Neste premio literario non se valorará… a literatura

Libro de pedra. JEROEN ADEMA/FLICKR.

César Lorenzo Gil

Nas últimas semanas xurdiron en Galicia dous novos premios literarios.

O Concello de San Xoán do Río convocou a primeira edición do Premio de Novela da Galicia Rural. Segundo a organización, nace para “promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria” e quere atraer autores consagrados mais “novos talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a poñer en contacto aos lectores e lectoras co presente, o pasado ou o futuro do mundo rural galego”. O premio terá unha dotación de 1.000 euros e publicarao Galaxia.

Pouco despois, o Concello de Pontevedra anunciaba a convocatoria do Premio Literario Pinto e Maragota, cunha dotación de 3.000 euros, e ao que se poderán presentar obras narrativas, de poesía ou de teatro, para público infantil, xuvenil ou adulto. Mais a flexibilidade remata aí porque o argumento dos orixinais terán como tema principal ou transversal a diversidade sexual e de xénero. A obra premiada será publicada por Xerais, cuxo director, Fran Alonso, explicou durante a presentación do galardón que “a literatura ten unha capacidade enorme para contribuír á inclusión social”.

Estes premios literarios tan específicos súmanse ao Premio Agustín Fernández Paz, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos e mais o Concello de Vilalba coa colaboración de Xerais, que premia textos relacionados coa igualdade, tal e como indican as súas ambiguas bases: “cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…” Tamén o Concello de Bueu convoca desde o 2017 o Premio de Relatos de Muller Matilde Bares, dotado con 1.500 euros, que “valora especialmente o tratamento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nos deberes familiares e sociais e a prevención e eliminación da violencia de xénero”. Entre os criterios que valora o xurado cada ano está “a utilización dunha linguaxe non sexista”.

Tamén é temático o Premio de Novela Camiño de Santiago, que convoca a Academia Xacobea. Neste caso, o tema, é dicir, o roteiro cara a Compostela ten que ser “o tema referencial para a ficción narrativa, que deberá estar presente, de maneira notoria na novela na súa vertente histórica, cultural, social ou imaxinaria”.

Antes destes galardóns xa existían en Galicia premios específicos mais sempre en canto aos xéneros, nunca aos temas. Por exemplo, a Fundación Vicente Risco outorga anualmente o Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, o Concello de Compostela e Kalandraka o Premio Compostela de Álbum Ilustrado e o Concello de Noia o Premio Avilés de Taramancos de narrativa de aventuras.

A consolidación destes certames “temáticos” axuda a entender o que a opinión pública, expresada nos orzamentos municipais de onde saen as dotacións dos premios, entende polo sentido social da literatura. Ao longo da historia teorizouse sobre a función da literatura: o entretemento, a gabanza dos poderosos (os mecenas que a pagaban), o retrato e/ou a denuncia social, a busca da beleza, a pescuda psicolóxica ou as posibilidades expresivas da linguaxe. Mais a modernidade foille tirando “responsabilidades” á literatura conforme se desenvolvían outras narrativas que rompían o monopolio da súa expresión. O cinema e a televisión son, evidentemente, medios máis directos e diáfanos (mercé á súa íntima relación coa industria do entretemento desde a súa invención), teñen maior capacidade de penetración na opinión pública (incluso entre as sociedades máis lectoras) e son quen de influír dun xeito máis eficaz na “culturización”, non entendida como alfabetización senón como persuasión de hábitos e tendencias. O Gran Gatsby ou O conto da criada non inflúen na moda ou no debate sociopolítico, respectivamente, até que se converten en produto audiovisual. Lolita non debe a súa percepción maioritaria como o relato dunha ninfeta capaz de seducir involuntariamente un adulto ás palabras de Vladimir Nabokov (quen propón en realidade unha lectura completamente contraria) senón á versión de Stanley Kubrick e aos deseños (imaxes) das capas das diferentes edicións da obra, voluntariamente provocadoras para vender máis.

Polo tanto, con menos campo para se sentir útil, a literatura contemporánea debe escoller entre as súas calidades menos evidentes (a reflexión orixinal sobre a realidade, os límites da expresión, o diálogo coa tradición desde unha posición innovadora), o puro entretemento e unha terceira vía que empata de xeito espurio e talvez desenfocado coa moral, xa presente nos contos tradicionais, nas fábulas e incluso nas obras edificantes que moitos eclesiásticos compuxeron como xeito de cambiar comportamentos. A moral, transmutada en pedagoxía, atinxe de cheo a literatura, condiciona os autores e reclama a hexemonía da mensaxe literaria cun mantra tan atractivo como falaz: se para algo ten que servir a literatura é para cambiar a sociedade ou para educar os lectores.

A literatura dos valores é, obviamente, un doce presente para a actividade de xestión política. Podería ser plausible que estes premios temáticos buscasen incentivar o estudo, a análise e a investigación sobre a psicoloxía social, a educación e sobre todo a economía, como xeitos de mudar a realidade e favorecer sociedades máis xustas, igualitarias, democráticas e harmónicas. As ciencias sociais, tan deoastadas polo neoliberalismo tecnófilo, son ignoradas na práctica polas institucións, que se senten máis seducidas pola posibilidade de crear un novo premio literario cuxas bondades parecen incontestables: ler é bo, polo tanto promover libros é bo. Unha obra con valores positivos gusta a todo o mundo, votantes e oposición, consegue titulares no xornal local, cobre os programas dos departamentos de Cultura, Asuntos Sociais, Igualdade… E todo por uns poucos miles de euros!

O problema é que estes premios non producen máis ca iso. No mellor dos casos obras que entran no rodicio do consumo de lecturas recomendadas nos institutos, perfectas para os catálogos comerciais que resumen os libros engadindo os valores que axudan a ensinar. No peor, ducias de orixinais chamando ás portas das editoriais con discursos ocos sobre o que debería ser, realismo feminista ou fantasía crudivegana sen visión propia, ladrillos con sabor a clixé, libros ad hoc sen peso específico. Bálsamos de papel e autoengano para suplir a mediocridade da esquerda domesticada polo capitalismo.

Poderase engadir que non teñen maior valor os demais premios literarios. E pode ser certo. Mais en todo o caso non será por causa dunhas bases que subliñan como relevantes xusto os aspectos menos literarios dunha obra. O Xerais ou o Blanco Amor teñen premiado obras co criterio, publicado polo xurado na acta, de que axuda a tal ou cal cousa ou que reflicte non sei que inxustiza ou abuso. Mais outras veces premian a Periferia ou O imposible de desatar e aló foron todos os valores polo sumidoiro agás o máis valioso, o único que importa nun libro: a literatura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s