‘1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso…’ vs ‘A mecánica dos soños’

Porco-rosso.

Xornada 1. Grupo C. David Botana vs Leticia Goimil.

A mecánica dos soños

Leticia Goimil.

O neno contemplaba a morea de pezas con aceno desvalido. O sorriso de Martín esvaecíase pouco a pouco conforme a confusa decepción do seu fillo se esparexía polo ar.

—Que foi? Non che gusta?

—Si… —O cativo colleu unha das bolsas e xirouna na man. As ordenadas pezas de plástico de cores agardaban a ser recortadas e ensambladas, mais non semellaba que fose suceder—. Grazas, papá —dixo de todos os modos.

Martín asentiu coa cabeza mentres o rapaz volvía ó sofá e retomaba a partida que deixara pausada na consola. Martín quedou alí, no chan, mirando aquel crebacabezas sen formar. Cando descubrira na tenda de segunda man a vella caixa decorada coa imaxe do hidroavión, o corazón déralle un salto. O debuxo parecía acabado de saír da súa película favorita da infancia e, por un intre, volvía ter once anos. Estaba de regreso naquel tempo, non tan lonxano, no que os veráns ulían a liberdade e as cousas importantes se construían con mimo, cada recuncho estudado ata quedar gravado na alma da pel.

Agora todo viña feito, producido en masa por milleiros para, coa mesma celeridade, desaparecer sen deixar pegada. Quen tiña xa un xoguete que o acompañase toda a nenez? Quen querería imaxinar que voaba entre as nubes cando podía practicamente sentilo a través dunha pantalla de alta definición?

Demasiada xente vivindo existencias prefabricadas e poucos enxeñeiros da vida.

Martín foi abrindo as bolsas, separou as pezas do aeroplano dos armazóns, montouno e púxoo nun estante, preto da fiestra. Alí quedou, case esquecido, con vistas ó ceo que as súas ás non chegarían a tocar. Sen vento que o acariñase nin soños que protagonizar. Ou iso semellaba, ata que un día apareceu xunto a el unha pequena construción feita con pauciños de xeado. O home mirouna, estrañado.

—É a casiña do piloto —explicou o seu fillo, separando a vista da pantalla—. Para cando non estea de viaxe.

—Seguro que lle gusta —sorriu Martín—. A que xogas?

—Estou a construír unha vila.

—A ver?

Achegouse para mirar a consola. Unhas personaxes cabezudas recollían flores, buscaban tesouros e cazaban bechos. O pequeno talvez nunca sentira a rañeira das ortigas nas pernas ou o cheiro do fiúncho nos dedos, pero podía diferenciar unha ducia de bolboretas sen pestanexar.

Talvez había máis dun modo de facer as cousas ben.

A forma era o de menos. Os soños sempre atopaban o seu camiño.

……………………………………..

1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€

David Botana.

Venres 28/02/2020

—Boas, interésame o avión. Tes a caixa?— 19:07

—Claro.— 21:04

—Poderías mandarme unha foto? O prezo é negociable?— 21:21

Sábado 29/02/2020

—A foto mándocha mañá. O prezo é o que é, xusto.— 02:04

—Vale.— 09:27

—(Arquivo anexo)— 12:01

—Pois vese bastante ben.— 12:30

—Está novo. Só falta que teñas o que hai que ter para montalo.— 12:35

—Fas envíos?— 12:57

—Viches a película?— 21:03

—Que película?— 21:12

Porco Rosso. Víchela?— 21:20

—Claro.— 21:25

—Mellor ser un porco a un fascista, eh?— 21:31

—Pois si, hehehe… Non é a que máis me gusta de Ghibli pero está ben.— 21:40

—É unha obra mestra.— 21:45

—Si. Entón fas envíos?— 21:50

—Se voas a Milán polo avión págoche un café. Máis non quero nin podo facer.— 22:00

😒 Que dis? No anuncio pon que está na Coruña.— 22:10

—Era unha referencia á película, ho! O taller do mestre Piccolo está en Milán, xa sabes…— 22:30

