‘Articulado’ vs ‘Fume e suor’

DAVID BOTANA.

Xornada 2. Grupo D. Elba García vs Marisol Gándara.

Fume e suor

Pechou os ollos ao sentir o lume abrirse camiño polas súas entrañas. Odiaba o alcol pero qué diantres: tampouco quería estar naquel tugurio sentado, exposto, á espera, e alí estaba, con dous descoñecidos unha vez máis. Un branco perfecto, como tantas veces tiña pensado con sorna mentres espreitaba algún obxectivo antes de actuar. Tan branco como a súa vestimenta. Preguntouse como luciría o seu sangue ao empapar o xersei impoluto que escollera nesa ocasión, abrollando dunha ferida de bala no peito. Sería unha mágoa co ben que lle estaba. Mentres se lamentaba, serviuse outro grolo coa esperanza de saciar tanta ansiedade.

Sentiu un cóbado afundirse nas súas costelas, golpealo con forza medio chamando a súa atención, medio reprobando esa nova paixón polo tequila. Mirou de esguello o compañeiro da esquerda: traxe impoluto, bigote peiteado, maior ca el pero, a xulgar pola súa discreción, un novato. Este fíxolle un aceno co puro, sinalando a ateigada pista de baile. O dono do local saudaba un grupo de clientes habituais acompañado dunha das bailarinas desa noite que, aferrada ao seu brazo, intentaba disimular no sorriso o seu medo. Era evidente que coñecía o historial do xefe coas mulleres. 

O compañeiro que tiña en fronte dirixiu a ollada na mesma dirección, sacando con disimulo un pequeno revólver do peto da súa chaqueta. Estúpido. Era a primeira vez que facían unha saída xuntos e, vista a sutileza de ambos, non volvería aceptar nada con eles. Se saían con vida, claro. Xa era arriscado abondo introducirse na boca do lobo como para comportarse así. Levado pola adrenalina do momento ou por un tic froito da tensión, lanzoulle unha patada na perna e unha advertencia coa mirada: non atravesara medio país desde Chicago para estragar a misión dese xeito. Estaban moi lonxe para disparar naquela mesa tan esquinada.

Levou a man ao peto para sentir a dura seguridade da empuñadura da arma que gardaba. Mirou inquisitivo o compañeiro do puro, que asentiu coa cabeza. Colocou ben o sombreiro e colleu o vaso de tequila. Era unha mágoa deixalo alí xa servido.

Sentiu o líquido queimarlle a gorxa unha vez máis mentres se dirixía á pista de baile. Lume no estómago e nas veas, como adoraba esa sensación! Cada vez que se prometía que unha saída sería a última, lembraba esa excitación, esa pequena éxtase ao sentirse caer ao baleiro, ao camiñar con calma e firmeza aferrando a nácara da empuñadura da pistola, saboreando cada un dos pasos que poderían ser os derradeiros. Un berro ás súas costas sacouno do transo. Soou un disparo.

—Mario!! Onde te meteras? Estamos todos a agardar por ti na entrada e estás aquí, embobado. Logo quéixaste de que os museos de cera non che gustan.

De súpeto, a atmosfera de fume e suor esvaeceuse, e atopeime nun longo corredor de luz tenue.

—Ah… si, os mafiosos estes- balbucín, confuso- que me chamaron a atención.

—Os irmáns Marx, dis?

Sentín as miñas meixelas tinguirse de vermello: tremenda telenovela armara.

……………………………………….

Articulado

Parte 1: Días pares: dereita.    

Acendéronse as luces e viuno alí, coma todos os días, coa camiseta branca, impoluta e un tanto escintilante que non lle acaba de acaer de todo. Seguía a fumar aquel medio cigarro que semellaba durar unha eternidade, mentres sostiña un vaso que nunca remataba de beber. Non había comicidade ningunha, pura ironía. 

