‘O esquivo tempo’ vs ‘A dona do tempo’

JORDAN BENTON/PEXELS.

Xornada 2. Grupo C. David Botana vs Diego Casal.

O esquivo tempo

David Botana.

Benquerido amigo. Despois de tantos días a escribirche, por fin teño algo que contar. Nun dos meus paseos polo zoco atopei algo incrible, poida que á fin sirvan para algo estas “vacacións” que me obrigou a tomar a universidade. Pousado nun destartalado posto respousaba un fermoso reloxo de area que focalizou a miña atención. Logo dun anaco absorto, prendido do escintileo do sol nese río areoso de tempo, deime de conta de que o torrente non minguaba, era constante. Merqueino, os cinco euros mellor empregados da miña vida. Levo pendente del todo o día, a area cae sen fin, sen necesidade de xiralo. Teño unha singularidade embotellada. Ana volveume mirar con esa cara.

As dores de cabeza que tan ben coñeces apareceron de novo, o forno do meu maxín prende coas teorías. Por cada gran que cae outro sobe en sentido contrario. Ao darlle a volta tan só se reinicia o eterno ciclo. Se o tumbas debuxando o infinito, a area persegue a improbabel gravidade horizontal nos dous sentidos, á vez! É coma se o tempo se mirase nun espello. Isto é o achado científico do século! Ana está moi enfadada, di que é un truco, que cinco euros non abondan para embotellar a entropía. Logo volveu coa cantinela de sempre: a universidade, o proxecto, ti… Menos mal que non sabe que che estou a escribir. A doutora díxome que isto podía ser bo para min, pero ela non o entendería.

Ana foise á excursión soa, rosmando. Aproveitei os vidros e os azulexos do baño para tirar hipóteses. Que loucura! Coma naquela fin de semana en Suíza, lembras? Menos mal que estabas comigo, peneirando aquela frenética creatividade co teu analítico talento. Oxalá estiveses aquí. Rematei esgotado, cheo de tinta, pero creo que o reloxo conecta todo o que deixamos a medio facer e abre infinitas novas vías. Que tarde é, teño que limpar antes de que volva Ana. Estou canso, mais feliz. O esquivo tempo está de novo ao meu alcance.

Non me vou ter que agochar máis para escribirche. Ana atopou as cartas e as notas transcritas do estudo sobre o reloxo. Discutimos, díxome que perdera a cabeza de todo. Logo colleu o reloxo e guindouno ao chan. Eu… non lembro o resto. Teño sangue e area nas mans. Era un truco, sabes? Tan obvio que non o quixen ver. Dóeme máis a estafa da miña pedra Rosetta que a visión do corpo exánime de Ana. Non estou ben. Contigo pasoume algo semellante. Eras a asíntota da miña mente hiperbólica, mais nunca souben realmente nada de ti, non fun quen nin de chorarte. Todos din que te matei eu, que te levei ao límite. Non me deixaches nin unha nota.

Estamos sós e a ninguén lle importa. Non sei canto durará. Vai calor, Ana fede. As hipóteses agroman pese ao calote da singularidade. Vouno reconstruír, tal cal o vin. Coma un torrente de tempo puro. Infinito. Oxalá estiveses aquí.

…………………………………

A dona do tempo

Diego Casal.

Mentres busca a chave correcta —atopou preto dunha ducia no cuarto de seu pai— segue sen saber o motivo polo que este lle ocultou durante tantos anos que, en realidade, non vendera aquela casa. E pregúntase se haberá máis segredos agochados no resto das chaves.

Sente algo de anguria ó recordar a última vez que estivera alí, o día da morte de súa nai, e debe acalmarse denantes de entrar. Mais todo concorda coas súas lembranzas. Aquela casa semellara conseguir agocharse do tempo. Pasea pola sala transformándose, case coma nun soño, naquela cativa que agatuñaba polo moble de vimbio ata que seu pai lle rifaba por armar demasiado barullo. Ou á que se lle esborrexía un xeado, por estar demasiado atenta ós debuxos, ata formar unha mancha na alfombra imposíbel de limpar. Ou tamén na que xogaba entre as pernas de súa nai cando esta era aínda capaz de pasar horas pintando. 

