‘4-3’ vs ‘Noitebra’

MÓNICA CASTRO.

3ª e derradeira xornada. Grupo B. César Ariza vs Miguel R. Fervenza.

 

Noitebra

Miguel R. Fervenza.

A negrura callou coa inquedanza que percorría as rúas. O son monótono do froallo achegaba aínda máis peso a aquel ambiente opresivo. Baixo a espesura silente da noite só se adiviñaba unha ánima tras as pegadas nerviosas que bulían pola avenida principal. No seu caletre, un pensamento recorrente: «quen me mandaría a min…». Ao acadar a altura da rampla, reparou nun coche que comezaba a aboiar no mar. De socate, abriuse a porta do condutor e saíu con violencia unha figura enxoita que agatuñou fóra da auga. Cando advertiu a súa presenza, aquel ser comezou a correr sobre dúas pernas con movementos espasmódicos. O cerebro dela enviou ordes contraditorias aos músculos e só acertou a caer de cu. A criatura abalanzouse sobre a muller emitindo asemade uns sons guturais arrepiantes: «ejque», «la dije», «unas necoritas de terraceo»… Cando xa daba todo por perdido, apalpou unha peza solta no lousado. Bateu naquela testa desequilibrada con todas as súas forzas: dous chorros de sangue saíron disparados e pousáronse en paralelo sobre a pintura amarela que delimitaba a entrada a un garaxe. Tentou recuperar folgos, mais a noite non estaba disposta a ofrecerlle abeiradoiro. Desatouse un dioivo. Recolleu o bolso, asegurouse de que o contido estaba a salvo e fitou por derradeira vez a figura inerte para asegurarse de que non a ía seguir. Retomou a marcha.

Un adhesivo na porta do local advertía que ese podería ser o lugar axeitado. Após unha efracción silenciada pola arroiada, accedeu ao interior. Avanzou ás atoutiñadas mentres os seus ollos se afacían ás tebras. Dexergou unha fosforescencia do outro lado do mostrador; como vagalume macho, foi incapaz de loitar contra o influxo do seu resplandor. Tratábase dun frigorífico pequecho, o único electrodoméstico aceso en toda a estancia. No seu interior contía a reducida oferta de cervexas de importación. Apañou unha Coroa de Siberia, única realeza á que xurara acatamento. Aproveitou para enchufar o aparato que se atopaba á súa beira. Unhas luces cativas comezaron a escintilar nunha ringleira ascendente. Baixou varios dos tallos da barra para facerse sitio e tomou asento. Retirou o feche de latón facendo forza contra as moas, non había tempo para sutilezas. Verteu a cervexa a cachón. Retirou cos dedos a maior parte das gurgullas que se formaran na superficie e depositounas nunha das cuncas que contiñan froitos secos resesos. Desenfundou un aparello rectangular que gardaba no bolso e deulle corrente enriba do mostrador. Mentres recibía a comunicación que a conducira alí en noite fecha, esbicou o ouro siberiano —por un intre comprendeu a Iván, o Terríbel—. Abriu o ficheiro anexo: na imaxe podíase contemplar unha muller vestida de sevillana bailando mentres suxeitaba unha radiocasete de dobre platina sobre o ombreiro. Puto Botana, se o chega a saber deixaríase perder na fase de grupos.

…………………………….

4-3

César Ariza.

«Hai moito tempo, pouco importa cando, na indomable Rusia, pouco importa onde, tivo lugar unha feroz batalla. Librouse durante unha longa tarde de verán, sobre a herba crecida e verde. Infinidade de flores silvestres, creadas pola Man Todopoderosa como perfumados cálices para o resío, sentiron aquela tarde como as súas esmaltadas copas rebordaban de sangue e se dobregaban acovardadas. Multitude de delicados insectos, que se protexían baixo os inofensivos pétalos, víronse tinguidos polos fluídos de agonizantes homes e marcaron o seu aterrecedor sendeiro cun rastro antinatural. A bolboreta elevou sangue ao ar nos extremos das súas ás. O regato discorreu vermello e a terra pisada tornouse nun barreiro fedento.   

