‘Matar o heroe’, unha novela sólida

Adolfo Caamaño.

Xesús González Gómez.

Ultimamente lin diversas novelas, en galego e en castelán, das que un pensa que só son «método», é dicir, uso das técnicas narrativas (e verbais) pero sen tirar ningún proveito dos elementos que empregan. Con esta clase ou tipo de novelas (que non teñen por que ser novelas «experimentais») acontece o que acontecía dentro do campo da pintura non figurativa: simplemente presentan algo novo… sen mostraren, en cambio, ningún tipo de novidade. Non se trata, por outra parte, de reclamar de toda novela que se publique que nos presente «novidades», de calquera tipo (argumentais ou técnicas), o que se trata é, simplemente, de que o autor non engane o lector…nin se engane a si mesmo. E, sobre todo, que saiba que non vai descubrir nada novo. Hoxe, coma sempre, as grandes novelas sempre son experimentais: ou de contido ou de técnica, e se ben podemos reclamar grandes novelas, tamén debemos saber que estas se producen, cando se producen, cada vinte e cinco ou trinta anos… agás na literatura galega, onde cada semana aparece una obra mestra, unha excelente, obra, unha boa obra e algunha obra mediocre e só, de cando en vez, algunha mala obra. Ben, na galega e na española, como xa demostramos, penso, noutra ocasión.

Ao que ïamos, despois de ler unha serie de novelas que, con sorte, só eran método (algunha era cousa algo peor, infelizmente), despois de tragar, atragoándome, algunha novela que un non entende como é que se chegou a publicar, xa que o nivel de escrita non pasaba da altura literaria dunha redacción de segundo de ESO —con perdón da/os alumna/os dese curso—, despois de papar máis dunha novela nas que se abusaba dos materiais autobiográficos, sen case «ficcionalización», sen sentido do humor, sen ironía e, moito menos sarcasmo, despois de papar unha serie de novelas infumábeis, sempre é de agradecer que caia nas nosas mans unha novela que, en principio, «se deixa ler» e que apela á imaxinación. Se ademais de deixarse ler resulta que nos interesa, mellor que mellor. E se descubrimos no autor (ou autora) unhas calidades que pouco se deixan ver, ou pouco se notan, na maioría das novelas (esta vez galegas) que limos nos últimos tempos, resulta que, ao final, a lectura resultou gratificante, e no canto de perder o tempo lendo, resultou que o «acurtamos». Mais deixémonos de digresións aburridas e inútiles e digamos o título na novela de que falamos e mais o nome do autor: Matar o heroe, de Adolfo Caamaño, Premio Vilar Ponte de Novela 2018, concedido polo Concello de Viveiro, e publicada pola Editorial Galaxia o pasado ano. 

A novela narra a vida actual, e pasada, dun taxidermista francés que foi condecorado durante a Primeira Guerra Mundial (guerra que, segundo André Breton, «acababa de privar, de todas as súas aspiracións, para lanzalos a unha cloaca de sangue, imbecilidade e lama» a unha serie de mozos, a toda unha mocidade) da que saíu convertido nunha «ruína» humana, fisicamente falando e, como non podía ser doutra maneira, con danos morais. Despois de se recuperar nun hospital vaise de Francia, foxe a unha colonia francesa, a unha pequena vila da Guaiana gala. Desde esta vila comeza a lle escribir a «unha antiga e íntima amizade […] con quen compartiu a tortura e horror das trincheiras» (contraportadista dixit). E escríbelle porque venta que algo raro lle está a acontecer, como se alguén conspirase contra el. As «cartas» do taxidermista explican non só a vida (súa e doutros) no novo lugar onde vive, senón que lembra o tempo da guerra e tempos anteriores. É dicir, cóntalle a súa vida pasada e actual ao amigo. Non só a vida, tamén lle transmite os seus pensamentos sobre a guerra, os homes e as mulleres, a sociedade, etc. Ademais das «cartas», as outras partes da novela desenvólvense entre os personaxes que agora rodean o taxidermista nesa vila da Guaiana francesa, partes narradas en terceira persoa. Pouco a pouco, o lector vai, por medio das cartas e por medio da acción e os diálogos das outras partes da novela descubrindo todos os «misterios», etc. Moitos misterios, moita acción, moita narración, por sorte, ben desenvolvidos, ben dosificados.

A novela está ben desenvolvida, e os capítulos ben dosificados (a pesar de que considero que hai un plus de material narrativo que engorda a trama), porque Adolfo Camaño botou polo camiño directo, é dicir, seguiu os camiños da transparencia e aparente simplicidade e despoxo narrativos que pretenden construír unha trama, sabendo modular os graos e os efectos de cada secuencia, cun matiz de humor ou de drama cando é necesario; matiz que define con exactitude o carácter de cada personaxe (mesmo se pode adiviñar o carácter da antiga e íntima amizade a quen lle escribe o taxidermista, a pesar de que nunca entre, directamente, en escena). Caamaño bota man do que poderiamos denominar a arte do sentido común, a arte de saber encontrar o instante necesario no que hai que saber espertar e revivir, se diso se trata –e nas novelas de máis de duascentas paxinas sempre existen eses momento en que é necesario–, o interese o lector… Mais ese instante debe encontrarse e introducilo na novela sen violencias, e sen forzar os episodios anteriores, mediante elementos novos –e insospeitados– que revelen un cambio de rumbo na trama, e que atrapen unha vez máis o interese do lector. 

