‘A detención de Celso Kunstler’ vs ‘As pantasmas non pagan aluguer’

3ª e derradeira xornada. Grupo C. Diego Casal vs Leticia Goimil.

As pantasmas non pagan aluguer

Leticia Goimil.

«Pois xa estaría», dis para ti, mirando as caixas de cartón baleiras sobre a mesa.

É entón cando a realidade termina de calar: esta é a túa nova casa. Non é moi grande; nese recuncho da cociña hai cinco cadeiras arredor do taboleiro, aínda que a ollo non cres que caiban máis de tres persoas sentadas comodamente. Pero é o teu recuncho, nese lugar ó que dende agora chamarás fogar.

Pouco importa que a lixivia non quitase de todo o recendo a vidas alleas ou que o mobiliario amose raións que non coñeces, testemuñas de historias que nin sabes nin saberás. Tamén quedan alí as pantasmas que non marcharon cos antigos residentes. Non che molestan, o certo é que prefires os sitios que semellan ter sido vividos. Sentes as súas olladas estudarte cando te moves dunha habitación a outra. Oxalá aprendan a aturarte e a levarse ben cos teus propios espectros. Ó final non saberás cales te pertenceran e cales non porque, co tempo, todos serán un pouquiño teus.

É parte do encanto.

O máis rechamante de todos é o gato. É pequeno, atigrado e ten a mirada resabida e acomodada de quen se sabe rei do seu castelo. Aparece e desaparece a vontade, escorrega entre as túas pernas cal airexa fría e camiña polo mesado atravesando os trebellos de cociña, coma se lle amolase non ser xa quen de tiralos ó chan.

Desmontas rapidamente as caixas antes de que lle dea por reclamalas. Xa viviras a leria de ter que exorcizar os teus obxectos persoais no instituto, cando a manifestación dun exame de matemáticas suspenso se apegara ó teu bolígrafo preferido, e o último que queres é ter que pelexar agora cunha ánima por uns cartóns.

Eliminada esa fonte de tentación, o gato sae da cociña, abaneando o rabo con petulancia.

Atópalo despois na sala, os ollos prendidos nun cofre entreaberto. Se non fose porque aí gardaches as túas ilusións de ser cantante, ximnasta e mesmo o breve soño que tiveras ós dez anos de facerte florista —todo porque viras un documental sobre a dionea atrapamoscas e che parecera o máis chulo do mundo—, xa se tería metido dentro, pero a caixa está a rebentar.

—Non son quen de mandarte marchar —dislle, sentando no sofá e alcanzando o libro de Introdución á psicoloxía dos trasnos que deixaras na mesiña—, despois de todo levas aquí máis ca min. Só espero que non sexas un espírito rancoroso que miaña ás tres da mañá porque o teu dono non che limpaba o caixón.

Mira para ti por un segundo, e parece tan vivo que tes que reprimir o impulso de tentar rañarlle entre as orellas. Un erro ridículo para calquera, case imperdoable para un estudante de Ciencias da Comunicación Máxica. Como todo o mundo sabe, é de mala educación tocar unha pantasma allea sen permiso.

O gato acomódase no respaldo do sofá cun plácido ronrón e sorrís, sentindo coma se levases toda unha vida aí.

………………………………………

A detención de Celso Kunstler

Diego Casal.

Esta semana numerosos medios fixéronse eco da detención de Celso Kunstler. O considerado pola policía como mellor falsificador de obras de arte de Europa foi sorprendido na cociña da súa residencia de Montmartre mentres traballaba na copia das afamadas “Caixas Brillo” de Andy Warhol 

Mais… quen é realmente Celso Kunstler?

Único fillo do arquitecto alemán Felix Kunstler e da recoñecida pianista viguesa Sonia Castro, Celso amosou dende cativo que herdara os dotes artísticos de ambos. Mais xa tamén dende pronta idade se puido apreciar o problema que o perseguiría toda a vida: a súa ausencia de orixinalidade. A súa profesora de primaria, nunha entrevista para esta reportaxe, falounos sobre esa época: “Celso carecía de imaxinación. En clase de debuxo, ante a súa falta de ideas, remataba por arremedar os dos outros nenos. Iso si, era quen de facelo case á perfección. Mais non era capaz, pola contra, de comprender porque non recibía as mesmas gabanzas ca eles”. 