»Deus nos libre de coñecer a estampa que contemplou a lúa naquel campo cando, asomando sobre o  perfil negro dos afastados montes, ergueuse no ceo e ollou para a chaira, tapizada de facianas suorentas que á súa vez miraban para arriba tal como o fixeran no pasado desde o colo de súas nais na procura duns ollos maternais. 

»Líbrenos Deus de coñecer os segredos rosmados ao vento que fungou sobre o escenario da loita naquel serán e da morte e o sufrimento daquela noite! Infinidade de estrelas solitarias refulxiron sobre o campo de batalla, infinidade de nubes montaron triste garda sobre el e infinidade de ventos chegados de todos os recunchos da Terra sopraron sobre el antes de que se borrasen as pegadas de tan arrepiante contenda. Persistiron durante moito tempo, mais a Natureza, moi superior ás maléficas paixóns dos homes, logrou recuperar a serenidade e sorriu sobre o culpable campo de batalla como o tiña feito antes, cando era inocente. E chegou o día no que volveron a cantar miles de gorxas naquel fermoso teatro…»  

—Oes, Misha! Deixa de molestar o mozo coa túa leria! —berrou a camareira ao pasar á súa beira cando, frenética, ía deixando e recollendo xarras de cervexa polas mesas do local. A coleta longa e loura de Natasha rivalizaba en olladas co partido que botaban na tele.

O mozo, que non vía ben a pantalla desde a súa posición na barra, tapado por cabezas e bufandas brancas e vermellas, sorriulle quitando importancia á cuestión.

—Ao contrario, entretenme. Podes pór dúas máis?

Misha rematou dun grolo a súa cervexa e pousou cun sonoro golpe o vaso na barra, limpando a escuma da barba co antebrazo. O mozo achegoulle a bebida que lles acababa de servir Natasha.

—E como rematou o partido?

—4-3

31 comentarios en “‘4-3’ vs ‘Noitebra’

  1. Outro par de relatazos. Creo que foi Alex a que dixo nun comentario que se un relato a facía chorar ou rir, tíñaa gañada. O problema aquí é que os dous me fixeron sorrir. Pero gocei da lectura dos dous por igual.
    Dominio da linguaxe, ritmo, lectura doada. Imos do absurdo ao épico para rematar de novo no absurdo. Seguro que non vos puxestes de acordo?
    Cústame moito votar por un. Nesta terceira rolda estame a custar con todos os duelos que lin. Gañoume, por un gol, o absurdo de “Noitebra” e o seu “puto Botana”.

  2. A verdade é que estou desconcertado con este duelo, pero creo que é porque ambos textos superan a miña intelixencia.

    De Noitebra encántame a linguaxe, a riqueza léxica, a estrutura, o xiro da primeira parte do relato… aínda que non pillei o final.

    De 4-3 penso exactamente o mesmo e, ainda que eu tería acurtado a diatriba de Misha, o xiro final resultoume moi chusqueiro. O meu reptiliano pide que vote polo 4-3.

  3. A verdade, rin co final de Noitebra. Encantoume como está escrito. Fíxoseme curtísimo. É superlixeiro e cambia moi ben entre os dous ritmos, a narración do primeiro paragrafo e o ritmo están moi ben construídos. Un dos relatos cos que mais me quedo polo momento. Grazas pola lectura, gustoume moito¡
    De 4-3 penso que, a primeira parte, e un exercicio atractivo de épica, gústame como chega ao final porén, penso que lle podía pedir mais. Déixome algo frío, aínda que non lle atopo moito mais erro que o de forzar algo o xiro final.
    O meu voto vai para Noitebra. Moitas grazas aos autores¡

  4. Eu opino como di Fran arriba. O Misha ese é un vello lingoreteiro jejeej… fala de máis. Teño a sensación de que en Noitebra sendo un bo relato, se me escapa algo. ten aí unha referencia ao torneo, esta o Botana e unha das súas famosas propostas para combater: Convértense as imaxes propostas nunha loita real? En 4-3 ese parrafeo colle sentido cando sabemos de que se está a falar realmente e podemos repasar e dicir ah.. mmm….

