‘Alvada’ vs ‘Ai, señor Ramón’

JUAN GÓMEZ.

3ª e derradeira xornada. Grupo D. Elba García vs César Lorenzo Gil.

Ai, señor Ramón

—Co que está a chover, como  vai secar a roupa?

Fiquei na porta parada, ollando como a avoa sentaba naquela cadeira de plástico descolorida por tantas tardes ao sol. Deixáraa durmindo a sesta sobre o mármore da encimeira e, cando quixen decatarme, desaparecera coa tina da roupa. E mira que llo dixen veces, que non pode facer esas cousas, que ten que avisarme a min. Non hai maneira. Vina cansa. Normal, o esforzo de pendurar as camisetas do tendal pasáralle factura, e para que? Estaba a diluviar.

Non contestou, así que sentei ao seu carón. Ía frío, pero souben que sería incapaz de convencela para que entrase na cociña. En silencio, fomos collendo os carozos de millo que trouxera o Ramón pola mañá. O son dos grans ao caer mesturábase coas pingas de chuvia golpeando o teito de uralita. Encantábame debullar canda ela, e escoitala rir cando os meus dedos torpes se facían unha lea e os carozos saían disparados. Ela, con mestría a pesar das mans entumecidas pola artrite, presumía de estilo.

Nunca fun moi faladeira. Ela tampouco. Aínda así, desfrutabamos da nosa compaña. Esa tarde sorprendeume que comezase a falar, con voz baixiña e a mirada espreitando a fiestra da casa de enfronte. De esguello, vin a cortina moverse.

—Adeliña, estou que non cago co Ramón —mireina estrañada, escapóuseme unha gargallada. 

As súas meixelas encarnáronse e baixou a mirada.

—Cres que eu tamén lle gusto? É todo tan contraditorio… Un día tróuxome landras para que comese a Filomena, unha morea, que co reumático que está debeu tardar séculos en recollelas todas. Ao seguinte, nada, pasa co tractor e nin saúda. Eu xa non sei que pensar. Esta mañá, o millo, pero non mo deu el, eh, deixouno aí na entrada, nin “ola” dixo. Pero foi el, seguro, quen ía ser se nón? Se quedamos cinco veciños e a Aurora é unha lamprea, esa non regala nada.

 

—O Ramón?- De súpeto, demasiada información. Ai o Ramón, que risa.

 

—É bo partido, va que si? Ten os dentes todos, e aínda lle nace un pouco de pelo na cima da testa, a min encántame —-mudara totalmente a expresión, un sorriso xigante debuxáraselle na faciana—. Para ter case noventa anos está feito un rapaz, viches como sacha? Con que ritmo? Ai se eu tivese cincuenta anos menos…

A cortina vibraba outra vez. Fixeime mellor e velaí estaba o Ramón. Tremíanlle as mans e por iso a tea tiña aquel movemento tan raro. Estaría nerviosísimo, porque párkinson non ten. Miña naiciña, que dous. Estaba a sentir envexa da vida amorosa da miña avoa octoxenaria? Efectivamente.

O Ramón debeuse decatar de que o cachara, porque abriu a fiestra e finxiu unha voz xovial que non lle acaía nada natural.

—Anda, señora Otilia! Dá gusto vela debullar no millo, pero teña tino da roupa, váiselle mollar.

A avoa chiscoume un ollo e murmuroume, pícara:

—Adeliña, sobras.

Marchei alucinada: íalle ter que pedir consello sentimental.

………………………………….