Sobe ó seu antigo cuarto. Alí foi onde seu pai lle dixera que se mudaban a aquela casa de verán definitivamente. Aquel cálido e salgado lugar parecía ser daquela o seguro remedio á enfermidade de súa nai. Lembra o seu anoxo (que infantil lle resulta agora!) por ter que abandonar os seus amigos. E rememora avergoñada como, saloucando, soltou aquela frase que aínda a persegue: “Dáme igual o que lle pase a mamá”. Esa fora a única vez que seu pai lle pegara.

Vai ó cuarto de seus pais e senta na cama. Os derradeiros meses, cando súa nai empeorara e xa nunca saía, unicamente ela durmía alí. Seu pai facíao no sofá para así deixala descansar mellor. Na mesiña, sorpréndese, aínda está o fermoso reloxo de area que compraran, tras moito relear, no mercado da vila. Adoitaban pasar horas xogando ás palabras encadeadas, o seu xogo favorito. Súa nai, a maioría das veces incapaz xa de participar debido á medicación, ocupábase de controlar o tempo para responderen. “A dona do tempo”, chamábanlle. Ata agora non se decatara de ata que punto era acaído o alcume. Naquel tempo todo xiraba en torno á enfermidade de súa nai. “Enfermidade – Defunto – Tótem – Tempo”, pronuncia en voz alta sen apenas dubidar. “Segue a dárseme ben”, pensa.

Sae á parte traseira da casa, a que dá cara á praia. A area arrastrada polo vento case cobre toda a madeira do chan. Segue alí o banco que seu pai lle fixera, mal que ben, a súa nai. Para que esta puidera descansar mirando o mar cando xa non era quen sequera de pisar a praia. Ó ir sentar, tropeza nunha táboa solta. A mesma debaixo da cal acostumaba agochar os seus pequenos tesouros. O reloxo de area, aínda nas súas mans, escorrégaselle e o cristal crébase ó caer ó chan. Tenta, lixeira, tapar a fenda, porén, non pode evitar que aquel minuto ateigado de xogos e de risos mais tamén de medos e temores, fuxa devagar ata mesturarse co tempo infindo da praia.

28 comentarios en “‘O esquivo tempo’ vs ‘A dona do tempo’

  1. Dous relatos moi distintos. Dúas variacións dun dos grandes temas da literatura desde sempre: o tempo. O tempo é un excelente material narrativo e penso que ambos autores, de teren máis tempo, poderían extraer máis zume á foto do reloxo de area. De feito, estou a cavilar en facer un torneo de relatos, algo máis longo, pero con moito máis prazo de execución, para ver como o factor “tempo” é quen (ou non) de modificar a actitude e obxectivos dun adestramento literario coma este que compartimos estas semanas entre todos.

    O esquivo tempo

    Os textos relativos ao xogo entre os diferentes tempos (o tempo da historia e o tempo narrativo) son unha das especialidades de Lois Z e estou certo de que lle vai dar moito xogo este relato epistolar. O que me ocorreu con este texto é que podo desfrutar co seu punto clásico (xa non se escriben cartas; todas as cartas literarias son coma estrelas, fotos fixas doutro momento do mundo) pero a partir do segundo parágrafo quedei sen referencias. É unha carta ou son varias? A literatura epistolar ten as súas regras: cabezallo, data, sinatura… Aquí todo está mesturado. Tamén se me fixo bóla a resolución do tempo infinito. Deducín que Ana é a destinataria da carta pero non atopo xeito de encontrar o motor dese tempo circular en base á anécdota do reloxo. Se a cousa era unicamente de ciúmes paréceme unha resolución algo tremedista. Se o narrador é un tolo, falta delirio. En resumo, pareceume todo a medio cocer.

