‘O oso Bilardo’ vs ‘A artista’

TRYM-NILSEN.

Xornada 1. Grupo A. Amador Castro vs Daniel Ugarte.

A artista

Amador Castro

Aquela muller falaba da súa arte con arrepiante naturalidade. «Fío, agulla, roupa, botóns e o que lle queiras engadir» «E que lle vou engadir a un oso?» «Recendos, cartas, cinzas, xoias… O que queirades». Canda min, a atolada da miña irmá Vanesa amosaba un entusiasmo que me semellou impropio. Mentres eu me culpabilizaba por non sentir o que unha pensa que tería de sentir en intres coma este, o que mallaba na miña cabeza eran os pensamentos do coro que agardaba expectante a miña decisión: é unha grande artista; co solicitada que está; serás parva se non aceptas.

Aceptei. Pola Vanesa. Deixei que ela e os parentes concretasen os detalles. Que decidisen a cantidade de petos para gardar cartas inexistentes; a cor dos botóns que ocuparían o lugar dos ollos; a camisa, lisa ou de cadros… E a foto. A foto na que se inspiraría a artista. Deixeinos alí coas súas escollas. Se ficaba un minuto máis naquel museo dos horrores, remataría por lles plantar lume aos andeis cheos de osos.

Uns días despois, o timbre da porta expulsoume do primeiro sono en condicións desde o crematorio. Abrín medio soñando aínda. E semelloume un pesadelo o enorme plantígrado que levitaba, vestido coa camisa, a gravata, o cinto e as lentes do pai, movendo as mans a modo de saúdo e falando con voz aguda de muller. Entraron, oso e artista, no apartamento. Empurrando o meu ser. Sen pedir permiso nin obter resistencia. Non erguín un dedo cando pousou o oso na miña parte favorita do sofá. Obedecín cando me fixo sentar a carón daquel couso. Deixeina colocar a foto do pai na miña man. E pronunciei unha apática pa-ta-ca cando disparou co móbil para alimentar as redes sociais.

A famosa artista que converte a roupa dos defuntos en adorábeis osiños suspirou de satisfacción, acompañoume no sentimento que eu non era quen de sentir e, sen agardar reacción ningunha pola miña parte, marchou. Ollei para a foto do pai. Mirei para o boneco. A semellanza era salientábel. Acheguei o nariz ás roupas que foran del. Desprendían o mesmo cheiro a tabaco, alcol e inzo que aínda non conseguira tirar dos meus lenzos. 

Precisaba respirar…

Abrín a fiestra. Collín o oso e chimpeino por ela embaixo. Volvinme sentir culpábel. Asomei un chisco os ollos medorentos. A artista, paralizada na beirarrúa, miraba para o peluche escachado a poucos centímetros dos seus pés. Despois ergueu a face de terror que mudou en xenreira cando me viu. Comprendín, cando recompuxen a escena, cales eran de certo os meus sentimentos. Enchín os pulmóns de ar fresco. E puiden ceibar, por fin, as gargalladas que tantos días tivera reprimidas dentro.

……………………………….

O oso Bilardo

Daniel Ugarte

Hai quen coloca flores. Rosas vermellas ou brancas, margaridas, caraveis, lirios, azaleas, crisantemos… Ás veces acompañados dunha cruz chantada no punto onde se produciu o accidente. Cando non se atopa un chan mol no que cravar o pau, pódese tamén usar unha corda ou unha brida, e amarrala ao poste ou ao valo no que tivo lugar o impacto.

A miña irmá era unha adolescente tímida. Quizais foi por iso que evitou morrer nun lugar onde a visen estraños de paso. Calquera que a coñecese admitiría que lle acaía moito máis suicidarse na intimidade da casa. O fogar como refuxio, sempre.

Escolleu un domingo solleiro de xuño. Penso que sabía que boa parte dos veciños estarían na praia. Logo de saír ao patio asustada polo ruído, sería a nosa nai quen primeiro a atopase estrullada no chan. Esvaeceu. Tamén ela bateu contra o lousado. Como consecuencia do golpe a mamá conxeláronselle para sempre os músculos faciais.