Sorría. Non embargante, por dentro só quería chorar, berrar ou xurar nun hebreo que apenas lembraba. Sorriu porque se supoñía que era o que tiña que facer e porque iso poñía nun contrato que firmou ás présas para decatarse, moito tempo despois, de que fora un erro e  debería ter lido a letra pequena. Traizoouno o seu representante ou fóra só o desexo de perdurar no tempo? 

“Onde demo estará agora ese vendedor de actores?” —preguntouse a si mesmo. Seguiu sorrindo porque o espectáculo continúa. Continuamente.   

—Maldita inmortalidade! —murmurou, sabendo que non era de todo el o que dicía iso. 

—Mmm, espertou co pé esquerdo, Grouchiño? 

—Mil veces che teño dito que non me chames Grouchiño!

Órale güey, non se me anoxe —dixo o seu compañeiro de mesa mentres sostiña a mirada fixa en alguén que non alcanzaba a ver. 

—Que pasa agora?

—Ese pendejo que volve ameazarme.  

Suspirou por dentro e mantivo o sorriso por fora mentres miraba de esguello ás costas da Marilyn, xusto diante da súa mesa, fóra de campo. 

Parte 2: Días impares: esquerda 

Acendéronse as luces e mirou á esquerda para velo alí, serio e orgulloso co seu traxe perfectamente cortado. Totalmente aliñado co respaldo da cadeira, suxeitaba a pistola cruzada sobre o peito como se estivese maquinando algún asunto escuro. 

Non dixo nada porque o outro era home de poucas palabras e no fondo estaba farto de ter a mesma conversa día si, día non, día tras día. Sorriu tentando dar unha pitada ao puro que sostiña nos beizos, aínda sabendo que non lle ía saber a moito. 

Seguiu concentrándose no sorriso como só fan os tolos ou os visionarios e non deixaba de mirar co rabiño do ollo para a botella enriba da mesa.    

—Míster Marx, estao a molestar este individuo? A un sinal seu podo esparexerlle os miolos e ninguén oirá un chío.

—Non, non, todo está ben —respondeu.  

—Sería un pracer, Míster Marx, a min tampouco me gustan os seus modais. 

—Si, xa, pero que lle imos facer! 

—Ás súas ordes Míster Marx, e ás da súa maxestade —requintou.

—Eu non teño maxestade —dixo nun ton de fastío. 

—Non será vostede ruso… ou un espía, verdade Míster Marx? Non quixera ter que matalo!

—Se puideses, non me importaría —bisbou mentres pensaba no seu destino céreo, no tapizado das paredes e naquela mesa ridícula na que o sentaran para toda a eternidade. 

—Maldita letra pequena!—dixo mentres seguía sorrindo. 

Parte 3: fóra de campo.

Acendéronse as luces e oíuse berrar ao encargado do museo —Pepe! Pepe! Viraches a cabeza do Groucho ese?

—Non señor, agora ía facelo. 

—Pois bule, para unha figura que temos articulada!  

 

20 comentarios en “‘Articulado’ vs ‘Fume e suor’

  1. Ambos relatos son moi parecidos entanto empregaron o mesmo escenario e teñen un xiro final, moi breves e en forma de diálogo, que serven para explicar o sentido do relato. Dalgún modo, o primeiro relato axuda a situarse no segundo. Aínda que o ambiente de “Fume e suor” é moito máis intenso, é tamén un relato bastante máis lento xa que é case todo narración. “Articulado” ten tamén unha proposta máis orixinal, centrándose no punto de vista dun protagonista bastante particular. Este personaxe resulta máis cercano, cuns sentimentos descritos con bastante graza (“por dentro só quería chorar, berrar ou xurar nun hebreo que apenas lembraba”) e un trasfondo interesante respeto ó prezo da inmortalidade. Aínda que o apuro de Mario é unha situación crible e coñecida creo que para todos, non vemos tanto del.

    Tendo todo en conta, o meu voto vai para “Articulado”.

