‘Diario sen datas dunha aborixe galega’, longas columnas de opinión

Diana Varela Puñal.

César Lorenzo Gil.

Explica Diana Varela Puñal, autora de Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento), na “Nota” que abre o libro que os eixos da obra han ser a identidade, centrada no caso galego, a ética e a poesía.

Con certeza, son estes tres piares os fundamentos nos que descansa un volume que podemos catalogar como unha obra de opinión xornalística, unha especie de compendio de longas columnas (22 en total) que ben poderían publicarse nunha publicación periódica. Por que? Porque nestes textos prima sobre todo a inmediatez e a vehemencia, todo escrito cunha lingua directa, coloquial, a máis das veces apresurada. É como se a autora tivese que saír ao paso do que observa cunha estratexia a curto prazo.

A excepción a ese modelo son os sete textos propiamente diarios aborixes nos que Varela Puñal si deposita parte da súa experiencia persoal ao longo do tempo, balance do que lle supuxo madurar nun país con diglosia, clasismo e machismo. Son estes os mellores momentos do libro porque a autora fala de si co ton que lle dá coherencia a todo o volume.

O problema é que nin sempre a coherencia significa acerto. E o peor do libro é que ese ton é demasiado agresivo. As páxinas sucédense ruidosas, anoxadas. Non hai distancia, non hai reflexión orixinal, só emoción. E é por iso que a obra perde potencia, acaba convertida nun conxunto de opinións lexítimas pero pouco argumentadas. Nin sequera hai, pola parte da autora, un interese en cuestionar as súas propias conviccións sobre os temas que toca. Ben ao contrario, Varela esfórzase principalmente en amosar con grosos trazos os seus preconceptos, a súa animadversión polos “obesos neoyorkinos que papan hamburguesas cos dedos” ou cos “artistas machirulos” aos que lles aplica xuízos anacrónicos máis propios dun arrouto no Twitter ca dun libro con vocación literaria.

Dos tres alicerces que Varela se vale para construír o Diario sen datas… ten un protagonismo maior a reflexión sobre a identidade, principalmente a identidade galega a través da lingua propia. A escritora enfróntase a un debate tradicional da socioloxía galeguista sen achegar gran novidade. Quizais algúns aspectos xurídicos (Diana Varela é avogada); polo resto os argumentos habituais na defensa do galego. O problema é que, amais de reiteración, o discurso deste libro está bastante desestruturado, polo que finalmente aparece diante dos lectores como superficial.

Outra das mágoas do libro é que Varela intenta (especialmente cando trata a poesía) crear un panfleto crítico contra determinadas esferas e condutas artísticas pero logo esquiva a confrontación. Sinala actitudes pero non dá nomes, polo que todo se albisca como unha queixa nebulosa, un tímido e intrascendente sucedáneo dun axuste de contas.

Un detalle que ten a ver máis coa editora que coa autora é o desleixo lingüístico da publicación. Chama a atención que nun libro que xira ao redor da dignificación do idioma, este apareza moi contaminado por castelanismos.

♦ Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal. Laiovento, 2019. 152 páxinas. ♠15€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s