‘Morrer non debe ser tan triste’ vs ‘Non todos saben como comer as uvas’

3ª e derradeira xornada. Grupo B. Álex Bayorti vs Marcos López Concepción.

Non todos saben como comer as uvas

 

Madrid, Xoves 30 de Decembro de 1897

Pasou un bo anaco observando a rúa empedrada mentres pescudaba na súa memoria máis retranqueira. Esquecérao a musa? Cando iso ocorría non lle quedaba outra que ir a un café. Os cafés sempre serían o invernadoiro no que roubar todas esas ideas de aspirantes a artistas sen vontade e con talento. Casa Alberto quedaba na concorrida Calle Huertas, esa mesma na que casaran a Becquer e enterraran a Lope de Vega. Entrou como se non lle importasen as miradas que se pousaban nel. Luís Taboada era un título en si mesmo e el sabíao. Un gran cómico, un grande escritor. Pode existir algo máis dramático que o éxito? Completamente baleiro de inspiración, mendigando o que outros puidesen contarlle, o que outros tivesen a ben brindarlle para encher outro artigo. Hai poucas maneiras de perverter máis a un escritor que convertelo en columnista a soldo. 

E entón apareceu el. 

Asaltouno sen compaixón, ofrecéndolle unha fecha. Non podía perder esa oportunidade de ouro de ter unha historia a unhas poucas horas do peche da edición. Chamábase Ramiro e o extremo esquerdo do seu sorriso convertíase nun xesto de desaprobación que contrastaba cunha mirada regada en xenebra barata. Alternaba cun tal Rodrigo, de poucas luces e moita pompa, que prometía case tanto como o anterior. Falaban animadamente sobre isto e o outro. Era cuestión de tempo que a historia chegase ao escritor. 

—Non, señor, non todos saben comer uvas —Ramiro acertou en detallar como debía facerse, despois do cal o tal Rodrigo compartiu unha pormenorizada explicación de como comer correctamente as uvas. Taboada atendía con suma curiosidade ante esa simpática anécdota que podía converterse nunha das historietas máis aplaudidas antes do novo ano. «Uvas para ter sorte no novo ano…a xente xa non sabe que inventar».

Santiago de Compostela, Martes 31 de decembro de 2019

—Xiana, non mercaches as uvas? —dixo Paula mentres remexía nas bolsas da compra para a cea de Noitevella.

—Hostia! Esqueceume. Me cago na… E a todo isto. Por que parvada se teñen que comer uvas para o Aninovo? —ambas as dúas sacaron os seus móbiles.

—Está na Wiki. Doce Uvas… orixe en Francia… «As uvas benfeitoras»…1894… agarda, que hai un artigo… pero é de 1897. Hostia, isto parece de todo menos serio…

—A ver, le en alto. 

31 de decembro de 1897, Fragmento de “Las Uvas Milagrosas”, El Imparcial.

Asina Luís Taboada.

…………………………….

Morrer non debe ser tan triste

Pinga o cuspe da comisura do beizo ao peito do pixama. No ollo do lado para o que se torce o corpo unha carapola de bágoas pégalle as pálpebras. O outro pode abrilo para mirar a un punto que sempre está detrás miña. Xa non se move o meu pai. Arrefríase por fóra converténdose en materia inerte. Por dentro só a quentura das vísceras permite que o alimento entre pola boca, se transforme no tracto dixestivo e acabe no cueiro de noite. Sempre a mover un peso morto. Da cama á cadeira de rodas. Da cadeira de rodas á banqueta do prato da ducha. 

Na intimidade do baño quito eses refugallos da vida que flúen desde dentro. A saliva ou o mexo ou os excrementos pegados na entreperna. Outro cueiro. Peitéolle o cabelo branco que conserva abundante. Ondúlase coa estática. Póñolle a roupa estirando un brazo que torna como un resorte a unha posición encollida.  

Non lle gusta ducharse. Pero si que o barbee. Con lentitude paso a coitela, un quitaneves que deixa libre a pel para o after shave que nunca empregou. As caixas que lle regalaba polo seu aniversario acumulábanse no fondo dun armario. Coñecer a papá rebuscando nos caixóns emocióname para mal. É un trago amargo. 

