Catro ideas para entender por que nos fascina a literatura

Muller lendo nas sombras. PAODORUVEL/MORGUEFILE.

Manuel Veiga Taboada.

Primeira idea. Ningunha obra clásica é aburrida. As obras que a sociedade decide que permanezan na memoria e se sigan lendo acostuman a ser amenas, incluso divertidas. É divertido o Quixote e resulta sempre ameno Shakespeare. O obxectivo declarado do Decamerón ou das Mil e unha noites é o de entreter. A Ilíada é o relato dunha batalla chea de incidentes e heroísmo. A Odisea é o paradigma da viaxe de aventuras e noutros moitos libros encontramos sexo e suspense. Esmorga, a palabra que dá título á novela galega máis recoñecida, significa enchenta. Tamén a Biblia pode ser considerada unha obra literaria, ateigada de acontecementos excepcionais que manteñen en vilo o lector. 

Na gran biblioteca universal encontramos reflectidos todos os temas e motivacións humanas. Un deles, un dos principais, é sen dúbida o carpe diem. Os libros non albergan outra cousa que vidas. Desde este punto de vista, poderiamos definir o lector como un conticheiro e o bo lector, como “un conticheiro insaciábel”.

Segunda idea. Os dous elementos que distinguen o escritor son a inspiración e o carácter. Handke di que toda obra literaria de calidade necesita un “daimon”, algo extraordinario convertido en palabras. A lectura é misteriosa. O austríaco pon como exemplo a Faulkner que “deixa soar, durante páxinas e páxinas, só o vento ou a corrente do Misisipí”. Ese ritmo permite que o lector sinta que “cabalga polos aires”.

O carácter é a base sobre a que se elevan as demais partes da escritura. “Ningún novelista pode escapar de todo á súa propia personalidade”, escribiu Norman Mailer en Unha arte espectral. Moito antes, Heráclito xa dixera que “carácter é destino”.

O estilo pode cambiarse. O carácter non. Unha lectura psicanalítica descobre o carácter do autor, esa especie de ADN creativo que o identifica, case sen el mesmo sabelo. O estilo, en cambio, pode dexenerar en amaneiramento, como ese “toque Borges” que os lectores lle pedían ao arxentino nas súas dedicatorias, tal e como conta a súa biógrafa, María Esther Vázquez. O estilo cansa e, ademais, é imitábel. O autor pode cambialo segundo os libros, como fixo Calvino, ou evolucionar, como sucedeu no caso de Céline. 

Joyce e Pessoa eran, pola súa parte, dous virtuosos –cada un ao seu modo– do cambio de estilo, finxindo ou recreando voces e tons diferentes.

O carácter é ben distinto do estilo. É, por exemplo, o que lle impediu a Borges escribir novelas. A escrita de Bernhard resulta obsesiva porque el mesmo era obsesivo. De igual forma, a precisión neurótica de David Foster Wallace obedece, non só a unha preferencia literaria, acorde co tipo de sociedade na que vivía, senón sobre todo a unha maneira de ser. 

O carácter non cambia, non fatiga o lector, non se pode imitar, aínda que si pode ser mellor ou peor comprendido, dependendo de que a estrutura da personalidade de autor e lector coincidan. Hai diversos tipos de carácter e iso fainos preferir uns autores a outros. E todo con independencia da trama. O carácter está antes que a trama e non depende de ningunha elección. “Eu busco encontrar o meu libro a medida que avanzo. A trama entra ao final”, dicía Mailer. 

Iso non quere dicir que o carácter non se moldee, pero a súa esencia permanece. Por iso, o fondo dun autor, a perla dentro da ostra, non varía co cambio das circunstancias, aínda que se lle poidan sobrepoñer capas distintas. E o mesmo vale para os personaxes creados. Aquiles, Otelo, o Quixote ou o Milhomes son todos eles a recreación dun carácter, dunha forma de ser. Ningún deles podería ser doutra maneira.

Terceira idea. O ser humano nace preparado só para á narración lineal. Calquera obra fragmentaria e aberta tende, cando menos en principio, a ser lida de forma lineal e interpretada nun sentido único. Un pode entender razoabelmente que a obra vai máis alá, pero a tendencia natural do individuo é unívoca. 

Sabemos de antigo que os relatos orais se repiten, en todas as partes, con pequenas variantes. Incluso o narrador espontáneo tende a adaptalos a unha fórmula convencional, modificando os detalles e o propio sentido se é preciso, porque sabe ou intúe que, de non facelo, provocará confusión e incredulidade no oínte. 

Parece que, como humanos, estamos programados só para asimilar un número limitado de argumentos. É o que mostraron os estudos sobre o conto popular de Vladimir Propp. O lingüista ruso encontrou 31 puntos recorrentes en todos os contos tradicionais. E Roman Gubern mostrou, en Espello de fantasmas, como os argumentos do cine de Hollywood reiteran case sempre, adaptándoos, os mitos gregos. 