Malia esta falta de inventiva, Celso non abandonou os seus degoxos artísticos. Na facultade de Belas Artes era coñecido pola súa destreza técnica pero, segundo o seu compañeiro de cuarto na residencia de estudantes, “…as súas obras eran aldraxadas ó ser consideradas meras imitacións”. Celso, malia todo, non semellaba renderse. “Cada vez que comezaba unha obra apreciábaselle unha faísca de emoción nos ollos. Parecía que desa vez conseguira, á fin, unha visión propia. Unha ollada orixinal que, engadida ás súas magnificas habilidades técnicas, daría lugar a unha obra merecedora da aprobación que tanto necesitaba. Pero, pouco a pouco, con cada pincelada ou con cada golpe de cicel, a obra ía transformándose. Ata rematar por ser, unha vez máis, unha imitación. Perfecta, iso si”. 

Celso rematou por deixar a facultade e pareceu aceptar que a arte non ía ser o seu camiño. “Mesmo se afastou de seus pais ó sentir que os decepcionara”, comentounos un familiar achegado. Tras mudarse a París, desapareceu durante un amplo período de tempo. Ata que a policía comezou a relacionalo coa organización que conmocionaría o mundo da arte cos seus célebres roubos e estafas. 

Marcel Dupont, o responsábel da desarticulación da banda, na rolda de prensa posterior á súa detención, declarou que: “…o nivel de perfección acadado por Celso nas súas falsificacións (…) incluso facía dubidar os maiores expertos”. De feito, a policía atopou en mans do líder da banda obras das que a súa subtracción era descoñecida ata ese intre. Na mesma rolda de prensa, o comisario engadiu: “Celso non semellaba actuar por cartos. Só parecía desexar ter as súas obras expostas nos mellores museos e galerías. Que o público pensase que as súas eran as orixinais”. 

E deste xeito chegamos ó intre da súa detención. Mentres un esposado Celso Kunstler era conducido ás dependencias policiais, os flashes dos fotógrafos e as preguntas dos xornalistas sucedíanse. Este, sorprendido pola atención que sempre anhelara, procurou no seu maxín as verbas únicas que o aferraran á historia.

—Xa teño os meus quince minutos de fama.

21 comentarios en “‘A detención de Celso Kunstler’ vs ‘As pantasmas non pagan aluguer’

  1. “As pantasmas non pagan aluguer”
    Destacable a segunda persoa utilizada no relato. Nada habitual. Por un lado é unha maneira de introducir directamente ó lector na historia, pero non sei se me acaba de convencer, posto que é unha alusión directa e se as descripcións do sentir do protagonista son demasiado específicas (“gardaches as túas ilusións de ser cantante, ximnasta…) e distan das do lector ou lectora, pode provocar que este se afaste da historia.
    En canto á narración, pareceume moi orixinal. Gústame moito a lectura de temática paranormal, pero coido que é a primeira vez que leo unha que teña de protagonista a unha pantasma animal. O mundo espectral sempre está moi asociado á condición humana, co cal, o feito de que sexa un gato (incriblemente ben descrito, por certo. E dígoo eu, que teño cinco), aporta un grao de creatividade con moito peso. Gustoume moito este relato. Fíxoseme curto!

    “A detención de Celso Kunstler”
    A redacción é finísima. Unha historia ó máis estilo Mozart e Salieri. Encantoume o trasfondo, posto que a arte é un concepto cultural e histórico, e non sempre vai da man do talento. O protagonista ten un talento que dentro do concepto de arte non casa máis que como falta de creatividade, sen embargo, as súas habilidades para a réplica, fan que atope o seu lugar, inda que sexa á marxe da lei (coma o Joker). Tamén me gustou que, a pesares de que se extende moito no tempo (vai desde a súa infancia ata o momento da súa detención, pasando pola facultade), non tiven esa sensación de grandes zancadas para chegar ao final. Están moi ben escollidas as esceas, van enlazando coherentemente e remata con eses minutos de fama do prota, demostrando así, que o recoñecemento só depende do contexto histórico e cultural. Brillante.