    Ese vello da barba, o bebedor de cervexa, borrachiño molesta clientes, que fala coma un poeta é un personaxe moi bo. vale o meu voto. Voto 4-3.

  5. Con “Noitebra” aprendín palabras novas e iso sempre é un plus, aínda que hai que medir ben para que o vocabulario non destaque máis que a historia.
    Non sei se me acaba de gustar o remexido. Os dous parágrafos parecen historias independentes e non vexo un fío que os una máis aló de que están un ao lado do outro. A primeira metade podería narrar literalmente calquera cousa sen afectar á segunda, e viceversa. Probablemente non captei algunha referencia.

    O exercicio de épica de “4-3” está ben, malia que non é o meu estilo preferido. Aprecio o humor intrínseco en narrar con esaxerada solemnidade un lance máis ben prosaico. É máis natural, unha escea que se pode dar en calquer lugar.

    Voto por “4-3”.

  6. “Noitebra”, este relato ten xusto as dúas cousas que eu estaba agardando neste torneo. Por un lado fai referencia directa á invasión do Coronavirus. Esa escritora que está apuntada no torneo, xógase a vida rematando con croios aos Fodechinchos madrileños que están a contaminar a patria (aplausos), todo iso narrado de maneira indirecta (encántame a narración indirecta) e, inda por enriba, vai a pobre e atópase con unha foto-desafío das miñas…(glorioso). Apuntade: se saio nun relato, gañades o meu VOTO directamente. (Ademais gustoume moito)

    “4-3” o Misha de 4-3 é unha boa persoaxe. Un destos tipos de bar aos que da gusto irlles pagando caña tras caña. O clásico dispensador de historias e mexos que tan agradable fan iso de alcolizarse socialmente (que tempos aqueles, e?). O malo, por poñerlle unha pega, é o súbito contraste que parece que desinfla a épica, pero sen o cal o relato perde o seu aquel.

    Parabéns aos dous polo humor.

  7. “Noitebra”
    Noitebra é como unha masaxe. Hai zonas nas que dis “oh sí” e outras nas que “cangonsupu…”. Pois eso. “…só se adiviñaba unha ánima tras as pegadas nerviosas que bulían pola avenida principal”. As pegadas son humanos ou ánimas tamén? Recoñezo que foi no único relato dos que levo lidos até o de agora que teño que parar a escachar a rir e despois seguir a duras penas. O dos palabros fodechinchos matoume viva. Pensei que me dera mal da risa!!! Despois tamén tivo momentos moi bos coma o de “Apañou unha Coroa de Siberia, única realeza á que xurara acatamento”. E o do adhesivo na porta. Non sei… Eu é que son cortísima, pero que adhesivo é ese nunha situación así que te invita a entrar? E se acaso non importa, que pinta aí? Concordo tamén en que son como dous relatos independentes. Entendo a intención, de chegar a unha resolución ó absurdo e rematala con humor. Pero non me pareceu o mellor camiño para facelo. Teño moitos sentimentos encontrados con este relato. Aprendín moitas palabras novas eso sí. Pero tiven que lelo varias veces, sen conseguir que me gustara máis nas sucesivas lecturas, como me pasou con outros.

    “4-3”
    Tras ese inicio, que me recorda ó principio da canción del Hombre del Piano, vén unha parrafada tremendísima de un destes filósofos da vida que, se ben cumpre a función que ten que cumplir, haxa historia indirecta ou non, sí que resulta demasiado. Non digo que nos fagan un resumen, porque un pelma destos nun bar tampouco cho fai, pero bueno, lelo outra vez para entendelo xa me dou moita pereza. O final gustoume a verdade. Lémbrame moito a un “personaje” que temos no pueblo.

    Eu confeso que por gustar gustar, non me gustou moito ningún (oes, ten que haber diferencias de opinións). Por ese momentazo que me fixo pasar “Noitebra”, poderíallo dar a él, senón fora porque despois me perdeu xa toda a chicha o resto do relato. O “4-3” ten aí un personaje de estos que parece que se está perdendo, así que vamos intentar salvalo. Voto por este último logo.

