‘Garryowen Road…’ vs ‘Meritocracias’

3ª e derradeira xornada. Grupo D. Carlos Vega vs Marisol Gándara

Garryowen Road #13 Condado de Big Horn, Montana, 59031

Carlos Vega.

Mrs Marbles Gein

                                                                                                                                    Garryowen Road #13 

                                                                                                    Condado de Big Horn, Montana, 59031

 

Señorita Marbles:

Son un grande admirador do seu traballo. Namorei da escultura da familia robot que hai no museo do condado. Ten unha boa atención médica? Porque se necesita algo para o corazón, para as articulacións ou o que sexa, podo axudala. Fun á universidade durante dous semestres. De verdade, sei o que fago. Teño remedios moi bos para o reuma, a epilepsia, o cancro ou a ansiedade.

A vostede só lle pediría unha cousa: quero que me inmortalice. Diséqueme! Enfíe en min cada ápice da súa arte. Fágame o Sammael do seu evanxeo! Podemos falar do meu derradeiro lugar de descanso ou da pose das mans. Xa teño algunhas escollidas de catálogos de modelos aínda que teño claro que me deixarei guiar polo seu consello excelente.  Pénseo! Sería xenial! 

Se lle interesa, podo apañar todo o papelame necesario para vostede. Tan só, tras o meu paso por este mundo, tería vostede que atender o meu corpo como un novo bloque de mármore.

Agardo escoitar novas súas con rapidez.

Aaron Lodge

 

Mr. Aaron Lodge

Crow Agency

Condado de Big Horn. Montana 59022

 

Señor Aarón:

Alégrome de escoitar que gusta do meu traballo e non podo facer máis que agradecer a súa oferta pero débolle chamar a atención respecto ás inconveniencias de semellante doazón. A taxidermia humana é un proceso aínda moi nebuloso no ámbito legal, e só se contempla en casos particulares, onde o Estado admita tal potestade da persoa sobre o seu corpo. Xa suporá como son estas cousas de enmarañadas. 

Creo que se refire á escultura que gañou o concurso de arte. Un vello amigo meu apareceu aquí con esa tolada na cabeza. Non me tome por unha nena, xa lle perdín o noxo a moitas cousas da vida, pero a idea de inmortalizar o corpo dunha persoa, como fago cos cervos ou pumas que caza o meu marido, non me pareceu moi respectable ao principio. Ata que vin que era para un premio de todo o Estado e, moito máis importante, que aquela vella lamia de Dorothy DeoGracias ía participar. Non deixei de traballar durante case un mes. O toque dos robots, como vostede lles chama, recoñezo que foi de imprevisto, pois non se nos sostiñan de pé moito tempo, por sorte puidemos empregar uns asentos para chantalos no chan, e as lentes axudaban a sosterlles a cabeza para que non se lles rematase caendo. 

Con todo, recórdolle que no me considero máis que unha aprendiz do meu oficio, polo que debo insistirlle en que medite con tranquilidade a súa decisión. Podémolo falar con calma, veña ao meu taller, explíqueme ben que o leva a tomar esa decisión , se todo vai ben, quizais poidamos empezar a traballar no seu proxecto. O que si, de visitarme, traía eses remedios dos que fala, pois teño una dor nos cadrís que, bendito Teddy Roosevelt, como me doe.

Cos mellores desexos.

Agnes Marbles Gein

…………………

Meritocracias

Marisol Gándara.

 

Viu off na pantalla e pestanexou dúas veces, tomando alento para recobrar consciencia do cuarto no que estaba. Retirou o NeuroControlex Master e mirou con fastío o almanaque. Martes. Non quería ir á facultade. 

Dificilmente era quen de atopar un mínimo resto daquela ilusión coa que pagara a matrícula para o mestrado. Lembraba con nostalxia as horas extras no choio, as listas da compra nas que non gastaba un céntimo de máis ou as noites na casa para estudar e aforrar, só pensando no certificado que lle garantise unha mínima oportunidade para entrar nas listas de contratación. Sorriu só por xuntar forzas, cruzou na axenda a titoría virtual 14 e foi á cociña facer un café. 

Mentres agardaba polo tic do micro pareceulle sentir a presenza de C achegándoselle polas costas e pechou os ollos. Respirou a posibilidade do seu corpo pegado ao dela, como unha premonición primeiro, como unha calor despois, e sentiu un latido na entreperna. Case podía percibir o seu alento na caluga e os beizos aproximárselle cunha lentitude enfermiza mentres unha man facía acto de presenza na súa ingua, onde era recibida con sorpresa e desesperación a un tempo. Canto lle tardaba! 