Sitúoo fronte á fiestra do comedor onde queda preso dun travelling visual que vai da liña do horizonte á punta das zapatillas. O día un do ano novo non ten xente nas rúas. 

Comezo co traballo, que se repite e me esgota, de facer as comidas. Onte cortei un dedo mentres depelicaba unha pataca. Fun ó moble do baño a buscar a auga osixenada para esparexer sobre a ferida. No espello do lavabo crucei a mirada coa de alguén. Se me preguntasen diría que aquela era a cara dun borracho. Algo menos rubicunda ca a miña, algo máis vella, sen dúbida, co nariz inchado e algunhas veas violetas nas fazulas. Non sei cando exactamente pero poida que haxa un momento no que me dividín en dúas persoas. Onte deitámonos cedo escoitando a felicidade dos demais.

A cazola chifra. Probo a comida. Non ten sal. Está perfecta. As lentellas enteiras, os triángulos de pataca, a cenoria aínda laranxa, un dente de allo e a cebola branca como un iceberg. Boto dous culleróns nun bote plástico. Pásolle a turmix desfacendo todo nunha pasta, pouco apetitosa, que unha vez chega ao bandullo aviva a calor no interior de papá. Levo tres anos metendo comida triturada nunha xeringa XL que apoio nos seus beizos, pulsando o émbolo, limpando despois cun babadeiro os restos que lle quedan no queixo.

Preparo a froita. As doce uvas da sorte. Quito as pebidas. Trituro. Métolle na boca a celebración diferida do Aninovo e tose. Deglute con lentitude. Nese camiño de insecto no que o tempo semella retroceder, o zume pasa pola traquea e eu observo as árbores do parque do outro lado da estrada. Pido un desexo por el. Ou para min. Morrer non debe ser tan triste. 

17 comentarios en “‘Morrer non debe ser tan triste’ vs ‘Non todos saben como comer as uvas’

  1. Non todos saben como comer as uvas
    Pareceume unha proposta interesante. Unha boa posta en práctica do que Eva Moreda chama ás veces “a coidada documentación”. A primeira parte do relato está ben levada. Consegue crear unha atmósfera específica, e levantou o meu interese sobre a orixe da tradición das uvas de Noitevella.
    Porén, a segunda parte penso que non lle fai ben ao conxunto. Nin o que se conta (que é unha tradición inventada) nin o ton, nin a atmósfera creada me resultaron atraentes. Na miña opinión, tería sido unha opción mellor continuar coa historia de 1897.

    Morrer non debe ser tan triste
    Gustoume moito este relato. Penso que esa narrativa naturalista, na que as pequenas cousas se tratan con moito detalle lle acae perfectamente. A atmósfera creada é densa e pesada, como a situación que conta. Metinme totalmente na historia, tamén porque foi algo que vivín co meu avó, quen se desfixo pouco a pouco (e esgotou á miña avoa) durante 11 anos de Alzheimer.

    O meu voto vai para Morrer non debe ser tan triste.

    • «Non todos saben como comer as uvas»
      Gustei moito da idea de imaxinar un relato a partir dun artigo. A atmosfera de finais do XIX está recreada con éxito e tamén me parece moi intelixente a caracterización do Taboada de ficción (que non sei, nin me importa, se coincide co real). Coido que o texto agradecería algunha volta máis, para aproveitar mellor a extensión para potenciar a parte do pasado e procurar unha mellor forma de introducir o vencello. Aínda así, funciona bastante ben. Parabéns á persoa que o escribiu pola súa orixinalidade.

      «Morrer non debe ser tan triste»
      Unha marabilla. Alén de aplaudilo, pouco se me ocorre dicir. Adorei como logra erguer un relato psicolóxico a través da descrición dunha rutina. Plasma á perfección o que supón esa situación, a morte en vida e incluso a morte transitoria. Como xa dixeron, poderíase eliminar algunha frase do final, pero o texto é fantástico. Do melloriño da edición.

      O meu voto vai para «Morrer non debe ser tan triste», pero «Non todos saben como comer as uvas» podería loitar pola vitoria en varios duelos da xornada.

