‘Retallos’ vs ‘Bieito, o zapateiro’

3ª e derradeira xornada. Grupo C. Fran Fernández Davila vs David Botana.

Bieito, o zapateiro

Fran Fernández Davila.

Bieito, o zapateiro, fillo de Bieito, o zapateiro, marchou un día estudar ó estranxeiro e volveu pensando raro, escribindo raro e actuando raro. Mais o máis estraño de todo foron as artes que aprendeu, polas que tivo que perder a fala. Retornou á aldea mudo sen facer ruído, sorrindo por debaixo do bigote e erguendo a boina en sinal de saúdo cando se cruzaba con alguén. Cada vez que lle preguntaban, encollía os ombreiros nun xesto de resignación. «A vida é así: dar e recibir», pensaba mentres o facía.

Ricardo, o seu amigo da infancia, xamais lle perdoou que marchase. Envolveu o seu corazón nunha rede de distancia e deixouno podrecer no bar do sindicato. Ricardo quería a María, pero María casou con Bieito, co seu sorriso bigotudo, cos ollos á escoita e a súa capacidade para sandar.

De día arranxaban zocas, trocaban solas, remendaban pantuflas e reparaban as botas de todo aquel que entraba na tenda. Polas noites facían moldes dos pés dos clientes, e logo, coa figura de cera, reproducían o órgano avariado. Construían pequenas máquinas con resortes e engrenaxes que, colgadas das paredes do taller, emitían unha chuvia de tictacs.

―O meu marido é zapatorreloxeiro ―sorría María cada vez que Ricardo, o xefe da garda, lles facía unha inspección.

Así foi como a Pedro, o coxo, lle saíu unha perna que sementaba con cada paso. Como Xoán, o torto, conseguiu un ollo que predicía o tempo. Como Ramón, que deixara os pulmóns na canteira, aprendeu a dar abrazos que curaban a tristura. Como a Manuela, que non tiña fillos, lle moldearon unha cabeza para que aprobase as oposicións a mestra. E como a Eleuterio, que rebentara o fígado de soidade, lle medraron unhas mans de escritor.

Cando o partido de Ricardo gañou as eleccións na capital, disolveron o parlamento, declararon o estado de excepción porque un partido autoritario acababa de gañar as eleccións na capital e eliminaron a liberdade de reunión, expresión, confesión e sentimento. Calquera cousa para defender a liberdade. Despois foron polas casas rapinando presas, doazóns e currículos de fusilamento. Alí atoparon o zapateiro, no seu taller mecánico, tallando bolboretas de estaño e cristal con mensaxes revolucionarias como «Paz», «Amor», «Educación», e «Solidariedade», para que puxesen as súas ideas a salvo no outro lado da fronteira.

Deixaron a María no taller, escoitando a choiva, e aliñaron o coxo, o torto, o canteiro, o escritor e o zapateiro fronte a parede do cemiterio. Foi o seu amigo da infancia o que empezou a conta atrás. 

―Perdóame, Ricardo ―dixo o mudo antes de que chegase o cero―, trabuqueime contigo.

―Fogo! ―berrou o Ricardo, feito un mar de xeo.

A bala derreteu a pel coma un abellón de chumbo, fixo un pequeno pozo de odio na musculatura e esparexeu un ramo de iscas de óso. Un microsegundo despois convertería o miocardio do zapateiro en marmelada. Foi xusto, xusto, xusto no mesmo momento no que o corazón mecánico do xefe da garda emitía o seu derradeiro tictac.

……………………………

Retallos

David Botana.

O artesán xanta un chourizo mentres repousa as mans doridas de tanto choiar. Hoxe é o San Roque, tempo de exvotos. Acompáñao un documental sobre fauna salvaxe co que vai enteando unha soneca ben gañada. Uns destellos de vivas cores asolagan a pantalla. É un paxariño, que se move tal fose unha abella. O home sobe o volume, o narrador fala de colibrís. «Vaiche ben o nome», pensa marabillado co ir e vir do atarefado animaliño. Érguese ata unha das potas onde garda a cera, apaña un anaco mol e comeza a traballar nel, mirando de esguello o televisor.