Alvada

Na Maraña chámanlle alvada ao que na lingua común se di levada. Hoxe son regos mortos, acequias que só crían musgo, lique e esquecemento. Mais as mans da miña nai, das miñas avoas, das súas nais e das súas avoas, gardan os sucos da auga fría e do xabrón feito na casa. A alvada non só valía para lavar, claro que non, conducía a auga para regar o millo e as viñas, as coellas e as patacas, mais cando miña nai recorda a alvada vénlle á cabeza o olor da roupa tendida. Olor a xabrón, olor ao río. Miña nai caeu polo río abaixo cando tiña tres anos. Andaba coas irmás máis vellas, pulando de pedra en pedra cabo do muíño. Aínda que eran pequenas, meus avós mandábanas para gardaren a maquía, para que ninguén se vise tentado de roubar na muiñada. Era o 1956. Nada sobraba na casa. Miña nai só tiña dúas bragas. Lavábaas ela mesma na alvada, logo clareaban no prado, ao sol. O Prado, así con maiúsculas, pois é o nome que ten, fica cabo do río. Pacían alí as ovellas cando miña nai foi polo río abaixo e disque ao vela perdida nas augas botaron a correr sendeiro arriba, cara á corte da casa. Chegou onda miña avoa antes o rabaño ca as miñas tías e ela soubo que o gando só volve antes de tempo se pasa unha desgraza. Meu avó non estaba na casa. Andaba a axudarlle a un veciño a levantar un valado. A nena foi polo río, escoitou coma nun soño e botou a correr. Tripou no millo e nas patacas. Estrangulou as coellas e arrincou os acios das viñas ao seu paso. Atallou pola alvada. Descalzouse para non cargar co peso dos zapatos mollados. Sempre dixo que a miña nai era como un puntiño na escuma branca da corrente do río. Antes de chegar á ponte, meu avó botouse coma un porteiro de fútbol a través da corrente e apañou a miña nai coma un púcaro de flores. Levouna abrazada, disque a salvou da morte por hipotermia con fregas de augardente. Miña nai esfregaba moito as bragas na alvada para que lucisen brancas coma a neve. O que non deu conseguido nunca foi tirarlles o olor ao río.

18 comentarios en “‘Alvada’ vs ‘Ai, señor Ramón’

  1. Parabéns aos dous competidores. Gustáronme ambos relatos.

    Ai, señor Ramón
    Pareceume unha historia moi fresca, da que deixa un pouso agradábel na boca. Ten ese aquel costumbrista que fai que empatices cos personaxes. Penso que esa escea de amor entre anciáns está ben tratada. Esa frase final de “Adeliña, sobras” fascinoume. Non se podía dicir máis con menos.
    No “debe” do texto, penso que hai algún erros de linguaxe. Encimeira é un castelanismo (eu uso a forma “mesado”) e, polo que vin no dicionario da RAG, o que se debullan son as mazarocas. O carozo é o que quedaría da mazaroca unha vez debullada.

    Alvada
    Outro texto costumbrista, mais totalmente diferente ao do seu rival. Gustoume o domínio da linguaxe que mostra o autor/a. Tamén o xeito de narrare mais o control do ritmo. Flúe ben. Penso que un relato máis traballado ca o anterior. Mesmo diría, de máis calidade literária.
    Porén, non dei empatizado tanto coa historia. Quizais porque, ao meu ver, o narrador non consegue conectar de todo o que sucedeu nun tempo passado, co tempo presente. A meniña que foi pola alvada non se convirte en alguén a quen o lector poda tocar hoxe.
    Por iso e pola “Adeliña, sobras” doulle o meu voto a Ai, señor Ramón.

    • Daniel, eu non che podo dicir o que a/o autor/a estaba pensando cando o escribiu, pero a forma tradicional (rápida e case indolora) de debullar as espigas é empregando un carozo. E efectivamente se non dominas ben a tecnica pódeche sair disparado coa presion que fas ó tratar de arrincar os graus da espiga con el.

      • Pero eu creo que nos referimos a cando Ramón deixou “os carozos” e despois se puxeron a debullalos. Os carozos xa están debullados. Porque podía ser que deixara só os carozos para debullar e o millo o tiveran a avoa maila neta, pero máis abaixo di que o que trouxo foi o millo.
        Eu tamén debullei, é certo o da técnica. Sempre me salían bochas.