  2. Gustoume Non todos saben comer uvas, fíxoseme lixeiro e ata andei a ler o artigo. Non me chosca moito o cambio de escena, aínda que non me acaba de funcionar ben, tampouco. A primeira parte paréceme que está moi ben escrita, pero que fai perder un pouco á segunda precisamente por iso. De todas formas, o primeiro paragrafo meteume de che e iso é algo que sempre hai que agradecer.
    Morrer non debe ser tan triste é de dez, toque ou non persoalmente. Fixase con detalle na monotonía que establece unha situación así, e a linguaxe, do día a día, aguántalle o ritmo perfectaménte. O xiro cara o final, co doppelgänger, dálle ese toque que me encanta, e remata de forma natural, case perfecta. Un relato que da medo ter de rival, a verdade.
    O meu voto vai para Morrer non debe ser tan triste. Penso que Non todos saben comer as uvas tamen é un bo relato, pero a soidade do segundo puido comigo.

  3. “Non todos saben como comer as uvas”
    Teño un amigo columnista que ten un estilo narrativo similar ó da primeira metade (e ao que podo escoitar falando igual do seu traballo), polo que este relato é coma encontrarse cun vello coñecido. Pero teño que coincidir con Daniel, a historia perde coa segunda parte, cuxa intención non captei.

    “Morrer non debe ser tan triste”
    Desas cousas que están aí pero nas que non queremos pensar. Está ben esa disonancia que sofre a personaxe frente ao espello, o escoitar a felicidade allea e a “celebración diferida” pasada pola trituradora.

    Non é tan do meu estilo, pero voto por “Morrer non debe ser tan triste” xa que considero que acadou mellor o que pretendía.

  4. Moi bo duelo. Moi boa técnica. Tremendo contraste.

    Leo primeiro “Non todos saben…” e penso, “non está mal. Unha boa referencia sobre o bloqueo de escritor. Unha boa forma de expresar como de algo aparentemente nimio pode cambiar os costumes dun país completo e para sempre. Unha gripe en forma de bloqueo. Que serán as nosas uvas?”. E logo salto á wikipedia para saber máis, para investigar os detalles da anécdota convertida en identidade. Parabéns a quen o escribiu.

    Despois paso a “Morrer…” e síntome manipulado. Tardo dúas frases en saber de que se fala. Volvo a comezar. “Non pode ser”. Esvaro relato abaixo axudado polos fluídos. O nutritivo transformado en morte. A vida como castigo. Unha xeringa XL de realidade. Trágoo todo. Sinto que as mans que escribiron o relato realmente estiveron dentro dese traxe, aínda que non sexa verdade, síntoo de verdade. E se é verdade, síntoo.

    O meu voto vai para “Morrer non debe ser tan triste”.

  5. Dous relatos moi distintos pero que en cambio comparten a visión das 12 uvas de Noitevella. Curioso nun país vitivinícola coma o noso.

    Non todos…

    Gústanme moito os relatos de época baseados en pequenos acontecementos que puideron ser reais. E polo tanto considero moi boa idea este relato. A pena é que penso que quedou nun borrador. Sóbrame a parte do presente e fáltame máis viveza na escena de Taboada e o informante. Coido que o autor/a debera gardar o núcleo do relato pero transformalo radicalmente para conserve a súa orixinalidade.

    Morrer non debe

    O tema escollido é deses que non me convencen porque adoitan estimular as nosas emocións dun xeito primario e coido que dan unha vantaxe polo dramatismo implícito. Pero sempre digo que é unha arma de dous fíos e se o autor/a escorrega pode esnafrarse de vez. Así que unha cousa queda pola outra. Neste caso, a execución é perfecta. Hai oficio e un dominio absoluto das técnicas narrativas. É un exercicio perfecto. Recordoume a Rafael Chirbes e penso que foi brillante engarzar esa rutina durísima coa ambivalente presenza das uvas da sorte. Parabéns polo resultado.