Amasa o corpo diminuto, as plumas da cola, o longo bico, as pequenas patas. Os detalles despuntan a golpe de navalla. A vida agroma con cada risco do gume. A á esquerda tremelica nerviosa ao compás de cada trazo. «Quietiño», bisba o home mentres a preme co polgar contra o abdome a medio facer. O incesante movemento das patiñas a rebulir acompaña o artesán mentres traza con tino as liñas dos ollos. Ollos que se abren asustados cando o fío libera cada metade do bico. «Para ser o primeiro, nin tan mal», pensa o home fitando a obra que acubilla entre as mans. Esta devólvelle unha mirada de curiosidade. Logo de ceibalo, o paxariño ponse a danzar alegremente pola cociña para o goce do seu creador. Fisga na mesa, a través das ventás, brinca cos seus coloridos curmáns do televisor. Despois semella cansar e volta onda o artesán. A calor foille esvaecendo as formas e o ser. «Non é vida para ti», dille o home antes de guindalo feito un boloco na pota de onde o sacou.

Soa o timbre. Unha muller agarda na porta.

—É vostede o das ofrendas?

—E serei —responde el desde o limiar.

—Quería un corazón. Ao meu home deulle un infarto e voull…

—Sente aquí.

O home sinala un banco ao pé da entrada e bota a andar polo corredor ata chegar a unha porta de ferro. Entra e prende unha feble luz que tingue de amarelo o bafo que sae da súa respiración. Inumerábeis sabas brancas esconden o contido das longas mesas que ateigan a cámara, teas que tremelican ante o seu andar. Detén o paso enfronte dunha delas e retira a saba. Saca a navalla e comeza a abrir o peito que ten enfronte. O torso retórcese. Non ten mans para defenderse ou pernas para fuxir; nin sequera unha boca mal riscada coa que berrar. O seu creador agárrao con firmeza e bisba: «Quietiño». Separa a falsa carne e as costelas deixando ao descuberto os pulmóns. Un fermoso corazón brinca entre eles.

—Miña naiciña querida!  Se parece de verdade!

—Sonlle trinta euros —Outra muller agarda ao carón da primeira.

—Eu quería uns pés, de meniño. —Di mentres ensina uns zapatiños cor rosa.

—Dese talle non me quedan. Veña á tardiña, heille ter máis.

25 comentarios en “‘Retallos’ vs ‘Bieito, o zapateiro’

  1. Sen dúbida este duelo vai dar que falar. Quedei apampado tras ler os dous relatos. Canela fina. Vounos ter que ler varias veces para atopar “algo” que me faga decantar por un ou polo outro. Pero quería deixar os meus parabéns aos dous autores antes de que chegue a votar.

  2. Flipante… Non teño palabras. Non atopo ningún erro e parécenme dous relatos de final. Noraboa sincera ós dous autores… A escrita é perfecta en ambos. As historias son desas que atrapan e non custa ler, con tódolos detalles ben definidos e adecuados, podendo facer un imaxinario preciso de cada situación e cada xesto sen resultar cargantes en ningún momento. Perdoade que fale dos dous a un tempo, pero a miña boa valoración é para os dous por igual. Un duelo digno de unha final, como xa dixen.

    Quédome con Bieito O Zapateiro, porque os diferente arquetipos utilizados parecéronme brutales, o final gustoume máis e empaticei moito co primeiro parágrafo por unha historia familiar persoal. En definitiva, creo que dixo máis en menos. Moi igualado, só fan desequilibrar a balanza eses pequenos detalles que nomeei.

  3. Parabéns a ambos autores. Aquí temos dúas fermosas historias cuns conceptos moi parecidos e boas execucións. Pese as semellanzas, “Retallos” limítase a un momento concreto, con máis descripcións e detalles que contrúen a maxia deste pequeno mundo, mentres “Bieito o zapateiro” abarca moito máis, case a crónica do seu tempo. Malia a amplitude da trama, en “Bieito” o autor conseguiu dotar de personalidade ós personaxes, e tampouco podo deixar de destacar ese parágrafo coas novas, fermosísimas, capacidades que adquiren os usuarios dos novos órganos. Se lles teño que buscar un “pero”, é que Ricardo é introducido dúas veces como se fose a primeira, o que fai dubidar se é a mesma persoa, e en “Retallos” fálase dunhas ofrendas, pero non vin tal, e o artesán como persoa non está tan definido.

    O meu boto vai para “Bieito o zapateiro”.

  4. joer. pois si. está moi moi complicado. O primeiro “Bieito” ten un imaxinario nunha primeira lectura algo surrealista, moi na liña de “Amanece que no es poco” misturado con ese tempo de guerracivilismo ao que lle saquei toda a substancia na segunda lectura, encaixando mellor as pezas. Gustou esa mistura entre a crúa realidade e o mundo onírico.