      • ok, xa vexo, nesa frase si que da a entender que o Ramón trouxo só carozos, cando mais adiante di que trouxo millo. Haberá que esperar ó VAR para saber con certeza o que pasou.

  2. Buah… outros dous relatazos. Creo que na segunda rolda acusamos a canseira. Pero do que levo lido desta todos son mois bos. Alvada é a condensación. Todo milimetrado. A min non me importa que o relato non esgote as 500 palabras. Hai como certa reticencia a facer microrelatos. Non adoitan verse nos duelos e este é unha pequena marabilla. Do outro lado do ring un amorío outonal. Perfecto e tenro. Uns diálogos e unhas situacións realista narradas cun toque de humor que me gañou. Iso si, o título non me convenceu. Foi difícil decidir. Parabéns os dous. Voto por “Ai señor Ramón”.

    • Estupendos relatos. Ambos coa poética da vida. É difícil conseguir unha mensaxe tan orixinal sen forzar a linguaxe. Parabéns a ambas plumas. Reverencia, reverencia.

      Do señor Ramón chegoume a frescura do texto, o cheiro a roupa limpa do retrato inicial. Levoume á miña propia infancia. Bágoa, bágoa. O final paréceme máxico e real ó mesmo tempo. Unha lección de vida. Moitas grazas ás mans que a conformaron.

      De Alvada Non se pode dicir menos. Poesía en estado puro. Se se lle cambian tres palabras está para publicar en Chan da Pólvora. A derradeira frase é impresionante. Moitísimo nivel.

      Faga o que faga traicionareime a min mesmo, pero vou votar por Alvada.

  3. Gustei moito da lectura, moitas grazas aos autores¡
    Ai señor Ramón pareceume un texto moi elegante. Dos que están ben escritos porque non notas nada que se salia da escena. Gústome o ton lixeiro e cómico que se emprega. Os diálogos non desentoan e, en xeral, paréceme moi ben logrado.

    Con Alvada teño unha sensación parecida. Non hai nada que desentoen.Para ser un parágrafo só, coido que o autor manexa moi ben a linguaxe e non se deixa caer en ningún erro. A corrente está moi ben conseguida. Creo que pretende algo máis que o seu rival e é nisto no único que me podo fixar para un desempate. Coido que emprega recursos maiores e que os mostra con seguridade, cousa que non é pouco. Gústame tamén moito a frase final.
    O meu voto, aínda que agradezo moito o ton relaxado de Ai señor Ramón, vai para Alvada.

  4. “Ai, señor Ramón”
    Coincido con Daniel na súa crítica. A avoa faime moita graza, como se expresa, éche unha muller simpática. Eu resaltaría o “a min encántame”; non precisa que ninguén máis vexa o mesmo que ela, a ela gústalle o señor Ramón e iso é o importante.

    “Alvada”
    O “musgo, lique e esquecemento” é unha imaxe cargada de nostalxia. É unha mágoa que non se fixera máis referencia ao presente, a quen é hoxe a nena que caeu na alvada, que sinte. Sobre a estrutura, para min os parágrafos son importantes, axudan a marcar o ritmo e tamén a organizar a información. Fálase de que a nai caera ao río, logo do que andaba a facer coas irmás, e de súpeto menciónanse os pares de bragas que ten, o prado, as ovellas e voltamos a que a nena caeu. Parece que cho estea a contar unha persoa que acaba de ver o que pasou e, aínda co susto, engada detalles onde e cando lle acordan, non o fillo da nena moitos anos despois. Por certo, en “A nena foi polo río, escoitou coma nun soño e botou a correr”, “A nena foi polo río” tería que ir entre comillas ou como diálogo, e tamén poría unha coma despois de “soño”, pero iso pode ser o meu gusto particular.

    Voto por “Ai, señor Ramón”.