🙄 Mira, non me paga a pena tanta leria por unha maqueta. Sorte coa venda.— 22:32

—Se te rendes cando o motor comeza a fumegar non mereces esta beleza.— 23:01

—O que ti digas.— 23:54

 

Domingo 01/03/2020

—No Adriático do Porco Rosso de Miyazaki non hai malos, só xente perdida, obrigada polas circunstancias, xente que brilla se lle dás respecto e cariño. A película é tan melancólica como só pode selo a perda da inocencia. Ademais, cada maldita liña de cada aparello é froito dunha auténtica paixón polo aeromodelismo. A maqueta pode ser todo iso. Só busco alguén que saiba o que leva.— 4:23

—A ver, é unha maqueta chula dun bonito avión dunha boa película, xa está. Mira, penso que igual queres falar e eu só entrei aquí para mercar.— 09:15

—Esta é unha maqueta de aprendizaxe, teño centos delas mellores. Pero con esta podes poñerlle a peli ao cativo, explícaslle cada detalle dos avións, da historia… logo regálaslle a maqueta e móntala con el. Vai querer montar avións toda a vida contigo, sabes? Eu, ao meu, só tiven tempo a ensinarlle a película.— 10:15

—Eu ía montala coa miña prima. A que sae comigo na foto de perfil co disfraz de Totoro.— 10:46

—Xa vin, xa. Ten ollos de enxeñeira. Se a queres deixocha en 15€ e fágoche o envío por punto pack.— 11:05

—Se o motor aguanta, voo ata Milán e pagas o café.— 11:22

MAGNíFICA MAQUETA PORCO ROSSO COMA NOVA. OPORTUNIDADE UNICA. NON FAGO ENVÍOS – 40€

 

Mércores 04/03/2020

—Estás a revender a maqueta?— 10:24

😅 Pois si, seica eu non che son un deses piratas do Adriático.— 13:04

 

21 comentarios en “‘1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso…’ vs ‘A mecánica dos soños’

  1. A mecánica dos soños
    Gustoume a historia. Os personaxes están ben definidos e fanse próximos. O texto flúe bastante ben. Nese sentido, pensó que tanto ritmo como linguaxe son adecuados para o que se quere contar. Quizais lle viría ben un pouco máis de lirismo cando o pai rememora a súa infancia. O final gustoume moito. O autor/a podía caer no tópico de “viva antes” mais non o fixo. Parabéns.

    1/48 Savoia S.21…
    Penso que é moi difícil conseguir un texto atractivo a base só de diálogo. Aínda máis, cando se trata de “texto” e non da voz dos personaxes. Nese sentido, parabéns ao autor/a pola valentia. Aínda así, os personaxes están ben definidos (especialmente o vendedor cinéfilo) e o relato atraeume… até certo punto. Os meus coñecementos cinematográficos son cativos, co cal penso que perdín boa parte da mensaxe do relato ao non ter visto a película da que se fala. Igual me sucedeu como ao “comprador”, que cansou algo de tanta leria.

    O meu voto vai para “a mecánica dos soños”

    • Estou lendo agora os comentarios anteriores logo de votar. Eu vin a peli, Daniel. O matiz é interesante. Como pode influír que coñezas a peli no voto do segundo relato. eu creo que o votaría igual xa que no propio conto hai como esa gradación entre o obsesionado pola peli e o que non o é tanto (mesmo que non a podería coñecer)… que quizais permita deixar o contido da película á marxe. En todo caso recoméndoche Porco Rosso.

      • Grazas pola recomendación. Concordo en que o personaxe (ou é “a personaxe”? Nunca sei) do vendedor obsesionado coa peli está moi moi ben. Conseguir darlle tanta personalidade, apenas con diálogo é algo que eu non consigo facer.

