P. de la Torriente Brau, Jef Last, Laurie Lee, André Malraux, George Orwell, Benjamin Péret, Gustav Regler, L. Renn e Simone Weil. Engadamos, dalgunha maneira, o nome de Arthur Koestler, que era unha espía da Comitern e estivo condenado a morte polos franquistas. Polo bando fascista, Campbell afirma que colleu as armas, pero é cousa na que nin os seus correlixionarios acreditan.

Nomes de escritores que estiveron na fronte, curiosamente, faltan varios: Alvah Bessie, cuxa obra, Homes guerra, veu luz por vez primeira en español no 2018, Ediciones B, coincidindo co 80º aniversario da retirada das Brigadas Internacionais; o escritor e crítico de arte alemán Carl Einstein; o premio Nobel francés Claude Simon, do que si fala no primeiro dos libros, e cuxa novela O Palacio se desenvolve no Hotel Colón de Barcelona durante a guerra civil: este hotel fora incautado polo PSUC (Partit Socialista Unificat de Catalunya –comunistas stalinianos–) que fixera del a súa sede central; como curiosidade digamos que este hotel, sito na Plaça de Catalunya co Passeig de Gràcia, coa toma de Barcelona polos franquistas, foi demolido, demolición que se iniciou en 1941, en 1950 estaba acabado o novo edificio, sede do Banco Español de Crédito e tamén de Radio Nacional de España: neste edificio traballou durante 30 anos quen isto asina. Hoxe pertence a… Amancio Ortega); Jean Malaquais, xudeu polaco de expresión francesa, militante da ultra-esquerda (autor de Os xavaneses, Xixón, Hoja de Lata, 2013; e Planeta sen visado, Barcelona, Sajalín editores, 2014), ou o francés André Héléna, autor de novelas policiais, tres delas directamente anti-franquistas: Le cheval d’Espagne, baseada no guerrilleiro catalán Quico Sabaté, J’aurai le peau de Salvador e Une charrette pleine d’étoiles… Dos que non colleron as armas mais escribiron sobre España en guerra bótase en falta o nome de Paul Nizan e, persoalmente, o de Lino Novás Calvo, aínda que escritor cubano, nacido en Galicia e, por tanto, pensamos que Binns o considera español. Poden faltar máis nomes, pero xa digo, no son especialista no tema.

Mais nós o que queriamos era informar dunha serie de escritores surrealistas (ou ex-surrealistas) que estiveron en España, na fronte ás veces, outras na retagarda. Vexamos uns nomes, ademais dos mencionados por Binns, dos que só dous deles tomaron as armas: Benjamin Péret e Achille Chavée. Péret foi o único dos tres surrealistas que cita Binns que abandonara o Partido Comunista Francés en 1928 e nunca se reintegrou nel, pasando a militar en diversas formacións trotskistas e peri-trotskistas. (Aragon nunca abandonou o Partido Comunista: entrou nel, canda moitos surrealistas, incluídos Péret e Éluard, en 1926. Este último abandonara o partido en 1935, despois do congreso de escritores para a defensa da cultura –outros din que en 1933 fora expulsado– pero volveu a el durante a Segunda guerra mundial, en 1943.) Na guerra de España Péret alistouse nas Brigadas do POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista) a quen os comunistas stalinianos acusaban de trotskista, e de fascista, non sendo nin unha cousa nin outra, mais farto da burocracia deste partido pasouse ás brigadas anarquistas, na fronte de Aragón; regresou a París en abril de 1937, pouco antes dos sucesos de maio de 1937. Péret escribiu moi pouco, case nada, sobre a guerra de España. Maticemos, non fixo literatura (poemas) sobre o tema, si escritos políticos: durante a guerra dedicouse a disparar. É despois a «teorizar» sobre a súa importancia (a da guerra e as súas secuelas políticas), demostrando que o anarquismo se equivocara en 1936, e que despois de 1945 estaban máis despistados que un polbo nun garaxe, por usarmos unha expresión xa envellecida. (O único texto sobre a guerra que publicou BenjaminPeret, non foi recollido nos sete volumes das súas obras completas. Tal texto, «Unha noite de alarma» publicouse nunha revista que editaba a Generalitat de Cataluña, Nova Ibèria)

