Todo pronto para o III Torneo Biosbardia de Duelos Narrativos

Fotograma de ‘Cazapantasmas 2’

Logo do Entroido comezará o III Torneo Biosbardia de Duelos de Relatos. 16 autoras e autores que vos imos presentar agora:

Grupo A

Amador Castro

Amador Castro.

Naceu en Nandulfe, nas terras de Chantada, criouse e vive en Barcelona desde os poucos meses de vida. Un catalán que escribe en galego porque galego é o que se falou sempre na casa. Por ese motivo, considérase un ser privilexiado: «medrar falando tres linguas é menos difícil do que a xente pensa». Empezou a escribir moi cedo. O desaparecido Diario de Barcelona publicoulle un relato con quince anos. En castelán. Con 16, co apoio dos profesores Isabel-Clara Simó, Àlex Broch e José Carlos Menéndez, editou unha revista de poesía no instituto chamada Sorra (area) na que colaboraron nomes senlleiros da cultura catalá. Pero cando viu impresos cinco poemas seus na “Escolma da poesía galega 1976-1984” de Xosé Lois García, acovardouse. «Deume unha vasca. Acolloeime. Deixar impreso algo para sempre é unha responsabilidade moi grande». Deixou de escribir e dedicouse ao punk fundando o grupo 100.000 Profilácticos. Rematada a etapa de músico e letrista, o deserto literario, a licenciatura en Socioloxía e o traballo no desenvolvemento de aplicacións informáticas. Até que hai pouco o monstro da escritura espertou. Autoeditou a primeira novela, Memorias de antes do encoro, retomando unha actividade literaria que xa non pensa deixar. «A novela funcionou ben. Xa está en moitos sitios de descargas gratuítas. Escribina porque ninguén se lembra da escolma de poesía e xa non me poden relacionar». Colaborou con algúns poemas na recente escolma Ecos dos poetas de Chantada (miscelánea de poemas do século XII ao XXI). «É un honor compartir libro con Xohán de Requeixo. Non sei se el pensaría o mesmo». Edicións do Peirao está a preparar o inminente parto da segunda novela, “Pillabán, pillabán”, un intento de desmitificación da figura de María Castaña. No 2019 gañou o Premio Xerais coa novela Shanghai a Barcelona. Fóra do ámbito literario, é delegado en Catalunya da Asociación Cultural Fillos de Galicia.

Daniel Ugarte

Daniel Ugarte

Nado en Santiago de Compostela en 1981, Daniel Ugarte é licenciado en CC. Políticas e especialista en Dereito da Propiedade Intelectual. Desde 2007 reside en Bruxelas onde traballa como xestor de programas europeos na Axencia Europea para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME). Membro da Asociación Couto Mixto de Bruxelas, Daniel Ugarte é un dos responsables da organización de eventos que teñen como obxectivo presentar a cultura galega contemporánea  na capital belga. En 2019, publicou a súa primeira novela, “O coala” (Edicións do Peirao).

Natalia Otero Oubiña.

Natalia Otero

Ten 36 anos e é natural de Taragoña (Rianxo). É enfermeira de profesión, inda que tamén adica parte do seu tempo á música. Formou parte do grupo de pandereteiras “O Aquel de Aquelar”, no que participaba como cantareira e compositora dos temas propios. O grupo editou un disco e resultou gañador do Cultivando Música 2016. Tamén foi vocalista do grupo folk vilagarcián “Moeda Vella”. Actualmente combina a actividade como compositora e letrista a nivel afeccionado coa colaboración como vocalista na banda de rock viguesa “Analyse- The Cranberries Tribute”. Escribir sempre foi un dos seus pasatempos máis habituais cando era nova, afección que abandonou unha vez comezou a carreira. Volveu retomalo hai uns meses, logo de descubrir os microrrelatos a raíz dun concurso de radio. Gañou o Premio do Xurado do I Concurso de Microrrelatos da plataforma BenComún. “Preséntome a este torneo con moitas ganas de seguir aprendendo e enriquecerme dos coñecementos de outras autoras e autores”.

Mónica Castro.

Mónica Castro

Naceu en Vilagarcia de Arousa no 1973. Escribe dende os 7 anos, poemas e novelas curtas en libretas de aneis. A lectura prematura de O estranxeiro, de Camus virou a súa forma de entender as palabras. Publicou un relato curto titulado “El Acueducto del Miope” mentres estudaba Medicina en Compostela. Ártabra de adopción dende hai 5 anos, traballa na sanidade pública, onde fai algún informe clínico en verso. A súa referencia literaria, o seu norte, é o existencialismo, ainda que como boa montañeira lle gusta ascender a outras latitutudes e perderse noutras rutas literarias.