  2. Os dous relatos están moi ben. Poucos personaxes e miradas sinxelas sobre temas complexos. Gústanme o xiro e o contraxiro de “A mecánica dos soños” e a súa visión positiva do presente/futuro. De “1/48 Savoia… “ gústame o seu plantexamento e a contaposición de duas visións opostas sobre un mesmo obxecto ou sobre a propia existencia.

    Gustaríame premiar ós dous, pero como non pode ser, doulle o meu voto a “1/48 Savoia…”. Grazas por asumir riscos.

  3. Merda, un dos relatos fala do Animal Crossing. Iso núbrame moitísimo o xuízo. Moi ben xogado.
    O primeiro relato sobrecolleume ao final, en ningún momento me pareceu que faiaba. Quedo cunha moi boa imaxe del.
    “1/48 Savoia…” é moi fresco, e iso gustoume moitísimo. Moitas grazas a quen fose por arriscarse co formato. Polo resto atopo que tamén está ben escrito.
    Dóeme moito faiar a Tortimer pero vou apostar pola forma e votar a 1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€. Titulazo tamén.

  4. “A mecánica dos soños”
    O tema está moi ben levado é resultoume moi interesante o modo no que amosa como, malia a tecnoloxía, poida que a infancia non mudara tanto. Iso si, por intres, ó meu parecer, sóbranlle algunhas frases (“Talvez había máis dun modo de facer as cousas ben.”) recálcando o que xa quedara evidente dun xeito máis sutil anteriormente.

    “1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€”
    Son moi fan de “Porco Rosso” o que é un punto o seu favor e tamén gusto moito dese risco ó experimentar cun formato tan complicado. Mais coido que á medida que avanza acaba por resultar un tanto repetitivo (sobre todo a partires do “domingo”).

    O meu voto é para “A mecánica dos soños”

  5. “A mecánica dos soños”
    Un relato precioso, con unha magnífica e sen embargo impredecíbel reflexión final. Quizáis ese final é o que pide darlle unha volta, para que non resulte tan evidente e deixar ao lector o privilexio de cociñalo e degustalo despois con ese marabilloso “os soños sempre atopaban o seu camiño”, en vez de deixalo mastigado. Por certo, antóllaseme que ese final fora na forma presente e non na pretérita. Esto é por buscarlle tres pés ao gato, porque en realidade o texto é fluido, cómodo e presta moi ben. Non podo deixar de mencionar o título, que me parece perfecto.

    “1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€”
    Non descubro nada se digo que o formato é o grande atractivo do relato. Con ser un “tipo de diálogo” ó que xa estamos afeitos, non deixa de resultar orixinal. Ás veces a plática faise un algo tediosa, pero por outro lado apórtalle realismo a esa neocomunicación por mensaxe de texto que xa forma parte da nosa rutina, polo cal considero que funciona ben. Recoñezo que nunha primeira lectura non me gustou o final, pero despois pareceume moi adecuado, posto que se presta á reflexión do valor das cousas sen perder esa frescura do resto do relato.

    Custoume moito decidirme. Son dous relatos moi diferentes e ambos me deixaron un regusto moi positivo. Só podo desempatalos polo punto a favor do formato, que sendo arriscado, soubo resolvelo moi ben. De modo que o meu voto vai para
    “1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€”

  6. Como non gustar da idea de fondo da mecánica dos soños, formalmente o relato é perfecto. Xoga en contra algo de didactismo. Persoalmente a min gústame chegar á mensaxe das historias (se hai) non de xeito tan directo. O outro conto de título tan longo que resumirei como Savoia é orixinal na forma, pareceume a min mesmo que os tempos de resposta dos que intercambian pareceres marca a personalidade dos personaxes. Para o meu gusto fáltalle afinar algo o redobre final, pero en xeral é divertido e áxil. Tamén como dixen asume algo de risco polo xeito de compoñelo.

    Veña, voto por Savoia.