  2. Os dous relatos se apoian tanto na imaxe que case non se entenden sen ela (non quero dicir que iso sexa malo).

    Fume e suor

    A narracion ten o seu atractivo. Penso que lle conviña un ritmo mais rapido e evitar certos tópicos. Falo de como se contan as cousas, de frases feitas e expresions gastadas (todos as reconocemos), non do que sucede. Tamén lle conviña usar nomes en vez de “compañeiro”, e tamen, xa que é ficcion, ter gastado mais presuposto no que acontece no relato, aproveitar que non vas ter que resolver un final para a escena do bar e subir a aposta, freneticamente, con mais accion, con menos explicacions, que cada frase fose un mundo novo, sempre gardando a coherencia do universo creado, neste caso realista, pero con mais tension e gancho.
    Con respecto ó final, eu deixaria que a ultima frase fose a da nai dicindo que son os irmans marx (que non son os da imaxe) e xa está.

    quero apuntar outra cousa. para min este non é un relato cun final sorpresa (ou xiro final) dos que considero legais. porque a parte dos mafiosos ten sentido por si soa, é inventada dentro do universo do relato pero o final non cambia o seu significado, a escena ten o mesmo valor e profundidade, non cambia nada que sexa unha ensoñacion de Mario. Tamen se nota en que a autora non ten que ocultar ningunha informacion durante esa escena (as personaxes non saben que son inventadas). En resumo, o xiro engade un significado novo sobre o xa existente pero sen cambialo.

    Articulado

    Se no anterior relato a narracion me atraeu, neste atraeume mais o concepto (e menos a execucion). Creo que o narrador se pasou de redundante. As cousas basta con dicilas unha vez, excepto se logo dis o mesmo de forma diferente. E aqui semella que o relato se vai construindo arredor de 4 elementos que se repiten, sorrisos, cigarros, bebidas e cousas que pasan dia tras dia, dia si dia non. Tamen hai un tipo de estrutura das frases que se repite, hai 18 “non” no relato, unha proporcion tremenda para 500 palabras. Están case á altura dos “que” (20).
    Os dialogos pareceme que están desaproveitados. Non lle vou pedir que estean á altura desas personaxes, claro está, pero para o espazo que ocupan de relato non aportan demasiado e iso é indirectamente un problema (incluido o final).

  3. Que curioso este duelo! Tal parece unha desas series nas que rodan dúas alternativas do episodio final para evitar filtracións.

    Fume e suor
    Paréceme que é un texto ben narrado. Como comentou Leticia, ten unha atmósfera ben definida. Podes percibir ese ambiente de club nocturno frecuentado por gangsters. Tamén gustei de que non se abusa da adxectivación nin da posibilidade de usar frases ou acenos típicos de tres personaxes tan recoñecibeis como Groucho, Cantinflas e James Bond. Nese sentido, móstrase a pegada da autora.
    O final de “todo isto foi unha fábula que me montei” non me parece o máis adecuado. Réstalle un pouco de orixinalidade ao texto. Xa está algo visto. Tampouco me acabou de quedar clara a relación de Cantinflas co alcol. Por un lado di que o odia, mais por outro semella que lle encanta a sensación de telo nas veas. Igual é algo da personalidade real de Mario Moreno que eu non identifiquei. Non sei.

    Articulado
    Gustoume tamén a proposta de centrarse nun personaxe que mira a dereita e esquerda. Tamén, ese malestar de Groucho por estar alí metido para toda a eternidade pensando que o enganaran. É unha situación cómica e absurda moi ben conseguida. Para min é o mellor do relato e penso que o narrador debería ter concentrado toda a súa atención niso.
    No seu lugar introdúcese moito diálogo, (especialmente con James Bond) que, ao meu ver, non aporta demasiado ao texto. Como dicía no comentario anterior, penso que é un recurso demasiado manido o de usar referencias a frases célebres do personaxe. A autora evitouno con Groucho (parabéns!), pero caeu na tentación con Cantinflas e Bond.