Moitos anos atrás, noutra fin de semana de xuño, a nosa tía-avoa regalounos os osos xemelgos. “Son coma vós, semellantes, mais nunca idénticos”- dixera. A miña irmá escolleu o oso azul e eu aceptei o turquesa. Cando marchaba, a tía-avoa preguntou se xa lles tiñamos nome. Non soubemos responder até que, desde o sofá do salón, papá acudiu na nosa axuda. Eu fun o máis rápido en escoller da lista que el recitaba. “Pumpido”-berrei mentres lanzaba o meu oso polo aire. “Bilardo”, completou a miña irmá.

No terceiro cabodano da súa orfandade, acompañei o oso Bilardo á nosa antiga casa. Tratábase do primeiro verán no que posuía permiso de conducir e, xa que logo, da primeira ocasión na que podía achegarme ao lugar que nos estaba caladamente vedado. 

Demorei bastante en pousar a Bilardo no punto no que a pedra tomara un ton máis apagado. Quería que a súa testa acariñase o chan en perfecto silencio. Precisaba evitar o estrondo que fixera a miña irmá ao bater no patio. Lembraba un ruído físico, desprovisto de calquera trazo humano. O ruído que faría calquera obxecto pesado. No entanto, o que eu procuraba era unha caída donda, leve, amortecida, como a do oso que rebota nunha pía de toallas na publicidade de suavizante. Despois retireime para que Bilardo descansase.

Os novos propietarios da casa recolleron o oso Bilardo pensando que lle quedara esquecido a unha meniña do barrio. Tiven que chamar ao timbre para recuperalo. Eles persignáronse antes de devolvermo. 

O ano seguinte víronme pousando de novo a Bilardo no chan e tentaron impedirmo. Pediron amabelmente que marchase. Tanto o oso coma min nos rebelamos. Esiximos o noso dereito a un momento de intimidade. Desde entón, cada ano, no aniversario da morte da miña irmá, son eles os que pechan as contras e pasan o día fóra. 

Xunto a pedra apagada deixan flores. Rosas vermellas ou brancas, margaridas, caraveis, lirios, azaleas, crisantemos… O oso Bilardo inspira o seu aroma antes de acomodarse no chan e pechar os ollos. 

21 comentarios en “‘O oso Bilardo’ vs ‘A artista’

  1. Miña nai querida o “Oso Bilardo”. Dúas orellas, rabo, volta á praza, saída a ombros pola porta grande e voda con cupleteira cañí.
    Quen asinase “A artista” xa tivo mala sorte de tropezar con el, así e todo.

  2. “A artista”
    Ben podíamos estar diante dun episodio de Black Mirror mais sen a tecnoloxía. Iso é o que máis me gustou do relato. Mais coido que a conclusión do relato fáltalle algo da sutileza que si ten o resto.

    “O oso Bilardo”
    Desfrutei moito con este relato. A contraposición entre o mol do peluche a dureza do chan, frases como “Calquera que a coñecese admitiría que lle acaía moito máis suicidarse na intimidade da casa”, mesmo os nomes dos osos… Pareceume realmente bo.

    O meu voto vai para “O oso Bilardo”.

  3. A Artista:
    O que mais me gustou foi a orixinalidade do argumento, sen embargo pareceume que tiña certa complexidade para entender completamente a finalidade do relato.

    O Oso Bilardo
    Encantoume. A poética da linguaxe e da temática. A abordaxe fiel e nobre dunha triste situación.
    Ata os silencios pareceronme acertadamente ubicados.

    O meu voto e para O Oso Bilardo .
    Noraboa os dous duelistas !!!!!

  4. Penso que houbo bo nivel neste debú de dous dos autores con obra xa publicada. Parabéns.

    A artista
    Coincido en quen sinalou a cercanía do relato ao universo Black Mirror, aínda que o autor deste relato opta por unha vía menos tecnolóxica para describir este “negocio”.
    Hai moita experiencia e seguridade na narración e coido que unha interesante aposta polo equilibrio e a contención. E a contención na narrativa ultrabreve é sempre necesaria. O autor opta pola vía clásica de final inesperado e aí coido que se esborralla todo un pouco. Hai certa precipitación, certo cambio rápido de carauta que descoloca un pouco a lectura.

