O problema dos referentes na literatura galega actual

Carro galego.

Manuel Veiga Taboada.

Calquera tipo de arte baséase nun conxunto de referencias coñecidas polo público. Se o coñecemento destas referencias diminúe ou desaparece, a posibilidade de comunicación desaparece tamén e a obra vólvese inaccesíbel, aínda que polo común digamos simplemente que xa non nos interesa.  

A Iliada é unha epopea en verso, na que interpretan un extenso papel os deuses. Pero nin este tipo de versos nin os deuses gregos teñen hoxe para nós unha gran significación, por iso Baricco tivo éxito coa súa versión da obra en prosa (Homero, Ilíada) e na que ademais suprimiu as voces elevadas do Olimpo, ás que hoxe non lles encontramos máis sentido que o de interferir no argumento. 

E non estamos a falar unicamente de textos antigos, pois tamén é o caso de obras contemporáneas, como, por exemplo, O vixía entre o centeo de Salinger, que os rapaces estadounidenses len só porque llelo prescriben  nas escolas.

Steiner lémbranos que o mundo antigo cría nunha visión ordenada do cosmos, da que os seres humanos eramos só unha parte. Esa visión da vida deulles grande importancia a figuras como a alegoría e os mitos. Co paso dos séculos, e ao mudar radicalmente a idea orixinaria, as referencias a esas alegorías e mitos comezaron, primeiro a formar parte dun pasado superado pero aínda comprensíbel, para un pouco máis tarde convertérense simplemente en imaxes inintelixíbeis e, polo tanto, pouco apropiadas para seren incluídas, por exemplo, nunha obra de teatro.

A nosa propia experiencia móstranos como as metáforas bíblicas, por exemplo a do maná do que se alimentaron os xudeus na súa fuxida polo deserto, usadas con frecuencia polos personaxes da literatura de hai un século, eran perfectamente recoñecíbeis para os nosos pais ou avós, pero resúltanlle xa superadas ou incluso estrañas á maioría dos estudantes de hoxe. 

Sucede con outras moitas cousas. A navegación a vela ambientou un gran número de libros de aventuras, que eran lidos aínda hai trinta ou corenta anos, pero que aos lectores actuais lles parecen, en xeral, afastados. Por non mencionar o célebre aserto de que a luz eléctrica lles puxo fin aos contos de fantasmas.

Se este problema dos referentes o aplicamos á Galiza de hoxe, vemos de seguida que están na base de dous dos maiores problemas da nosa literatura. En primeiro lugar, a literatura de ámbito rural que dominou até hai unhas poucas décadas, acorde coa importancia que mantiña aínda o campo, resúltalle hoxe moi distante a gran parte dos novos lectores que descoñecen o significado de certas palabras, como estadullo ou vesada, tanto como os obxectos ou labores aos que se refiren.

A maiores, o propio uso da lingua galega, restrinxido a certos espazos, a pesar da súa teórica oficialidade, dá lugar a que a literatura nesta lingua non resulte de todo “natural” cando, por exemplo, os personaxes se moven en determinados ámbitos urbanos. Ás veces nin sequera existen termos apropiados para designar algúns obxectos ou accións (chapero, poñamos por caso), que si existen en cambio, e son ben coñecidas, a través do inglés ou do castelán.

O esforzo para realizar obras de arte con esa debilidade referencial, é dicir, con esa ameaza permanente de desconexión co público, obriga os autores a facer un grande esforzo extraliterario, que vai moito máis alá do que se lles pide aos creadores nunha lingua máis estandarizada e que viven máis próximos ao centro do sistema.

Non é estraño, polo tanto, que moitos autores, motivados máis pola literatura que polo seu compromiso cunha cultura específica, fuxan a algún deses universos normalizados, nos que o seu labor será, cando menos neste sentido, máis doado.

Pero os autores ou as autoras que viven en situacións como a galega deben loitar non só co problema que lles xera o idioma senón tamén coa procura de temas que figuren entre as referencias culturais e sociais dos lectores. Deben elaborar unha estratexia que lles permita subsistir nun mundo no que os novos deuses proveñen da cultura norteamericana ou, en todo caso, da castelá.

Para un autor é bo acudir ás raíces, pero o seu traballo pode volverse inútil se esas raíces están xa demasiado resecas ou forman parte dun pasado moi recuado ou ignoto. 

Resumindo, un autor ou unha autora en Galiza debe atender as propias necesidades orgánicas do seu texto en canto obra de arte, pero ademais debe afinar moi ben co seu uso do idioma e tamén co tema escollido. Unha batalla realmente difícil e, desde logo, pouco gratificante desde o punto de vista comercial. Só pode consolalo o feito de que o caso de Galiza non é nin moito menos excepcional. Son moitas máis as culturas que viven nunha situación parecida que as que teñen acceso directo a unha das linguas máis usadas e poden editar as súas obras desde algúns dos centros do sistema. 

Dúas últimas consideracións. En Galiza, coma noutros países, sempre existe a posibilidade de tratar da forma artística máis elevada e perfecta posíbel calquera aspecto da nosa contorna xeográfica, social ou histórica. Deste modo, a propia calidade da obra pode converterse no salvoconduto que lle permita sortear os obstáculos mencionados. Dito con outras palabras, unha obra de arte local pode converterse en universal se reúne a calidade estritamente literaria suficiente. 

En segundo lugar, a propia experiencia indica que, en Galiza, obras que tratan unha temática propia poden lograr un público importante. O idioma non é un obstáculo, cando o tema e a maneira de tratalo lle interesan ao lector. 

E unha derradeira cuestión. Precisamente o feito de estar situado nunha periferia pode facilitarlle ao creador a conquista da orixinalidade. Non son poucas as ocasións nas que a mellor literatura medra e evoluciona grazas ao que nace nas marxes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s