‘Dixie em Wonderland’, dous pícaros modernos no Porto

Exermplares de ‘Dixie em Wonderland’.

Eva Moreda.

Dixie em Wonderland (Através Editora, 2018), asinado por Dixie Fredberg, resulta unha proposta ben refrescante que combina elementos de varios xéneros populares con algún tratamento máis innovador. A novela arrinca con Pixie e Dixie, artistas galegos, visitando Nova York e sendo case inmediatamente deportados ao Porto; alí van dar á pensión abandonada dun parente defunto, que eles dous rexeneran como local nocturno. Esta trama de Pixie e Dixie obviamente esperta algunhas preguntas sobre a identidade do autor, posto que, ademais da coincidencia do nome de pía, Fredberg preséntase como o heterónimo dun escritor que ten pouca gana de aparecer en público e do que se sabe pouco (pode lerse unha interesante entrevista aquí). A trama de terceira persoa de Pixie e Dixie, por outra banda, vaise alternando cunha intriga máis policial na que falan varios personaxes que habitan na cidade portuguesa e que ao longo da novela vai confluíndo coa primeira historia que describín.

O resultado é unha novela ben armada, de ritmo máis ben rápido e en xeral ben dosificado, que se le sen moita complicación. Non sei se hai aquí grandes achados sociolóxicos (nin falta que fai), pero coido que Fredberg demostra unha grande intelixencia literaria no converter a turistificación de Porto nun dos elementos que conforman o trasfondo da novela, sen que se presente esta tampouco como unha novela sobre a turistificación. Isto non se fai de xeito que chegue a saturar o lector, nin en ton explicitamente condenatorio, pero si que consegue, de xeito moi efectivo e mediante detalles e diálogos, presentizarnos o Porto como unha cidade real, en evolución, coas súas contradicións, e ao mesmo tempo achegárnola a outras realidades (tamén en Galicia) que están a pasar polos mesmos procesos.

Porén, o maior atractivo da novela radica, ao meu ver, nos personaxes protagonistas, Pixie e Dixie. Non se trata aquí tampouco de acadar grandes fonduras sicolóxicas, pero o conto é que Fredberg consegue aquí dous personaxes vibrantes, vivos e polos que resulta fácil interesarse xa desde o comezo. Teñen ademais unha certa raíz picaresca e, máis que provocarnos unha risa constante, o máis probable é que nos manteñan o sorriso durante boa parte das súas aparicións. Merece especial mención –aínda que non sexa este o único trazo que os fai atractivos– a relación que estes dous personaxes teñen coa súa identidade de xénero (falan de si mesmos ocasionalmente en feminino, aínda que o narrador o faga en masculino), entendida esta como xogo e performance na liña que xa adiantaba Judith Butler e que foi desenvolvendo a teoría queer, aínda que aquí, por sorte, estamos ante un tratamento máis intuitivo e lúdico e menos formalista do tema.

♦ Dixie em Wonderland, de Dixie Fredberg. Através, 2018. 192 páxinas. ♠12€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s