‘Puto Gandhi…’ vs ‘Paratha’

Xornada 2. Grupo B. Marcos López Concepción vs Miguel R. Fervenza.

Puto Gandhi maricón

Marcos López Concepción

“Por que, a ver, en que ano naceu Gandhi? no mil oitocentos e pico, un fulano que naceu hai dous séculos. Un nabo do dezanove! Estamos no vinte e un, tía… Flipa onde se apañan nabos no patriarcado. Ti xa me entendes. Bueno, a ver… La paz. Pero que vén sendo o Nobel? Joder. Pero se os cartos do Nobel son de vender dinamita para o capitalismo. Pensa niso. E cantas mulleres levaron o Nobel? Eh? Ti deberíalo saber. Xa che digo eu que nin un cinco por cento. Está na wikipedia, non fai falta buscar moito. Se lle deron o de literatura a aquel libro do vello e as nenas, todo escrito moi bonito… Si.. si… Eu tampouco, pero sei quen o leu. Pois se llo deron a ese non llo ían dar a un indio que facía igual, joder… É que é moi forte. Gandhi facía o mesmo. Claro que facía, tía, está na wikipedia, non fai falta buscar moito. Que o fulano dicía que eran experimentos, dicía… Pero durmía con nenas e vai ti saber. Por faaavor…. Joder que non, se cho podo buscar aquí no móbil. Non minto. E que mira, tía, é escoitar falar da non violencia esa de Gandhi e xa me entran ganas de repartir hostias todo o día. E a muller obrigada a casar con el. Como? Celibato por aquí! Mira o dediño. Qué risa, María Loisa. Resulta… O tema… Que estaban un día triquetraque e no momento diso, xa sabes, joder, hehehe… E que non mo fagas dicir, pois cando estaba a piques petaron na porta e lle dixeron que o seu pai morrera. E nunca máis o fixo con ela, tía. Edipo total. Puto Gandhi enfermo, mira… Escoita… E deixouna morrer porque non quixo que lle desen medicamentos. Gandhi era anti vacinas! Aí o pon. Cando a muller ía vella deixouna morrer. Espera que amplío, así… 

[Pantalla do móbil Wikipedia Mahatma Gandhi]

E ti que non me crías. Infórmome! Ai non. Eh? La paz, si, mira este dediño! Por aquí se va a Madrí… Estas cousas hai que sacalas á luz. Airear os mitos do patriarcado, joder. A min paréceme ben o que se fai agora para que se coñezan estas cousas. Mensaxes claras. Woody Allen, pam! O outro director ese, pam! E o puto Gandhi maricón tamén, en letras grandes, bueno, boh! Si, vale, perdón, maricón non, “puto Gandhi lo que sea“, nunha pancarta deste tamaño, de aquí ata alá, encabezando unha manifa. Eslogan e storytelling. O que? Storytelling? Hehehe… Boh! Iso xa cho explico outro día… E a conto de que viña isto? Que xeito de enredar! Joder, polo té que pediches, tía, hehehe… e que as tías estades sempre que se té negro, verde, vermello… un arco iris de tés e logo non parades de mexar. Hehehe… Teño na casa un que é dunha cooperativa de mulleres. Ven un día! Poñemos algo en Netflix. O que ti queiras, guapa. Claro… É que eu son máis de café.”

……………………………………

Paratha

 

Miguel R. Fervenza

—Non vos entreteñades polo camiño, a ver se ides chegar tarde o primeiro día —advertiu a nai ao tempo que deslizaba o almorzo no prato da cativa—. Mira que queima!

A Aashi non lle daba a paciencia. Humedeceu os dedos, partiu un anaco daquela deliciosa masa dourada e soprou nel con enerxía. Adoraba a paratha de pataca e cenoria.

—Terma ben da man a Danvir —dixo a proxenitora mentres axeitaba a mulida na cabeza—. E ti agárdaa á saída, que xa nos coñecemos. Entendiches?

