Andreu Nin comenta a Xoán Vicente Viqueira

Xoán Vicente Viqueira.

Xesús González Gómez.

Andreu Nin (1892-1937) foi non só un dos teóricos marxistas españois máis interesantes de antes de 1936. Non foi só un dos fundadores de Izquierda Comunista, grupello de marxistas trotskistas que se opuñan á política staliniana (lembremos que entre os homes deste grupo estaban os galegos Enrique Fernández Sendón –coñecido como L. Fersen–, Cándido Fernández Mazas ou E. Fernández Granell. Non foi só un dos fundadores (con Joaquin Maurín, Julian Gorkín, Juan Andrade, Jordi Arquer, etc,) do Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM). Foi, tamén, o primeiro conselleiro de Xustiza da Generalitat de Cataluña durante a guerra civil e foi, finalmente, torturado e asasinado por axentes stalinistas (amparados polo Partido Comunista de España) en xuño de 1937. Andreu Nin foi, ademais de todo iso, tamén un gran tradutor de clásicos rusos ao catalán e traduciu tamén ao castelán. Entre as súas traducións ao catalán cóntanse títulos como: Crime e castigo e Stapankhinovo e os seus habitantes, ambos de F. Dostoievski; Anna Karenina e Infancia, adolescencia, mocidade, de L. Tólstoi; A primeira rapaza, de Nikolai Bogdanov; O Volga desemboca no mar Caspio, de Boris Pilniak; Unha caza dramática, de A. Chekhov, Os señores de Golovliov, de Mijail E. Saltikov-Schedrín ou Moita compaixón!, de Mikhail Zoschenko. Do francés ao catalán O insurrecto, de Jules Vallès. Tamén traduciu, ao catalán ou ao castelán, libros de Trotski (Historia da revolución rusa, A revolución permanente, As miñas peripecias en España, estes ao castelán; ao catalán: Que aconteceu?), Lenin (O estado e a revolución, Páxinas escollidas, Cartas íntimas, O imperialismo etapa superior del capitalismo), Plekhanov (Anarquismo e socialismo), D. Riazanov (Karl Marx: como home, pensador e revolucionario: Antoloxía de artigos e lembranzas), Nadia Krúspkaia (Lenin. Lembranzas), Karl Marx (La revolución española), Rosa Luxemburg (A folga de masas, o partido socialista e os sindicatos: a experiencia da revolución rusa de 1905), etc., así como libros «científicos» ou as memorias do cura Gapón, entre outros. O lector interesado pode acudir aos libros de Judit Figuerola, Andreu Nin, revolucionari i traductor e Andreu Nin, militant de la cultura, aínda que sobre o dirixente marxista catalán existen diversos e importantes libros, estes dous de Figuerola, ambos publicados polas Edicions de l’Abadia de Montserrat, son os que máis información achegan sobre Andreu Nin como tradutor. E para unha visión máis xeral, pode o lector ver o libro de Pelai Pagés, Andreu Nin, una vida al servei de la classe obrera (Laertes; existe tamén versión castelá).

Non é a miña intención agora e aquí trazar o percorrido político de Nin, desde un vago republicanismo catalanista inicial, até a fundación do POUM, pasando pola militancia socialista e na CNT anarquista (como dirixente desta central sindical será convidado a Moscova), ou a súa actuación na URSS, xa como funcionario da Internacional e do goberno soviético, até a súa expulsión do país dos soviets polo seu apoio á oposición de esquerdas. Nin tampouco falar da súa importancia como tradutor tanto ao catalán como ao castelán; estas liñas irán por outro camiño, aínda que non estará de máis lembrar, cun pouco de melancolía, os tempos en que os dirixentes de partidos denominados de esquerdas eran algo máis que unha especie de xefes de empresas de traballo temporal á procura de emprego para os seus liberados e algo máis que simples políticos tacticistas.

Andreu Nin era mestre e durante a etapa republicano-socialista colaborou en diversas publicacións, entre elas Quaderns d’Estudi. Publicació mensual de la Direcció d’Instrucció Pública de la Macomunitat de Catalunya i del Consell de Pedagogia de la Diputació de Barcelona. Era esta unha revista mensual, fóra dos meses de xullo, agosto e setembro, cuxa director era Eugeni d’Ors, e que se dirixía, principalmente, aos mestres e profesores de Cataluña, sobre todos aos centros de ensino sostidos polas Deputacións catalás. A revista trataba temas de pedagoxía, filosofía, literatura, lingüística e economía, e enviábase gratuitamente a profesores e mestres. Como curiosidade digamos que no número  1, Vol. II, ano III, febreiro de 1918, publicouse o traballo de Aurelio Ribalta «Personalitat filològica de Galicia», e en maio de 1919, ano IV, Volume II, número 4, deuse ao prelo un interesante traballo de Leandro Pita Romero, «La percusió nacionalista en la literatura gallega» –o lector curioso ou interesado pode ler unha versión galega deste texto

Nesta revista, nos anos 1915-1916 colaborou Andreu Nin, con algún artigo, mais, sobre todo, na sección de recensión de libros e revistas, asinando estas colaboración coas súas iniciais A. N. Con estas iniciais, no número de xaneiro de 1916 publicou esta recensión que vertemos ao galego.