Grupo B

Marcos López Concepción.

Marcos López Concepción

Naceu en Lavadores no 1975. É administrativo de profesión. Publicou dous contos no libro Contos da rúa (Elvira) e o libro infantil Pitusa, a fantástica nena da caca de ouro (Galaxia).

César Ariza.

César Ariza

Naceu en 1976 en Euskadi. Aínda neno mudouse a unha aldea de Carnota. Agora vive e traballa en Madrid. A súa faceta como escritor comezou cando se puxo a xuntar versos e dar así forma a cancións de rap. Non tardou en darse de conta que para certos temas precisaba de máis palabras e menos rimas, e empezou a escribir relatos breves (e non tan breves) de diversa temática. Trece destes relatos, todos de terror, confluiron nun libro: Contos de soños e sombras (Urco, 2013). Tamén ten publicados outros relatos en diferentes antoloxías: “Contos Estraños. Lendas de Gallaecia” (2013), “Contos Estraños. Segunda Era” (2014), “Contos Estraños. Choque dos mundos” (2015); e en castelán un relato no libro Pop, 10+1 Relatos Musicales (Editorial Café con Leche, 2017). Actualmente segue a escribir máis contos e adapta a guion cinematográfico os seus propios relatos.

Miguel R. Fervenza.

Miguel R. Fervenza

Moañés. Chegou tarde ao nacemento e xa non deu remontado. Conta cunha ampla obra en borradores. Escribe sobre deseño de aventuras gráficas, cinema silente e outras Andrómenas de popularidade parella.

Álex Bayorti.

Álex Bayorti

Naceu en 1985 na terra dos cantabróns. Foi nómade forzosa nos seus primeiros anos de vida, mais despois colleulle o gusto deixando ás súas costas máis dunha ducia de cidades vividas, dúas delas na Galiza, e unha chea de países coñecidos. Non ten intención de parar. En 2012 foi fundadora da Asociación Editorial Nanas Ediciones Clandestinas, que culminou co poemario colaborativo “Nanas de Ciencia Ficción” (Madrid, 2013). En 2016 gañou o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos co seu libro Tom, Huck e o misterio da Trabe de ouro (Noia, 2016). Tamén participou en diferentes certames e libros colaborativos de relatos. No tempo en que non é unha psicópata dedicada ao Marketing Dixital e á redacción por encarga perde o tempo lendo todo o que cae nas súas mans, subindo ao monte como escusa para tomar, despois, un bo churrasco, ou ir a calquera bar onde sirvan cervexa. Unha boa resaca sempre será a súa mellor inspiración para escribir e, cando non lle funciona, esborrancha lenzos para ver se así lle chega a inspiración.

Grupo C

David Botana.

David Botana

Dedícase a dar clases particulares “(do-que-sexa)”, confesa, “mentres agardo a que as catro vacas da avoa xunten o esterco dabondo que me obrigue a facer algo de deporte; é unha sorte, podían ser cinco vacas. O pelo da cabeza múdaseme a lugares insospeitados do corpo, corpo xa con forma de fariñenta pera mol, mol pera que me fag… err… que me vou pudrindo; vamos”, conta. “Estou a escribir esta “Bio_Sbardia” miña (haha) cun pé en alto por mor dun ataque de gota aguda; é unha sorte, podía ser cunha embolia. A persoa coa que vivo leva todo o día a dicirme: «Maldito aleixado!» polo meu pé inflamado, curiosamente iso faime rir, faime sentir ben; é unha sorte, a maior de todas”, continúa. “Escribo cousas, polo xeral na cabeza, ás veces en papel. Son cousas variadas, algunhas con feitura de conto, o máis das veces de terror. Varias están publicadas e todo; é unha sorte, podían… podían… É unha sorte”, conclúe.

Leticia Goimil.

Leticia Goimil

Farmacéutica de formación, a literatura sempre foi unha das súas paixóns. En especial o xénero fantástico, aínda que nos últimos anos a ciencia ficción e os zombis coláronse nos seus estantes con intención de quedaren. Publicou os relatos Uadi, en Fernweh: rumbo a lo desconocido de Literup, e La valkiria de hielo, en Por el Fólkvangr y el Valhalla de Ediciones Freya. Un terceiro foi finalista na convocatoria Herstoria de Les Editorial.