—Así o farei, mamá Saatvika. —Asentiu asemade o neno cuns xiros do pescozo.

——————

—Aquí tes. Aprende moito hoxe, oíches?

—Oín! —Aashi chantoulle un bocado con entusiasmo: crocante por fóra e mol por dentro. Non hai nada mellor.

——————

—Un paxariño contoume que es das máis aplicadas da clase. Así se fai, meu ben. 

A nai agarimoulle o queixo cunha man áspera polos calos. A cenoria daba dozura e a pataca facíaa cremosa.

——————

—Non enredes coa comida, Aashi; tes que almorzar como cómpre para andar espelida na escola.

Unha das manchas torradas no pan circular chamoulle a atención. Tiña toda a forma de Sri Lanka, capital: Colombo.

——————

—Anda que se esperamos por ti para que nos saques da plantación… Túzaro! Goza deste ano, porque o vindeiro… —reprendeu a nai ao mozo.

Sóubolle algo forte a paratha, mais sentíase orgullosa de que mamá Saatvika crera que xa estaba preparada para a cebola.

——————

—Túa avoa, que tamén vivía (e naceu) aquí na plantación, pero máis contra o río, soñaba con que fose médica. Porén, eu non era tan lista coma ti. A fe que o has de lograr… e así trátasme as costas: esta mañá nin me dou endereitado —laiouse a muller coas palmas apoiadas no lombo—. Quen te mirará cunha casa de teu…

«As médicas seguro que comen as parathas con panir e todo», fantasiou Aashi ao adentar o pan ácimo.

——————

—Coloca ben o colo da camisa, Danvir, a ver se vas deixar mal a teu pai na fábrica. Está calado e fai o que che manden —instruíuno Saatvika—. E trátame o té con xeito, nós deixamos as mans a apañar as follas e os homes andades a golpes cos sacos.

Algúns gromos no interior delataban o nerviosismo da muller; nin por esas sabía mal.

——————

—Mira que elixir de todos a miña filla para representares a escola… Merécelo! — Saatvika chiscoulle un ollo ao deixar o almorzo na mesa; levaba o meirande sorriso que se lle vira nunca.

O recendo do panir era inconfundíbel. Paratha con queixo, que máis se lle pode pedir á vida!?

——————

—Quen te mirará na cidade, coa túa bata branca; co chintófano ese ao pescozo; a soster cunhas mans lisas, non como estas miñas, o pauciño para ollar nas bocas… Pero para iso tes que papar o almorzo todo, estamos? —preguntou a nai mentres deslizaba o disco de pan no prato. 

—Estamos, mamá Aashi.

 

27 comentarios en “‘Puto Gandhi…’ vs ‘Paratha’

  1. Puto Gandhi
    Debo admitir que non quedei moi convencido deste relato. Non me convenceu o formato de falso monólogo (ou como se chame, sei pouco de teoría literaria). Tampouco do xeito de expresarse do narrador. Para min sóbralle forza e fáltalle sutileza. No inicio, pensaba que era unha voz feminina criticando a Gandhi polo seu trato das mulleres, mais o segundo parágrafo paréceme un narrador masculino “as tías estades sempre que se té negro, verde, vermello… un arco iris de tés e logo non parades de mexar”. Non sei se era intencionado, mais parece un caso de “mansplaining” deses no medio dunha crítica contra o patriarcado. Pode que fose culpa miña, mais non acabei de ver que era o que se quería contar no relato nin como casa coa foto proposta.

