‘O último treito’ vs ‘Sobre augardentes e despedidas’

Xornada 2. Grupo A. Daniel Ugarte vs Mónica Castro

O último treito

Daniel Ugarte.

Era a súa festa de despedida. Case duascentas fotos no Instagram que incluían os hashtags que ela escollera, #pinkparty #amigasforever. En cada unha das imaxes do grupo destacaba a cor do seu nome. Nas extensións e perrucas, no verniz das unllas, nas lentes de sol. E na limusina, claro. O agasallo de papá e mamá.

Non era para menos. Rosa cumprira o acordado. Sempre o fixera. A mellor nota de Galicia na selectividade, e a facultade de Medicina en Santiago agardando por ela. 

A cuarta xeración— insistía o pai fachendoso.

E a primeira muller— retrucaba ela.  

Alborecía. A limusina descargaba porta a porta as rapazas que resistiran até o peche da discoteca en Riazor. Fora tamén Rosa quen planificara o percorrido de volta. O último treito debía ser o máis longo. O que lle permitise estender o tempo a soas con Andrea. 

—Encántame como che senta a perruca. Vailles xenial aos teus ollos— dixo mentres o coche se poñía de novo en movemento.

Andrea non respondeu. Achegouse. Acaricioulle a orella, a faceira e o pescozo. Mollou os beizos propios coa punta da lingua e bicouna. A humidade da súa boca descendeu polo corpo de Rosa. Atravesouna de norte a sur. Cando coa man libre Andrea lle levantou a saia e se pousou no seu pube, Rosa sentiu unha descarga eléctrica. Fíxoa vibrar. 

É sabido que o contacto de auga e electricidade resulta nun curtocircuito. A Rosa sucedíalle sempre que non había ninguén a espreitalas. Nos poucos momentos nos que o medo a revelar o inconfesábel non conseguía reprimir o desexo sexual. Estoupaba. Pese a todo, aínda mirou de esguello se a pantalla protectora da limusina estaba completamente subida, garantindo a súa privacidade.

Entón si, pechou os ollos, dobregou a Andrea e concentrouse en quitarlle a maquillaxe cos beizos e a lingua. Usou as xemas dos dedos para desamañarlle o vestido. Queceu cada anaco de pel co bafo que xeraba unha respiración cada vez máis intensa. 

Desafortunadamente, a limusina chegou a destino antes ca elas. O motor parou e o chofer avisou a Andrea de que arribara á casa. Rosa deu unha puñada contra o asento e a Andrea iso fíxoa rir.

Andrea abriu a porta do coche. A súa namorada tiña os ollos avermellados. A ela, en cambio, parecíalle un momento de total felicidade. Rosa indignouse. Preguntoulle o que atopaba de divertido en non verse durante semanas.

Andrea lanzoulle un bico polo aire antes de contestar:

—Esta foi a derradeira vez que ti e mais eu nos escondemos, e iso ponme contenta. Pode que non nos vexamos en semanas, mais cando libre na tenda e vaia visitarte a Santiago penso levarte da man. Bicarte no pescozo canto me apeteza. E deitarme contigo no teu cuarto, sen présa e coas cortinas descorridas.  

 Logo recolleu a perruca que caera entre a porta da limusina e o asento e entregoulla a Rosa.

—Lévaa para Santiago. Eu non dou esta noite por rematada.

…………………………..

Sobre augardentes e despedidas

Mónica Castro.

Teño que dicirche a verdade. Así sucedeu. De súpeto. Coma se fose una revelación: E iso que eu endexamais fun moi esotérica.

O ceo, xúrocho, era azul, pero non azul clariño, non, azul rabioso, coma se fose do sur. Nubes cero. De verdade, ou iso foi o que a min me pareceu. Beberamos, claro. Non era unha despedida de solteira normal, era a miña. Aínda así logrei evitar as pollas na cabeza e o boy. Pero empezou a chover de xeito inesperado, de onde sairían esas gotas, de onde raio as nubes, e todas nos fomos refuxiar na limusina rosa que nos paseara pola cidade ó longo de toda a noite.

Tiña os pés destrozados. Resistiramos todas, todas menos a Lola, que marchou con un que atopou por alí. Sempre abandonando as amigas no mellor momento.