Xusto no momento no que ía quedar acurralada entre corpo e mesado, o micro devolveuna a aquela cociña baleira. Non sabía se rir, chorar ou masturbarse, así que almorzou. 

Tomou o seu tempo en saír da casa, como quen se despide das pantasmas que fican enriba da cama, pegadas aos libros ou agochadas entre a roupa pregada, e lembrou aquela vez na que C a bicara longa e repetidamente contra o marco da porta. 

Tocou os beizos para recuperalo mentres cruzaba o limiar con todas aquelas lembranzas e pensou “Acabouse”.

—Agora o mestrado, despois xa veremos —murmurou para convencerse. 

Atravesou a cidade ata a facultade e, unha vez alí, concluíu que fixera ben en non faltar á titoría. Segundo subía as escaleiras e se cruzaba con coñecidos bebíalles o sorriso só para ser quen de sorrir e, cun sorriso case honesto, chegou ao despacho da titora. Petou. 

—Pase, pase —oíase dentro mentres a porta se abría —Bos días, L! Agora mesmo estaba a revisar as notas das túas titorías virtuais. Pero senta, temos moito de que falar. Sen dúbida es unha das candidatas ao contrato de prácticas, e xa sabes que a túa empregabilidade medraría exponencialmente. Que dis? É unha grande oportunidade, non?

—Si —mentiu—. Estou moi contenta —seguiu mentindo. 

A medida que a titora mencionaba actividades e falaba de datas, L seguía remoendo as lembranzas de C e percorría o seu corpo espido, coma un caracol, totalmente allea ao que lle dicía.  

—As novas multinacionais demandan dedicación completa, e aínda que é difícil todo o proceso de borrado para adquirir os novos contidos, ti estás no bo camiño, parabéns. 

—Grazas —dixo con mais medo que agradecemento. 

—Non mas deas. Es das mellores alumnas deste innovador Mestrado en Pulcritude Mental para a Empresa e calquera compañía poderá velo. 

16 comentarios en “‘Garryowen Road…’ vs ‘Meritocracias’

  1. Duelo difícil este. Ambas partes apostaron por historias complexas resoltas con oficio. Non son historias bonitas que busque agradar, nin dar folgos nestes tempos tan distópicos. Son relatos que tentan inquedar ó lector sen molestalo en exceso, cousa da que os microrrelatos tenden a abusar.

    Valoro a estructura de carta formal do primeiro relato, acompañada dunha acaída linguaxe formal que moi poucas veces e racha. De Meritocracia destaco o final e a contraposición xa non futurista senón real entre a vida familiar e profesional. “Abandonade todo recordo, vós que sodes contratados”. Parabéns a ambas autorías.

    Dito todo isto voto por Meritocracia, xa que me fixo imaxinar un sinfín de derivadas.

  2. Ámbolos dous relatos teñen certos ecos de Black Mirror. Un polo camiño da arte e a ética e o outro polos límites do predominio do profesional na vida persoal. Cando escollín a foto pensei que a idea obvia sería a falta de comunicación e felicito a ámbolos/as autores por non ir polo camiño máis doado.

    Garryowen…
    Ó ver o título pensei en rugbi (para os legos na materia direi que Garryowen é o nome dunha xogada de rugbi) pero rapidamente puiden ver que non era así.
    Deixando á parte as miñas lideiras direi que gustei da súa estrutura en dúas cartas e da súa exploración dos límites éticos da arte (aínda que coido que daba máis de si).
    No lado negativo vou sinalar que o tema da oferta médica na primeira carta resultoume moi brusca. Coido que iría mellor ó final da mesma ou incluso nunha posdata.

    Meritocracias
    Toda a parte das lembranzas de C coido que avanza bastante ben máis quizais o texto se atora algo ó chegar á Facultade. Interpreto que a elección de non usar nomes e só as súas iniciais é para crear unha certa impersonalización que lle acae moi ben ó relato.

    Con moitas dúbidas sobre cal escoller voume decantar por Meritocracia.