    O segundo é unha gozada en dous tempos: o colibrí e a habitación dos exvotos vivos. Poderían ser dous contos nun só. Un 2×1 perfecto. o paso dunha escena a outra é un xiro grande, pero tampouco brusco. Poida que o autor empezase co colibrí e dixese… isto non dá para máis, e engadise a seguinte escena. Pero tampouco é que queden descolocadas.

    Gustáronme os dous. Non sei que facer. Eu desempataría polo aproximación á foto. No segundo está claro. No primeiro vai un pouco máis forzado. Ou non. Hai unha parte aí que fala das pernas e dos membros, dos reloxos…. a ver o que interpretan os demais e reservo o meu voto para máis adiante.

  5. Este torneo merecería a pena tan so por este duelo. Tremendo cumbiote trouxestes. Tedes razón, non se pode tachar nada malo en semellantes pedazos de relatos.
    Do primeiro, encantoume o parágrafo no que se describen as novas facultades de aqueles que atende o zapateiro. O primeiro parágrafo tamén é perfecto como introdución, e conta tanto en tan pouco. Emprega moi ben o contexto da guerra e non deixa de estar pechado perfectamente por isto.
    Do segundo, ao principio quizás se me fixeran moito dúas escenas para o espazo que ten, pero o autor sae moi ben parado do cambio. Transmíteme un imaxinario detrás del tan potente como o primeiro relato.
    Non sei se existo o da envexa san, eu teño da outra. É que par de obras. Os meus máis sinceros parabéns. Foi un dos duelos nos que máis me custou decidir, pero creo que o cambio de escena no segundo dálle un plano un chisco máis complicado, polo que, doéndome no corasao, teño que escoller un, e escollo a Retallos. Moitas gracias pola grandísima lectura.

  6. Concordo cos que opinades que seguramente este sexa o mellor duelo da xornada. Parabéns a ambos autores.

    Bieito, o zapateiro
    Un excelente relato. Cun gran comezo e unha redacción notable. A historia ten maxia e está moi ben resolta, cun final épico que non desmerece o resto do relato. E porén, non vou poder votar por este gran texto.

    Retallos
    Paréceme o mellor relato da xornada e tan bo como calquera outro dos que lin nas tres edicións do torneo (e foron a maioria). Fascinoume tanto a historia como o ton que usa. Paréceme literatura de gran calidade. A escea do colibrí paréceme perfecta. Axuda a darlle atmósfera a historia principal. Facer iso en tan pouco espazo é moi meritorio. O final tamén é brillante. Dun humor tan negro que non sabes se rir será de mal gusto. Parabéns
    O meu voto vai para Retallos, e pido desculpas ao autor de Bieito o zapateiro por non ter podido votar tamén polo seu.

  7. En ambos relatos flúe a imaxinación. Coido que a imaxe dos exvotos de cera, unha das formas máis civilizadas de representación da creación divina insuflou nos combatentes unha especie de impulso demiúrxico que deu bos resultados. Coido que este foi o mellor duelo da xornada, así que parabéns aos dous combatentes.

    ‘Bieito o zapateiro’

    Podería ser un conto que namorase a Guillermo del Toro. De feito, eu encontrei moita relación entre o universo do relato e o das películas “españolas” do mexicano ambientadas no conflito do 36. O autor deste relato demostra un gran dominio da narración curta aínda que penso que nunha segunda escritura este relato perdería algo de lastre (reiteracións, adxectivos que non son imprescindibles…) e gañaría consistencia, sobre todo na reescrita do personaxe de Ricardo, que é demasiado tópico. Talvez estaría ben dotalo de algo de humanidade.

    Retallos

    Coido que comparte o universo do outro relato: o artesán capaz de crear máis alá do habitual. Tamén hai o xogo entre os impulsos do eros e do tánatos. Un relato de grande altura literaria. A primeira parte serve como contrapunto perfecto para a segunda. Hai moita imaxinación e gran capacidade para dosificar a información. Pareceume un grande achado expresivo.

    Voto por ‘Retallos’.

  8. Ben, xa fixen a segunda, a terceira e a cuarta lectura. Non me canso de lelos, en serio. É que non lles sobra nada. Bo, por poñer un pero, a “Bieito o zapateiro” quitaríalle esta frase: “porque un partido autoritario acababa de gañar as eleccións na capital” que foi a única que me freou a lectura.
    En canto a “Retallos”, que dicir da súa delicadeza. E aínda así, o artesán podería ser perfectamente o substituto de Bieto. Coido que todas imos votar pedindo perdón ao autor polo que non votamos. Eu quedo con “Bieito” polo da xustiza poética. Síntoo. E non me queda máis que parabenizar aos dous.