A Marica pediulle ó chofer máis música, pero pouco a pouco fóronse acomodando todas no habitáculo espazoso. Os pés nús sobre o coiro negro dos asentos. As cabezas contra as cabezas. As gotas espetábanse contra os cristais con monótonos estalos: todas quedaron durmidas. Todas, agás eu, entre elas, desmadexadas, feridas pola xornada de esmorga.

Entón foi cando sucedeu:

Din que intres antes de morrer ves o teu pasado transcorrer ante os teus ollos, por exemplo a túa tenra nenez, a salvaxe adolescencia, as paisaxes recordadas, os amores perdidos… Pois ben, eu vin de súpeto nun intre en cinemascope o meu futuro transcorrer diante dos meus ollos, vin a igrexa coas flores, e a Mario esperando no altar, o cura negro coma un corvo, e as bágoas da miña nai sorbendo os mocos. Vin a viaxe de lúa de mel a un paraíso artificial, un todo pago nun hotel esperpéntico, vin a miña primeira preñez, e a terceira, os cativos e as noites, o insomnio e a soidade, vin a morte asomarse e ao tempo transcorrer, a perda das bolboretas, a invasión da desidia, a madurez estalando nas mans, a vellez filtrándose de a pouco no corpo e a dor do engano.

Vin a Mario perder o ventre plano, o pelo, o amor e a confianza. A min mesma tinguir o cabelo branco de dourado e a verdade de mentira.

Foi a miña futura cuñada a primeira que espertou cos seus propios ronquidos:

Grrrr

—Vaia cara de arrepío!— exclamou mirando para min.

O chofer detivera a limusina fronte á miña casa, e pouco a pouco, todas empezaron a saír e dispersáronse na rúa cunha breve e pálida despedida.

Aínda non sacara as chaves do peto e xa decidira anular a voda.

22 comentarios en “‘O último treito’ vs ‘Sobre augardentes e despedidas’

  1. Un duelo cunha foto bastante complicada para ter un punto de partida orixinal.

    O último treito
    Malia que o arranque non me convence excesivamente (por exemplo, coido que o diálogo entre pai e filla é prescindíbel) dende que pasamos ó interior da limousina, o relato mellora considerábelmente. E flue bastante ben. Aprezo sobre todo como están narrados os intres de carácter sexual xa que a min, persoalmente, resúltanme moi complicados de realizar sen que queden ridículos.

    Sobre augardentes e despedidas
    Coido que na súa sinxeleza aséntanse tanto as súas vantaxes (fluidez, doada lectura) como problemas (sobre todo cara o final do texto) pola súa previsibilidade especialmente no parágrafo onde a protagonista “ve” o seu futuro.

    O meu voto vai para O último treito

  2. Hai fotos que están máis connotadas ca outras. Pero sonvos sincero, neste caso premiaría a quen conseguise esquivar o obvio. Non foi o caso mais aínda así os autores lograron un textos bastante xeitosos.

    ‘O último treito’

    Paréceme que está bastante ben traballado. A redacción é correcta e o punto de vista paréceme interesante. Non teño nada que obxectar. Pero hai dúas cousas que me distancia deste relato: unha, o final. Non acabo de velo ben resolto. Fáltame (ou sóbrame) algo para ben deixalo aberto de todo, ben pechalo por completo. Tampouco me convence o ton xeral. A descrición do sexo é un campo de minas para un escritor e penso que neste caso era escusada a escena tórrida para o desenvolvemento da historia.

    ‘Sobre augardentes…’

    Non me chistou nadiña o título. O ton xeral paréceme coherente aínda que tampouco me entusiasme a forma de narrar. Pero que non me entusiasme non significa que non estea confeccionada correctamente e sirva ao interese e obxectivos do relato. Podemos consideralo un tanto obvio, talvez estrañar algo máis de valentía. Coido que o autor/a debeu relelo e propoñer un final máis orixinal. Mais o caso é que funciona. É un conto deses que se preocupa dun aspecto moi común, incluso tópico, decide enfocalo coma case sempre pero encontra un camiñiño abondo interesante para espertar curiosidade até a liña final.

    Voto por ‘Sobre augardentes…’

  3. Os dous textos moi ben escritos. Bos narradores marcando ritmo quitando algún pequeno tropezo a corrixir. Quizais boto en falta un chisco máis de valentía que fixo que tanto un como outro quedasen co obvio da foto e chegasen a finais por debaixo das expectativas dos parágrafos previos. Repasando noto que si que ese ver a vida pasar emocionoume e tirou máis da miña curiosidade que a escena do Rosa e Andrea. O “que pasa despois disto?” acelerou máis a lectura no segundo.