    A cuestión é que non sei que facer. Son diferentes e prestáronme ambos. Repartiría o voto sen dubidalo. O feito de que non só coincidan dous dos meus grandes intereses (gatos e pantasmas), senón que tamén se fundan nun só concepto, fai que me decante por “As pantasmas non pagan aluguer”

  2. As pantasmas non pagan aluguer
    Non foi un relato que me atraese demasiado, a verdade. A relación coa imaxe é clara e a idea de relacionar pantasmas simbólicos e seres sobrenaturais é interesante. Porén, non acabei de meterme na pel desa estudante de maxia. Se non se nos dixese explicitamente que ela é unha aprendiz de meiga e o gato unha pantasma, eu non poderia deducilo. Non hai nada de paranormal no que sucede na casa (ou cando menos eu non o collín). O ton do relato tampouco rematou de convencerme. Pareceume excesivamente aséptico.

    A detención de Celso Kunstler
    Este relato sobre alguén que non consegue ser orixinal pareceume…moi orixinal. Aínda que o formato escollido (o falso reportaxe) non é o meu esquema favorito, penso que neste caso funciona. É unha historia que, como dixo Natalia, pese a abarcar un período de tempo amplo, consegue a continuidade. Destacar, para o meu gusto, o excelente final. A ese home nada orixinal pídenlle que por unha vez o sexa, que dea unha cita para a posteridade e que se lle ocorre? Usar unha cita do artista a quen estaba copiando nese momento (Warhol). Brillante.

    • quería resaltar que se non fose polo teu comentario non entendería o final, non me din conta de que estaba citando (copiando) a Warhol.

      • É a miña interpretación. Igual me montei unha película, pero o dos 15 minutos é a cita máis coñecida de Warhol. Eu interpreteino por aí

      • Unha vez visto paréceme que ten que ser a correcta. O dito coñecíao (coa interpretacion moderna e humoristica que se lle da hoxe), pero non pensei que tivese dono.

  3. Estupendos relatos os dous, con enfoques moi diferentes sobre unha foto moi aberta. Ambos coinciden na idea de cambio, mesmo de abandono.

    Gustoume moito o estilo de escrita de ‘As pantasmas…’. Suxeriume instrospección e sensibilidade. Porén, o que maís orixinal me pareceu foi o argumento de que podehaber pantasmas de moitas cousas, non só de persoas e animais “… cando a manifestación dun exame de matemáticas suspenso se apegara ó teu bolígrafo preferido…”.

    Tamén me resultou moi abradable de ler o estilo periodístico e de entrevista de ‘A detención…’, así como o punto de vista de que a técnica do imitador, aínda que sen visión, sexa superior á dos propios mestres da pintura.

    É dificil tomar unha decisión, e máis sabendo que é clasificatoria, pero chegoume máis o relato de ‘As pantasmas…’, así que voto por elas.

    Parabéns a ambas plumas.

  4. Persoalmente, encantáronme os dous enfoques que lle deron os autores a foto.
    N’A detención de Celso Kunstler, teño que sinalar o detalle final da frase. Paréceme simplemente xenial, en serio. A historia en xeneral está moi ben contada e a relación Mozart-Salieri da que fala arriba Natalia encántame. O arco cronolóxico que abarca en tan pouco texto, mantendo a ton informativa e non caendo na sobreexposición tamén é ben digno de mención.
    O universo de As pantasmas non pagan aluguer quedóuseme enorme para as quiñentas palabras. Quero saber mais de esa facultade de Ciencias da Comunicación Máxica. A idea de pantasma animal tamén me gustou. O formato, a segunda persoa, si que me parece que podía estar mellor escollida. Foi unha opción moi arriscada, fresca neste torneo e por iso agradézoa. Non sei se o autor ten algo escrito en relación a este mundo, pero anímoo a seguir e estender o conto¡
    O meu voto vai para A detención de Celso Kunstler, por esa frase final marabillosa.