    A dona do tempo

    Coido que este relato está máis acabado aínda que penso que adoece de dous grandes defectos: a adxectivación, que coido excesiva e ás veces inoportuna, sometida a un punto sentimentalista que me distancia moito co texto. E tamén o marco do relato: Nun texto tan curto eu precisaba un marco máis axustado. Aquí todo parece estenderse sen control: o tamaño das frases, os enfoques… Hai como unha aposta estratéxica por un relato máis amplo en clara contradición cos propios límites do relato. A pesar disto, penso que o autor ten madeira para o relato realista: atende ben os detalles, sabe incorporar pequenas pinceladas nas personaxes para parecelas parecer complexas. Esa amplitude do marco da que falo obrígao a tomar determinadas decisións argumentais e penso que sae mellor delas que do uso dos cualificativos, por exemplo.

    Voto por ‘A dona do tempo’.

  2. Un duelo de bo nivel, na miña opinión.

    O esquivo tempo
    Gustoume moito o inicio desta historia. O formato de carta (aínda que como di César logo non se sabe ben se continúa) e a forma na que se conta a compra do reloxo convenceume. Gustoume moito tamén como se describe despois esa “singularidade embotellada”. Visualicei o protagonista fedellando no reloxo e tomando notas totalmente excitado. Penso que é a mellor parte do relato.
    Logo, debo admitir, perdinme un pouco. O que eu entendín é que o narrador é unha mente perturbada, un pouco no estilo de “Unha mente marabillosa”. Nese sentido, penso que está ben caracterizado. Tamén entendín que hai cando menos un asasinato. A teor do comentario de César, pensei que podía haber unha relación entre ese tempo circular, o asasinato e o destinatario da carta. Podería funcionar. Mais, a min que non son un lector particularmente espelido non me quedou claro. Penso que se esa era a intención do autor, debía telo deixado máis claro.

    A dona do tempo
    É unha historia máis clásica, na que se usa a nostalxia polo tempo pasado como fío condutor. Como di César, pode haber, en momentos puntuais un exceso de sentimentalismo (“Mais todo concorda coas súas lembranzas. Aquela casa semellara conseguir agocharse do tempo”, “non pode evitar que aquel minuto ateigado de xogos e de risos mais tamén de medos e temores”) mais en conxunto creo que está moi ben narrado e que ten momentos de gran calidade literaria. O primeiro, o título. Convenceume totalmente. O segundo, o detalle das palabras encadeadas. Ese momento dalle moita personalidade ao protagonista. E por último, a imaxe final, na que o o reloxo de area escacha e se mistura coa area da praia. De feito, a imaxe é tan boa que penso que precisaba unha frase máis curta para expremer todo o seu potencial.
    O meu voto vai para A dona do tempo.

  3. “O esquivo tempo”
    A min tamén me sacou un pouco da historia que sexan varias cartas, porque sen indicativos, con este formato, parece que vai contar todo dunha tirada. Polo demais, non vexo esa paradoxa de que Ana sexa o destinatario, xa que o protagonista fala dela e do destinatario de forma diferenciada, co cal o relato, quitando a parte da ciencia, paréceme sinxela.
    A obsesión e o illamento véxoos ben retratados, rasgos que xa viñan de antes (“Aproveitei os vidros e os azulexos do baño para tirar hipóteses. (…) Coma naquela fin de semana en Suíza, lembras?”) e que agora se exacerban (pola perda?) ata o punto de poñer a investigación por riba dunha vida. Hai frases moi boas, ademáis das referencias científicas chamoume a de “Ana volveume mirar con esa cara”, pois creo que di moito. Tal vez precisaría algo que enlace a morte (en xeral) co tema do traballo, ou pode que esté e eu non o vexa, pero agora mesmo parece que o relato ten dous temas que se atopan de forma accidental.

    “A dona do tempo”
    “…non pode evitar que aquel minuto ateigado de xogos e de risos mais tamén de medos e temores, fuxa devagar ata mesturarse co tempo infindo da praia.” Para min esta frase merece un aplauso en pé. Perde un chisco ao estar precedida por ese anaco con tantas comas e cun adxectivo (“lixeira”) que non parece que engada valor. A miña recomendación sería: “Tenta tapar a fenda, mais non pode…” para que se lea con máis fluidez.
    A meirande parte do relato sabe un pouco a preámbulo, aporta moitos datos e non todos son relevantes para a conclusión, pero pintan un retrato familiar que é necesario para darlle verosimilitude. Tal vez eliminaría o primeiro parágrafo, porque con el custa un pouco arrancar, e é información que non preciso; a fin de contas, dame igual que a protagonista soubera ou non que a casa aínda lles pertence. Porén, hai detalles bos, como esas catro palabras encadeadas que son basicamente o resumo da historia.