  3. “Garryowen…”
    Gustoume o formato. Así en dúas cartas e ademáis moi levadeiras á hora de ler. Teñen unha linguaxe formal pero ó mesmo tempo cercana, e nada petulante. Con respecto á temática, tamén me pareceu moi orixinal, pero coincido con compañeiro en que o tema das medicinas entrou un pouco así sin vaselina… Concordo en que iría mellor en outro lugar. Dous semestres de universidade, dende logo, teñen que ser aproveitados. Xenial que a partires desa foto saíra a temática da ética no contexto do relato. Parabéns ó autor ou autora

    “Meritocracias”
    Un tema co que os que nos sentimos atrapados neste sistema-trampa-laboral empatizamos rapidamente. Ou eu polo menos. O tema de usar iniciais recordoume á canción de M, de Piratas. Deixa un pouco máis de marxe para imaxinar ás personaxes ao non estar asociadas a ningún nome concreto. Houbo algunha frase diría que descoidada (“…bebíalles o sorriso só para ser quen de sorrir e, cun sorriso case honesto…”), pero pasa desapercibida por tanto e tan bo trasfondo do relato e dese máster en Pulcritude Mental que contrasta tanto co impulso natural da prota. Grandísimo ese momento de “Non sabía se rir, chorar ou masturbarse, así que almorzou”. Parabéns tamén!

    Como se están poñendo os duelos de igualados. Cóstame un mundo decidirme, porque por orixinal e formato votaría por Garryowen, pero o certo é que a Meritocracias saqueille máis xugo. Voto por este último.

  4. “Garryowen road”
    Deixoume un pouco fría. Máis parece o preámbulo da historia, mera explicación para o lector de cousas que os personaxes xa saben.

    “Meritocracia”
    Xa contei as miñas preferencias ao comentar “O último treito”, pero aquí os desexos non son o centro senón un medio para mostrar ata qué punto ten L que renunciar a súa vida persoal. O relato funciona por si mesmo, unha ollada a unha distopía quizais non tan afastada no futuro.

    O meu voto vai para “Meritocracia”.

  5. Garryowen Road #13 Condado de Big Horn, Montana, 59031

    Fun ó maps a ver que había nestes lugares que menciona o relato. Garryowen road é un camiño de terra que vai dar a un museo sobre o xeneral custer. Crow agency é un pobo cercano. Se alguen atopa a relacion co relato, que avise (non ten por que habela eh!).
    É certo que o tema medico entra raro, só se me ocorre que a/o autor/a quería mostrar que o tipo está algo pallá xa desde o inicio (ansiedade, cancro, epilepsia…??). Se fose algo normal si que o poría ó final, sendo un esperpento como é case que o deixaba como está, porque ademais quere usalo como moeda de cambio.

    Creo que o conxunto das duas cartas combina bastante ben. Ó ler a peticion do tolo este un quere ler de seguida a resposta da descendente de Ed Gein, que se toma a cousa de forma realista pero case en serio e ata o invita a ila ver.
    Se na resposta dela había que atopar algo mais profundo ca iso, non fun quen de atopalo.

    Meritocracias

    As distopías venden ben, e mais nos tempos que estamos. Narralas como unha evolucion de problemas do presente tamen soe dar bos resultados. Un busca un empleo estable e apuntase a cursos cunha ilusion imposible de soster no tempo. O que aporta esta distopía é (ou eu entendo que é) que o estudiante perde parte dos seus recordos ou capacidade de emocion (isto recalcase bastante) para acadar ese ansiado posto. O sexo, a pulsion mais basica (que estea ligada a unha emocion, porque o instinto de supervivencia é mais neutro), parece o unico que se manten vivo no seu ser.
    Tal como entendín o relato non é redondo de todo pero si da moito en que pensar, e iso é bo.

  6. Parabéns a ambos por ter desenvolto dúas historias bem orixinais nunha foto que a min me parece complicada.

    Garryowen Road
    Coincido bastante com Leticia no seu comentario a este relato. Penso que o formato epistola e o ton empregado é o correcto para unha historia tan orixinal como a que plantexa o autor/a. Porén, penso que o relato curto non é o máis acaído para ela. Gustaríame ler un relato máis extenso que comezase com estas dúas cartas, mais como historia de 500 palabras non conseguiu emocionarme.