    O oso Bilardo
    Hai que dicir que a escolla do tema faille ao autor partir con vantaxe. Un relato que fala de infancia, morte e memoria é como aquel tópico do ilustrador infantil sen ideas que cando non sabe como triunfar sabe que debuxando un ninja, un robot ou un dinosauro ten gañado o público. A literatura galega contemporánea é moi dada a estes vieiros, con desigual resultado. Porque a pesar da predisposición positiva do lector, logo hai que gañalo. E a min gañoume porque non abusa do sentimentalismo. Sérvese duns poucos detalles para expresar a dor desa familia. A situación que describe cando colocan o oso na antiga casa é moi relevadora: como a memoria, incluso a tráxica, sempre é íntima e como o que para alguén ten significado para outro, lonxe de servirlle para empatizar, créalle rexeitamento. O autor definiu o distanciamento cultural entre comunidades cunha metáfora perfecta.

    Voto por ‘O oso Bilardo’.

  5. Ambos relatos son sobrecolledores.

    “A artista” resultoume unha historia moi orixinal cunha boa premisa. A historia suxíreme un monte de variantes posibles centrados no tétrico oficio.

    “O oso Bilardo” reflicte ben unha problemática tabú na nosa sociedade e que, por desgraza, é demasiado frecuente. A súa poética e a súa sutileza parécenme inmellorables.

    Parabéns ós dous autores. Tremebundo duelo.
    O meu voto vai para “O oso Bilardo”.

  6. De “A artista” gustoume a idea disparatada. Ten un comezo e un desenrolo moi bo. Segundo a miña opinión, hai un pequeno freo na frase “A famosa artista que converte a roupa dos defuntos en adorábeis osiños suspirou de satisfacción” na que parece que se quere meter moita info importante moi rápido, e logo o tramo final está quizais un chisco por debaixo da orixinalidade do resto. É moi bo relato, pero, enfronte ten a Bilardo. e o conto deste oso é bastante redondo sen apenas ningunha mancha. A frase “A miña irmá era unha adolescente tímida. Quizais foi por iso que evitou morrer nun lugar onde a visen estraños de paso” é merecedora de moitos parabéns e en xeral toda a parte na que fala dos ruídos da caída que atormentan a irmá. Sen ser explícito, suxerindo, todo queda claro e a imaxinación fai o seu traballo lendo entre liñas. o final tamén está no nivel e estilo de todo o escrito.

    O meu voto para o Oso Bilardo.

  7. “A artista”
    Gústame a proposta que bordea o distópico, un pouco do estilo de Black Mirror, cambiando a tecnoloxía por arte, unha artesanía que parece marabillar a todos agás á personaxe principal. Porén, o final sae un pouco de ningunha parte, non hai un seguimento tal dos sentimentos como para que adiviñase a natureza do conflito e xustificar como remata.

    “O oso Bilardo”
    Que podo dicir, esta historia é redonda, indo do xenérico ó concreto, abrindo e recollendo cabos. Hai moitísimo sentimento, amosando a través de pequenos detalles. Se lle tivera que poñer un pero, é que a transición para contar a orixe do oso non está fiada de todo, pasa de contar o momento no que a nai atopa á irmá a dicir que a súa tía avoa regaláralles “os osos”, coma se xa soubéramos deles.

    En conxunto, o meu voto é para “O oso Bilardo”.

  8. Mi madriña que nivel hai neste duelo. Gustei moito dos dous relatos.
    De “A artista’ gustoume a ambigüiade ao longo do texto, que non acabas de saber moi ben a que se adica ou cal e o leiv motiv da historia.
    De “O oso Bilardo’ qué dicir! Perfecto, imaxino ao autor cicelando cada frase.
    Nembargantes gusto dos xiros finais que nos pillan por sorpresa e iso sentino con “A artista’. Para nada creo que desencaixe a reacción final, ao contrario, creo que e unha pulsión que se contivo. O meu voto para “A artista'”

  9. “A artista”
    Encantoume este relato a verdade, desfrutei moito de todo o surrealismo da historia que pasea por esa dificultosa senda literaria que transcorre entre o tétrico e o humorístico, pero sen deixar de ser orixinal ou demasiado enrevesado. Agardaba un final un pouco introspectivo e dramático, pero esas gargalladas harmonizaron perfectas co resto da narrativa e fixeron do texto unha historia moi equilibrada, divertida e orixinal. Parabéns!