    Gustei de ambas historias, pero voume decantar por “A dona do tempo”, que enlaza mellor os elementos que introduce.

  4. O esquivo tempo provocoume malestar. Pareceume transmitir moi ben a elasticidade do tempo e a situación mental do protagonista. A historia ten dous xiros marabillosos que fan suba moito o nivel deste concurso.
    A dona do tempo tocoume no persoal. Recordoume situacións propias. A metáfora da area perdéndose entre máis area, do tempo dunha vida diluíndose na eternidade é do mellorciño que lin ultimamente.
    Deberían puntuar os dous, pero como teño que escoller, voto por “O esquivo tempo”, que me atrapou de principio a fin.

  5. O esquivo tempo

    Entendo que cada parágrafo é unha carta distinta, dirixida a un compañeiro do “profesor” que diria que rematou suicidandose, cousa que provocaría as vacacions forzosas do protagonista. Ana semella caracterizada como a sua parella, pero ímolo deixar en que é alguen que vive con el e a quen non lle garda demasiado aprecio. Semella que estea aí só para darlle un toque macabro ó relato e aparecer morta ó final. Preguntome se sufriría demasiado o relato sen a sua presencia, é curioso que sexa tanta molestia para o lector (bueno, para min) como para o protagonista.
    O estiloda narracion está ben, gustanme frases como a da asintota hiperbolica, e algo menos cousas como o do “destartalado posto”, que xa vai mais pola via do topico decimononico.
    O tema do reloxo tivome entretido e delirei co prota pensando que si que habia algo fantastico dentro del e tamen empaticei con el cando descubriu que era un truco (de novo penso que eliminado a Ana a resolucion sería mais efectiva, porque o acto de romper o reloxo non ten por que demostrar que fose un truco, excepto se esperaba que se crease un big bang na moqueta). Poderia telo roto el ó darse conta (ou simplemente sospeitar) de que era un truco, por exemplo, ese sería un causa-efecto mais loxico. O final, con el dicindo que o vai reconstruir e á vez acordandose do seu compañeiro morto, gustoume.

    A dona do tempo

    Narrar en presente é arriscado, e debe estar en simbiose coa estrutura do relato: non é unha eleccion estética. Se o teurelato o pasas a pasado e qeuda ben é que o seu tempo natural é o pasado. Neste relato conviven presente e pasado nesas duas formas, na verbal e na da historia. Queda bonito, porque ademais o tema é o que é, pero tamén é como levar un corsé, ben ben non vas.

    Sobre a historia, houbo unha cousa que tardei varias relecturas en entender nesta reedicion da maldicion de Hill House: que a casa de verán á que se ían mudar era esta na que morreu a nai.

    Concordo cos anteriores comentaristas en que as frases podian ir mais lixeiras e que medio relato é mera introduccion, sobre todo o segundo parágrafo. Cunha anecdota bastaba. A chica está na segunda metade do relato, que é onde menos lle acae o presente, na miña opinion. Gustoume que as areas do relxo se misturasen coa da praira, pero que fose por un tropezón.. uf, por que non podia ser iniciativa dela directamente, coma quen baleira unha urna coas cinzas da sua infancia?

  6. Dos mellores duelo que levo visto ate o de agora

    “O esquivo do tempo”
    Non sendo eu unha lectora demasiado bicha, paso por alto que me custara un pouco comprender o final do relato e a quen ían dirixidas as cartas, así que, sabendo que polo mundo hai lectores tan pouco finos coma min, igual, sen mastigar o relato, ben se podía deixar un pouco menos malo de tragar, engadindo algún detalle que o deixara un pouco máis claro e se poidera desfrutar do relato tal e como este merece. As descripcións de ese reloxo vagando pola mente enferma do protagonista son brutales. O formato de carta é demasiado agradable como para que se perda no medio. Inda que non puxeramos cabezallo, sinatura… Se o autor separara as diferentes cartas con comiñas sería suficiente para que a lectura fose máis fluida. Con todo, paréceme dun nivel incrible.