    Meritocracias
    Como di Lois, as distopias que me atraen son as que falan máis do presente que do futuro (e non todas). Neste relato hai moito diso. Contodo, máis que da historia o que me fixo desfrutar deste texto foi a sñuaexecución. Penso que está moi ben narrado, en particular os parágrafos eróticos. Son moi suxerentes. O diálogo tamén está ben levado ainda que na miña opinión poderían reducirse as intervencións do narrador (e.g. —Si —mentiu—. Estou moi contenta —seguiu mentindo.)
    En calquera caso paréceme un bo relato e gocei moito léndoo, por iso o meu voto vai para Meritocracias.

  7. “Garryowen Road…”, se lle teño que dar a dirección esta a alguén falando en inglés dame un aneurisma. O formato do relato está moi ben, as dúas cartas funcionan de maravilla, unha tirando da outra. O malo é que, queda un tanto plano por un motivo sinxelo, realmente en dúas cartas pouco te abres, pouco podes chegar a concretar ou definir. Son tanteos co teu contertulio, como moi ben mostra o relato. Este formato tal como está, e co tema que trata de forma moi realista, pide máis correspondencia.

    “Meritocracia”, non che me gusta moito o título. A ambientación distópica está moi ben conseguida, que puntazo o dos nomes, canto nos distancian no tempo con tan pouco (L por Death Note?), O relato está algo desequilibrado pero ten sentencias coma esta: “Non sabía se rir, chorar ou masturbarse, así que almorzou.” Isto nun texto é media victoria. O final tamén me gustou e, como apuntan moitos, deixa máis pouso ca o do seu rival. Por iso e polo almorzo leva o meu VOTO.

    • De feito estáseme a ocurrir que unha boa maneira de darlle profundidade á historia en Garryowen sería presentar as cartas do final, xusto antes de quedar.

  8. En Garryowen Road gustoume máis a primeira carta que a segunda. Parece coma que a segunda quere concentrar toda a información porque estamos a chegar ao límite das 500 palabras. Fixen un exercicio mental de repartir esa información (por exemplo, que Aaron Lodge diga de pasada na primeira carta que xa sabe que o que está a pedir é ilegal) e quedaba máis equilibrado. Por outra parte, está o problema das referencias. Tiven que buscar quen é Sammael. No evanxeo non aparece (https://www.abibliagalega.com/) e nos buscadores tanto pode ser unha personaxe de distintos xogos coma un anxo que non é nin bo nin malo. Así que quedei coa dúbida do seu papel neste enterro. Aínda así, coido que perdín demasiado tempo cun detalle que pode que non signifique nada. Xa me dirá a autora se quere. Converter os personaxes da foto en seres humanos disecados e robotizados pareceume unha idea xenial.
    Meritocracias aborda o mercado laboral moi en presente (como presente son os campus virtuais e os lentes de realidade aumentada). Eu non vexo un Black Mirror en todo relato que toca a tecnoloxía existente, nun mundo existente e cunhas relacións humanas ben actuais. Xa case que parece o referente en canto hai un circuíto electrónico polo medio. A contraposición entre as necesidades físicas, os sentimentos, e a necesidade de gañar unha posición laboral (en dura competencia no mercado capitalista) a costa de agochar todo indicio de sentimento, está ben levada.
    Paréceme moito máis orixinal o tema de Garryowen Road pero creo que quedou sen desenvolver de todo. Voto, por pouco, por Meritocracias.

  9. O meu voto vai para “Meritocracias”. A escrita é directa, sinxela e están moi ben intoducidas esas referencias ao “carnal” en contraposición ao “virtual” que enche o relato. Éncheo tanto que non sei por que a titoría é presencial. Non valería o mesmo se é por videoconferencia?
    Respecto á frase estrela do relato, entre rir, chorar, masturbarse e almorzar, eu non elixo esta última. Iso explica que estea tan delgado.

    “Garryowen Road #13 Condado de Big Horn, Montana, 59031” está ben escrito e o formato epistolar séntalle moi ben. A historia que conta gústame e é moi orixinal pero sinto que me deixa a medias, que lle falta un final, unha resolución.

  10. Eu creo que neste duelo, sen ser Garryowen un mal conto, o autor/a de Meritocracia soubo enxerir de xeito hábil a súa crítica sobre manipulación social e o lavado de cerebro, de como ás veces renunciamos (ou iso cremos) a ser nós mesmos para gañar á vida nun choio que nin fú nin fá e coa boquiña calada para facilitar a explotación… todo este transfondo que aflora de xeito natural, nunha narración amable e sen sobresaltos e mesmo con algunha frase simpática (que fixo que Ariza confesase o achado dunha dieta miragre que non debe tardar en vender na teletenda), fan que este conto leve o meu VOTO. Garryoewn como xa dixen tamén me gustou. Ese macabro de mesa de camilla e museo do condado, as cartas a viaxar pola USa profunda das Rocosas, quizáis precisen de máis espazo, animo o seu autor a desenrolar a idea e finalmente a que nos narre o encontro entre Mrs Marbles Gein e Aaron.