O poeta belga Achille Chavée (1906-1969) en 1936 alistouse nas Brigadas Internacionais, nas que foi oficial e logo auditor. Curiosamente veu a España trotskista e marchou stalinista: nunca abandonará o Partido Comunista Belga, pero a partir de 1957 retomará a amizade con André Breton. Chavée foi acusado en 1938 polo voluntario socialista belga Jérôme Ventura de formar parte dun tribunal staliniano (con Jean Bastien) que o torturara. Chavée desmentiuno categoricamente e aí acabou a cousa. Nun poema dedicado «a si mesmo» do seu libro L’agenda d’émeraude, escribe: «Eu serei un grafito de neno perdido/ nun vello muro no campo de Albacete». O tema da guerra de España e das súas criaturas encheu diversos poemas do belga ao longo da súa vida poética, até no póstumo Sept poèmes de haute négligence. Contra o que se poida imaxinar, se ben voltou de España stalinista, nunca renunciou á estética surrealista. En 1938, xa en Bélxica, publicou o libro Une foi pour toutes, no que se recollen diversos poemas escritos en 1937, entre eles o que damos en tradución e que vai dedicado a Jean Bastien (??-1940), que estivo con el nas Brigadas Internacionais e que foi membro, ben que escribiu pouco ou case nada, do grupo surrealista de Bruxelas, e militante do Partido Comunista Belga –que se coñeza del: unha recensión da revista francesa achegada ao partido comunista deste país, La Pensée, aparecida no número 1 da revista L’invention collective, de febreiro de 1940; tamén é unhas das firmas que aparece no panfleto «Protesta» (1932), asinado polos surrealistas belgas e outros escritores deste país contra o proceso aberto a Louis Aragon polo poema Front Rouge:

A BRIGADA INTERNACIONAL

A Jean Bastien

 

Meu corazón

sorte ou mala sorte

terá alas

nas montañas e na chaira

os homes morren pola liberdade

 

O paxaro fala nunha lingua descoñecida

nunca pensou na felicidade

mais a felicidade está para el

nas cancións mesmas do medo

a vida só é un sinal

para os que morren na noite

traizoados pola claridade da lúa

polas olladas obstinadas do sol

 

Hai ás veces un home que vén de Albania

fala da liberdade como dun seo de mármore

hai homes que veñen de aldeas perdidas

falan da liberdade como dunha fonte pura

hai outros homes que veñen das montañas

falan mediante sinais e silencios duros

hai homes tamén que veñen de non importa onde

de comparacións escuras e xustas

hai homes simples os homes que beben

e os homes que nunca beben

que mesturan a liberdade a morte o amor a lembranza da súa mamá

a historia da súa vida e da súa patria

dos seus amores

en palabras moi simples e en xestos de neve

7 de marzo de 1937

 

Outros surrealistas que estiveron en España foron o matrimonio formado por Mary Low e Juan Breá, trotskistas. Chegaron a Barcelona en agosto de 1936 e alistáronse no POUM, coa intención de virar este partido cara a posicións trotskistas: finalmente, cansos da burocracia e dos desprezos e malentendidos, marcharon. A súa experiencia está recollida no libro de Mary Low, Caderno vermello de Barcelona. Agosto-decembro de 1936, cuxa versión  española apareceu no 2001 publicada pola desaparecida editorial Alikorno.

Marcel Noll (1899?-1936), que se afastara sen ruídos do surrealismo cara a 1930, alistouse nas Brigadas Internacionais en agosto de 1936. Naquel momento era o administrador da edición do órgano do partido comunista L’Humanité, en Alsacia-Lorena. En 1935, no mes de xullo, Noll debeu comparecer nun xuízo por difamación emprendido polo deputado Wallach contra a edición alemá de L’Humanité, debido a que o seu responsábel do xornal, o «camarada Hemmerling», estaba naqueles momentos na cadea. Digamos que o tribunal desestimou a denuncia e condenou o deputado a pagar os custos do xuízo. O deputado, coa anuencia dos servizos secretos franceses, montara un falso caso de espionaxe a favor da URRS e implicaba o camarada Hemmerling. O caso, a raíz da sentenza a favor de Noll, ficou en nada. Non se sabe nada da estadía de Noll en España, só que morreu, segundo o Dictionnaire Biographe Maitron. Mouvement ouvrier. Mouvement social o 5 de xaneiro de 1937, defendendo Madrid contra as tropas franquistas. Louis Aragon, nunha das súas bebedeiras, e non das ideolóxicas, afirmaba que Noll fora fusilado en Barcelona por anarquistas ao mando de Benjamin Péret.

Theodore Fraenkel (1896-1964) foi compañeiro de aulas de André Breton, no bacharel e na universidade. Contra do que fixo o autor de Nadja, Fraenkel si acabou a carreira de medicina. Durante a I Guerra mundial coñece en Nantes a Jacques Vaché. Participou no movemento Dada e nos inicios do surrealismo, do que se afastou silenciosamente a finais dos anos 1920. Escribiu moi pouco, tanto na xeira dada como na surrealista: en 1925, con Artaud e Robert Desnos (e segundo Bataille, Michel Leiris) redacta a Carta aos médicos-xefes dos asilos de loucos, que se publica no terceiro número de La Révolution surréaliste. É autor de Carnets 1916-1918 e dun traballo sobre Robert Desnos publicado no número 3-4 da revista de Georges Bataille Critique (agosto de 1946), e pouco máis, xa que, seica, se negaba a escribir, a pesar de que segundo todos os que o coñeceron gozaba dun humor cáustico (ao estilo de Vaché) e sarcástico (ao Alfred Jarry, a quen admiraba) e algunhas das súas cartas, das poucas que se conservan, son consideradas de gran calidade literaria. E foi amigo da poeta arxentina Alejandra Pizarnik, quen lle dedicou un poema.