      • Era o adhesivo da wifi, claro.

        «“…só se adiviñaba unha ánima tras as pegadas nerviosas que bulían pola avenida principal”. As pegadas son humanos ou ánimas tamén?»
        Na rúa non había ninguén, agás a protagonista: as pegadas eran as súas.

  8. Algúns dos comentarios xa case dan para outro relato…pero vamos ao choio.
    Con “noitebra” tiven varios coitus interruptus, como ben di Natalia. Ao final rin pero non foi como ver a Xesús no Resu, Botana aínda non ten ese aquel. Gustoume o uso que fai da foto e a postura política que expresa, toda a ambientación absurda bastante ben recreada recordoume un cento de pelis.
    “4-3” gústanme eses títulos que cerran o relato, non sei como dicilo, que che fan preguntarte desde o mesmo título que vai pasar. Neste sentido é perfecto. As personaxes son arquetipos ben recreados, si igual que a atmósfera, transparente.
    Porén voto por este último.

    • Marisol, descúlpame o comentario. Non me gusta nada corrixir aos demais, xa que eu son dos que lle dá mil patadas ao idioma. Mais como xa cho lera noutro comentario anterior, permítome o exceso. “Porén” non significa “por iso”, senón que sería sinónimo de “non obstante” ou “a pesar”. É por iso que se fai un pouco rara esa frase final.

      • Gracias pola observación. Son consciente de certas carencias léxicas e modismos, deformación profesional. Por iso esta idea dos duelos me resulta aínda máis interesante e estou a aprender un mundo literal e literariamente. Porén tentarei deixar de usar porén porque o usei mal unha unha ducia de veces. (Esta si?) : ).
        Unha aperta.

      • Só falta un derradeiro detalle: os conectores deste estilo deben ir illados por comas. É dicir, se inicia unha oración (como no teu caso), o porén debe ter unha coma despois; se está no medio, debe levar unha antes (ou un punto e coma) e outra despois. Aproveito e apunto outro conector co mesmo significado que tamén pode levar a confusión: emporiso.

  9. En ámbolos dous relatos pasoume o mesmo. Hai unha primeira parte que me resulta entretida e ben fíada pero unha segunda que me afasta do que se está a contar. No caso de Noitebra porque me resulta un tanto confusa e no de 4:3 porque ese remate humorístico non me convenceu.

    Voume quedar, por pouco, con Noitebra.

  10. Noitebra

    O ton humorístico do relato faime pensar que o vocabulario é así de requintado adrede, como un recurso parodico mais (ou pode ser un prexuizo meu). Con todo, paréceme que a escena zombi podería terse despachado en moito menos espazo. Esta estrutura parte o relato en 2 bloques demasiado diferenciados

    Como xa comentou algun, estamos ante as andanzas dunha duelista do torneo en plena apocalipse corona-vírica. E foille tocar unha foto das de Botana (como o sabia?), que por certo me recorda moito a aquel emoticono do wasap.

    O relato é simpático e a boa redaccion aportalle nivel á lectura (eu tamen aprendin palabras novas). Creo que o texto ganaria con mais accion (non me refiero a disparos e golpes de karate) en lugar de mostrar só duas escenas. Tamén boto de menos un pouco mais de claridade na historia. Por que empregar 2 frases para dicir que acendeu o router (para descargar a foto)?

    4-3

    Os 3 primeiros paragrafos deberon ser so 1. Porque con ler un xa incorporaches a info que debian darche, e porque o texto en si non significa nada, non é relevante para nada (están deseñados para iso, aparte de deixar un par de pistas que tampouco é que teñan ningunha funcion porque cando sabes do que realmente fala, en vez de coller mais sentido colle menos: un partido de futbol, e daí non saes).

    Teño que volvelo dicir (e sei que non vai ser a ultima vez no torneo): por que non indicarlle ó lector desde que o Misha falaba de futbol? Por que torturar ó lector dandolle a ler un texto sen significado?

    • Falar de estrutura igual é demasiado xeneroso para este relato. A escena do fodechinchoszombinfectado durou o que duraron os tres gags que a compoñen, supoño que se podería reducir se renunciara a un par deles, aínda que non creo que arranxase gran cousa (o conto tiña pouca solución).