    Voto por aguardentes e despedidas.

  4. A verdade é que…que facer cunha limusina rosa? Complicado. Mola ver como certas fotos fan converxer os relatos e sen embargo outras parece que os fan diverxer.

    “O último treito”. O que me gusta deste relato é a axilidade narrativa, o ton fresco e o ben que está abordado o toque sexual. (Son moi fan do sexo escrito). É posible que sobre metraxe ao principio, que só serve para dicir que Rosa é unha niña bien. A mensaxe é sinxela e baséase nese contrapunto de sentimentos. A min gustoume porque me pareceu moi verosimil e tamén unha maneira sinxela e efectiva de dotar de vida a dúas persoaxes das que apenas sabemos nada, e inda enriba faise no final, co cal quedas pensando despois no que farían das súas vidas.

    “Sobre augardentes…”. Tampouco me chista demasiado o título. Non vexo eu a Lola meténdose augardente na despedida antes de marchar co outro. O relato, pese a ser unha escena moi parecida, leva outra dinámica. Non está mal plantexado, pero penso que as persoaxes quedan moito máis retratadas no breve encontroazo do relato anterior, que en toda a parrafada da visión futura. Penso que podía ser máis interesante entender porque a visión do seu futuro a deprimía que ver simplemente o futuro… Non sei, non me chegou.

    VOTO por “O último treito”.

  5. O meu voto vai para “Sobre augardentes e despedidas”. Ben escrito, ben contado o que se quere contar, ritmo rápido e eficiente, moi boa idea o “flash-forward”. Encantoume todo do relato. Para min, un dos mellores da xornada.

    “O último treito” está moi ben escrito, cun ritmo áxil como a min me gusta. Unha dúbida, por que neste relato erótico-millenial os protas son dúas rapazas e non dous rapaces? Porque a limusina é rosa? Máis: Por que non se van ver en semanas? Non me parece que haxa moitas horas de viaxe desde Compostela a calquera outro lugar de Galicia. Rosa e Andrea saen do armario só en Santiago ou tamén diante de papá doutor? Quero unha segunda parte deste relato que me aclare as dúbidas. Grazas.

  6. O último treito

    Ó ser un relato complicado de valorar. Ten moitos detalles que bailan entre o superfluo e o importante segundo un lle colla á historia un xeito ou outro. Por iso entendo que para uns no inicio sobren cousas e para outros a escena da prota con Andrea se estenda demasiado. Inda porriba o final deixoume en branco. Non sei que significa que Andrea non dea a noite por rematada. É mais, ó inicio do relato di qeu alborecía, e despois diso inda pasou un tempo. Debe ser cousa da miña nula experiencia en sair de noite. Ou en sair en absoluto.
    Detalles aparte (xa me contará a/o autor/a), o relato resultoume unha lectura agradable.

    Sobre augardentes e despedidas

    A intro resultoume demasiado longa e/ou con demasiado peso no relato para o que logo vai ser o corazón da historia. A historia comeza cando todas se botan a durmir, da igual que o ceo parecera despexado antes do trebón. A causa-efecto xa queda lonxe. Desde a inesperada choiva á revelacion pasan outras cousas. Que a Lola se fose volve ser outro detalle que está aí aí entre un toque de ambientacion e algo innecesario que reseñar.
    A ensoñacion non me resultou atractiva. De feito non é nada reveladora, é algo que calquera pode imaxinar nun dia pesimista. Facerse vello ten esas cousas. Tamen podía ter pensado nas cousas boas. Ou nas alternativas, que vai facer agora, decidir que vai morrer nova? Alistarse no exercito? Non logro empatizar coa personaxe, paréceme debuxada como unha veleta sen criterio dentro dun contexto que non está en consonancia con iso. Se fose así a intro sobraba, teria que darlle mais espazo a unha reflexion da prota sobre a vision. Creo que lle compre un redeseño ó relato.