    “A dona do tempo”
    Sóbrame o primeiro parágrafo, que me despistou e quedei como enganchada nel e resulta que ó final non aportaba gran cousa. Non sei que importa se o pai da rapaza ocultou que a casa se vendera ou que… A min tamén me custou chegar á conclusión de que casa era esa, se a de verán ou a antiga… Con todo, o relato é moi belo. Está moi moi ben escrito e o final é brutal. Entendo que cada un o poríamos á nosa maneira. A min tamén me gustaría que en vez de tropezar, valeirara ela mesma a area. Pero o mundo de cada autor é único, por eso a arte é infinita, pero esa metáfora da area e esa maneira de poñelo, para min é brillante.

    Buá, non sei que facer… daríalle media medalla de ouro a ambos. Estame hasta costando escribir nas teclas… jajaja. Decántome por “O esquivo do tempo”, porque me espertou máis interese como relato.

  7. Buff, difícil, nos dous hai cousas que me gustan e cousas que non. En “Esquivo tempo” gústame ese obxecto do tempo interminable e o desengano con el, o profesor estilo John Nash escribindo a amigos imaxinarios ou mortos e nos azulexos do baño, a narración ben levada e non tanto a morte de Ana. Porque cando acontece pensas “Xa? e agora que?” Acabou Ana?

    De a “dona do tempo” gustou ese achegamento á infancia, a idea da casa na praia comesta pola area do tempo está xenial, o estilo pousón quizais vai ben con esa nenez rememorada pero falta se cadra esa idea/obxecto (que si ten o primeiro relato) que tire da lectura. A repetición nai pai nai pai frea algo, e mesmo ese cacho “Enfermidade – Defunto – Tótem – Tempo”, pronuncia en voz alta sen apenas dubidar” aínda tendo que ver cos xogos da infancia, queda algo artificial…

    está difícil, quedo con “Esquivo tempo” porque quizais ten mais arestas na que meter o fuciño, varias capas, unhas que acaban e outras non e iso fixo que traballase un pouco máis a miña imaxinación

  8. O meu voto vai para “O esquivo tempo”. Gústame moito o relato aínda que semella algo embarullado,pero para min iso é un punto ao seu favor porque doutro xeito, a historia sería lineal e nada orixinal.

    “A dona do tempo” está ben escrito, ten frases moi boas pero o que conta non me chegou a convencer. Moi ben retratada a moza protagonista.

  9. Atrapoume o inicio de Esquivo tempo, porque a literatura epistolar sempre me gustou, e porque son unha desas rara avis que ainda a practica. Pola outra banda a doenza psiquiátrica sempre me pareceu un saco sen fondo, no momento de sacares recursos literarios. O tempo , o sei transcurso, a sua vivenza no noso recordo e un dos temas mais apaixonantes da existencia, dende o meu punto de vista. Gustoume especialmente a descripción do reloxo da eternidade, as diferentes teorías que lle surxen, as ideas obsesivas. Non me gustou tanto o desenlace ,os asasinatos en serie que vai producindo a sua enfermedade.

    En relación a Dona do tempo , nostalxias ó melhor que poden parecer fáciles, ou dalgun xeito, predecibles, os recordos dos nosos pais, sanos, fortes, tal como nos nestes intres, e o seu progresivo declive,,a caída precipitada por unha desgraciada enfermedade. A morte. Poderia pensarse que con esas experiencias, doadas de ter a estas alturas o relato podría sair so, pero é xustamente a sua coidada perfección, o mimo das verbas, o retrato fotográfico da introspección o que me parece maravilloso.
    O meu voto e para a dona do tempo. E por certo, a contextualizacion do título tamen me parece boisima. Noraboa!!!!!