      Unha imaxe coma esa só podía ser de Botana, xa entrara en xogo a do museo de cera e ameazou con que enviara máis nesa liña.

      Tendo en conta que o trebello ese (a conexión á rede) é o que fai que a protagonista se bote á apocalipse e irrompa nun local, dúas frases para eliminar ambigüidades non creo que sexan tantas. Sen a segunda parte, a xente podería pensar que o que prendeu foi o datáfono para pagar a cervexa (non desentoaría coa narración) ou que sei eu.

  11. Noitebra
    Debo admitir que non entendín nada do que ía este relato. Non me refiro ao final. Non entendín nin a introdución, nin o no nin o desenlace. E aínda así gocei moito léndoo. Ten un ritmo moi dinámico, unha linguaxe moi rica, unha narración absurda que en varios momentos me fixo rir (detallazo a aparición do madrileño). En resumo, unha narración para o meu gusto excelente e un gusto saboroso no padal.

    4-3
    Con este relato pasoume o contrario. Gustoume máis a historia que a execución. Entendo que o primeiro parágrafo pretende usar un ton épico. Penso que é unha moi boa opción para contrastar coa segunda parte do relato, moito máis mundana. Porén, non me convenceu a súa execución. Hai unha cousa que a min adoita distraerme dos relatos e é o exceso de adxectivación. Nese parágrafo épico, non hai nome sen un ou dous adxectivos e para min iso estropea o ritmo. Na miña opinión, a épica pódese conseguir doutro xeito (e.g. o “pouco importa onde” ou o de “Bieito o zapateiro fillo de Bieto o zapateiro” noutro relato da xornada).

    O meu voto vai para Noitebra.

  12. A pesares de textos breves, sorprendeme e verdadeiramente me encanta o coidadoso traballo literario que acado ver detras de cada liña. Para min, pola axilidade e a destreza, a facilidade da inmediata ubicación gracias ó final directo que che saca un bo sorriso, gaña este encontró 4-3
    Noraboaaaaaaa

  13. Dous relatos nos que coincidiu que hai metaficción, aínda que sexa de distinto tipo. Resúltanme cuirosas estas casualidades que xa vimos nalgún outro duelo, coma se a imaxe inspiradora tamén inspirase unha determinada técnica. Contodo, os dous textos son moi distintos.

    Noitebra

    Coido que o mellor era a idea. E a mención a un duelista, que sempre favorece ter polo menos un voto. Espero que o autor consiga a foto esa mestura entre Martirio e o Príncipe de Bel-Air.
    Do meu punto de vista, o principal problema deste relato é a linguaxe. Quero crer, seguindo a Lois Z, que é paródica. É esaxerada en todo e só así podería incorporarse ao ton xeral do relato. Pero o problema é que estas caricaturizacións funcionan mellor en doses cativas. É bo que se represente algo que se quere criticar pero só para que saibamos de que vai. Non hai que remedalo por completo porque pode ocorrer como neste caso, que se nos faga un pouco costa arriba esa sintaxe.

    4-3
    Tamén a este relato lle ocorre iso. Hai demasiada caricaturización da linguaxe épica e pérdese o efecto buscado. Outra vía podería ser, en efecto, converter un partido de fútbol nunha batalla e empregar unha lingua propia da fantasía heroica pero iso eu aquí non o vexo. Non hai unha traslación do xogo do fútbol ao campo de batalla. Se o que se buscaba era un efecto sorpresa penso que queda pobre porque se en vez de aclarar a alocución de Misha cun resultado deportivo o autor optase por outra actividade competitiva, incluso unha partida de parchís, penso que nada cambiaría.

    Voto por ‘Noitebra’.

  14. Como non entendín moi ben o final do relato ‘Noiteboa’, a pesar de que a primeira parte me gustou, vou votar por ‘4-3’, porque desfrutei máis da súa lectura.