    Paratha
    Pareceume un relato fermoso. Penso que alguén criticou na primeira xornada a literatura costumbrista. A min, neste caso, paréceme un acerto ter tirado por aí. Conta unha pequena historia familiar e cóntaa ben. Con delicadeza. Usar a comida para darlle continuidade ao relato pareceume un gran acerto. É moi suxestivo.
    Contodo, non cheguei a entrar de todo no imaxinario proposto polo autor. Non coñezo a zona, mais na miña opinión fáltalle unha chisca de autenticidade. Coa excepción da comida, concéntrase o relato en elementos que podían estar en calquera parte do mundo (a escola, a plantación, a fábrica). Penso que o relato gañaría máis se usase un par de detalles locais para encadrar a escea (como si fixo coa Paratha). Tamén tería gustado máis dun texto con menos esceas, unha liña máis continua, vaia. Aínda así, paréceme que o autor soubo tirar “bo proveito” da situación cotiá da familia ceilanesa e por iso o meu voto vai para Paratha.

  2. A foto, neste duelo (houbo outras), marcou moito os duelistas. Tocaba India, logo cada un viuna ao seu xeito.

    Puto Gandhi

    Vou empezar polo que non me convence. Penso que quedaría mellor que fose unha voz feminina a que falase, tal e como parece ao principio ou en todo o caso non quedase tan transparente o mansplaining. Porque conforme o relato avanza, esa sátira do wikipedismo e do falar-non-ten-cancelas perde orixinalidade. Aínda así, o autor deste relato demostra ter dotes para o humor e un fino instinto para captar o ridículo do ambiente de hoxe en día, sobre todo no que a xuízos anacrónicos se refire. Coido que era Ricardo Piglia quen dixo que o relato curto ten a función de aprender un tema dun xeito moi xeral e a novela de resolver unha cuestión moi puntual. Así que neste caso vemos que algo tan xeral como a neoinquisición que calquera de nós exerce contra calquera en base aos nosos preconceptos xa ten o seu propio relato, unha pastilla de avecrem dunha actitude propia e exclusiva do noso tempo.

    Paratha

    Hai como dúas capas superpostas. O relato familiar, sinxelo, costumista, como dixo Daniel Ugarte, universal se se quere, que tanto pode pasar na India coma en Carnota. Na outra capa están os elementos de cor, a paratha do título e algunha outra cousa, caso do té. Síntoo pero pesa máis a capa xeral e, polo tanto, este relato vai algo curto de orixinalidade. É bastante evidente, obvio, e non atopo moitos atractivos literarios. Fáltame o enfoque propio do autor máis alá desa división en microcapítulos que non me parece conseguida. Talvez fose unha boa idea para unha novela das do estilo de Iván García Campos pero non para un microrrelato.

    Voto por ‘Puto Gandhi…’

  3. Puto Ghandi
    Non conseguín entrar no relato. Coido que non comprendín o que pretendía o autor en ningún intre. Unha parodia quizáis? Se é así fáltame sutileza. Ademais o seu uso da linguaxe dáme sensación de estar forzado, non acaba de resultarme verosímil.

    Paratha
    Ó igual que Daniel gustei da gastronomía como fío condutor e tamén me tería gustado máis un menor número de escenas para que o relato tivera unha maior fluídez.
    Aínda así coido que hai intres bastante fermosos (“Unha das manchas torradas no pan circular chamoulle a atención. Tiña toda a forma de Sri Lanka, capital: Colombo”) e que esa universalidade do relato a min non me disgusta.

    O meu voto é para Paratha

  4. “Puto Gandhi…”
    Tal cal a típica machirulada dos que presumen de feminismo eu-non-son-coma-os-demais hashtag ‘woke’ hashtag ‘nice guy’. Destes discursiños que che fan rodar tanto os ollos que unha podería verse os miolos. De parodia nada, paréceme moi realista, tanto na situación como na linguaxe.

    “Paratha”
    A temática é diametralmente oposta, moito máis relacionada coa imaxe, e conta moito con moi pouco a través da inocencia de Aashi. Pero, quitando a comida, boto de menos o ambiente, ese algo que me faga sentir transportada á India. Tal vez menos escenas máis longas terían funcionado mellor.

    Cústame elixir un, cada un ten unha intención que sabe cumprir, pero “Paratha” deixoume unha sensación tenra que me chamou máis.