    Resúltame difícil decidir. De boa gana daría un empate, mais como o César pon as reglas e vese que lle gusta a “morte súbita” doulle o punto a Fume e Suor, pola valentía de narrar máis e dialogar menos. É unha preferencia persoal miña. Supoño que para outros será á inversa.

  4. Un par de bos relatos tirados con moito oficio.

    De Fume e suor, chamoume a atencion a imaxinación visitante despistado que confunde ós irmáns Marx cuns mafiosos. A confusión dos acompañantes que mestura a Cantinflas con Chico e a James Bond con Zeppo, supoño.
    De Articulado encantoume o punto de vista e o desenvolvemento. Arrincoume un sorriso, cousa que agradezo neste coronauniverso paralelo que semella estamos a vivir. A frase “Se puideses, non me importaría” paréceme sublime. Describe de forma moi eficaz a pesadez que sinte o personaxe central, indefinidamente condenado a aturar por quendas a un e a outro. Consólame saber que dende hoxe mesmo descansará 14 días.
    O meu voto vai para Articulado.
    Parabéns ás autoras.

  5. É certo o que di Lois Z. Neste duelo, a foto non inspira senón que complementa os textos. Polo tanto, coincido con Daniel Ugarte, parece como se asistísemos ao final do mesmo conto. Neste duelo hai un terceiro protagonista, o Botana que fixo e enviou a imaxe. Parabéns. Pensei que logo do de Anal Intruder (ver segundo torneo) xa non podías superarte.

    ‘Fume e suor’

    Hai pericia e oficio narrativos. Quizais algo de inxenuidade e certa elipse (aproveitando a propia foto, como dixen) que non me acaba de convencer. Pero hai imaxinación, unha imaxinación así como inxenua, sen desbravar, unha imaxinación moi acaída para un torneo de relatos. E valóroo moito aínda que haxa erros evidentes no traballo de ambientación.

    ‘Articulado’

    Humildemente, paréceme moi doado optar por personaxes que non son o que parecen a partir dun paradoxo, neste caso o do boneco-actor. Seguro que funciona ás veces. E estou certo de que a autora deste relato conseguiu sacarlle certo zume a este tópico narrativo. Pero coido que ficou na tona. Hai unha caracterización moi superficial que me afastou do texto, desde o vocabulario máis propio de Narcos que do Cantinflas até ao protagonismo da articulación do boneco-actor. Si valoro a estrutura do relato, que me parece arriscada (polo pouco tamaño do relato) pero que non embargante funciona e fortalece o texto en xeral.

    Voto por ‘Fume e suor’.

  6. Ámbolos dous relatos gustáronme bastante. E tamén en ambos coido que lles sobra a parte final. No caso de Fume e Suor porque coido que non aporta nada que sexa unha especie de ensoñación e no caso de Articulado porque só recalca o xa evidenciado. En ambos gústame a idea plasmada (algo máis orixinal en Articulado) e creo que están ben narrados (un chisco máis Fume e Suor).

    Tal como comenta Daniel se por min fora neste duelo repartiría os puntos pero como non se pode voulle dar o meu voto a Articulado.

  7. Que pasada! Nin que as autoras se puxeran dacordo! Parecen dous capítulos dunha mesma serie. Xeniais! Curiosísimo tamén como no primeiro relato, o polo branco lle “estaba ben” e no segundo, “non lle acaba de caer de todo” xD

    “Fume e suor”
    O que máis me gusta deste relato é a narrativa a modo de peli do oeste, en unha ambientación tan diferente. Faise moi ameno e entretido de ler. Non se para excesivamente en descripcións dos arredores. É áxil, vai contando o que pasa a bo ritmo. Recoñezo que o final non me convence moito, pero en xeral o relato gustoume. Fíxome moita gracia o de “bigote peiteado, maior ca el pero, a xulgar pola súa discreción, un novato”.