  10. Coido que ” O esquivo tempo” mellora coas lecturas. O xogo que se fai co reloxo engádelle unha dificultade temática e fornal ao relato como se reloxo ou tempo e a loucura do protagonista fosen da man. Vexo a Ana como o contrapunto racional a tanta loucura, porén para que esta se desate de todo está personaxe tiña que morrer.
    Ten imaxes que me gustan moito e o xogo de frases curtas e outras máis longas dálle axilidade a pesar do denso da temática.
    “A dona do tempo” e tamén un gran relato, aínda que un pouco máis equilibrado nas reaccións que nos pode causar. Trata un tema complexo sen caer en sentimentalismos. E a imaxe do final mesturando a área do reloxo e a da praia e unha idea universal pero moi ben desenvolta.
    Sen embargo teño un gusto patolóxico por lunáticos de toda índole e escenas macabras que me leva a votar por “O esquivo tempo”.
    Parabéns a ambos. Moi boa relatos!!

  11. Coido que ” O esquivo tempo” mellora coas lecturas. O xogo que se fai co reloxo engádelle unha dificultade temática e fornal ao relato como se reloxo ou tempo e a loucura do protagonista fosen da man. Vexo a Ana como o contrapunto racional a tanta loucura, porén para que esta se desate de todo está personaxe tiña que morrer.
    Ten imaxes que me gustan moito e o xogo de frases curtas e outras máis longas dálle axilidade a pesar do denso da temática.
    “A dona do tempo” e tamén un gran relato, aínda que un pouco máis equilibrado nas reaccións que nos pode causar. Trata un tema complexo sen caer en sentimentalismos. E a imaxe do final mesturando a área do reloxo e a da praia e unha idea universal pero moi ben desenvolta.
    Sen embargo teño un gusto patolóxico por lunáticos de toda índole e escenas macabras que me leva a votar por “O esquivo tempo”.
    Parabéns a ambos. Moi bos relatos!!

  12. Dous relatos clásicos, como a foto, con estilos que nos levan a finais do XIX, primeiros do XX (o que non é, nin moito menos, pexorativo). Gostei moito dos dous. Ás veces cómpre poder ler devagar, con frases longas. Se unha frase longa está ben escrita, ten ritmo e acáese ao relato, non vexo por que non usalas.
    Non me sobra nada en ningún dos dous relatos, polo que a votación está moi axustada. O voto cae do lado da “Dona do tempo” porque creo que á autora lle entrou un pouco de nugalla para resolver ben isto: “Todos din que te matei eu, que te levei ao límite. Non me deixaches nin unha nota”. É a miña impresión, claro.
    En todo caso, foto finish para decidir quen pasou a liña de meta en primeiro lugar.

  13. Unha foto que sen dúbida, daba para un tema bastante extenso.
    Teño moitos sentimentos atopados con O esquivo tempo, a correspondencia fáiseme ideal para o ton pero o xeito de varias cartas fáiseme pouco natural, aínda que se penso en como se podería pasar a unha soa, tampouco lle atopo melloría. Acabei pensando en que tal como está, está ben. Gústame como en dúas frases repudia a Ana, de forma que se sinte que sobra no relato. Daríalle unha volta ao final, aínda que me gustou moito a ultima frase, lembrándose do destinatario. Pode ser que me sobre un chisco a morte da muller. De todas formas, persoalmente, foi un dos relatos que mais me gustou. Grazas a quen o escribise¡
    Coido que A dona do tempo é un ton diametralmente oposto, e iso faime difícil valoralo nos mesmos puntos. Está escrito con moito coidado, e o ton realista está logrado dunha forma que merecía a medalla por si só. A imaxe final é arrebatadora, pero non me enganchou dende o primeiro parágrafo. De todas formas, xa quixera eu sacar un final coma ese¡
    é a única diferenza que lle atopo, así que o meu voto vai para O esquivo tempo.

  14. Son dous relatos moi interesantes, parabéns aos autores. O tempo ofrece moitas posibilidades e sacaron dúas boas propostas.