O doutor Fraenkel veu a España en agosto de 1936, cargado de medicinas («estaba ao cargo, cun psiquiatra de París, G. F.[1], da escolta dun envío de soros e de vacinas, debía explicar o modo de emprego, relativamente novo, da vacina antitetánica do Instituto Pasteur (anatoxina) e estudar as necesidades materiais máis urxentes do servizo de sanidade español») e, aproveitando a ocasión escribiu sobre o que viu e fixo, publicando tres longos traballos, que conforman unha reportaxe, na revista Marianne (2, 9 e 16 de setembro de 1936). No seus escritos Fraenkel mostra e describe moitas cousas, como a seguinte cando visita sa sede do POUM en Barcelona: «No inicio dun corredor, velaí un funcionario sentado nunha cadeira, cun fusil nos seus xeonllos e un gatiño que acaricia. Míroo: é a calvicie e o sorriso de Benjamin Péret. Intercambiamos algunha palabras amábeis e mesmo, vistas as circunstancias, chocamos as mans.» Participará tamén, como médico, no intento de reconquista de Mallorca polos republicanos. Á parte do valor que teñan os seus artigos como testemuña de primeira man do devandito desembarco, teñen un valor engadido, o valor que lles concede un home solidario cos combatentes republicanos que, non por iso, deixa de ver os fallos que se producen e que considera que a verdade é sempre revolucionaria. A este valor engadido hai que sumarlle outro: a súa visión da falida reconquista de Mallorca por parte do goberno republicano. Que nós saibamos, ningún historiador do desembarco republicano en Mallorca, dirixido polo capitán Bayo, se serviu desta reportaxe do doutor Fraenkel, nin o frade monserratino Josep Massot i Muntaner, autor dun exhaustivo volume: Els escriptors i la Guerra Civil a les Balears. Fraenkel, de volta a París, conseguiu medicinas e aparatos médicos para os hospitais republicanos.

Ese mesmo mes de agosto de 1936 desprazáronse a Barcelona tres membros do grupo surrealista de Londres: Roland Penrose –de Penrose pódense atopar, en español, en librarías de vello, a súa autobiografía: 80 anos de surrealismo, así como diversos volumes sobre Picasso e outros artistas– e a súa compañeira daquela, Valentine Penrose, de quen Siruela publicou A condesa sanguenta, libro altamente recomendábel, e o poeta David Gayscone –autor do Primeiro manifesto do surrealismo inglés. Este último traballou durante un tempo nos servizos para o estranxeiro de Radio Catalonia, até marchar novamente a Inglaterra.

Tamén estivo en Barcelona Frédéric Megret, que foi un meteorito da constelación surrealista: foi expulsado por André Breton en 1930 por unha cuestión de celos. Megret dedicouse despois ao xornalismo e en xaneiro de 1937 entrevistou o presidente da Generalitat de Catalunya para o xornal parisiense Le Petit Journal. Poderiamos continuar citando nomes se nos referísemos a escritos individuais e textos colectivos de surrealistas a favor da España leal, mais para acabarmos deamos un curto poema dun poeta haitiano e surrealista: Magloire Sainte-Aude, un poeta acusado de «opaco» e «apolítico» que no seu poemario Dialogue de mes lampes (1941) entregou o seguinte poema:

SILENCIO

A toba nos dentes ao acaso en choques caoba

Sobre nove cidades.

 

Madalenas en encaixes de reseda.

 

Ninguén o poeta, lento doente

Para morrer en Guadalaxara.

[1] G. F.: iniciais do psiquiatra Gaston Ferdière (?). Gaston Ferdière (1907-1990) psiquiatra moi próximo dos surrealistas, membro do grupo «A evolución psiquiátrica», autor de poemas e de ensaios e desde 1977 até a súa morte membro do Comité de Psiquiatras contra a utilización da psiquiatría con fins políticos. En 1935 participou no congreso internacional de escritores pola defensa da cultura a carón de André Breton, e na experiencia das casas da cultura durante a Frente popular francesa. Militou en medios de esquerda, principalmente libertarios ou de educación popular. Director do asilo de Rodez, internou –a pedido de Robert Desnos– a Antonin Artaud en 1943. Despois da morte de Artaud, a polémica entre partidarios e adversarios de Ferdière (que semella utilizou electroshocks) foi durísima. Digamos que a polémica revive ciclicamente. Con todo, ninguén nega que o internamento de Artaud en Rodez lle salvou a vida ao poeta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s