En marcha o III Torneo Biosbardia de relatos

Combate de sumo.

O III Torneo Biosbardia de Relatos terá lugar nos meses de marzo e abril do 2020. A primeira xornada comezará o 4 de marzo e saberemos o nome da persoa campioa o 29 de abril. Na derradeira semana de febreiro publicaremos a listaxe dos autores duelistas e o calendario definitivo. Durante estas semanas previas mantemos aberto o prazo para que se inscriban os e as autoras que así o desexen. As inscricións deben facerse no correo biosbardia@gmail.com. De haber máis demanda que postos dispoñibles (16), a preferencia será por orde de solicitude pero incluirase un factor de corrección para favorecer que polo menos seis participantes sexan mulleres, sempre que haxa suficientes solicitudes.

Bases do torneo

1 Convocatoria

O Torneo de Duelistas de Biosbardia é unha competición entre escritores, composta por un conxunto de duelos de relatos curtos, estruturados en base a certas características. A cerna do Torneo son os comentarios ós relatos, non os relatos en si. O obxectivo do torneo é compartirmos o gusto pola literatura, desfrutar da convivencia e aprendermos todos xuntos.

2 Relatos

Os relatos deberán ter entre 150 e 500 palabras, sen incluír o título. A organización resérvase o dereito de aceptar algún relato que non cumpra esta norma por unhas poucas palabras, pero farase público este incumprimento para que os votantes teñan en conta isto, se queren, na súa valoración.

O relatos deben ser orixinais e inéditos, e deben inspirarse nunha imaxe, escollida para cada duelo. Serán os votantes e non a organización quen penalicen, cada un segundo o seu criterio persoal, o cumprimento deste apartado.

Desde a convocatoria dos duelos, os contendentes disporán de sete días para enviar o relato co que se baterán (na publicación do calendario a organización concretará as datas concretas de recepción e publicación dos relatos). Cada participante ten dereito a pedir ao longo do Torneo un máximo de dúas prórrogas de dous días para enviar o seu relato. Nese caso o seu rival disporá automaticamente do mesmo tempo de prórroga sen que lle conte como utilizada.

Os relatos enviaranse ao correo biosbardia@gmail.com. Agradécese que cada participante especifique no “asunto” do correo todos ou algún dos seguintes datos: o seu nome, o do seu rival e a xornada á que pertence.

O anonimato dos relatos será parcial. Será pública a identidade dos dous duelistas, pero non se revelará ata a fin da xornada de votacións quen é o autor de cada relato.

3 Organización dos duelos

O Torneo componse de dúas fases: unha fase clasificatoria e unha fase eliminatoria.

Na fase clasificatoria estableceranse catro grupos de catro duelistas cada un e xogarase unha liga por grupo. En cada liga enfrontaranse en sucesivos duelos todos os membros de cada grupo. Estes duelos organizaranse por xornadas.

Ao remate da fase clasificatoria calcúlase a posición de cada duelista en función do número de vitorias dentro de cada grupo. En caso de empate prevalecerá o autor que gañase o duelo que os enfrontou a ambos. En caso de triplo empate haberá unha rolda de relato exprés, con un só día de tempo para a redacción, cuxa imaxe será decidida polo cuarto clasificado, esperamos que con toda a malicia do mundo. Os dous primeiros postos de cada grupo darán acceso á fase eliminatoria.

En cada duelo da fase eliminatoria a vitoria dá acceso á seguinte rolda (cuartos de final, semifinal ou final).

A imaxe inspiradora de cada duelo será sorteado pola organización entre as enviadas polos participantes no correo de inscrición ao Torneo unha vez escollidos os participantes. Cada autor enviará 10 imaxes e asegurarase de que teñen licenza de creación común con ou sen atribución ao seu autor. As imaxes terán que ter formato horizontal. As imaxes escollidas para os duelos da primeira fase coñeceranse simultaneamente á presentación do calendario definitivo. As imaxes da fase eliminatoria coñeceranse cando se publique o cadro de cuartos de final.

4 Votacións e resultados

En cada unha das roldas os autores disporán de sete días para ler e valorar os duelos.

Todos os participantes están obrigados a votar de maneira pública en todos os duelos, salvo aqueles nos que participen como duelistas. A votación realizarase nomeando o título do relato que se considere gañador do duelo. A votación deberá ir acompañada dun comentario no que se valoren ambos relatos e se xustifique brevemente a elección dun relato sobre o outro.

Os votantes poden debater libremente durante o período de votación calquera aspecto sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, pero sen menosprezar a opinión dos comentaristas nin o traballo dos autores. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.

O público en xeral tamén pode comentar e opinar, sempre co seu nome completo, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia.

5 Premios

O III Torneo Biosbardia de Duelistas premiará o autor ou autora que gañe a competición cun lote de libros galegos actuais.

4 comentarios en “En marcha o III Torneo Biosbardia de relatos

  1. Xa con ganas de ler que teñen preparados os outros “Duelistas”! César, se estás dacordo, ao lote de libros galegos actuais que figura como premio gustaríame engadir un “O coala” asinado. Paréceche?

Deixa unha resposta a GERMAN Martinez Traba Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s