  5. As pantasmas non pagan aluguer

    A segunda persona paréceme ben usada. Creo que está ben que concrete manias, pensamentos e o que sexa (gústame o do boligrafo favorito), non se trata de que o prota sea un reflexo do lector, senon do contrario.
    En liñas xerais paréceme un bo relato, só vin unha cousa que non me funciona.
    O gato pantasma non me molesta. Podería ser un gato real e non pasaría nada, é mais, algun lector pode estar convencido de que é un gato real e funcionaría todo igual de ben, ou mellor.
    O me saca do relato é a ambigua aura de fantasía que o envolve. Este relato non precisaba ser fantástico, ergo non debería selo. Sen embargo hai espalladas algunas frases que ou ben son esaxeradamente excentricas ou ben si queren facernos pensar que o prota é curmán de Harry Potter. Sobre todo o de ser estudante de ciencias da comunicacion maxica, que está aí ó final como querendo aportarlle un xiro ó relato cando o que fai é pegarlle un tiro no pé. Iso cómpre quitalo, xa se escapa do ambiguo para chegar ó confuso. Se a/o autor/a quere insistir nese erro, enton polo menos aconsellolle que o deixe mais claro desde o inicio, que non xogue ás sorpresas enlatadas, que o solte xa na 1º frase.

    A detención de Celso Kunstler

    “Esta semana numerosos medios fixéronse eco da detención de Celso Kunstler.”
    Esta é unha primeira frase terrible. Paréceme un sacrificio tremendo do modo de expresion contar unha historia en forma de falsa reportaxe, porque é moi dificil facelo ben, é dicir, que resulte logo unha lectura agradable independentemente do xenial que esté o que se conta.
    Eu non disfrutei da lectura do relato. Foi como ver unha boa pelicula descargada en mala calidade. Un quere vela ata o final, pero sufre no proceso. Hai que dominar moi ben a escrita para botarse a escribir un relato neste formato e sair vivo, tal vez nuns anos o autor/a poida amañalo porque potencial ten, a historia é boa e o final tamén. Só lle faltou á revista encargarlle a reportaxe á persoa indicada.

    Celso Kunstler, considerado pola policía como o mellor falsificador de obras de arte de Europa, foi sorprendido na súa residencia de Montmartre mentres traballaba na copia das afamadas “Caixas Brillo” de Andy Warhol.

    Único fillo do arquitecto alemán Felix Kunstler e da recoñecida pianista viguesa Sonia Castro, Celso amosou dende cativo que herdara os dotes artísticos de ambos. A súa profesora de primaria, nunha entrevista para esta reportaxe, xa detectara, sen embargo, o problema que o perseguiría toda a vida: “Celso carecía de imaxinación. En clase de debuxo, ante a súa falta de ideas, remataba por arremedar os dos outros nenos. Iso si, era quen de facelo á perfección. Mais non era capaz de comprender porque non recibía as mesmas gabanzas ca eles”.

    Estas son as mesmas palabras do/a autor/a pero reordenadas e borrando o que sobra. Non o vou facer con todo o relato porque igual lle parece mal a alguen, pero danme ganas porque realmente o que se conta si que me gusta e me atrae.

  6. Dous relatos nos que a forma ten máis importancia ca o fondo. Iso está moi ben. Penso, con todo, que o resultado é desigual.

    As pantasmas

    Estou de acordo co Lois Z en que este relato ten un verniz fantástico completamente prescindible. Ao contrario, coido, coma el, que funcionaría mellor se fose realista. Hai unha expresión moi coidada, unha atención case instintiva polos detalles e un ritmo moi interesante. Este relato é como un carameliño que se vai desfacendo na boca. Penso que o propio autor/a se decatará, en posteriores lecturas, de pequenos erros e cunha lixeira corrección ha quedar un texto de grande altura.

    A detención

    Outravolta coincido co Lois Z: a técnica narrativa empregada é moi importante para o desenvolvemento do relato. Utilizar a linguaxe xornalística pode parecer un camiño con moitas posibilidades pero escribir para a prensa non é tan doado. Hai que coñecer como se fai. Esta reportaxe (máis ben unha noticia con citas) non cumpre os mínimos para que unha publicación medianamente seria o acolla. Tampouco acabei de encontrarlle o punctum ao relato. Mentres lía pensaba na película ‘Fake’, obra inacabada de Orson Welles que me encanta pero o final deixoume frío. Tanto polo argumento e a trama como polo desequilibrio entre o tipo de narración (biográfica) e ese final (sorpresivo?).