  5. O meu voto vai para Puto Gandhi maricón sobre todo polo estilo. Moi áxil e fácil de ler. Encántame o léxico e as repeticións. Descoñezo se a información é certa ou un recurso literario, pero xa collín gañas de investigalo a fondo.

    O final de Paratha resultoume precioso, así como a estrutura en forma de pequenas fotos tomadas sempre no mesmo lugar. Pareceume un bonito símbolo do transitorio das persoas e o permanente do instinto de sobrevivir e progresar.

    Parabéns ós dous autores.

  6. Paratha. Encantoume, gustoume o formato, a historia e sobretodo a linguaxe. O coidado na elección das palabras. Transmite o indolente paso de tempo con esperanza e ternura. O final e grandísimo.
    Puto Gandhi: recursos expresivos a tope que penso conseguen o que o autor verdaderamente quere. Eso e para considerar!
    Noraboa os dous.

    O meu voto e para Paratha!!!!!

  7. “Puto Gandhi maricón” ese maricón tachado matoume, hehehe… Encantoume o relato a varios niveis. A narración, feroz e divertida, ten moita forza. Recoñecín a mensaxe no momento, esos neo-feministros-tumba-bragas… son peores que os Fodechinchos cargados de viruses! O relato si que é sutil, pois toca moitos paus ao mesmo tempo e inda enriba con certa gracia. Para min ten moito mérito e por iso leva o meu VOTO.

    “Paratha” é un relato moi fermoso. Eu disfrutei da universalidade que ten, que penso que é algo feito aposta. É bonito pensar que os almorzos de aquí só cambian nos sabores, o amor co que son cociñados son moi similares. Se non gaña é porque ese estatismo do punto fixo, tan necesario para artellar o nexo do relato, para min lastra moito a narración.

    Moi bo duelo, parabéns aos dous.

  8. O meu voto vai para “Puto Gandhi maricón”. Gustoume moito o relato, o que conta e como o conta con ese toque retranqueiro. En só dous parágrafos debuxa ao personaxe perfectamente. Unha cousa: o “Por que…?” que abre o relato, non tiña que ser “Porque…?”

    “Paratha” é un relato sobrio e moi ben escrito. Encántame como utiliza os diálogos para conducir a historia pero, como xa comentaron antes, parece que lle falta algo para ser redondo de todo.

  9. De “Puto Ghandi” sóbrame a frase “[Pantalla do móbil – Wikipedia– Mahatma Gandhi]”, xa se sobreentende. Do resto nada. Penso que está moi ben logrado o mansplaining cuñadista co único obxectivo (penso que fracasado, aínda que nunca se sabe) de ligar. Non me custou nada entrar (nin saír) del.
    “Paratha” tróuxome recendos de manxares, paisaxes e traballiños que descoñezo, pero que podo substituír por outros. A única mágoa é que lle faltou fluidez. Penso que está feito así a propósito. Se fose unha curta, estouna vendo con fundidos a negro que, ao volver, amosan a mesma escena cun salto no tempo. Mais, nun relato, é o detalle que fai decantar o meu voto para “Puto Ghandi”.

  10. De “Paratha” gustoume a caracterización, as descricións ben apuntaladas. Tamén a orixinalidade do relato que foxe de clasicismos aínda que, neste caso, ambos os relatos no duelo van por outros vieiros fóra dos lugares comúns.

    De “Puto Ghandi” encantoume ese xeito de narrar que é máis propia dun guionista que dun escritor. Considero moi complicado narrar nunha primeira persoa co diálogo como fío conductor. Ademais a volta de porca que fai paréceme moi acaída.

    Quedo con “Puto Ghandi”.