  9. Bieito, o zapateiro

    O deste relato si que é un inicio. Ata rima. Moi bo.

    “«A vida é así: dar e recibir», pensaba mentres o facía.”
    Isto quitaríao. Non lle vexo sentido desvelar un pensamento encamiñado a manter ou crear suspense. Se fose unha liña de dialogo teria sentido, porque o que fala elixe ocultar algo ou eludir unha resposta directa. Pero como pensamento é artificial.

    “Ricardo, o seu amigo da infancia, xamais lle perdoou que marchase. Envolveu o seu corazón nunha rede de distancia e deixouno podrecer no bar do sindicato. Ricardo quería a María, pero María casou con Bieito, co seu sorriso bigotudo, cos ollos á escoita e a súa capacidade para sandar.”
    Tiven problemas con Ricardo desde o inicio. Non lle perdoou que marchara, pero despois mencionase que quería a María, como posible fonte de novos (ou vellos) conflictos. Para min son dous vectores que se aniquilan. Ou o odia (mais) por marchar ou polo de María. Menciona unha e esquece a outra. Personalmente deixaría a 1º e quitaría simplemente o de que ricardo quería a maría.

    “Polas noites facían moldes dos pés dos clientes, e logo, coa figura de cera, reproducían o órgano avariado.”
    Tampouco entendín esta parte. Para que reproducían pés tortos? Ademais un pé non é un órgano, é unha extremidade. Indo máis aló, din que o reproducían, pero non que o repararan. Debe estar relacionado dalgún xeito coa capacidade de sandar de Bieito.

    A pesar destas obxeccions o relato funciona co seu toque de fantasía encuberta ó estilo realismo máxico. Incluso pensei se sería todo unha especie de alegoría onde Bieito sería alguen que volve á aldea cunha formacion e uns estudos que lle dan unha aura de ser divino entre os veciños. Facerlle unha protese a un coxo, darlle un ollo de vidro a un torto, reconducir a un borrachín, darlle clases á opositora… Podería cadrar. O dos zapatos sería porque era a profesion do pai e a herdou.

    Como digo, ata aqui as cousas funcionan dun xeito ou outro, e ademais a narrativa é moi boa. Por suposto xa está sementado o conflicto que está por vir: Ricardo.
    Este conflicto chega en forma de represion politica, cousa que non se tocou ata o momento no relato e considero un erro. Se vai ter tanto peso era mellor dicilo antes, non basta co de pensar raro, habia que meter mais man niso.

    “Cando o partido de Ricardo gañou as eleccións na capital, disolveron o parlamento, declararon o estado de excepción porque un partido autoritario acababa de gañar as eleccións na capital e”
    Non entendo que un partido gane as eleccions e disolva o parlamento. En realidade non entendo a frase toda.
    Se un gana as eleccions na capital, é que se trata de eleccions municipais, pero logo parece ser algo nacional, pero de novo se contradi porque o parlamento disolvese antes dunhas eleccions xerais. E quen declarou o estado de excepcion? Os que ganaron? Os que perderon? Os que perderon na capital fixeronse un golpe de estado a si mesmos? Non o logro entender. Tampouco entendo por que foron a polo zapateiro se el nunca se meteu en politica. O das ideas talladas nas bolboretas deume un pouco de vergonza allea. En fin, deduzo que o partido de Ricardo gañou as eleccions e este aproveitou para tomarse revancha persoal contra Bieito co pretexto de que se sabía que era de ideas contrarias ó partido ganador. Isto deduzoo porque vin moitas peliculas sobre a guerra civil, porque do texto do relato non fun quen de extraelo.
    Por certo, posto que Ricardo ía ó bar do sindicato, qeuda mais ou menos claro de que cor era o seu partido.

    Bieito, convertido nun cruce entre eduardo manotijeras e roberto benigni, morre fusilado pronunciando unha frase que trae tela, inda que non tanta como a derradeira frase do relato, que mais ou menos ven dicir que ambos morreron á vez. Ó dicir que Ricardo tiña un corazon mecanico entendese que llo puxo alí Bieito, e que o erro puido vir daí.

    O relato é bonito, como bonita é unha cancion en aleman da que non entendes a letra. Se alguén entendeu algo distinto do que saquei eu, que por favor me explique o seu punto de vista. Dame a sensacion que montei unha historia a base de pezas dunha ducia de puzzles distintos.

    Retallos

    Mira que lle gusta o risco á xente. Usar 3º persoa presente é delicado.

    A escena toda do colibrí é moi boa. É unha forma moi acertada de presentar ó prota (sensible á beleza pero sen moita empatía) e de introducir o elemento fastástico no relato. O parágrafo no que saca o corazón do torso tamen me parece moi ben deseñado, vai tan directo ó gran como o propio artesán.