  11. Dous relatos completamente opostos. Un moito máis convencional, o outro moito máis experimental.

    Garryowen

    O peor é o título. Porque penso que focaliza demasiado a atención sobre o formato do relato, convertendo o continente nunha especie de engado para a lectura cando en realidade o miolo está noutro sitio. A min paréceme unha pequena xoia de literatura surrealista, un encontro en paralelo entre dúas personalidades completamente distantes. Hai moita profundidade neste relato, moito traballo de ourive. Non é fácil deixar translucir todos eses conflitos así como en elipse. O toque middle west, moi ao estilo de Berta Dávila no libro de Emma Olsen pareceume interesante porque estes temas así exóticos parece que se acaban de papar mellor se ocorren nalgunha paraxe talmente imaxinaria coma esta. Parabéns ao autor/a.

    Meritocracias

    Interesoume a trama e o trasfondo pero coido que o relato é demasiado convencional. Coma se todos os relatos de todas as distopías foran colocando xa os seus ladrillos nesta casa e o autor/a simplemente tivese que redecorar, mover un tantiño o sofá e cambiar uns cadros por outros. A nivel de expresión e de creación de personaxes non me interesou demasiado.

    Voto por ‘Garryowen…’

  12. O meu voto vai para ‘Meritocracias’, a ambientación e o conflicto que se lle presentan á protagonista para poder avanzar na súa carreira profesional enganchoume, polo que o meu voto vai para este relato. Aínda que o formato de ‘Garryowen’ en forma de cartas é moi orixinal, fáltame coñecer máis da historia para ubicarme mellor.

  13. «Garryowen Road»
    Gusto unha chea do uso pouco convencional que fai da imaxe, moi imaxinativo. As cartas son amenas de ler, están ben construídas e creo que delinean con acerto a ambos personaxes. O fulano está como unha cabra, pero a muller non parece estar moito mellor se lle acepta o remedio. Quedei con ganas de ler máis correspondencia. Pásame como a Lois, lin moitas veces o final para ver se hai algo máis do que parece, mais non dei atopado outra lectura.

    Ao texto habería que darlle unha revisión, porque hai algunhas palabras mal escritas (una, no, Aarón, traía…).

    «Meritocracias»
    O título non creo que fose a mellor elección. Hai moito sentido da narración detrás do relato. Os poucos relaxos da protagonista están ben concibidos —deixa bulir un chisco as pulsións—, serven para facer contraste co resto, con esa contradición inducida pola sociedade na que debe renunciar á vida para poder seguir tendo unha.

    «Garryowen Road» pareceume un texto máis arriscado, deixoume máis ganas de seguir lendo, pero coido que queda a medias. Así que o meu voto vai para «Meritocracias».

  14. A verdade e que a foto pareceme unha das mais difíciles da xornada!!!!!!e ainda así os dous duelistas coido que o fixeron moi pero que moi ben.
    Sen representar ningún dos dous temáticas que me emocionen os dous relatos gustaronme moito.
    Ainda que se dixo que Garryowen parece incompleto ou inacabado a min persoalmente parecerme un fragmento, un anaco, unha vision fugaz do que pode ser. O xenero epistolar me encanta, e o tema da morte e do noso empeño en non desaparecer por completo apaixoname.
    En relación con Meritocracias, o título tampouco e dende o meu punto de vista moi acertado, coido que está moi ben rematado, e coma unha ruta circular, na que todo e novo e o final chegas o punto que recoñeces.
    O meu voto vai para GARRYOWEN!!!!!

  15. Nunha primeira ollada, o título de “Meritocracias” botoume para atrás. Sen embargo, foi o único que non me gustou. Impresionante relato.

    Agás que “Garryowen …” gústame por ser unha aposta máis arriscada e eu son unha fan incondicional destas, non sei até que punto está ben levada.

    Por isto, o meu voto vai para “Meritocracias”.

Deixa unha resposta a David Botana Fuentes Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s