Diego Casal.

Diego Casal

Nado no Euskadi dos oitenta no seo dunha familia galega namorará de Compostela, onde reside actualmente, mentres se licencia en Ciencias Políticas. Tras escribir algúns relatos curtos, Edicións Do Peirao publicará en breve a súa primeira novela: Siradella.

Fran Fernández Davila.

Fran Fernández Davila

Enxeñeiro de Minas e Enerxía, e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo, leva máis de vinte anos traballando no mundo do frío industrial. Comezou a escribir en xaneiro de 2016 cando asistiu ao seu primeiro obradoiro de escrita creativa. Entre outros certames, é ganador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, en 2017, por A Senda de Sal; o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras ‘Antón Avilés de Taramancos’ do Concello de Noia, en 2018, coa novela Alana; e o XII Premio de poesía Victoriano Taibo do Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar, de 2019, co poemario Mover os Marcos.

Grupo D

César Lorenzo

Naceu en Cequeliños, Arbo, no 1977. É xornalista e editor. Dirixe Biosbardia. Forma parte do comité de redacción de Luzes. 

Marisol Gándara.

Marisol Gándara

Naceu en Francia un 6 de Xaneiro de 1981, “así que podo atopar epifanías en calquera lugar”, di. Os caprichos das migracións quixeron que medrase en Galicia pero considérase nómade de nacemento. Licenciada en Filoloxía Inglesa “contra todo prognóstico” e Grado en Educación Primaria “por pura necesidade laboral”. Agora é mestra de educación primaria “aínda que estou a traballar con adultos. As contradicións perséguenme”. Escribe versos “dende que teño memoria”. Publicou o libro de poemas  e Ata o corazón da mazá (Espiral Maior). “Coido que son máis de escoitar que de contar, e aínda que non me gustan os duelos, poucas cousas me excitan máis que un desafío, e gusto de excitarme. Por iso estou a enrolarme nesta aventura, na que un amigo, todo hai que dicilo, me empuxou en certa medida, así que alá vamos e que sexa o que dite a tinta, ou os píxeles”. 

Carlos Vega.

Carlos Vega

Naceu en 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 20 anos e pouco máis sabe escribir. Probou coa bebida pero acabouno deixando seco. Tería deixado de escribir hai tempo, pero por sorte agora podédelo atopar na capital, amando con todos os seus contos a unha persoa.

Elba García.

Elba García

Estudante de Farmacia de 22 anos. “Pareceume divertido apuntarme a este concurso porque levo anos sen escribir relatos e apetecíame sumarme ao reto, así que aquí estou. Exilieime en Sevilla este ano, así que participar en algo en galego faime un montón de ilusión, porque o boto de menos”.

Calendario da fase de grupos

 

Primeira xornada

Grupo A: Amador Castro-Daniel Ugarte

Grupo A: Natalia Otero-Mónica Castro

 

Grupo B: Marcos López Concepción-César Ariza

Grupo B: Miguel R. Fervenza-Álex Bayorti

 

Grupo C: David Botana-Leticia Goimil

Grupo C: Diego Casal-Fran Fernández Davila

 

Grupo D: César Lorenzo-Marisol Gándara

Grupo D: Carlos Vega-Elba García

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 3 de marzo ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 10 de marzo ás 23h59

 

Segunda xornada

Grupo A: Amador Castro-Natalia Otero

Grupo A: Daniel Ugarte-Mónica Castro

 

Grupo B: Marcos López Concepción-Miguel R. Fervenza

Grupo B: Álex Bayorti-César Ariza

 

Grupo C: David Botana-Diego Casal

Grupo C: Fran Fernández Davila-Leticia Goimil

 

Grupo D: César Lorenzo-Carlos Vega

Grupo D: Marisol Gándara-Elba García

 

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 10 de marzo ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 17 de marzo ás 23h59

 

Terceira xornada

Grupo A: Mónica Castro-Amador Castro

Grupo A: Natalia Otero-Daniel Ugarte

 

Grupo B: Álex Bayorti-Marcos López Concepción

Grupo B: Miguel R. Fervenza-César Ariza

 

Grupo C: Fran Fernández Davila-David Botana

Grupo C: Leticia Goimil-Diego Casal

 

Grupo D: Elba García-César Lorenzo

Grupo D: Carlos Vega-Marisol Gándara

 

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 17 de marzo ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 24 de marzo ás 23h59

Os participantes recibirán por correo electrónico as imaxes nas que deberán inspirarse para os seus relatos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s