Narrar é buscar un sentido, aínda que saibamos que non o hai, que o mundo é inconexo e frío e que, se o sentido segue a ser necesario, non é porque exista, senón porque os humanos nos entendemos así, porque o necesitamos para construír cousas e para non tolear. Esta conciencia é a que tivo sempre Peter Handke e a que modelou a súa especial maneira de escribir. Así o expresa en Ensaios sobre o jukebox: “As formas épicas das épocas pasadas, a súa pretensión de totalidade, practicadas nos libros de hoxe, ¿non lle causaban xa o efecto de mera afectación?”. 

O texto dese libro que, en parte reflexiona sobra a propia escritura, a pesar de non ser un ensaio de verdade, non é do gusto da maioría dos lectores, porque non nos orienta nunha dirección concreta: “E el preguntábase se ao narrar, que ao principio lle parecera algo divino, non fora un engano, un modo de expresar o seu medo a todo o illado, a todo o inconexo”. 

Pero, a literatura é sempre un engano, poderiamos responderlle. E no caso de que, a través dela, se acceda a algún coñecemento, será sempre un coñecemento a través do engano. Handke escribe contra a propia escritura, no fondo un imposíbel, aínda que atractivo para algúns, porque nos mostra os límites dese traballo.

A conciencia desta realidade levou a moitos escritores a renunciar a un camiño experimental para integrarse na narrativa máis ou menos clásica. Así o fixo, por exemplo, Carlos Casares, que non volveu repetir o estilo de Cambio en tres. David Mamet, despois dunha longa experiencia como dramaturgo e director de cine, chegou á mesma conclusión que argumenta, con valentía, na súa obra Manifesto. Por suposto, esta reconvención do experimentalismo recibe, sempre que alguén a realiza, duras críticas. Mamet, por exemplo, comezou a ser tachado de conservador.

A tendencia a unha lectura lineal e unívoca é visíbel incluso no medio máis fragmentario que até agora existiu: a internet. É posíbel observar como o público acaba construíndo historias, normalmente convencionais, con eses fragmentos, tomados aquí e alá. E esas historias, xa adaptadas, son despois as que máis se propagan na rede.

Por este motivo, quizais os escritores deberían pensar menos en como escriben e máis en como van ser lidos. E iso condúcenos ao último aspecto fundamental da literatura: a fascinación. 

Cuarta idea. O lector non identifica o texto co autor senón con el mesmo. En psicanálise recibe o nome de transferencia. Este fenómeno é precisamente o que lle dá á lectura o seu poder de atracción. 

O escritor non fai máis que buscar, a través das palabras, un efecto literario, que adoitamos chamar harmónico, estético ou simplemente beleza, pero que esencialmente é o compoñente que converte o texto en mítico e indiscutíbel. 

Moitos autores sorpréndense ao comprobar que unha persoa real se identifica con algún dos personaxes inventados do seu libro e ademais insiste en que, en efecto, se trata del. Canda novo, Vila-Matas fixo unha reportaxe sobre Marsé e encontrouse con xente que afirmaba ser un dos seus personaxes. Incluso unha muller lle asegurou que era a Teresa de Últimas tardes con Teresa

García Márquez díxolle unha vez a Frederick Forsyth que debería ter escrito que o atentado que se narra en Chacal acabara en éxito. De Gaulle debería ter morto. Forsyth explicoulle que iso non fora o que ocorrera na realidade. Pero García Márquez respondeulle que, cos anos, todo o mundo crería a versión da novela. O colombiano coñecía mellor que Forsyth a mente humana. A verdade estorba moitas veces o efecto literario porque a arte sempre se impón sobre os feitos concretos.

Esa capacidade de fascinación da literatura é a que provoca que o lector “lea” máis do que realmente está escrito na obra. Visto doutra maneira, a obra só está completa cando é lida. Polo tanto, a obra chega a adquirir tantas formas como lectores. Cada lector engádelle os detalles da súa propia vida a esoutros detalles que o escritor soubo certeiramente escoller. A novela actúa como un detonador, provocando un efecto de evocación múltiple.

Pero a ficción novelesca non só explica o universo nun sentido semellante a como o fan os mitos senón que tamén o complementa. Unha novela que trate a experiencia dunha guerra recente, o trauma migratorio, o abandono do campo ou unha agresión sexista pode actuar de modo terapéutico. O sofá no que lemos convértese no noso diván. A literatura contribúe a integrar o desintegrado. Por iso a ficción resulta necesaria e por iso calquera novo medio de expresión modifica algúns aspectos narrativos pero nunca o seu fondo, que non é outro que a procura de sentido. Un sentido que só nos alcanza a través do fascinio. Moitas veces, os datos científicos só atrapan verdadeiramente a nosa atención cando cremos que con eles podemos acceder ao descoñecido e ao imposíbel. Por iso, a maioría das persoas se interesan máis polo big-bang, un tema que permite deixar case libre a imaxinación, que polos remedios contra o cancro, moito máis importantes para a nosa vida. 

E iso ocórrelle, ou ocorreulle nalgún momento, aos propios investigadores. Sheldon Glashow, premio nobel de física, no que está inspirado, en parte, o personaxe protagonista da serie Big Bang Theory, recoñeceu, nunha entrevista con La Vanguardia, que unha das fontes da súa vocación fora a lectura, cando tiña doce anos, de libros de ciencia ficción.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s