    • Entendo que a que non da a noite por fechada é a protagonista, Rosa. Supoño que ti entendes que a que fala no derradeiro diálogo volve ser Andrea, mais esta entrégalle a perruca a Rosa e esta é a que lle di que (non a quere), que, quede con ela e que a leve para Santiago cando vaia. Que non dea a noite por rematada quere dicir que non está conforme con esta tese: «Esta foi a derradeira vez que ti e mais eu nos escondemos, e iso ponme contenta. Pode que non nos vexamos en semanas, mais cando libre na tenda e vaia visitarte a Santiago penso levarte da man. Bicarte no pescozo canto me apeteza. E deitarme contigo no teu cuarto, sen présa e coas cortinas descorridas». É dicir, que a protagonista prevé seguir no «armario» en Compostela, cando a vaia visitar terán que seguir no furtivismo. Cando menos así o entendín eu.

      • andrea “entregalle” a perruca a Rosa, o verbo indica un acto completado, estrañame que a/o autor/a deixe asi a cousa se Rosa lla devolvera. ademais o natural sería dicir daquela “traea a Santiago”, xa que non se verán antes. ese “levaa para..” non llo.dis a alguen que te vai ir visitar, disllo a quen marcha para un tempo.

      • Eu quero entender así o final porque doutra maneira non son quen de atoparlle o xeito a ese remate. Mais é evidente que se a intención era esa (se non estou a montar eu só unha película, non o descartaría), a redacción non é boa.

  7. O perigo de basearse en fotos é o de centrarse demasiado nelas. A présa por escribir antes de sete días pode axudar. Pero se unha foto non convence (o que para unha é suxestivo, para outra non di nada en absoluto) pódeselle buscar unha temática por baixo das rodas: o mecánico que ten que arranxar a limusina avariada, o punto de vista do chofer… que poden dar outra caste de xogo. O que quero dicir é que os dous relatos se centraron no obvio. Sendo os dous correctos, para min empatan en corrección.
    Voto por “O último treito”. Atreveuse cunha escena erótica e saíu con certa dignidade dela.

  8. Síntoo por “O último treito”, pero deu de pleno con algo que non me di nada: se ben o tema do romance non me desgusta (especialmente cando é “non convencional”), o sexo non me chista. Para min é un “deal-breaker” e aquí tinxe case todo o relato.
    Parece que hai algún cambio de punto de vista, cando parecía que a única protagonista ía ser Rosa.
    O final é unha desas frases que quere soar ben, pero cando paras a pensar non cadra. Non porque non a entenda, senón porque se supón que o importante para elas xa non é tanto pasar xuntas as noites coma poder deixarse ver collidas da man a plena luz do día.

    En “Sobre augardentes e despedidas”: tampouco vexo o título.
    “De súpeto. Coma se fose una revelación: E iso que eu endexamais fun moi esotérica.” En primeiro lugar, non vai maiúscula tralos dous puntos. En segundo lugar, non vexo sentido aos dous puntos en sí, porque o que vai despois non explica o de antes. Suxeriría “De súpeto, coma se fose una revelación. E iso que eu endexamais fun moi esotérica.”
    “Pois ben, eu vin de súpeto nun intre en cinemascope o meu futuro transcorrer diante dos meus ollos,…” Aquí si que había que poñer dous puntos.
    “—Vaia cara de arrepío!— exclamou mirando para min.” Tiña que haber un espazo entre a exclamación e a raia, non entre a raia e o inciso.
    Tal vez tería que haber un desencadeamento para a revelación, que a voda non se cancele por algo tan feble como “estou rebentada e mollada así que véxoo todo negro”. A ensoñación en si si que me chega porque é da miña corda.

    Voto por “Sobre augardentes e despedidas”.

  9. Estupendos traballos dos meus compañeiros (e sen embargo rivais) de grupo, que fixo que unha vez máis me cague na súa estampa polo difícil que mo poñen xD

    “O último treito”
    Sentinno coma un xamón ibérico aderezado de sorbete de limón. Por separado ambas cousas son irresistibles para min, pero unha con outra fastídianme o prato. Explícome. Desfrutei moito dese momento cuarta xeración de batas brancas con ese lapote de feminismo que lle dá a filla ó pai. Ben situado para o resto da historia, que despois nos leva a outros derroteiros. Igualmente atractivos, como é a narrativa erótica. Por certo moi ben escrita sen resultar soez nin infantil. Pero despois, temos un final que che deixa como… pse… Eu tamén me quedei ca copla de que nin que Santiago fora Sibeira xDDD. Por seguir co símil, puxéronme dous pratos deliciosos, inda que non me casan moi ben un co outro, para rematar con un café descafeinado. En definitiva, non quedei con fame, pero para a próxima elexiría outro menú da carta (e por suposto o café de pota)