    “Articulado”
    Como xa dixen noutras ocasións gústanme os formatos diferentes, e este, a modo de esceas teatrais e diferentes visións está moi currada. Ten momentos moi bos que son moi característicos e recoñecibles dos personaxes “encerados”. Despois, inda que unha queira pasar por alto ese “dia si, dia non, dia tras dia…” é difícil, porque chirría bastante. Posiblemente a autora non se decatara. Estas cousas pasan. A min os diálogos gustáronme. Son moi acordes ás personaxes. As “terceiras persoas” que aparecen no relato son máis idóneas e definidas quizáis que no anterior, e ten dous elementos a favor, dende o meu punto de vista. Un é que ten un fío causal. Mentres que a anterior autora se limitou a ir dirixindo a escea, aquí aparece un “contrato de inmortalidade” que lle dá sentido ó nudo do relato. Outro o final, que sendo os dous simpáticos, a nivel personal pareceume máis elegante.

    Por estes últimos motivos, o meu voto vai para “Articulado”

  8. O meu voto vai para “Fume e suor”. Encántame a telenovela que se montou o tal Mario. A historia flue e o final inesperado está moi ben collido e arrincoume un sorriso.

    “Articulado” ten unha lectura áxil e está contado dun xeito moi orixinal. Tamén ten a súa graza. O mesmo é cousa miña, mais coido que nesta xornada hai máis relatos cun ton humorístico ca na anterior.

  9. A verdade e que a foto me parece unha das mais difíciles da xornada, Sen lugar a duvidas!!!!!!e Xa por iso os dous relatos me parecen moi moi moi ben resoltos.
    Paradóxicamente ningún dos fináis cautivoume.
    Ainda que Articulados é moi orixinal e se fai moi agradable de ler, gustoume moito mais Fume e suor, especialmente a tensa ambientación, que me parece boisima.
    A verdade es que partindo desa foto,as duas autoras merecen unha boa ovación.
    O meu voto e para “fume e suor”

  10. Ía pedir perdón pola foto… pero realmente disfruto as gotas de súor e insultos á miña persoa que podo ver entre cada liña de cada un dos relatos. Neste experimento audiovisual queda claro que as imaxes onde destacan certos elementos focalizan as narrativas (véxase a limusina rosa). Ao choio.

    “Fume e suor”, relatiño moi ben contado. Como di César está impregnado de certa inxenuidade que lle acae moi ben, pois é a fantasía dun rapaz. A min tamén me pedía o corpo máis acción, e tamén me sobre a reflexión do rapaz ao final.

    “Articulado” aquí penso que fallan algo máis as maneiras. É certo que os diálñogos podían estar algo mellor, ter un plus de chispa. A presencia do contrato dalle outro punto a ter en conta, algo máis que aliña a ensalada e que favorece moito ao relato na post-lectura. En xeral a idea é forte, e ten máis punch que o seu rival, pese a que o primeiro está mellor técnicamente.

    Así que hoxe vou VOTAR polo fondo e non polas formas elixindo a Articulado.

  11. Pedazo imaxe para moi bos relatos. A verdade é que a imaxe xa prometía moi bo escenario. Noraboa¡
    Fume e suor chamoume moito o principio, pero que cara o final foime perdendo o encanto. Acho que quizais fose algo forzado. Aínda que se me fixo moi entretido, a verdade.
    En Articulado tamén apreciei ese humor, mais teño o mesmo problema do outro relato co final, e nesta vez paréceme que está por cumprir co titulo. Os rexistros de cada personaxe tamén os sentín pouco naturais, pero non acabo de decidirme se iso é tan malo O que resta diso é un relato moi bo e co que creo que vou quedar nesta ronda.
    O meu voto, polo tanto, vai para Articulado, aínda que o escollo por gusto persoal, pois creo que ambos os dous están moi igualados en calidade.

  12. Como xa se comentou, as dúas van á literalidade da escena (levándoa a un mundo de ficción), resulta unha forma moi interesante da afrontalo. Tamén destacaría, non sei se para ben ou mal, a escolla de Botana para poñer esa imaxe en xogo. Esperaba que alguén se metese nese indescritíbel mundo que conforma un museo de cera e a obra dos artistas encargados de levar a personaxes famosos a ese infraestado de existencia.