Poderiamos preguntarnos se Adolfo Caamaño chega a bo porto, sen que o «atraque» sexa perfecto. Acho que si, que arriba e «atraca» sen demasiados incidentes debido ao seu despregue e coñecemento das técnicas verbais e narrativas… e outros elementos. De primeiras, nótase que o autor non se fía moito nin da descrición nin do retrato. Intúe que os personaxes deben crearse nun punto de encontro entre o seu interior –un territorio secreto que  ninguén pode chegar a coñecer– e a súa imaxe exterior, unha máscara que o lector non pode acabar de crer –e a iso axudan, curiosamente (?), os nomes dos personaxes, os seus apelidos, e do lugar onde, maiormente, se desenvolve a novela. (Ademais de realizar, os nomes dos personaxes e dalgúns lugares, un certo efecto de distanciamento que permite eludir os poucos elementos de inverosimilitude que podían campar na novela.) E este punto de encontro é a voz dos personaxes (sobre todo daquel arredor de quen xira case toda a acción na novela, daquel que escribe a unha antiga e íntima amizade) xa por medio da primeira persoa, do estilo indirecto libre e do diálogo. Hai que subliñar que se ben algúns dos diálogos que inzan a parte escrita polo taxidermista poderían acurtarse mediante unha reconversión e expresalos mediante pensamentos do seu autor (é dicir, do taxidermista), non por iso deixa de sorprender en moitos aspectos o seu dominio por parte de Caamaño: non nos atorde con diálogos verbosos e naturalistas (Zola, malia todo, e malia o que di o contraportadista, fica abondo lonxe), nin tampouco se deixa arrastrar polo perigo de encadealos con frases brillantes. Son diálogos verosímiles, mesmo cando o lector poida pensar que se están a desenvolver nunha escena que «soa» a incríbel.

Controlando os recursos verbais (e técnicos), Caamaño sabe atopar un termo medio que a maioría das veces cativa o lector (acho que se lle «esqueceu» un pouco a personalidade do cabo da xendarmería, que podía dar moito máis de si do que se entrega na novela) pero non lle causa unha indixestión de empatía, xa que só lle deixa medio ver unha personalidade sen facerlle crer que coñece á persoa. Do que resulta unha singular e interesante galería de personaxes. Se lle engadimos un estilo vivo, unha trama ben atopada e ben trabada –logra, a pesar das reviravoltas que lle inflixe, manter o interese até o final– e un control dos recursos técnicos, temos, ao final, unha boa novela, a pesar dos seus fallos, entre eles un final que, ao meu parecer, esixía (ou, cando menos, merecía) unha execución mais brillante.

A novela desenvólvese nun lugar afastado da Galicia; Galicia non aparece na novela, o que non óbice para que sexa unha novela plenamente galega. Como temos lembrado nesta web César Lorenzo e outros, Tolstoi dicía aquilo de «describe a túa aldea e estarás a describir o mundo», mais tamén describindo o mundo, finalmente, podemos, se se ten o talento necesario, estar a describir a nosa aldea, é o que fai Adolfo Caamaño. Porque os problemas e as paixóns do mundo son os problemas e as paixóns da nosa aldea. Unha novela que, acho, consolida un narrador que até hoxe non se tivera moito en conta, a pesar de que entregara unha obra máis que interesante, Soberano, e que nos obriga, de agora en adiante, a esixirlle moito máis. 

♦ Matar o heroe, de Adolfo Caamaño, Galaxia, 2019. 244 páxinas. ♠23€

[P.S. – Na contraportada dise que Matar o heroe «combina a literatura grotesca de Jarry coa paixón pola exactitude de Zola»: sempre é «feo» buscarlle os antecedentes á xente, aínda que nisto da literatura haxa que facelo. Digamos que, para nós, máis que en Zola –e esquézome completamente de Jarry: aquí non o vexo por parte ningunha–, eu procuraríalle antecedentes no cine americano de serie B (e mesmo Z, sobre todo en certos momentos dos diálogos) e, tamén, aínda que non tanto como en Soberano, nas novelas que fixeron populares en España os Marcial Lafuente Estefanía, Silver Kane, Alf Manz, Keith Luger, Clark Carrados, Joe Mogar, etc. Pegada (sic) que se nota nas partes que se inclúen escenas de violencia. E é que moitos destes autores sabían o que era a violencia: a maioría deles participara na guerra civil, e case todos no bando republicano.]  

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s