  5. “Ai, señor Ramón”
    Estou enfadada con este relato. En canto lin a primeira metade dixen, “voto por este”, porque me trouxo a miña tía avoa Aurelia aquí outra vez, coa que tantas leas tiven, porque non podía facer cousas polo seu estado de saúde e a súa avanzada idade, como a señora Otilia (ata os nomes medio se parecen) pero de repente desaparecía, como di o texto. Tal cual! Pero despois claro, comezou a outra parte da historia da que sinceramente, me sacou esa linguaxe da avoa tan pouco propia da súa idade… “É todo tan contradictorio…”, “Encántame…” Volvín a rexurdir na parte en que lle gusta o Ramón porque conserva os dentes todos. Fíxome moita graza, pero despois volveume a pasar o mesmo. Vexo que hai a compañeiros que lle gustou ese final de “sobras”. Eu repito que non recoñezo moito esa expresión nunha octoxenaria. En outro orde de cousas, o tema dos carozos, que efectivamente serían mazarocas. E non sei moi ben de onde saleu esa cortina da que asoma o noso querido galán. Sen máis que engadir, grazas ó autor ou autora por emocionarme con tan boas lembranzas.

    “Alvada”
    Gústame que ambos relatos se decidiran por facer referencia ó rural e ás cousas de antes. Este quizáis é un pouco máis fino có anterior. Gustei moito desa historia. Os vellos de antes, que a poucos sabían ler e escribir (quen sabía), contaban a súa vida con unha elocuencia que sempre me abraiou. Con este relato tiven esa sensación. Por outro lado, desconozo se este estilo de microrrelato no que vai todo de seguido é un estilo propio habitual. É un relato que non chega a empachar, porque os acontecementos vanse sucedendo a moi bo ritmo e é unha narración pequena, pero penso que algún punto a parte separando os parágrafos non lle estaba mal. Non lle estorbaba. Salvo que rompas ese estilo que ó mellor quere o autor ou autora, que xa digo, desconózoo.

    Entretívome máis o señor Ramón, pero sóubome máis amable Alvada, así que voto por este último. Moi igualado.

  6. Ai, señor Ramón

    Gustoume o relato. Pódese usar a 1º persoa pasado sen que pareza que un estea contando Historia Antiga, non sei por que tanta xente se bota a facer os relatos en presente cando na cabeza o que teñen é a estrutura dun relato en pasado. O humor está ben dosificado e o final queda natural, sen chistes nin revelacións de ultima hora. Bo traballo.

    Alvada

    “meu avó botouse coma un porteiro”
    o avó estaba fóra, non sería a avoa?

    Outro relatazo. Menos mal que non teño que votar mais. É que nin sei que dicir, só queda ler e tomar notas. Un relato perfecto.

  7. Gustei dos dous relatos. O nivel desta terceira rolda está sendo moi alto, o que é un pracer inmenso para as lectoras.
    “Ai, señor Ramón” ten a tenrura do amor idoso. Pero botoume fóra en dúas ocasións pola linguaxe da avoa. “É todo tan contraditorio…” freoume. É certo que hai unha difícil escolla aí da palabra axeitada. Fóra de “raro”, claro. Tamén é certo que non me importou a cuestión dos carozos. Despois retomei o fío, e voltoume frear esa frase solta: “—O Ramón?- De súpeto, demasiada información. Ai o Ramón, que risa” que tiven que ler varias veces para entendela. Coido que sen “- De súpeto, demasiada información.” gañaría. En troca, non me estrañou en absoluto o “sobras”. Ao contrario. Para min é acaído.
    A cuestión é que despois vén “Alvada”. Non é perfecto pero achégase. Ao non ter diálogos, flúe mellor, tal que unha levada, agás na confusión entre avó e avoa. Non estou dicindo que a autora se confunda. Confúndese a lectora só polo detalle das (non)comiñas. Se as houbese quedaría máis claro que a avoa é a que ve vir ás ovellas e o avó ao que lle chega “a nena foi polo río”, da propia avoa, ou de calquera persoa.
    O meu voto vai para “Alvada” malia gozar dos dous relatos. Parabéns ás autoras.

