‘A xusta’ vs ‘Os ollos do abismo’

Xornada 2. Grupo C. Fran Fernández Davila vs Leticia Goimil

A xusta

Fran Fernández Davila.

«O idiota do BMW non era un máis que un adolescente tardío que aos 35 anos xa gastaba máis en gomina que en libros. O cincuentón do Citröen tomouno con calma, apoiou o teléfono no brazo lateral do seu coche, tirou da panca cara atrás e arrincou amodo».

―Cariño xa chegamos, vou preparar a cea!

―Vaaaale! Eu estou aquí a escribir un relato para o torneeeeo!… A ver, como seguía.

«Praza América estaba tan concorrida que o BMW tivo que rodear a fonte detrás da berlina do pai de familia. O deportivo, repleto de cabalos impacientes, rinchaba e movíase con nerviosismo tentando atopar un oco polo que superar o ben coidado C5. Tan só chegando á avenida puido cambiar de carril e ter pista libre para librarse do obstáculo. En pleno acelerón, coa man esquerda no volante de coiro, virou a cabeza e botoulle unha ollada ó adiantado. O malpocado pareceulle un retrato da decadencia: pelo escaso, mirada diluída e papada a medio afeitar».

―Paulaaaa! Apaga a tele e vai lavando as mans! E ti cariño, non te demores, que xa case está!

―Xa voooou! Un momentiño… 

«Foi entón, digo, cando o noso amigo, o home decadente, decidiu pisar a fondo o acelerador do Citröen para facerlle entender ao insensato do BMW que había límites que non se podían superar, e que máis que os de velocidade eran os da educación. Foi entón, repito, como dúas xeracións de testosterona se encerellaron nunha loita pola masculinidade, nunha xusta de cabaleiros de combustión interna que só podía resolverse con humillación ou sangue».

―Derradeiro aviso para vós os dous!

―Teléééééfono!

«Lanzáronse coma dous foguetes sobre a avenida de Castelao. Fixeron que os fondos dos coches chispeasen contra os resaltes hipertróficos dos pasos de peóns. Ceavogaron a rotonda do barco como chalanas rabiosas, proa e popa repartidas nun cerco imposible de non multar. E en modo quenlla de Namibia, nunha éxtase incontrolada de inconsciencia e velocidade, ignoraron os sinais, as advertencias, converxencias e radares para lanzarse como bombardeiros á toma da praia de Samil. Alí descabalgaron a estatua de Europa, xocosa, do touro de bronce no que se montara. Deixárona tirada baixo os piñeiros, sobre a herba, meditando unha xogada de xadrez invisible que quedara debuxada nas mesas do parque. Mazaron con saña no segundo radar da noite e, unha vez emparellados, miráronse e apuntaron ao sur. Encouzaron as augas do Lagares, atónitas e putrefactas, e racharon a brisa mariña contra a costa durmida para entrar no túnel, coma se non acabase alí a estrada, coma se non houbese un mañá… xa nunca… para ninguén».

―Paula, arrinca onda teu pai e tráeo das orellas. Xa collo eu o teléfono.

―Mamá, papá non está na casa.

―Que raro, pareceume oílo teclear… Diga?

―Boas noites, ¿é vostede familiar de…

……………………………..

Os ollos do abismo

Leticia Goimil.

Os subterráneos, profundos labirintos baixo a cidade,  sempre a fixeran sentir segura. Alí, onde non había sol e podía esquecerse do tempo e do mundo, Catia sentía que a eternidade era algo palpable. Pero xa non. Agora as paredes resultan opresivas baixo a luz fluorescente.

Non hai nada cando mira por riba do ombro, mais ela sabe que está aí, agochado nos meandros dese túnel inacabable. Percíbeo nese arrepío que lle percorre as costas coma un lóstrego que a fai apertar o paso.

—Por qué non responde… —murmura, pulsando os botóns do intercomunicador, que só lle devolve a estática.

Nunca tiveran ese problema. O seu traballo habitual consistía en patrullar esa rede de estradas baixo terra e reportar calquera incidencia. Cando a enviaran xunto con Gael a investigar a desaparición doutros vixilantes, o primeiro no que pensaran fora nun accidente, quizais un derrubamento nunha das vías do nordés, pouco empregadas dende que a tensión política lle puxera fin ó comercio coas Cidades Estado do Mediterráneo Norte.

—Gael —proba de novo—, responde, por favor.

Nada.

«Teñen que ser os muros», pensa.