    “O oso Bilardo”
    En canto á narrativa súmome ó resto de comentarios. Hai pouco máis que dicir. É un texto cunha temática que poidera considerarse “facilona” e que sen embargo consegue unha calidade literaria brutal, sen chegar a ser morboso nin tremendista. Marabilloso tamén o trasfondo da xestión personal do dó, fronte á estandarizada, e por suposto, esas descricións das esceas tan inspiradoras. Parabéns tamén!

    Duelo moi á par e difícil de decidir un vencedor. Son os dous moi bos relatos. Pero voto por a orixinalidade de “A artista”

  10. Boas a todos. Aproveito este primeiro comentario para falar das novidades. Inda que nun primeiro momento o das fotos non me chistou moito (gustábame moito meter temas como “Anal intruder”), teño que recoñecer que o cambio afectou de certa maneira ao certame. A maioría de relatos que foron presentados acuden moito ás imaxes sensoriáis, penso que iso pode ser debido ao evocadora que pode ser algunha instantánea. E iso é algo bo, ou cando menos novidoso.

    “O oso Bilardo” é un desos relatos “sensitivos”. O tema escollido acáelle como un guante á imaxe, todo está contado como debe. É moi evocador sen caer no melodrama. Como se apuntou por aí, fala moito do que ten ser o duelo, do que é lidiar coa dor e coa perda. É un relato moi redondo, para min o mellor da xornada (e iso que hai nivel).

    Como dí por aí Pablo, é unha mágoa que “A artista” atope tan duro contrincante. Porque o relato é realmente fantástico. Esa artista reconstructora de parientes-furry é un achado grandioso. A volta de tuerca millenial das fotos de defuntos, xenial. O final tamén está moi ben, inda que sexa un tanto brusco penso que lle presta. Para min igual sobraba a artista na beirarrúa, penso que ese momento podería quedar mellor entre papa oso e filla.

    O meu VOTO vai para o “Oso Biulardo”.

  11. Penso que este é un dos mellores duelos da xornada. Moitas grazas polo combate aos autores¡
    O oso Bilardo cáelle coma unha luva á imaxe. Dende o mesmo titulo, que xa me parece maxistral. Trata o tema que escolle de forma maxistral, e ten un par de imaxes contrapostas que están moi ben conseguidas. Gustoume moito como non cae en ser explícito, cando sería extremadamente doado.
    A artista tivo moi mala sorte, pois a pesar de ter un contrincante tan endiañado, non se queda moi atrás, a personaxe chamoume a atención, considero que está moi logrado, cunha linguaxe coidada e un ritmo ben pechado.
    Sen embargo, que podo dicir, o meu voto vai para O oso Bilardo. Creo que é o mellor relato da xornada.

  12. Parto da base de que disfrutei a partes iguais dos dous relatos – si, son unha ben queda, qué lle vou facer? -.

    “O Oso Bilardo” ten unha execución impresionante. É desas obras que teñen algo adictivo. Debido á importancia que ten o título nun relato breve, a autora está moi acaida. Do mesmo xeito, a historia está moi ben perfilada, quedando pechado o círculo narrativo.

    “A Artista” describe a dor da perda e determinadas incoherencias sociais dun xeito moi íntimo. Tamén gustoume a orixinalidade da obra.

    O meu voto vai para “O Oso Bilardo”.

  13. O meu voto vai para “A artista”. Gustoume sobre todo a orixinalidade da idea. A ver se cunde o exemplo e reciclamos aos nosos difuntos en peluches, carbón pra a barbacoa ou compost.

    “O oso Bilardo” está moi ben escrito, estruturado e contado. Unha historia moi fermosa pero… pórlle aos osiños nomes de futbolistas arxentinos? Pumpido pase, pero Bilardo…

  14. Son os dous moi bos relatos. Gustoume a orixinalidade de ‘A artista’, pero o do ‘Oso Bilardo’ fíxome sentir máis. Está xenial escrito e trasmite un montón, así que o meu voto vai para Bilardo.