  7. Comezarei por atrás. Fun fan da película Porco Rosso, pero hai tantos anos que a vin (e non a volvín ver) que perdín as referencias. Tampouco axuda a publicidade a unha lectura fluída dunha conversa no chat de wallapop. E, aínda que o formato arrisca, non o vexo ben resolto. Coido que con menos frases, concentrando a mensaxe de metade para embaixo, gañaría abondo.
    A mecánica… é un relato clásico, fluído, que se le dunha tirada e transmite a mensaxe que quere transmitir. É o que se lle pide a un relato breve.
    E agora ven o problema. Risco ou fluidez? Vangarda ou clasicismo? Se penso na película Porco Rosso, votaría por “Savoia”, mais creo que a autora non soubo transmitir a mensaxe a quen non viu a película. O meu voto vai para “A mecánica”.

  8. Este duelo xenérame moitas preguntas para dicir o meu voto. Son achegas totalmente distintas e con Savoia incluso cabería preguntarse se é relato como tal? ou iso ou e que xa lle estou a dar moitas voltas.
    A primeira parte podería desenvolver un pouco mais algunhas intervencións pero ainda así fíltrase unha retranca que me gusta. De igual xeito a idea de experimentar coa forma a tal extremo de saír da lindes do relato tamén me parece unha aposta digna de premio.
    “A mecánica dos soños” é un relato equilibrado, cun pouso de idealización da infancia que tendo a rexeitar e fai que non me acabe de meter na historia. Aínda así está ben escrito, cun uso apropiado dos diálogos e un vocabulario axeitado. Sen embargo é bastante predicible e aínda que agradable en todos os sentidos, fátalle un aquel para prender na memoria.
    Porén o meu voto para Savoia.
    Non podo dicir coma outros que me pareza un gran título porque quizais me falten referencias da película pero sí me parece interesante.

  9. Ainda que a lectura do primeiro pareceume agradable, e a temática e a forma pareceume correcta, non me sacude.
    quizais porque prefiro o risco, a literatura un pouco salvaxe, as eleccions saltándose as regras establecidas, a dificultade coma aliado voto por Savoia.
    De Savoia destaco o titulo, a orixinalidade, e o emprego da ironía.
    O final, a un lle dan ganas de ver a peli!

  10. O meu voto vai para “A mecánica os soños”. É un relato moi ben escrito e encántame o seu lirismo. O final tipo “disney ” é o que menos me gustou pero ten frases mi boas.

    “1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso en perfecto estado – (Absterse curiosos). 20€” é un relato moi bo, ben levado e fíxome rir ao final. Mola.

  11. O meu voto vai para ‘A mecánica dos soños’, pareceume unha historia moi bonita. Gústame a forma na que está redactada, as imaxes que describe, como evoluciona o relato e a sensación que deixa.
    ‘Savoia’ gustoume moito tamén, pareceume moi orixinal e divertiume o final, pero a outra historia dame moita tenrura.

  12. A mecánica dos soños

    Adorei a construción do conto, como a persoa que o escribiu relata a idealización da infancia que ten o pai dende a adultez e como contrasta cunha nenez presente. Están moi ben elixidos os momentos para ilustrar ambas cousas. Unha produción en serie e pautada, na que cada peza ten que ir no seu lugar e só no seu lugar, para o pai significa a antinomía dunha infancia prefabricada. Porén, o fillo, como calquera, como o pai mesmo, é incapaz de vivir unha nenez allea, de contemplar o avión cos ollos doutro (aínda que no fondo percibe a importancia que ten para o seu proxenitor, que vai alén do obxecto). Para o neno é unha construción estrita que non o invita a fedellar.

    O pai dá por suposto que o videoxogo ofrece unha narrativa dada, non prevé que permita unha narración emerxente da mesma maneira que o fai un xoguete; mais esa imaxinación, que cría adormecida por brinquedos que en aparencia lle daban todo feito, materialízase na construción libre dunha casa para o piloto. Por último, e mágoa que non derradeiro, ao pai abóndalle ese xesto para cuestionar todo o que cría saber sobre ocio infantil do presente e amosa por vez primeira interese nunha infancia que non sexa a súa. Todo isto que estaba moi ben contado, a través das palabras axeitadas e unha boa planificación, estrágase no que vén tralos diálogos do final. Toda esa parte é superflua, ponse a explicar as cousas que xa transmite con éxito o relato, banalízao, réstalle toda a forza que tiña. O medo á incomprensión é un mal recorrente de quen escribe que, ás veces, como neste caso, condúcenos a desenvolver de máis os temas e deslucir todo o bo que había feito.