    «O esquivo tempo»
    Non teño pegas que poñerlle á estrutura, para min é clara. Gústame o uso dun brinquedo barateiro de bazar para ilustrar o trastorno do protagonista. O autor é moi hábil para describir os procesos que traza esa mente alienada. Habería que traballar un pouco máis o parágrafo que contén esta oración: «Menos mal que estabas comigo, peneirando aquela frenética creatividade co teu analítico talento». Non sei moi ben por que (se cadra para parecer mais literario?), o autor comeza a poñer os adxectivos antes dos nomes, e ademais abusa deles. Ao contrario que a area no reloxo, as verbas deixan de fluír.

    Onde creo que perde o control (o autor) é no desenlace. Aí en vez de seguir actuando o protagonista como un perturbado, dándolle todo o protagonismo as súas teimas, tenta narrarnos que pasou con Ana, cando para o personaxe que vimos no resto do texto iso sería irrelevante mentres que non interferise nos seus propósitos. E despois tenta retomar esa liña «Dóeme máis a estafa da miña pedra Rosetta que a visión do corpo exánime de Ana», mais cóntallo ao colega suicidado no canto de amosalo a través do seu comportamento. Cunhas cantas voltas máis quedaría un gran relato.

    «A dona do tempo»
    Concordo en que o primeiro parágrafo non debería estar aí. Despois ten algunhas construcións pouco traballadas, nas que hai palabras sobrantes que volven a narración dificultosa; habería que meterlle man, porque o que conta é preciso para meternos en situación, coñecer os pais e a relación con eles. «Na mesiña, sorpréndese, aínda está o fermoso reloxo de area que compraran, tras moito relear, no mercado da vila». O importante do reloxo non é que sexa fermoso (que é dicir pouco) nin que remaquiaran por el, é unha dilatación innecesaria. O interesante, o poderoso, é a relación que ten con ese xogo que conta a continuación, a participación da nai nas partidas na medida das súas posibilidades como dona do tempo (gran título). É onde mellor funciona o texto. A escena final é dun simbolismo marabilloso. Concordo en que a imaxe dela baleirando á mantenta o reloxo na area da praia tamén sería moi suxestiva, mais estaría a contar algo diferente: ela estaría a deixar ir ese tempo. Mais o que pasa no conto é que ela tenta manter eses momentos, eses recordos, reter aquel tempo; porén, iso non é posíbel, que se reincorporen no fluxo do tempo e se perdan para sempre é inevitábel.

    Faría por afinar os textos, porque poden quedar relatos moi bos. Quedo coa «Dona do tempo».

    • tes razón en que a imaxe da prota baleirando o reloxo por propia iniciativa sería a dun relato distinto, pero o que me parece innegociable é que a conclusion non sexa froito dun accidente fortuito. O reloxo podía desfaserselle nas mans de vello, caerlle porque rompe, pero non porque ela tropece. Tres dias despois de lelo, cando penso neste relato en vez de ver a area do reloxo fundirse na praia, o que mais recordo é a ela trastabillando cun “ai, carallo!”.

  15. Chego polos pelos! Ambos os dous me gustaron, aínda que de diferentes xeitos. Mentres que “A dona do tempo” proporciona unha estampa moito máis clara coa que calquera se pode sentir identificada, “O Esquivo tempo” está perfectamente estruturado, deseñado cunha destreza brutal… Sen embargo, o meu voto vai para “A dona do tempo” porque, moi ao meu pesar, sempre escollerei as reflexións que me inspira unha escrita por diante doutros aspectos máis técnicos.

    Aínda así, noraboa aos dous autores! Custoume unha barbaridade escoller un.

  16. Ambos relatos están moi ben, pero enganchoume máis ‘O esquivo tempo’, para el vai o meu VOTO. Gustoume moito a historia, o formato, pareceume moi creativo. Desfrutei da súa lectura. ‘A dona do tempo’ está moi ben tamén, ben escrito e regala imaxes moi bonitas, o final encantoume.