  11. “Puto Gandhi”
    Linno varias veces, porque non me acaba de convencer, a verdad. Primeiro pensei que era un monólogo… Despois que era unha tipa falando por teléfono. Despois vin que en realidade parece ser que é un tipo. Despois decidín que igual eso non importa tanto… En fin, que me fixo dar tantas voltas con iso (vexo que non son a única) que ó final se diluiu o que verdadeiramente o autor quere contar. Que con todo, inda non está demasiado claro. Efectivamente, parece un caso de cuñadismo que se ampara na ciencia wikipedística para apoiar o seu discurso rancio. Como lectura, xa digo, moita forza no relato e expresións moi ben elexidas e simpáticas, ditas coloquialmente, que se agradece, porque son como poleas que che axudan a avanzar na narración. A min o da pantalla gustoume, penso que sitúa moi ben a imaxe. E o final tamén.

    “Paratha”
    Tampouco conseguín que me atrapara, a verdade… O relato en si paréceme unha fermosura. O feito de que sea trasladable a calquer lugar do mundo (entre comiñas) súmalle para min un punto a favor. Non o tería partido en tantas partes. É como cando estás escribindo e che están constantemente interrumpindo entrando na habitación (jejeje). Despois, non coñezo como é a vida dentro dos fogares da India, pero cando estiven alí deume unha impresión dunha sociedade moito máis suxeita ás tradicións do patriarcado e da supervivencia por riba dos soños (por desgraza), por eso non acabei de empatar ben coa historia. Concordo en que a comida como fío conductor é un puntazo. O final bonito. O título ben escollido e a linguaxe incriblemente tenra.

    Repartiría medio voto a cada un. Non sendo posible tal, decántome por “Puto Gandhi”

  12. Puro Ghandi.
    Nunha primeira lectura gustoume a crítica aberta a moitos aspectos de actualidade. Non coincido con outros en que debería ser unha voz feminina, sendo masculina hai outro aquel de crítica á hipocresía. Cara o final comeza A resultarme un tanto repetitivo e o que eran as súas bazas acaban sendo os seus defectos. Asemade non consigo ver a relación de Ghandi e o té, moi clara cicais na vida real pero non especificada no relato.
    Paratha
    Pode que sexa un gusto perrsoal ou simple experiencia propia pero esas imaxes románticas da nenez non me acaban de parecer de todo reais.
    No relato estas cósense coa comida e ten un aquel de universalidade, como nakgún outro comentario se menciona, que me pareceu moi logrado.
    Porén o meu voto para Paratha

  13. Puto Gandhi

    Ten razon Ariza, o da 1º frases tiña que ser un “porque”.

    O relato está moi ben feito, o autor manexa ben o formato escollido e non lle vou mover unha coma. En canto a se desfrutei da súa lectura, pois si, pero a medias. Si polo que dixen antes, da gusto ver unha casa ben construida. E a medias porque me costou armar unha “historia” para o relato. Se vou no bus e escoito esta conversa estaría atento pero ó chegar á casa non lla contaría a ninguén. O narrador quedame definido como alguen un pouco intenso e talvez tamen pesadete, non dou chegado máis aló, a pesar do realismo e patetismo da escena. Fixeime en que cara o final o texto vólvese mais burdo, como se o autor de golpe tivera medo de non ser entendido e quixera tirarnos un par de pistas á cara. É dificil facer unha parodia deste tipo de especimes que son xa eles mesmos unha parodia andante.
    Estou dacordo en que non facia falta especificar o de
    [Pantalla do móbil – Wikipedia– Mahatma Gandhi]
    case estiven mais tempo pensando a que viña iso que lendo o relato.

    Paratha

    Pensei que ía ser un relato dramatico, de mortes e choros, pero o drama é moito mais sutil ca iso. A nai alimenta, aconsella e instrue ós seus fillos para que prosperen. A pesar diso non son capaces de sair da plantacion, como demostra o ultimo fragmento no que Aashi é agora a nai. É un ciclo eterno e cruel. O formato fragmentado pareceme un acerto.
    É o meu favorito da xornada, pero teño qeu engadir uha cousa: a primeira vez que o lin pensei que Aashi era a filla todo o tempo e si ía lograr sair da plantacion. E teño que admitir que esa version tan inxenuamente optimista a disfrutei moitisimo mais. Sería un relato para ter preto e reler de vez en cando.