  8. Ambos moi bós relatos con moitas diferenzas e algúns parecidos.
    Coido que comparten unha visión amable, nostálxica ou case romántica do rural que a min tanto me custa lembrar por vivencias persoais. Os dous relatos reconciliáronme un pouco co meu pasado.
    Con “aí Ramon’ tiven momentos moi desiguais. Por veces case é tenro de máis rozando o inverosímil e xa a frase final da avoa pareceume de todo incrible, desconectoume de todo coa narración.
    “Aalvada” paréceme un relato máis traballado, moito máis coidado e crible. Quizais e faría algúns parágrafos para facilitar a lectura e repartir a trama. Aínda así paréceme un texto moi traballado e con moita labor. O meu voto pois para “Alvada”.

  9. “Ai, señor Ramón”, gustoume moito o relato ata case a metade, estaba moi ben ambientadiño todo, despois chegou Ramón e cambiou o tono. Non é que sexa malo, a historia de amor nese final de vida, representando aos vellos coma adolescentes, ten un punto moi divertido e tenro. Non me cadra a linguaxe da señora. O final gustoume inda que eu prefería ler o relato que parecía ser ata a metade.

    “Alvada”, aquí o léxico sí que non falla. Lembroume a cando algún paisano che conta unha historia destas de vello. Que vai toda seguida, así de carrerilla, sen párrafiños nin case puntos se me apuras. Hai imaxes aí dentro que son puro ouro. Un gran relato que me encantou sen chegar sequera a gastar toda a munición. Un dos mellores do torneo ata o de agora.

    Sintoo polo seu riva, pero teño que VOTAR por “Alvada”.

  10. O meu voto vai para “Ai, señor Ramón”. Con cada lectura resúltame máis simpático o relato. Está ben escrito e conta o que quere contar dun xeito sinxelo e efectivo. A min non me despista o léxico da avoa, mais si a idade; case que me pega máis se na vez de oitenta e noventa anos rebaixamos a sesenta e setenta.

    “Alvada” paréceme un moi bo relato e un dos mellores escritos da xornada, como xa se comentou anteriormente, pero non logrou emocionarme. Leo e releo e segue a deixarme frio, coma a auga dese río.

  11. Dúas miradas distintas sobre o rural. Malia que “Ai señor Ramón” me sacou varios sorrisos, gustei máis da poética e da linguaxe de “Alvada” polo que o meu voto vai para este último.

  12. “Ai, señor Ramón” está ben escrito e o que conta ten sentido. Gústame o léxico e coido que pode ser un bo inicio dunha novela curta (non digo nada mais quen o escribira debería pensar acerca disto).

    “Alvada” ten o MEU VOTO porque é imposíbel pasalo por alto.Está ben escrito é engancha. Que máis queres?

  13. «Ai, serñor Ramón»
    Trátase dun conto lixeiro e simpático. Gústame que trate o amor na vellez. Comeza moi ben; contra o final semella estar menos traballado, algunhas expresións non cadran cos personaxes e pérdese un chisco o control da narración.

    «Alvada»
    Outro dos grandes relatos da xornada. A linguaxe está moi ben escollida para crear unha narración nostálxica e auténtica ao tempo. Recolle ao paso desa alvada o espírito doutro tempo, logra caracterizar con éxito os personaxes con moi pouco. Detrás hai unha persoa con gran control do ritmo e da lingua, non é doado facer as cousas que fai nun parágrafo corrido. Pouco que dicir, agás parabéns.

    Quedo con «Alvada», claro.

  14. Dous relatos magníficos. Finalizas a lectura de cada undeles cun sorriso.
    A historia de AI Ramon e cercana, cálida, embriagadora.
    A foto, e boisima.
    O meu voto sen embargo vai para Alvada, a verdade e que nestes intres da vida necesito poesia en vea!!!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s