    Voto por ‘As pantasmas…’

    • “Penso que o propio autor/a se decatará, en posteriores lecturas, de pequenos erros”.

      Eu conminaría a abandoar este tipo de observacións, que maiormente o que fan é confundir e frustrar, porque:

      -O máis natural é que ao autor, especialmente se fixo moitas lecturas nun periodo curto do texto, sexa a quen máis lle custa atopar os erros. Eu, cando nun comentario sinalo fallos, é por axudar non por tocar a moral.

      -Non sei con que intención escriben o resto dos participantes, eu non contemplei poñerme a reescribir (como moito traducilas para un blog) porque as historias xa cumpliron o seu fin.

      -É icriblemente difícil atopar un erro se non se menciona a natureza do mesmo: unhas comas mal postas?, un castelanismo?, unha palabra cun significado pouco axeitado?, incoherencias internas do relato?…

      -Relativo ao punto anterior: eu levaba dende o instituto/primeiro ano de carreira sen escribir en galego (van 10 anos). O primeiro que vou pensar é que a caguei co galego, pero tampouco vou ser capaz de ver o erro, así que aí quedará.

      Grazas e sinto que non sexades fans da fantasía, polo menos neste relato. Para min era imprescindible.

  7. As pantasmas non pagan aluguer” fíxoseme longo de máis, sobre todo no medio. Todo e ser unha boa idea, coido que a autora non tivo tempo de puílo. Quedo con frases como “Pouco importa que a lixivia non quitase de todo o recendo a vidas alleas” ou “Como todo o mundo sabe, é de mala educación tocar unha pantasma allea sen permiso” que dan fe de que este relato pódese reescribir moito mellor.
    A detención de Celso Kunstler” semelloume máis acabado. Camiña xusto pola fronteira do que non acaba de ser unha reportaxe xornalística e non comeza a ser un relato. Mais gañoume o Zelig warholiano da arte e a súa teima imitativa até o final.
    Voto pola detención do Celso.

  8. Non conseguín entrar de todo en ningún dos textos e por motivos diversos
    En “As pantasmas non pagan aluguer” gustoume a atmósfera, as descripcións minuciosas, o gato que vai e ven pero non atopei nada demasiado máxico, só algo de espiritualidade nos obxectos. Será que eu teño pantasmas e sonme cotiás. Gustoume o uso do bolígrafo, de feito teño tido ese sentimento.
    “A detención de Celso Kunstler” . Gostei da idea, de como enlaza as vivencias desta persoa falta de creatividade pero o final resultoume un tanto predicible.
    Cústame decidir o voto pero quedou con “As pantasmas no pagan aluguer’ por esas pequenas xoias nas descripcións dalgo cotiá.

  9. jeje, pois é un puntazo iso da “manifestación dun exame de matemáticas suspenso que se apega ó teu bolígrafo preferido”… 🙂 As pantasmas non pagan aluguer ten un estilo fresco e só lle falta apuntalar con máis decisión a vea fantástica. Algúns lla quitarían. Eu en cambio, pensando nun produto TP poñería ese gato a facer calquera falcatruada. En todo caso un gato pantasma está guai.

    Mentres lía “A detención de Celso Kunstler” imaxinaba máis ese tipo de docus de History Channel, que unha reportaxe profunda en papel para ler sentado en zapatillas. Aí o relato encaixa perfectamente e colle sustancia. A comparación con Zeling e tamén é apropiada. Ao personaxe fáltalle máis frase jejeje… pero o mellor xeito de coñecelo é escoitando os demais falar de el, e cando por fin o copión ten algo que dicir… pum: copia a frase tipiquísisa de Warhol

    Voto por Celso Kunstler, a min gústanme este tipo de personaxes

  10. O meu voto vai para “As pantasmas non pagan aluger”. Encántame a atmósfera de fantasía creada, moi orixinal. Como a idea de que os antigos inquilinos deixasen esquecidos aos seus pantasmas, agora andarán a pensar: “pois eu xuraría que os gardei nesta caixa…”. Moi bo relato.

    “A detención de Celso Kunstler” tamén é moi bo relato, orixinal e ben escrito. Fíxome rir ao final, pero encheume máis a historia dos pantasmas.