As pescudas leváranos máis lonxe do que nunca chegaran. Alí abaixo as texturas son distintas, con eses materiais que non se empregan hai más dun século. Segue adiante cos ollos cravados no chan, contando as raias brancas que sucan a negrura, preguntándose por que non clausuraran esa ruta inútil.

Un son diante dela fai que se deteña.

—Que demo…?

Aguza o oído. O eco só lle devolve a súa axitada respiración mentres o túnel se contorsiona e pecha os seus cabeiros sobre ela. Apoia a man na parede para estabilizarse á espera de que o mareo remita. É entón cando nota o cheiro e as historias sobre bestas mutantes que escoitaba de nena rexorden na súa mente. Seres das terras baixas arrasadas pola radiación que devoran todo ó seu paso.

No canto de mellorar, as náuseas van a máis. As lámpadas titilan, deixándoa a escuras por segundos enteiros. Obrígase a mover os pés. Cada paso é un esforzo que a fai bafexar.

—Tes medo? —pregunta unha voz infantil. Ao alzar a vista, a man de Catia que suxeita o intercomunicador queda frouxa e o aparato cae. Non tenta recollelo—. Eles tamén tiñan medo.

Unha nena. Non terá máis de sete anos, pero os seus ollos profundos recordan a un ceo primixenio anterior ás estrelas. Catia non é quen de falar.

Tampouco de mirar máis aló, aos corpos dos seus compañeiros.

 

—Catia. Veña, Catia, di algo.

Despois do que parece unha eternidade, a radio emite un chío.

—Gael —responde por fin a voz distorsionada da súa compañeira.

—Si —suspira—, estou aquí.

—Estou ben, pero necesito que baixes. Tes que ver isto.

—Recibido.

Gael toma o equipo e descende pola escada. Tras pasar a primeira curva, un intenso medo o paraliza de súpeto. Diante del hai unha nena que sorrí. Na súa man está o intercomunicador de Catia.

—Eu morrín nesta estrada —di.

E a escuridade péchase sobre ambos.

17 comentarios en “‘A xusta’ vs ‘Os ollos do abismo’

  1. A xusta
    Gustoume a proposta de intercalar o relato que ía escribindo o pai coa escea familiar. Tamén me gustou o xeito no que os dous relatos converxen ao final. Dos relatos “con sorpresa” que leva habidos neste torneo, este foi un das que máis me gustou, quizais polo inexplicábel do asunto.
    O texto que escribe o pai ten o seu atractivo. A loita entre o trasunto do pai e o Makelele de turno fíxome graza por dúas cousas: o cutre do ton, da linguaxe e do ambiente, e mais a actitude do pai involucrándose no personaxe. Solidarizábaste con el. Nunca tería votado polo texto escrito polo pai se fose ese o relato, mais como parodia paréceme conseguida e por iso vai o meu voto para “A xusta”.

    Os ollos do abismo
    Unha proposta sólida en parámetros opostos ao do relato rival. Debo recoñecer que non son moi amigo das distopías. Máis alá de 1984 e O cervo na torre, non houbo ningunha novela dese xénero que me enchese. É por iso que, aínda que este relato está ben construído e ben narrado, atráeme menos. En todo caso, os meus parabéns ao autor/a porque mostra que domina a estrutura e o tempo do relato, consegue manter o suspense e propón unha resolución final que penso é adecuada á temática da historia.

  2. Coido que este duelo foi o que máis me prestou. Os dous relatos son moi bos, por imaxinativos, por metaliterarios, por manteren os autores a esencia da narración: desfrutar contando cousas.

    A xusta

    Á parte de que como vigués me encantou imaxinar unha carreira de bólidos no tempo de Caballero por Castelao arriba e abaixo, penso que o autor/a saíu con éxito dese xogo entre ficción dentro da ficción con entrelazado final. É desas cousas que parecen doadas mais que logo sobre o papel custan moito. Así que parabéns.

    ‘Os ollos do abismo’

    Fóra do título, que me pareceu moi de serie B ou de película de Antena 3, pareceume un bo relato. Ben contado, ben ambientado. Coido que temos aquí un autor/a con alta capacidade para a narrativa, talvez para textos de maior alento e tamaño. De feito penso que o peor deste relato é iso, que utiliza recursos que lle quedan ben a un texto máis longo pero que neste caso coido que sobran (descricións, diálogos…)

    Voto por ‘A xusta’.