  14. Dous relatos moi ben logrados, grazas aos autores por darlle tanta volta¡
    Gustoume moito a corrente de Puto Gandhi, e o título, pois é o meu favorito. De verdade, que marabilla. A linguaxe si que se acelera ao final, como se comenta arriba, e quizais polo medo do cerco de 500 palabras e a quedar impreciso. Porén non desmerece para nada o relato do intensito.
    Paratha pareceume moi ben pensado. O almorzo como fío condutor, cos referentes exóticos, resultoume moi atractivo. Quizais me faltou algo máis que ese ambiente tenro e riquísimo.
    O meu voto vai para Puto Gandhi porque me caeu moi en graza, sen embargo, penso que Paratha é moi bo no seu ton.

  15. Lino tres veces…tres. E non caín nese detalle do final ata que ti o comentaches. Lido así, para min o relato gaña moitísimo, porque tampouco perde o que estaba a contar de antes. Gaña profundidade ao final, fai crítica social, rompe o estatismo da narración e tamén, para os que se queixaron de que precisaban algo máis de India no asunto, localiza perfectamente a acción. Oxalá o tivese lido unha cuarta vez.

  16. De ‘Puto Gandhi’ destaco a súa estrutura diferente, un formato que me sorprendeu, pero o argumento non rematou por gustarme, non sei, non entrei na historia. Pola contra, ‘Paratha’ enganchoume máis, gustoume a linguaxe e a historia, e inspiroume moita ternura. por iso, o meu voto é para Paratha.

  17. Grazas unha vez máis polos vosos comentarios. Parabéns a Marcos pola afouteza da súa proposta e polo triunfo.

    Cando unha idea é errada, como no relato da primeira xornada, é máis doado falar sobre ela porque non hai nada que desvirtuar. Aínda así, xa dicía que o que me interesa aquí é o taller, confrontar opinións, compartir e aprender. Falar sobre o proceso pode resultar de interese para comparar o pretendido co logrado, para identificar as deficiencias.

    A imaxe está tomada nun campo de té no nordés da India. O enfoque clásico e cómodo podería ser facer un drama costumista sobre o proceso de recolleita, as particularidades da cultura india e as condicións de traballo. Non cría que iso achegase ningún punto de vista orixinal. Para darlle un enfoque propio, decidín amosar os efectos e non o proceso, iso debería outorgarlle certa universalidade. Tamén quería algo contido, sutil, que se construíse devagar, que fixese partícipe a quen o lese da tenrura de Aashi, da obstinación da nai, do destino da familia.

    O de colleiteira de té é un labor moi duro (secuelas físicas da nai) e repetitivo: para reflectir iso elixín o almorzo, e só o almorzo —que ademais sempre é o mesmo—, para que toda a acción transcorra no mesmo momento do día; tamén vemos un retrato estático da traballadora (as súas preocupacións e a rutina mantéñense no tempo, xa non ten aspiracións propias). Os únicos que evolucionan son os fillos, porque é neles nos que recae a esperanza de rachar coa miseria, en especial en Aashi, única personaxe que intervén nas nove escenas. Aashi é a comensal, a súa personalidade defínese só a través diso: cando fala do proceso de papar a paratha está a falar da súa percepción do mundo. Como calquera cativa quere pasalo ben (sabores e texturas agradábeis), ten unha curiosidade por aprender que a afasta de seu irmán (ve nunha mancha a forma de Sri Lanka e sabe a capital), vai medrando (introdución dun novo sabor máis forte), aparecen as aspiracións futuras mais con mentalidade de nena (parécelle suxestiva a idea de converterse en médica, porque pensa que así os seus almorzos serán aínda mellores), consciencia do que acontece derredor (detecta o nerviosismo da nai polo destino do seu irmán), sensación de avance con recompensa (o queixo)… mais nesa realidade o progreso non existe (a nai, calquera delas, sábeo perfectamente, mais é preciso alimentar esa ilusión para poder continuar). O seu fado, como o do seu irmán, como o dos seus antigos, como seguramente o dos seus descendentes, xa estaba escrito. Esa idea reafírmaa a derradeira escena, ese salto temporal (que só comprendemos coa contestación da cativa) serve de remate, aínda que esta historia non fecha. O final volveu pasar desapercibido para uns cantos (normal que a nosa atención non estea nos seus mellores niveis, o torneo demanda un ritmo alto e estamos a vivir un tempo convulso), desta volta non creo que fose por un defecto na escrita.