  11. “As pantasmas…” relato moi fresco e divertido. Para min esa pantasma sería a solución perfecta, gústanme os gatos tanto como me deixan os seus pelos e olores. Encántame o concepto do boli posuído. A escena é moi natural. En canto ao dos elementos máxicos… na primeira lectura non me chistaron, nos microrrelatos en xeral prefiro montarme as miñas propias películas. Con máis espazo penso que sería un acerto concretar iso. Sobre todo como di Marcos, para xente noviña.

    “A detención…”, a persoaxe ce Celso é moi atractiva. O eterno copión, e cando ten que dicir algo, bang, a copiar unha cita. Xenial o final. Pero… é un final que só vai funcionar se o que le coñece a cita, senón falla completamente. Iso, sumado a certo lastre nos párrafos, van facer que o meu VOTO vaia para onde ese gato que non precisa areeiro. Pero por ben pouquiño, eh. Gustoume moito este duelo.

  12. «A detención de Celso Kunstler»
    Concordo en que o formato periodístico non foi a mellor das ideas, cando menos da forma na que se executou. Porén, gustoume moito a retranca que ten. Coido que o uso de Warhol non está motivado só para poder facer ese gran remate coa frase que se lle atribúe. Celso ten unha técnica infinita, é capaz de facer copias das obras de calquera mestre da arte, mais elixe para copiar a un tipo que ten obras que se podían replicar (e que de feito adoitaba replicar el e os seus axudantes) de maneira moi doada, non requirían técnica ningunha. Esa visión está presente en máis partes do texto: «Celso non semellaba actuar por cartos. Só parecía desexar ter as súas obras expostas nos mellores museos e galerías. Que o público pensase que as súas eran as orixinais». Cando Warhol era moito máis un comercial brillante ca un artista brillante, a parte económica (e a fama vencellada a ela) era o motor da súa obra, non ningún degoxo estético. Ao contraio que lle pasa a Celso, paréceme que a creatividade posta no relato e a súa planificación están moi ben, mais a execución é mellorábel. Como di David, o coñecemento externo ten moito peso neste relato, e iso sempre é un risco.

    «As pantasmas non pagan aluguer»
    Gústame moito a atmosfera. Acertou no uso da segunda persoa e a atención aos detalles axuda a caracterizar a narración. Para min funciona moi ben cando todo semella alegórico; todo iso derrámase no momento que comeza a sinalar que as pantasmas son reais e a xuntalo con eses estudos que non pegan nada co ton que tiña o texto. Prescindindo desas partes, quedaba un moi bo relato.

    O meu voto vai para «A detención de Celso Kunstler», gustoume no conceptual e deixoume un mellor sabor de boca ao rematar que «As pantasmas non pagan aluguer», que me parecía moi saboroso ao principio pero co final quedoume amargor no padal.

  13. O meu voto vai para ‘As pantasmasnon pagan aluguer’, encántame o gato e os detalles, que van creando unha atmósfera moi guai. O relato, en xeral, gustoume moito, agás o de Ciencias da Comunicación Máxica, que tampouco me convenceu.
    Da ‘detención de Celso…’ debo dicir que desfrutei da historia, gustoume moito tamén, pero enganchoume máis a outra.

  14. Guauuuuuu, a verdade e que os dous relatos teñen o seu aquel.
    As pantasmas e una historia moi ben construida, sinxela, doada, moi agradable de ler. Encantame moitos dos recursos empregados para poñerte en situación. A descripción das casas baleiras, co su pasado propio.
    A detención de Celso, parecerme un relato moi atractivo, pola historia en si, o éxito en que se conta e as medidas casualidades que o compoñen. As declaraciones dos coñecidos parecenme fantasticas ( dalgun xeito me recordaron á peli de W.Allen: Take the money and run.)
    O meu voto e para a Detencion de Celso Kunstler

  15. “A detención…” é o relato atrevido deste duelo, tal como pasa noutros desta xornada (que ten bastantes apostas arriscadas). Valoro este risco positivamente aínda que o xénero periodístico elimina a posíbel carga emocional da historia.

    “As pantasmas…”gaña pola ambientación que te transporta cara ao lugar dun xeito sinxelo e directo.

    O meu voto vai para “As pantasmas”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s