  3. Dous relatos moi bos e tamén moi distintos tanto por temática como polo xeito de narrarse.
    De “A xusta” gustóume a ambientación, o xiro final que para min foi impredible ata o último momento e algunhas das imaxes que se empregan no relato dentro do relato. É un relato doado de ler a pesar da complexidade que require telo escrito e que se segue sen problemas, o que facilita entrar nas dúas historias contadas.
    De “Os ollos do abismo” gustoume o misterio que rodea toda a historia pero ao final resúltame un tanto confuso e non estou de todo segura de telo entendido de todo.
    Voto entón por “A xusta”

  4. A xusta

    “―Vaaaale! Eu estou aquí a escribir un relato para o torneeeeo!… A ver, como seguía”
    “pareceume oílo teclear…”
    Creo que fixo algo máis ca oilo teclear.

    Eu interpretei que o escritor se meteu dentro do relato. A outra opcion é que o relato o estea escribindo a sua pantasma, pero paréceme complicar innecesariamente a historia. Tampouco importa demasiado se é así ou doutra maneira, o relato funciona bastante ben, só lle quitaría a referencia ó torneo.
    Gustoume a persecucion, está ben plasmada, inda que non sei por que o do citroen se mete nela. Talvez sexa mellor así: un día de furia temolo todos.

    Penso como Daniel que o ton autoparódico foi un acerto. Tamén se pode tomar nota aqui noutra cousa que funciona. Cada frase da unha informacion nova e distinta, a accion movese e cada vez se achega mais a un desenlace inevitable (sexa cal sexa). Ese tipo de narracion engancha. Ademais o final consegue engadirlle un novo sentido ó texto (sen cambialo, a persecucion segue sendo unha persecucion). É outro exemplo dun final sorpresa dos que eu considero dos bos.

    Os ollos do abismo

    Este relato ten o problema de que o narrador, ademais de ir contando o que sucede, ten que facer horas extra para explicarnos os antecedentes, a ambientación e ata falar de historias de medo para irnos preparando.
    Sempre sonará raro ler a unha personaxe facerse a si mesmo resumos do vivido recentemente:
    “O seu traballo habitual consistía en patrullar esa rede de estradas baixo terra e reportar calquera incidencia. Cando a enviaran xunto con Gael a investigar a desaparición doutros vixilantes, o primeiro no que pensaran fora nun accidente, quizais un derrubamento nunha das vías do nordés, pouco empregadas dende que a tensión política lle puxera fin ó comercio coas Cidades Estado do Mediterráneo Norte.”
    Esta parte podería quitarse e non pasaba nada. Ou polo menos penso que se o relato estivese narrado en pasado estas partes non cantarían tanto.
    Incluso a nena se pon explicativa nas 2 frases que ten. Falando diso, pregúntome por que o/a autor/a repite a mesma escena con Gael, cando podería quedar xa pechada con Catia e dicir aí a frase da curva. A nena por certo supoño que é unha especie de pantasma asasina de seculos pasados. Que atraia ás suas vitimas ou sexa oportunista non importa demasiado, así que para que cortar o relato para meter a Gael no medio cando a nosa prota era Catia?

  5. Os dous relatos están ben narrados e lense con fluídez. E, ademais, gustanme as premisas que ambos manexa (a metaliteratura do primeiro e a distopía no caso do segunto). Considero, iso si, que A Xusta consegue levar mellor a tensión do que vai sucedendo. Vai medrando ós poucos dun xeito moi acaído. Pola contra, ós Ollos do Abismo coido que lle ocorre ó revés. Perde forza tras a primeira aparición da cativa.

    O meu voto vai para A Xusta

  6. O meu voto vai para “A xusta”. A pesar do tráxico final, fíxome rir o relato. Moi ben narrado, directo e cun final sorprendente; quedei con cara de “que pasou aquí?”. Para min dos mellores textos da xornada (se non o mellor).

    “Os ollos do abismo” tivo a mala sorte de coincidir con “A xusta”. É un fantástico relato fantástico, está ben escrito e a historia é moi orixinal. Ambientao moi ben en poucas liñas. Aínda que non entendo moito o final: pensaba que a nena era dunha nova especie de humanos caníbales surxida despois dunha catástrofe nun futuro próximo e resulta que é a “moza da curva” de nena (e por riba psicópata). Non pillei o final pero encantoume o relato.