  17. Ola! Entro a votar porque César mo pediu, imaxino que para desfacer un empate.
    Coido que os dous relatos son moi ambiciosos no sentido de que intentan reflectir mundos e historias moi complexos, moi prolongados no tempo, nun relato duns poucos parágrafos. A miña admiración e parabéns para os dous, porque realmente é unha tarefa ben laboriosa.
    De “O esquivo tempo” gústame o ton de misterio no que empeza, case como unha película dos anos 30 ou 40: o científico ou investigador que pasa uns meses de “retiro” nun país exótico. Porén, penso que “A dona do tempo”, a través dunha dosificación e dun uso do detalle máis minimalista e pouco efectista, consegue mellor, en conxunto, ese obxectivo de nos abrir unha ventaniña pequena a unha vida moito máis grande. O meu voto, pois, para este último

  18. En primeiro lugar felicitar a David polo seu relato. Gustoume realmente moito ese misterio que logrou crear ó redor dun reloxo de area.
    Agredervos a todos os comentarios tanto positivos coma negativos. Está claro que ese parágrafo inicial foi o máis criticado de todo. Admito que nun inicio viña máis a conto pero por unha modificación posterior no corpo do relato fixo que quedara bastante de máis. Empeñeime en mantelo e, obviamente, trabuqueime.

    Non comentei nada na primeira xornada xa que ó perder no desempate igual se podía malinterpretar mais eu, ó igual que creo que foron Daniel e César Ariza, coido que é moito máis xusto o reparto dos puntos en caso dun empate coma este. De feito, de non terme dádo Eva a vitoria (grazas!) tería quedado eliminado antes da derradeira xornada sen ter perdido ningún dos duelos (tampouco gañado, certo é). Un empate non só significaría sumar algo senón tamén que o rival sume menos e á hora da clasificación final sería importante.

    • A min gustaríame saber por que é menos xusto o voto de calidade. Hai determinadas competicións que teñen que resolverse con vitoria. Como xa explicou Lois, que disto sabe moitísimo, os empates en ligas tan curtas son contraproducentes.

    • Hai moitas razóns polas que non debería haber empates no torneo. Xa mencionei algunhas noutro post, outras son, por exemplo, que ata agora está votando todo o mundo (non levo a conta, pero parece que si), pero se fallase unha persoa xa non sería posible o empate (votantes impares), e non me parece loxico que haia un posible resultado que poida darse dependendo do nº de votantes efectivos e non pola mecanica propia do sistema.
      Outra razon é que despois, na fase de eliminatorias, vai ser de novo obrigatorio elexir un ganador, pois só pode pasar a semifinais un duelista desde cada duelo de cuartos de final. Asi que de todos modos habería que determinar unha forma de desempate para cuartos e semis, e o mais coherente é usar esa mesma forma na fase de grupos, porque os empates son só artefactos consecuencia dun numero par de votantes.

    • Graciñas, meu. Foi un duelos dos que fan súar a gota gorda. Gustoume o teu relato, con cada lectura poida que máis, supoño que ten precisamente o que lle falta ao meu, esa capacidade de tocar unha emoción con unha frase. É un desos relatos (moi difíciles de facer) que van condensando todo ata unha sentencia final. Parabéns.

      En canto ao dos empates. Eu penso que tendo só tres puntos, sacar medio punto é estar case coma a cero. Ademais os empates que se solucionen así o único que fan é aumentar a tasa de empates posteriores na ronda, que son moito máis difíciles de xestionar (pero tamén máis emocionantes). Se isto fose coma no futbol, un partido en casa de cada un, ou sexa, a seis puntos, si tería certo sentido e daríalle máis emoción…pero nun recorrido de tres, eu non o vexo. Pero bueno, o concurso tampouco é cousa miña. Igual lle podíamos pedir un estudo aos de Winsconsin do relato dos cochiños.

      • Vaia, queres saber que me fixo ilusión ler esa referencia ós meus amigos? (co dos amigos refírome ós de Winsnconsin, os cochos son da familia xD)

        Gracias David!

    • Xa sei cal é: o protagonista recompón o reloxo e pono á venda pola Internet anunciado como o reloxo que se utilizou para o relato «A dona do tempo». Cando o vende, en lugar do reloxo entrega na caixa a cabeza de Ana. O especulador revéndea como attrezzo de «Seven» e queda podre de cartos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s