LA PSICOLOGÍA EXPERIMENTAL Y EL MAESTRO, polo Prf. JUAN VICENTE VIQUEIRA. Boletín de la Institución Libre de Enseñanza. (Xullo, 1915).

Andreu Nin.

A expresión máis exacta na linguaxe popular para designar o obxecto da Psicoloxía é a de vida interior. Posuímos unha vida nosa á que os místicos chamaron castelo interior e os psicólogos conciencia. A Psicoloxía ocúpase da conciencia e as súas condicións materiais. O problema que nos interesa, xa que logo, é o da relación do corpo coa conciencia, o problema tradicional das relacións da alma e o corpo, e como que o capital para a vida do espírito é o sistema nervioso, é este o que se debe considerar relacionado coa conciencia.

Pode formularse o seguinte principio:

«O neno mentalmente normal é tamén normal corporalmente; o mentalmente atrasado é tamén corporalmente atrasado; o mentalmente avanzado, éo tamén no desenvolvemento do seu corpo» (Meumann Experimentelle Pedagogik, I, 101). Outro aspecto do problema menos interesante para nós. É a explicación do feito da relación do corpo e a vida mental. Nas afirmacións dos psicólogos non hai unidade. A maioría inclínase a pensar que soamente debemos admitir un paralelismo denominado psico-físico onde o mostre a experiencia.

Os métodos de que dispón a psicoloxía son a observación e o experimento. Hai tempo, uns afirmaban enerxicamente a importancia deste segundo método, negada rotundamente por outros, mais hoxe tales discusións pasaron á historia e o interese metódico conduce á elaboración de ambos medios de penetrar no coñecemento do espírito. O experimento significa o problema, permite varias certas condicións do feito ou o fenómeno; obtéñense resultados numéricos e pódense estabelecer relacións entre eles. Mais isto non é suficiente.  Necesitamos chegar até o propio proceso de conciencia, esixímoslle unha descrición o máis exacta posíbel do fenómeno da conciencia, facendo co procedemento experimental a observación máis segura. Trátase, xa que logo, dun emprego sistemático da introspección. 

Moitas veces a psicoloxía procedeu demasiado ás présas na explicación, o que produciu unha reacción contra a psicoloxía explicativa e fixo que se acentuase o interese pola descrición no estudo dos fenómenos psíquicos. 

Nas correntes psicolóxicas actuais aparecen diversas maneiras de concibir o espírito. En xeral pénsase, polos partidarios da psicoloxía experimental, que os fenómenos do espírito son no fondo como os da natureza e teñen aquela consistencia precisa para aplicaren o experimento, fixando unha condicións e facendo variar outras. Para outros, a psique é todo fluidez, cambio, inconsistencia, complexidade e o intento de lle aplicar o experimento é completamente imposíbel; os resultados non dirán nada. Polo tanto, a vida mental só poderá ser coñecida mediante a observación interna.

En Francia, esta corrente está representada por Bergson; nos Estados Unidos por James; en Alemaña por Theodor Lipps. O movemento filosófico neo-kantiano fixo sentir a súa influencia na psicoloxía. Nos continuadores e discípulos de Kant nótase, cando menos, certa desconfianza respecto á psicoloxía.

Fronte todas as diversidades semella indicarse unha tendencia xeral cara ao eclecticismo. Observación interna, introspección, experimento, descrición e explicación son armas que para o psicólogo teñen a mesma importancia.

A Psicoloxía pódelle ser útil ao mestre?

Hai moitos puntos sobre os que os psicólogos están xa de acordo, e como o que importa sonos feitos, e estes están ben asegurados, non achamos ningunha dificultade no feito de que Psicoloxía sexa aplicada á Pedagoxía.

É preciso, tamén, fuxir da superstición da psicoloxía.

A educación supón un ideal e este non se fundamenta na psicoloxía, o que esta fornece é o camiño para chegarmos.

O exame dos órganos dos sentidos, o diagnóstico de fenómenos máis complexos e de procesos de conciencia e o curso xeral da evolución mental, velaí algunhas das cuestións centrais que teñen capital importancia para a Pedagoxía, e que constitúen o obxecto das investigacións dos psicólogos.

O mestre debe coñecer os resultados da investigación; non é necesario, porén, que el mesmo investigue. O traballo do psicólogo é o do especialista e require dunha riqueza de medios e, sobre todo, de tempo, dos que o mestre non dispón.

«Non se deben fundar esperanzas excesivas, hoxe por hoxe, na psicoloxía, se ben hai que rexeitar todo escepticismo. O mestre debe deixarse guiar pola psicoloxía vulgar, que sempre debe ser un produto da súa atenta observación.

»Pode aínda, noutro sentido, interesar a psicoloxía ao mestre: como materia a ensinar na escola. Non hai, polo tanto, motivo para eliminar a psicoloxía. 

»Os feitos fundamentais e as leis da vida do espírito nin son máis difíciles nin menos interesantes que os da Natureza». – A. N.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s