  7. “A xusta”
    Non creo que haxa discordancia entre oílo teclear ou oílo algo máis que teclear, posto que se nos fixamos, o autor ou autora tivo a finura de non dar a entender en ningún momento que a muller oíra realmente as súas respostas. Non hai “contrarrespostas” dela. Ata o feito de oílo teclear, se pode confundir con outro tipo de son cotiá, que só aparece contra o final do relato, aumentando un pouquiño a velocidade do ritmo cardíaco (xa aumentada por esa carreira tan ben narrada). Ten un final, entre aberto e sorprendente. Non creo que haxa unha resposta concreta ao que lle pasou ó pobre homiño do relato. O autor/a nos explicará con posterioridade o que quixo dar a entender. Agora alguén dirá, que claro, unha vez que sabes o final, xa que importa volvelo a ler, e que non é importante que nunha segunda lectura o relato cobre máis sentido. Nunca estarei dacordo con isto, xa que un microrrelato ao que lle podes sacar máis xugo, sempre é unha boa opción, así cada un, pode percorrer a distancia de camiño que queira. Un estilo metaliterario tremendamente ben usado que me fixo chegar ó final e porme a aplaudir.

    “Os ollos do abismo”
    Somentes podo dicir… wao… Enganchoume a mil este relato. Sí que penso que para ser un microrrelato se centra demasiado en detalles e antecedentes que tampouco nos aportan tanto, inda que se están postos aí será por algo. O feito de que pareza o resumo dun libro completo de suspense, ten dobre fío. Por un lado, sentinme como se acabase de ler unha novela completa, con esa sensación entre gustosa por tela rematado pero tamén con esa mágoa de que chegara ao seu fin. Pero por outro, sendo así, da a impresión de que claro, comes partes das que degustarías na novela que aí van a trompicóns para conseguir chegar ó final sen que se che pasen as palabras, jajaja. A frase da nena tamén me sobra. Ademáis de ser “ultratópica” da nena da curva, tampouco nos facía moita falta. Estamos ante un ou unha gran novelista sen dúbida, e estou desexando ler a versión alongada desta magnífica historia.

    Teño sentimentos encontrados. Por redondez de relato sen dúbida votaría por “A Xusta”, pero dame a sensación de que “Os ollos do abismo” é un grandísimo relato gañador de moitos duelos e que quedou un pouco ensombrecido pola boa chance que tivo o seu rival coa elección do formato. A verdade é que desfrutei moito cos “Ollos do abismo” e quedáronme gañas de máis, así que o meu voto para este último.

  8. O meu voto, sendo xusto, ten que ir para “A xusta”. É un relato ben pechado. “Os ollos do abismo” é unha boa versión do conto da nena da curva mais, creo que por falta de tempo, faltoulle limpar, borrar o que sobra. Seguro que a persoa que o escribiu, con vagar, pode sacar unha versión mellor del dándolle unhas voltas.

  9. “A xusta”. Encantoume este relato, para min o mellor da xornada. O tránsito entre a narración rabiosa do escritor e os diálogos está moi ben montada, ata sacou tempo e espazo para facerlle unha chiscadela aos concursantes. O mellor, aparte do ben feito que está o pique, é o final aberto. Remata con un “faino ti mesmo”: a primeira vez que o lín pensei que o escritor podía ser a pantasma do conductor, despois unha especie previsualización dun futuro e por último o que apuntan varios, que o bó do home se entusiasmou tanto que se meteu na narración (coidado que igual nos ao lelo podemos aparecer no asento traseiro).

    “Os ollos do abismo”, está ben a idea de que ese mito dos nosos días, a nena da curva, sobreviva e se asente nunha distopía. O problema que lle vexo é que, como apuntaron xa outros compañeiros, se gasta moita enerxía narrativa en explicar esa distopía. Isto da case para novela, de feito a narrativa é moi novelada. Igual quitando algunha persoaxe se podería repartir máis o peso, como apunta Lois, ou igual se podía facer unha boa novela sobre o tema. O mundo escuro e distópico atacado de súpeto polas lendas urbanas de tempos pasados… animo ao autor/a a darlle caña ao concepto, senón fareino eu, e por suposto con “can de Ricky Martin” e “parental advisori” incluídos…

  10. Buff, costoume moito, moito decidirme desta vez. Os dous relatos moi imaxinativos,con finais sorpresa e non precisamente felices. A imaxe , moi chula para comezar a escribir unha boa historia coma as que hoxe ( día 1 de encerro) tiven a sorte de ler.
    A xusta, gustame polas duas historias paralelas ,que ó final se espetan unha cara a outra, deixadote Cunha mirada abraiada nun Intre se desacougo.
    Gustame a evolución da historia, a naturalidade da que fai gala, e o final sorprendente ata a última frase. O que non e nada doado.
    Para ela o meu voto.