    “Sobre augardentes e despedidas”
    En xeral gustoume tamén. Concordo en que o título non é o idóneo. Quizáis deixalo en “Despedidas” ou “Sobre despedidas” ou algo que aparecera nesa ensoñación que é o núcleo do relato. Non estou dacordo en que ver a túa vida pasar sexa algo costumbrista, unha cousa é vela tal e como o autor ou autora marcan no relato, que iso sí ten algo de esotérico, e outra cousa é imaxinala. Os sucesos desa ensoñación son moi típicos (unha voda pola igrexa ó uso, os fillos, a rutina…). Esto, en vez de velo como unha eiva, véxoo como un punto a favor, porque o plan da vida vai por libre e non tería por que ser unha copia do establecido socialmente, porén a protagonista, máis que ver realmente o seu futuro, está concienciándose de que realmente non quere comezar ese fío e as imaxes puideran ser froito da embriaguez. Por iso a primeira parte lle da sentido ó relato. Bueno, igual me montei unha película, pero eu vinno bastante claro. A lectura resultoume áxil e agradable. Un final un pouco máis acabado có anterior, co problema xa nomeado da previsibilidade.

    Ambos me gustaron (viva o Equipo A xD). Desta o meu voto vai para “Sobre augardentes e despedidas”

  10. Vaia por diante que sinto o da foto. Non houbo mala intención, só era unha foto que tiña polo ordenador … Aínda así parabéns, gustáronme moito os dous relatos.
    De “O último treito” destacar a imaxe erótica, tan ben descrita. Pode que sexa un pouco lento o comezo pero ten unha pequena xoia no nó.
    Ao contrario do que lin nalgún comentario si me parece importante ese deixarse ver en público, especialmente dado o tipo de parella. Pode que haxa certa crítica velada, se a hai eu faría máis evidente. E un tema importante e a visualizar.
    “Sobre augardente e despedidas”
    A verdade e que non cabikara moito no título ata ler outros comentarios e levades razón.
    Polo demais no texto hai un bo traballo. Gústanme moito os adxectivos que emprega, o vocabulario en xeral e o final.
    Sen embargo o meu voto vai para o último treito pola afouteza de introducir con tan bo gusto esas imaxes eróticas.
    Parabéns polos dous textos!!!

  11. Dous relatos moi parecidos na miña opinión, e bastante igualados. Gustaronme e xa ía necesitado de algo un chsico lonxe do macabro.
    De O último treito, quedome coa imaxe erótica que me pareceu ben feita, especialmente ese tipo de escritura, que me parece algo máis difícil de presentar de forma áxil como se fai no relato. Descolgueime un pouco co final e non acabei de entender por qué non da por rematada a noite. Quizais lle ande un pouco espeso, non sei.
    De Sobre aguardentes e despedidas, so me tiraron para atrás dúas cousas, o título que me semella moi rebuscado e a motivación da personaxe, que bueno, espero que o pense dúas veces. Polo demais, en aspectos técnicos, penso que ambos están ben conseguidos. Son só esas dúas cousas as que me fan votar a O último treito.

  12. A imaxe era complicada.

    «O último treito»
    As escenas sexuais poden ser comprometidas porque é complicado lograr frescura, as descricións dos actos adoitan achegar pouca cousa e utilizan case sempre os mesmos termos. O interesante é como se senten ao respecto, o terror de Rosa a ser descuberta e como só podía deixarse ir se estaba completamente segura de atoparse a salvo de miradas externas. O texto está ben centrado nunha idea: a da moza ben que quere agochar a súa sexualidade en aparencia á familia (que podemos sospeitar conservadora), mais o desenlace dinos que tamén lla quere agochar á sociedade. Habería que meterlle man á redacción dese final para que non conduza a confusión (que como se pode ver, faino), mais mantendo ese «non dou a noite rematada», que é unha declaración sutil abondo de que a protagonista quere seguir no «armario».

    «Sobre augardentes e despedidas»
    Non entendo moi ben o propósito do primeiro parágrafo. Á parte da mala puntuación hai algo que non funciona. En diferentes momentos do texto acontece algo similar, cómpre revisar a puntuación e tamén a formulación nalgunhas partes. Gústame como asimilas o matrimonio á morte e que pase a vida (futura) diante dos ollos ante a idea. O relato está ben resolto (o título elixido non me gusta).