    • O final da «Noiteboa» non ten moito que entender: a avoa quedou a durmir sobre o prato, o cuñado propuxo solucións sinxelas e infalíbeis a todos os problemas da sociedade, o pai e a tía cantaron panxoliñas resesas…

  15. Pois a min encantáronme os dous. Que vou dicir? Adoro o humor. Todo tipo de humor. Por iso podo dicir que “4-3” encanta mais quedo con “Noitebra”. Quen sabe o que pode pasar?

  16. Boas! A petición de César entro para desfacer o empate.

    Recoñezo que ‘Noitebra’ ten un momento sublime no encontro co fodechinchos, pero máis aló diso non me acabou de convencer. Hai unha serie de manobras deliberadas aí que me escapan: unha é o abuso do léxico e dos adxectivos, seguramente intencionados os dous, e a outra a mención a un terceiro duelista. Se teño que tomar o relato como construción literaria, a primeira fáiseme incómoda e a segunda, allea.

    ‘4-3’ si aposta por unha linguaxe retorcida ben a propósito do que quere contar: a turra dun siareiro enchoupado en alcol que lle está a furar a orella a outro que tal baila. É precisamente o xiro final o que xustifica o relato todo, non só como gancho (que tamén), senón como armazón do mesmo. O meu voto vai, lo, para este relato. Parabéns.

  17. Desta volta pouco hai que falar sobre o que escribín. Por como estaba a transcorrer a segunda xornada, desbotei a miña idea orixinal: non quedara con ánimo para o que demandaba planificala e escribila. Púxenme con este texto despois da cea do mesmo día da data límite, para entregar algo, o que fose. A imaxe inspirábame un local deserto, como están tamén desertas as rúas. A idea final era moi sinxela: unha duelista quedaba sen Internet na casa e víase obrigada a ir a aquel lugar na procura de wifi. A partir de aí, improvisación contra o reloxo: definín un ton paródico que permitise facer contraste con calquera chanza que puidese xurdir (por iso o uso desas palabras e os adxectivos) e para adiante sen filtro. Non esperaba sacar voto ningún polo nulo esforzo empregado; é curioso que este sexa o meu conto que estivo máis preto de sumar unha vitoria. Fanme graza as referencias ao vocabulario, porque desta vez tiven que tirar de repertorio, non tiña tempo para remexer no dicionario. Se roubou algunha gargallada e alguén sacou algunha palabra descoñecida, pois xa foi máis do que esperaba.

    A modo de balance da miña (desastrosa) participación, unha das cousas que aprendín é que nun certame coma este é esencial que as ideas que queiras transmitir sexan claras e incluso redundantes. Existe un ritmo alto de escritura e lectura, non hai tempo para esculcar nos textos, se te pos a sementar o normal é que non acabes recollendo. Pero precisamente agora de forma natural o que me sae é o contrario (porque está presente incluso neste relato sen ningunha planificación). Pola puta culpa das aventuras gráficas, gústame diseminar a información, que todo estea aí autocontido (neste caso estendíase ao contexto do torneo, estaba pensado para os duelistas), pero que para a súa comprensión plena demande unha vontade de recoller todas as pezas e xuntalas por parte da persoa que xoga (le). Non souben adaptarme á conxuntura, algo que si debe facer un bo escritor.

    Grazas unha vez máis polos vosos comentarios. Ánimo a todas as que seguides en competición!

  18. De desastrosa nada, Miguel. Fixeches un moi bo torneo, pero caemos no grupo da morte e cada voto foi decisivo (sobre todo o de Pablo Fernández). Os teus relatos foron os máis orixinais de todo o torneo e ti o duelista máis ousado. Non tiveches medo a arriscarte aínda sabendo que aquí prima o voto conservador (ou iso me parece a min).
    Eu tamén tiven que reescribir o meu relato vendo o “éxito” que tiven na xornada 2. Así que pensei “ídesvos caghar”; metín 2 e 3 adxectivos tras cada sustantivo e tiven a sorte de que Misha caera ben ás/ós compis.
    Grazas a todos polos vosos votos e comentarios. Agora marcho, que teño que “torturarvos” con outro relatiño dos meus para desempatar con Álex e Marcos. Vémonos no desempate

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s