    En relación a Os ollos do abismo, coido que o título non me parece nada bo. A historia pola contra si. Paréceme moi difícil escribir contos ou novelas de terror,a verdade, así que pareceme moi meritorio non so tratar de facelo senon sair dese reto dun xeito mais que loable.
    Sen embargo, disfrutei mais co primeiro.

  11. Moi bos relatos os dous a verdade, do mellorciño da xornada.
    A xusta está moi ben parodiado, a linguaxe na carreira encantoume, e o final dálle unha redondez que para min, e do mellor que se pode conseguir. Sen dubida un dos mellores relatos que lin.
    Gustei moito de Os ollos do abismo, a ambientación tipo Metro xunto coa niña de la curva, a verdade, fai unha mestura que non imaxinaba que sentase tan ben. Non lle encontro máis fallo que unha lixeira sobreexposición, que se soluciona doadamente. Foi mala sorte ter semellante rival.
    O meu voto vai para A xusta.

  12. «A xusta»
    Gústame o exercicio metaliterario que se propón. A narración en si do pique dos coches, nese estilo conscientemente paródico, comigo non funciona. Seguro que por eiva propia, non me interesan os coches nin as carreiras deles que non impliquen cunchas de tartaruga e mondas de plátano. Non me esperta as sensacións que debería para poder chegar en alto ao remate. Se me gusta o exercicio e non o texto, non imos ben. Respecto ao desenlace, entendín con total naturalidade que a ficción e a realidade fundíronse, que o fulano si que estaba na casa mentres chamaban por el para cear até que deixou de estalo. Funciona da mesma maneira que en «El televisor» de Narciso Ibáñez Serrador.

    «―Cariño xa chegamos, vou preparar a cea!». Ese vocativo ten que ir illado coa vírgula.

    «Os ollos do abismo»
    O exercicio de levar a lenda urbana a un contexto de ciencia ficción tamén me resulta interesante. Adoro como se ambienta a historia, incluso me gustou unha frase sen aparente sentido coma esta «os seus ollos profundos recordan a un ceo primixenio anterior ás estrelas». O ceo é posterior ás estrelas.

    A nena podería dicir a súa frase antes, si, mais tampouco creo que desbarate a conclusión que se nos amose como a cativa atrae as vítimas. Hai algunha parte do texto que se podería suprimir ou darlle algunha volta, pero gustoume (non así o título).

    Se non estou trabucado, [«deixándoa a escuras por segundos enteiros»] en galego a expresión debería ser «ás escuras».

    O meu voto vai para «Os ollos do abismo».

  13. vaia vaia… é que claro, gústame o xénero de terror e por iso mola tanto que apareza un conto como Os ollos do abismo no torneo. Hai cousiñas que xa están moi exploradas, pero eu creo que en tan poucas palabras está conseguido o ambiente e os personaxes das pelis máis palomiteras. De A xusta gustoume esa brincadeira metaliteraria e a descrición da carreira está moi ben no seu tramo máis delirante. Pero o final creo que queda moi forzado con esa frase a medio rematar. uff… difícil decisión. Se cadra A Xusta con outro final… Voto por “Os ollos do abismo”

  14. Pffff…estou dubitativa. Ambos os dous relatos parecéronme moi bos. É unha mágoa que coincidan tan bos relatos un fronte ao outro mais, non é ese o concepto? En fin, tócame elixir.

    “A Xusta” deléitase na análise psicolóxica dos personaxes con tal mestría que nunhas poucas pinceladas xá sabes a que te estás enfrontando. De feito, síntome recoñecida na testosterona do señor cincuentón a pesar de ser unha muller nos trinta, proba de que nos vamos volver tod@s “gilipollas” co paso do tempo. Aínda que estas descripcións das motivacións me fascinan, o final é evidente. Esperaba un xiro argumental ao máis puro estilo WTF.

    “Os ollos do abismo” sorprendeume non pola historia, senón porque o xénero non me termina de gustar pero o relato enganchoume de tal xeito que nin sequera me importou que o final fose máis que sabido.

    Eu voto por “Os ollos do abismo”

  15. ‘Os ollos do abismo’, foi o primeiro dos relatos que lin, e encantoume como está redactado, sobre todo a ambientación e a descripción do principio. Certo é que o xénero non é o meu favorito, pero a pesar diso gustoume moito.
    O problema aparece cando, a continuación, leo ‘A xusta’. Remateino de ler e quedeime, literalmente, sen palabras. A verdade é que non agardaba ese final, e, atopalo despois dunha narración que xa me atraía, pois, guau, alucinoume. O meu voto vai, por tanto, para ‘A xusta’.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s