  15. «A artista»
    Gustei da orixinalidade do relato, do retrato dunha parte da sociedade e do que supón unha perda próxima, onde o que se espera das persoas en dó deixa pouca liberdade para que o vivan á súa maneira. Está narrado con precisión, cun gran control do ritmo e do fluxo de información. Ese final parece alleo ao resto da narración, aínda que supoño que esa era a idea. Un gran traballo.

    «O oso Bilardo»
    Adoita ser un tema gañador, do que sea abusa e se fai mal uso, aínda que resulta efectivo en determinadas audiencias. Porén, o relato é magnífico, non soa ao habitual, non cae na hipérbole nin en sentimentalismos baratos. Amosa as diferentes faces do suicidio. Gústame que caracterice a irmá a través da morte, que non teña que regresar atrás para presentala. Está retratado o tabú e o rexeitamento, a dor e a incomprensión. Funcionou todo.

    Parabéns ao autor d’«A artista», podería gañar con este traballo varios dos duelos da xornada, pero bateu cun «O Oso Bilardo» que convencería incluso aos menottistas, para el vai o voto.

  16. Unha vez rematado o duelo, quero agradecer os comentarios tan amabeis que levou o meu oso Bilardo. Fostes moi xenerosos.
    Comentar tamén que me encantou a proposta de Amador.
    Eu, en canto vin a foto (tivemos sorte con ela, dá moito xogo) pensei que tocaba facer algo de temática infantil e triste, mentres que el fixo un relato marabillosamente absurdo e acedo.
    Só unha cousa máis. O nome dos osos vai porque cando vin que debutaba contra o gañador do Premio Xerais pensei: veña, a ver se dou a sorpresa como Camerún contra Arxentina no partido inaugural de Italia 90. Por iso puxen ao pai a ver ese partido mentres os irmáns “mellizos” recibían os osos.
    Boa sorte a todos/as na segunda xornada.

  17. O oso bilardo

    eu tamen pensei na seleccion arxentina dos anos.. bueno, dese tempo, sexa cal sexa.
    este é o meu relato favorito da xornada. Os meus comentarios sempre van dirixidos a dar consellos para mellorar os textos, por iso case sempre falo só dos seus defectos. Das virtudes xa se encargan outros.
    Neste relato é moi meritorio que o autor lograse caracterizar a tantas personaxes en tan pouco tempo. A irmá suicida. O irmán traumatizado. O pai futbolero. Os veciños que escapan desa situacion. Ata a tia-avoa ten unha frase interesante. están todos aí e non se pisan, todos suman, todos reman na mesma direccion. Alguen dixo que hai un corte abrupto entre escenas. Pois eu creo que o seu exito está en desbotar todo o que non hai que contar e ir directo ó gran. E é mellor meter un corte que unha frase de mais. Probadeo nos seguintes relatos, eliminade todo o que non sexa absolutamente necesario, escribide sen adxectivos nin adverbios, quitade os artigos se fai falla, facede que os verbos se sobreentendan, reducide os relatos á minima expresion. E soltadeos así, sen mais, sen avisar, no medio do folio vacio, sen titulo e sen punto final.
    O oso bilardo é tan bo que non deixo de pensar que terá sido do oso Pumpido.

    A artista

    “Mentres eu me culpabilizaba por non sentir o que unha pensa que tería de sentir en intres coma este, o que mallaba na miña cabeza eran os pensamentos do coro que agardaba expectante a miña decisión”
    esta frase está algo saturada, aparte de longa (e inda seguia) é meter dous pensares na mesma cabeza ó mesmo tempo.

    “Entraron, oso e artista, no apartamento. Empurrando o meu ser. Sen pedir permiso nin obter resistencia.”
    aqui por exemplo 3 frases para dicir a mesma cousa, e incluso duas delas para engadir o mesmo matiz.

    Non vou citar mais, o tema é que a reduccion de graxa sempre é boa e este relato sería un mellor rival, contando o mesmo que conta agora só cun pouco de depuracion: menos é mais. O manexo da 1º persoa paréceme bo e a idea de usar frases curtas tamen, só que neste relato parecen mais ben frases longas escritas por entregas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s