    «Articulado»
    A idea detrás do relato paréceme moi orixinal: ese contrato e esa vida binaria outorgada pola articulación do pescozo. Na escrita hai partes interesantes, mais noutras falta forza, é unha mágoa que non afondase máis nos personaxes.

    A(s) coma(s) do vocativo van e veñen.

    «Fume e suor»
    A min non me parece mal que se aproveite a imaxe para elidir elementos, creo que é unha ferramenta lexítima que pode axudar a axilizar a narración (a fotografía vai antes dos relatos). O que máis me gustou foi a ambientación, que se logra a través dunha boa escritura. As palabras están ben escollidas (alén dalgunha expresión habitual), fan que o relato suba en tensión até ese final peculiar. Non ten a conclusión ideal, mais como di David o que se conta encaixa perfectamente coa fantasía dun mozo. Non estraga o bo que hai antes.

    Gústame máis a estrutura e orixinalidade de «Articulado», pero a literatura de «Fume e suor» transmitiume máis (para el vai o meu voto).

  13. Gustáronme os dous relatos e penso que hai un certo empate aí porque están centrados totalmente na foto. En “Fume e suor”, se non erro, hai un fallo de racord time co tequila. Ao primeiro non lle gusta o alcol, despois bebe porque está aí e ao final “adora esa sensación”. Se son eu que non o entendín, que me corrixa a autora cando rematen as votacións.
    En canto a “Articulado”, fíxoseme moi longo o segundo diálogo. Penso que non perdería nada o relato capándoo á metade. Polo demáis, parabéns ás dúas autoras. Fixéronme sorrir e desfrutei coas dúas lecturas.
    Chamádeme repunantiño, pero o do tequila fíxome renxer os dentes e fai que o meu voto se decante para “Articulado”.

  14. As dúas autoras aproveitan ao máximo as imaxes para crear historias que, a diferenza do que lin noutros comentarios, parécenme completamente distintos, empezando polas técnicas.

    “Fume e suor” está ben fiado ou a mín así mo pareceu. O percorrido agradoume pola súa complexidade.

    “Articulado” é moi atrevido e aínda que adoito dar o meu voto á autenticidade, o certo é que non me acabou de convencer o relato. Unha cuestión de gustos personais, en realidade.

    O meu voto vai para “Fume e suor”.

  15. Tamén neste o nivel vai moi parello e custoume decidir. A idea do campo de visión de “articulado” ten moita graza, ese punto de vista do boneco marcado pola rixidez da cabeza é moi boa idea. Pésalle certas repeticións. De “fume e suor” gustoume a idea da cabeza a montar unha historia, heheh… xa, o tema de que todo foi un soño de Resinas está moi visto, pero isto sendo parecido non é o mesmo, montar unha batalliña mirando para tres bonecos de cera e que che interrompa ¿a túa nai?, é unha pequena homenaxe á imaxinación. ademais ten un estilo, como xa dixeron, moi naif que lle acae ben. Voto a fume e suor

  16. Volvo votar aquí a petición de César.

    Coincido cos comentarios doutros que din que para entender ambos relatos case é imprescindible ver a fotografía; tamén teño que dicir que non me parece que esta llelo puxese fácil ás autoras! Igual era o camiño obvio optar, como fixeron as dúas, polo relato con desenlace sorpresivo en forma de caída da cuarta parede. Tamén por unha escrita moi “visual”, moi pegada ás referencias que coñecemos polo cine e a televisión, un pouco “pop” se cadra. Neste sentido, penso que as dúas autoras fixeron un traballo moi apreciábel. “Articulado” propón diálogos moi áxiles, moi atractivos, dentro do ton “pop” que dicía antes, pero “Fume e suor” controla mellor o ritmo e a tensión do propio relato, e por iso o meu voto é para este último.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s