    Pirolas na cabeza é igual de vulgar que pollas, coido que aquí tamén podiamos pasar sen o castelanismo.

    O meu voto vai para «O último treito».

  13. “O último treito” ten vocación de historia reivindicativa. Isto encántame. Está tecida de tal xeito que empatizas coas personaxes dende o primeiro parágrafo que, por certo, paréceme do melloriño da obra. Unha posta a punto que despois vai decaendo e que só ao final consegue atrapar a miña atención de novo.

    Non acabo de collerle o punto a “Sobre augardentes e despedidas”. Demasiado evidente. A nivel de escrita está conveniente, mais non espertou en min ninguna emoción.

    O meu voto vai para “O último treito”.

  14. Eu deixei o meu voto o domingo, pero algo debeu de saír mal.

    Este foi un dos duelos máis igualados para min, resoltos ambos relatos con oficio a partir dunha premisa complicada. Como teño que decidir voto por ” O último treito”, por asumir máis risco.

    Parabéns ás dúas plumas.

  15. Ambos relatos están bes escritos e resolven ben a imaxe. De ‘Sobre augardentes e despedidas’ gustoume máis o inicio que o final, que me resultou algo predecible e tópico. Pola contra ‘O último treito’ supuxo algo totalmente diferente, cando esperaba unha despedida de solteira tras ver a foto, atopeime cunha rapaza xusto antes de comezar a universidade que se despide, máis que dunha etapa académica, de ter que vivir escondendo os seus sentimentos, e iso pareceume moi guay, sorprendeume o modo no que avanzaba o relato e tamén está moi ben escrito. Por tanto, o meu voto vai para ‘O último treito’.

  16. Grazas a todos/as polos comentarios sobre “o último treito” e parabéns a Mónica polo seu relato. Fíxome sufrir até o final.
    O que eu pretendía facer era un relato erótico de tipo realista. Era algo que nunca fixera e me apetecía probar.
    En vista do que comentades, penso que o meu erro foi non deixar claro desde o inicio que a cousa ía de sexo. Con toda a información o lector podía decidir se lle interesaba (como a David) ou non (como a Leticia)
    Preocupábame moito que o texto non parecese unha fantasía do autor, senón que respondese ás pulsións dos personaxes. Por iso centrei o inicio en dar detalles sobre a situación das dúas rapazas. Mais esquecín o máis importante, presentar o ton do relato (erótico) e iso creou confusión cando comeza a escea central.
    Sobre as preguntas específicas que me fixéchedes.
    César A. Son dúas rapazas porque eu non vía dous rapaces saíndo de copas nunha limusina rosa e porque penso que a homosexualidade feminina na adolescencia é aínda máis tabú que a masculina.
    Sobre o tempo que van estar sen verse na miña cabeza eran efectivamente 2-3 semanas, o tempo de Rosa instalarse en Santiago e Andrea librar no curro. Mais 15 días pode parecer un mundo para dous adolescentes.
    Lois. O tempo que transcorre no relato son 30-45 minutos, o tempo de cruzar A Coruña. Pode suceder entre 7 e 8 da mañá dun día de verán. Nunca volviches de marcha xa sendo de día?
    Sobre a frase final. Non pretendía ser reveladora. O que di Andrea é que como ningunha chegou ao orgasmo (a limusina chegou a destino antes ca elas) cando se vexan en Santiago retomarán o xogo erótico coa perruca. É un xeito de facer que en lugar de triste, Rosa marche para casa excitada polo futuro rencontro (e faga o que teña que facer 😉)

    • nunca volvin de marcha, asi, en termos absolutos. a miña pregunta veu por dicir andrea
      que non ia dar a noite por rematada cando efectivamente xa era de dia no inicio da accion. mais que nada porque non sabia a que se referia. xa ves que a frase foi tan confusa (bueno, para min) que por darlle sentido miguel pensou que o dicia rosa. habería que investigar os habitos nocturnos de Miguel para ver se hai un patron aqui.

      • Trouleiro non está entre os adxectivos que me poidan definir, mais rematei bastantes noites de pseudofesta á (trala) alborada (ningunha nunha limusina). No meu caso quería buscarlle unha capa máis ao desenlace (sen erótico resultado, fun pouco Homer aí).

    • Grazas por aclararme as dúbidas. Unha vez visto o punto de vista do autor, lese o relato con outros ollos. Noraboa pola victoria e o relato.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s