    Voto por ‘Morrer non debe…’

  6. Non todos saben como comer as uvas

    O encabezado fixome pensar que o qeu seguía o escribía unha persoa, non un narrador omnisciente. Tiven que retomar a lectura 3 veces para centrarme.
    O texto está ben escrito e inserir un enlace no relato é simpático. Por outra banda ó chegar ó final quedei como estaba, como lector deume a sensacion de non ter atravesa ningunha fase nin proceso mental, non vivin a historia contada. Case era mellor, como dixo algún outro, deixar só a parte de 1897 e meter o hipervinculo ó final. A parte de 2019 é un cero á esquerda que ocupa un lugar de privilexio (o final), que inda porriba lle resta forza á parte do 1897 (é como cando lle vas animos a alguen e o deixas peor do que estaba).

    Morrer non debe ser tan triste

    Un relato duro. E ben escrito. A maxia está nos pequenos detalles, din, e é certo. Canto mais profundizas e concretas, mais universal é o relato. Aqui detalles hai de sobra, son eles os que contan a historia. Non fai falta encher un texto de sinonimos da palabra triste para mostrar a tristeza. Hai que amosala a través da narracion (dos verbos, como diría cesar), como fai este relato.
    Faltoume talvez un final.. mais sutil? Faiseme como que esa frase é un resumo do relato, xa estaba na miña cabeza de sobra (ademais de no titulo). Eu quitaríaa, ou inda mellor, remataria en “estrada”. O resto xa o vai poñer o lector da sua parte grazas a que a/o autor/a fixo ben o seu traballo.

  7. Non me vou estender moito porque non vou comentar nada novo. Podería susbcribir as verbas de Daniel case unha por unha no caso de “Non todos saben…” (esa segunda parte coido que lle resta moito). E respecto a “Morrer non debe ser tan triste” comentarei que me pareceu un relato que chega fondo con verbas moi sinxelas. E iso é complicadísimo. Como o único mínimo pero sinalarei que lle quitaría a última frase: “Morrer non debe ser tan triste. “

  8. De “Non todos saben comer as uvas’ gustoume sobre todo o xogo entr os textos, con enlace incluído. O resto da historia resultoume menos atractivo. A segunda parte pareceume forzada, como se tira a linguaxe coloquial non fixera moita falta unha vez que pos a data.
    “Morrer non debe ser tan triste”. Coido que pouco podo aportar. Perfecto. A sintaxe é coma unha restra de pequenas coiteladas das que queres escapar antes de desangrarte, que o relato sexa outro, pero non é. Só nos salva a vista do parque coma unha promesa que non chega. Voto por “morrer non debe ser tan triste”

  9. “Non todos saben…”
    Pois a min sí que me gustou a contraposición dos dous textos, jajajaja. Para min sí que creo que consigueu o que pretendía. Non sei se esto está documentado e baseado nun suceso real ou a orixe das uvas de noitevella é unha invención. Pero tampouco me importa. A linguaxe está coidada en ambas partes e pódese apreciar o cambio de época. Sexa verdade ou non, é tremendamente imaxinable, como de un lavado de cara de un artigo que poidera ser do máis cutre e anodino, se poida converter e unha tradición con tanto peso coma esa. Imaxinade a de tradicións que teremos con unha parida de orixe coma esa. A min gustoume moito. Como idea, como narrativa e como trasfondo.

    “Morrer non debe ser tan triste”
    Pois a estas alturas de comentarios, secundo todos os demáis. Pouco hai máis que dicir. Non pode estar mellor narrada unha situación así. Por dicir algo, esa frase final sóbrame. Creo que si non a puxera, co título (ou sen a palabra “morrer”) xa se divisaría cal é o desexo de fin de ano de ese coidador. E despois bueno, non casa tan ben coma o seu rival coa foto. Algo que xa vin que é foco de discusión, así que non o terei en conta.

    A verdade é que “Morrer…” é un 10 de relato, pero dame moita mágoa que “Non todos saben…” quede tan fagocitado pola enerxía que contén o segundo. Así que vou tentar que a balanza non nos rompa só dun lado, xa que me parece inxusto. Voto por “Non todos saben como comer uvas”. A min non me renxeu ese salto no tempo, a escrita é moi boa e como tema é máis orixinal.