    Puido funcionar mellor ou peor (foi peor), mais fico contento co enfoque non convencional, a planificación (cada escena conta unha cousa precisa para a historia) e incluso a execución. Na literatura, ou en calquera forma de expresión, para min é esencial confiar na persoa que está do outro lado, neste caso a ler. Prefiro arriscarme á incomprensión que sobreexplicar o final, que dicir: «mira, que esta era a filla e agora é a nai, non se che vaia escapar» (non con estas palabras, claro). Porque iso eliminaría calquera risco de que alguén se perdese, mais racharía (ou debilitaría) ese vencello que pode existir agora entre os personaxes e quen le con complicidade e recorre o camiño preciso para xuntar as pezas. Iso permite ese final pleno e a reflexión posterior.

    Na parte literaria, amais de compartir e aprender (que xa o daba por seguro), conformábame con sacar un relato que me satisfixese. O primeiro non o foi, mais este si. Seguireivos a ler e comentar con interese. Moito ánimo á xente que siga en competición!

  18. non levaba as contas e é unha sorpresa que ver que non ganou Paratha. creo que o final está ben como está, o lector ten que poñer algo da sua parte. Eu dinme conta na segunda lectura, creo que ó ser uns nomes non convencionais e unhas escenas repetidas costou mais identificar ese cambio (tampouco sei exactamente cantos non se deron conta, incluso dentro dos que votaron por el).

    • Concordo con Lois. Eu si que reparara no detalle e pareceume un moi bo final. A falta de saber quen gañou o desempate no grupo D, penso que non hai ninguén aínda eliminado. Preséntase unha terceira xornada apaixoante!

    • Claro, podía ser problemático. Procurei telo en conta, que os nomes da nai e da filla non empezasen pola mesma letra, que tivesen algunhas consonantes diferentes, que un nome fose curto e outro non tanto… e que se repetisen máis do imprescindible ao longo do relato. Ademais de antepoñer o mamá.

      No caso de David vese que o feito de non decatarse foi determinante na percepción do relato (e ten valor comentalo despois, porque podería deixalo pasar). Iso non quere dicir que ás persoas que non lles gustou fose porque non o entendesen nin o contrario (haberá xente á que lle gustou ou incluso votou por el sen reparar no final). Eu tampouco sei cantas persoas se decataron do último salto temporal e cantas non, mais parece evidente que David non foi o único (como dicía, é normal que aconteza). Tamén concordo, como xa tes dito, en que un mal relato non se arranxa cun bo final.

      • Eu acostumo pararme moito, pero… deben ser as complicadas datas e o múltiple estres que dan que non me decatei. Penso que lin os nomes tanxencialmente de todo. Se o chego a ver o voto ía para Paratha, porque se rompe a visión estática que a min me amolaba e da múltiples lecturas ao relato. Parabéns de todas as maneiras, un duelos moi igualado.

      • Grazas. A min pásame o mesmo, adoito ler unha primeira vez todos os relatos, logo vou por cada enfrontamento: leo ambos outra vez un despois do outro para facerme unha idea xeral e xa me centro en cada un (terceira lectura e se fai falla relectura de partes mentres vou escribindo as impresión). Aínda así, no de Daniel quixen ver máis do que había no final.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s