    1/48 Savoia S.21 Versión Porco Rosso…

    Caracterizar personaxes a través dos diálogos é moito máis complicado. Aquí faise con mestría, confronta dúas formas de encarar a vida: a dun idealista e a dun cínico, que cre que as cousas só poden ser como son e non paga a pena tentar mudalas, así que o mellor é aproveitalas no beneficio propio. O retrato do especulador paréceme brillante, como entra no xogo só cando ve a porta aberta e así logra gañarlle cinco euriños máis á revenda. O formato é orixinal e a persoa que o escribiu puxo moita atención aos detalles. Por certo, eu non vin Porco Rosso, mais non tiven problema en seguir o relato, coido que precisamente o especulador, coa súa falta de interese, serve de forma moi natural para que quen non vise o filme non quede atrás.

    No meu caso unhas últimas liñas desafortunadas decantan a balanza do lado de 1/48 Savoia…, o meu voto vai para ese relato, pareceume redondo. Porén, quedo con ganas de ler as seguintes propostas da persoa que escribiu A mecánica dos soños (lectura da que gocei), porque fixo ben todo dende o título até case o final.

  13. A mecánica dos soños

    A melancolía de Martin paréceme moi ben recollida no relato. É facil empatizar con el, o set up do relato (permitídeme esta parvada anglófila) está perfecto (sempre hai algunha cousiña que cambiar e algunha palabra que borrar, un exemplo: “O sorriso de Martín esvaecíase pouco a pouco conforme a confusa decepción do seu fillo se esparexía polo ar.” -> “O sorriso de Martín esvaecíase conforme a decepción do seu fillo se esparexía polo ar.” Acaso non é mais directa así a frase e di exactamente o mesmo?).
    Despois chega o momento de darlle ó relato un final que aporte algo novo (o esperado xiro). O neno construelle unha casiña ó piloto (sen mais explicacion parece que o fai por caridade cara o pai) e iso da pé a un acercamento entre os dous e a que o pai se interese polas aficions do fillo. Iso deixa o relato preto dun final bastante natural, coa conclusion de que cada xeneracion ten os seus pasatempos e ningun é mellor ou mais desexable que outro. O problema é que esa conclusion parece dictada polo narrador en vez de sentida polo pai:

    “O pequeno talvez nunca sentira a rañeira das ortigas nas pernas ou o cheiro do fiúncho nos dedos, pero podía diferenciar unha ducia de bolboretas sen pestanexar.
    Talvez había máis dun modo de facer as cousas ben.
    A forma era o de menos. Os soños sempre atopaban o seu camiño.”

    Ademais, que é “facer as cousas ben”? Xogar con xoguetes do anos 70? O relato aqui necesitaba poñer a Martin no centro, non ó narrador. Sería mellor un:

    “Achegouse para mirar a consola. Unhas personaxes cabezudas recollían flores, buscaban tesouros e cazaban bechos. (aqui podería ir algo que mostre que o fillo desfrutaba así e que Martín se da conta diso, por exemplo o nenocontandolle algo sobre o xogo para que martin o identifique como o que para el era o avion)
    Martín pensou que a forma era o de menos. Os soños sempre atopaban o seu camiño.”