  10. O meu voto vai para “Non todos saben como comer as uvas” por tres motivos: polo impredecible xiro final; polo arriscado da proposta; e polo link do final. Algún día, todos os textos (sexa poesía, prosa, ensaio e narrativa en xeral) levarán links pra complementar o escrito.

    “Morrer non debe ser tan triste” é, quizais, o mellor relato dos que se escribiron no Grupo B. Unha pregunta: o título non debería ser: “Morrer non DEBERÍA ser tan triste”?

    • Eu creo que non, que o título está ben como está. Morrer non DEBE ser tan triste expresa un sentimento de esgotamento, da necesidade de descansar. Morrer non DEBERÍA ser tan triste, en troque, expresa o contrario: non querer morrer. Penso que o relato fala do primeiro caso. Chegados a un punto no que a vida xa non é vida, morrer non sería tan triste, senón un descanso.

  11. Estaba gozando como un anano co texto valleinclaniano do comezo de Non todos saben como comer as uvas cando me veu un baixón ao entrar no século XXI. Discrepo con Ariza. Pode que algún día (pode que xa, por que non) os textos leven ligazóns de apoio. Pero eu véxoo máis como unha complementación audiovisual. Se hai que ir a unha ligazón de texto antigo para ler un artigo de Luís Taboada penso que se perde a maxia. E maxia hai. Queda un terzo de relato (todo o xéculo XXI) para resolver como se lle di á lectora que o das uvas é unha carallada. E penso que a autora ten recursos abondo como demostrou no inicio magnético do relato.
    Morrer non debe ser tan triste toca a freba e a lectora empatiza axiña co tema. Se, por riba, che tocou persoalmente vivir (e coidar) os tres derradeiros meses de vida do teu pai e eses tres meses remataron xusto antes do Nadal (pensando aínda se o ía poder pasar na casa), a conexión é total. Se só fose iso, non sería xusto votar por el. Pero é que a linguaxe do relato é precisa (tamén o é a primeira parte do relato rival) e leva á lectora da man até o final.
    Voto por Morrer non debe ser tan triste

  12. “Non todos saben…”, o relato comeza moi ben ten un ambiente que pega perfectamente coa época. A información vai fluíndo xusto como debe ser, o protagonista buscando as musas polas tabernas é un puntazo (pensei que se podía ter topado co Misha desta mesma xornada, por certo, dirección, que foi do “pequeno obradoiro de plaxio”?) É certo que a parte actual fai unha descompensación narrativa brusca. Non é que estea mal, é que estabamos moi agustiño lendo o anterior. O do enlace funciona moi ben, sobre todo se o abres e o les. Unha maneira super enxeñosa de complementar un relato sen superar o límite das cincocentas palabras. (É posible que no seguinte relato que faga por aquí, intente crear o relato infinito a base de hipervínculos, aí lo dejo). (Se paso, claro).

    “Morrer non…”, estou repunante cos títulos, xo sei, pero este non me gusta nadiña, nin abrindo o texto, nin cerrándoo. Porque non fai falta aclarar o que o texto está a contar en ningún desos dous lugares. A narración lenta, as imaxes… o relato desborda realismo cru por todos os seus costados. Calquera que vivise algo similar sabe o que é iso. Está case perfecto, para min só sobra a frase que se repite. De feito se facedes un experimento podedes comprobar o bo que é: ides quitando frases do último párrafo en orde ascendente e o condenado segue a funcionar. O meu VOTO vai para “Morrer…”

  13. Ah, non existe a xustiza poetica…esa e a única verdade que existe…Non todos saben comer as uvas queda na sombra a pesares da sus calidade porla destreza, a intimidades, a belleza sobrecolledora dun dosmrelatos mais chulos desta xornada…..
    Morrer non debe ser tan triste non so leva o meu voto, senon a minha verdadeira admiración….

  14. A proposta de ‘Non todos saben…’ pareceume moi orixinal, a primeira parte está moi ben e o feito de engadir o link e a estrutura danlle orixinalidade. Gustoume, pero ‘Morrer non debe ser tan triste’ deixoume tocada, polo que o meu voto vai para el. Está moi ben redactado e trasmite aquilo que busca á perfeción.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s