    20€

    Gústame que teña sentido dentro do relato que só haia dialogo (neste caso é un chat). Este é un relato moi orixinal que debía animar á xente a buscar formas novas de expresar as cousas, de traer a realidade, a actualidade ó noso texto. Algúns a iso chámanlle arriscar. Eu creo que arriscar é escribir hoxe igual que no século XIX.
    Gústame tamén que o titulo do relato sexa tamen o título do anuncio (perfecta forma de integrar o chat no relato) e tamen que estean as datas das mensaxes. A parrafada do vendedor enviouna o domingo de madrugada, e iso non foi posto ó azar.
    Eu non vin a pelicula e non sentín que me faltara nada para entender ás personaxes do relato, excepto talvez a ultima frase. Nun primeiro momento pensei que o que quería dicir era que si que era un deses piratas, pero logo entendín que non. É un bo remate.
    O emoticonos teriaos posto mais discretos. Non sei se iso é cousa do blog ou do autor.

  14. A peña exténdese unha brutalidade mais a verdade é que eu non son crítica de literatura e, sinceramente, tampoco creo que fora unha boa.

    “A mecanica de soños” é un relato emotivo que apela aos sentimientos de quen le. Isto paréceme unha gran vantaxe no nivel narrativo xá que, moi no fondo, somos seres profundamente irracionais.

    “Savoia” pareceume a historia que mellor sabe equilibrar entre orixinalidade e máis o interés da trama.

    Quédome con “Savoia”.

  15. Dous relatos moi distintos. Ambos deixáronme moi bo sabor de boca. Parabéns!

    A mecánica

    Non me gusta o título. É demasiado obvio e neste caso só serve para facer aínda máis convencional o seu estilo. Si me gusta o texto. É delicado e fíncase moito nos pequenos detalles. Hai lirismo e captura da emoción. Unha miniatura moi xeitosa e evocadora.

    Savoia

    Xa dixeron por aquí que foi un acerto o formato. Eu, xeralmente, abomino destas adaptacións porque case sempre son forzadas e artificiosas. Case sempre prima o continente sobre o contido. Mais neste caso non é así. Está xustificado o seu uso e coido que o éxito da historia depende xustamente deste diálogo. Recordoume a eses fasos diálogos de whatsapp que adoita facer Alberto González Vázquez. Todo o que debe funcionar no relato funciona, incluídos eses emojis xigantes.

    O meu voto vai para Savoia…

  16. Graciñas a todos polos votos. A verdade é que cando vin a foto só puiden pensar en Wallapop… logo acordeime de que por uns libros que teño á venta chegarona ofrecerme unha nevera de intercambio e xa se armou case só o relato. Como di César, os surrealistas relatos Alberto González Vázquez (QueridoAntonio) simulando conversacións de messenger foron unha fonte moi grande de inspiración. Eu tirei por vías menos extremas, porque sei que moita xente pon cousas en venta só por poder falar con alguén, e tamén que hai moita outra xente que daría un bo pé de lería só por vender algo. O ecosistema perfecto é Wallapoo e os seus chats. É curioso que, en xeral, os que non viron a película pareceron non notar a falta da mesma e os que si a viron me recriminan que aqueles que non a visen non ían enteder as referencias… a perspectiva é unha cousa moi importante. Alégrome que vos gustase en xeral. Creo que vou coller algunha idea para darlle outra volta.

    En canto ao meu rival. Gran debut! Parabéns, Leticia. O formato non é nada fácil e o teu relato está moi ben medido e dosificado. O final ten o toque xusto e a mensaxe está moi ben. Igual poidese quedar máis sutil sen as últimas palabras do narrador, pero moitas veces asumir ese risco é demasiado.

    • Graciñas, David. Dixéronme bastante o do final, e o certo é que non metín esas frases pensando “ó mellor xente non o entende se non poño esto”, senón que me parecía un pouco brusco acabar sen elas. Gústame ir enlazando e deixando os matices ben explicadiños, igual que cando leo, porque me perdo con facilidade. Sonvos así, as sutilezas non son o meu jaja

      Parabéns pola vitoria, non esperaba ese xiro do teu relato.

      • E que a primeira versión do relato non tiña o xiro, quedábase no café. Dudei moito en darlle o final este que se me ocurriu o último día…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s