    Sexa por un poder propio ou polos instrumentos que usa o tipo pode crear vida a partir da cera. E é mais, vende os órganos entre os seus paisanos (e baratos), pero o punto forte non está no mercadeo senón nas consecuencias dese poder: no taller ten a seres humanos mutilados (tan vivos coma o colibrí) dos que vai sacando os retallos.

    Paréceme unha historia ben montada, especialmente como se relacionan os elementos da 1º parte cos da segunda (sempre me fixo mais nas mecanicas dos relatos que nas historias: a priori todas as historias son boas).
    E ata funciona a 3º persoa presente.

  10. Veña. Deille repouso, dóeme escoller un, porque creo adiviñar que autor está detra´s de cada conto e son bos amigos virtuais dos que gusto ler o que fan. Creo que repasando mentalmente o animador de figuras de ceras tira máis de min que o zapatorreloxeiro, gustaríame velo a seguir a fuchicar nesa tétrica habitación. Voto Retallos por milímetros. Parabéns os dous.

  11. Nas primeiras lecturas parecéronme dous grandes relatos.
    Despois das análises de Lois dame medo opinar moito así que estou por votar directamente.
    De “Bieito o zapateiro” gustoume moito s introducción o párrafo onde presente aos veciños cun toque de realismo máxico cheo de contradiccións ben fiadas. O final, a pesar das incoherencias sinaladas paréceme redondo aínda que para chegar a ese final se tomen moitas licencias lóxicas.
    “Retallos” aínda tendo unha idea similar ten outra delicadeza que non varía moito ata o final. Aquí paréceme que non está tan ben cerrado como o anterior.
    Cústame moito dicir porque á súa maneira sin dous relatos que deixan pegada pero vou votar polo “Bieito o zapateiro’

  12. Coincido con César Ariza en que neste duelo quizais haxa o mellor relato do torneo ata agora. Só que para min ese é Retallos. Ese parágrafo con colibrí pareceume impresionante. Ese “quietiño” que tanto serve para o colibrí como para un torso…
    Bieito tamén me gustou bastante aínda que a relación con Ricardo convenceume algo menos.

    O meu voto, polo tanto, para Retallos

  13. Impresionantes ambolos dois relatos….difícil elexir se temos en conta a calidade, a historia, o traballo, a elección das palabras, os impactantes principios e os finais que rozan a perfección literaria…..asi que despois de superado o empate técnico, ven o corazón, o noso ollar parcial e subxectivo…
    O meu voto vai enton para Bieito o zapateiro, porque dalgún modo recordoume moitas historias dentro da sua propia historia….e porque devolveume por intres a Boris Vian, un dos meus escritores favoritos la lexana adolescencia

  14. «Retallos»
    Comecei lendo «Bieito, o zapateiro» e o gañador parecía decidido. Despois lin «Retallos» e xa quero dar ao escritor o torneo enteiro. O texto é marabilloso, de comezo a fin. O autor narra, non che está a dicir que debes sentir. Traza de forma marabillosa o artesán, a delicadeza de quen logrou a perfección a través de anos de práctica; a sensibilidade, mais tamén o oficio, certa distancia coa obra. Non ten pretensións, simplemente fai. A marabilla no cotián. Que pasada de atmosfera! O mellor do que vai de torneo, seguramente do que quede.

    «Bieito, o zapateiro»
    Fantástico. Introdúcenos con pericia no seu universo, a escritura vai en consonancia con esa primeira parte de conto, que sublima no parágrafo sobre o que lle fabricaron a cada veciño. Na miña opinión non acada a plenitude de «Retallos», probabelmente polas restricións do concurso. Ricardo precisaba outra caracterización, máis profundidade, e tamén agradecería unha transición menos abrupta entre as dúas partes (aínda que ese cambio de rexistro funciona), abarca moito tempo para unha extensión tan limitada. Dende aquí animo a que o autor retome o relato no futuro para puílo sen restricións. En calquera caso, parabéns, gocei da lectura.

    O meu voto só pode ir para «Retallos». O autor de «Bieito, o zapateiro» tivo mala sorte, porque en condicións normais era un relato gañador.

  15. Disfrutei moito de ambos relatos, pero como hai que decidir o meu voto vai para ‘Bieito, o zapateiro’, desfrutei especialmente do modo en que presenta aos vecños e vai fiando a historia.

  16. Non hai más que dicir que non se dixera antes. Para mín “Bieito o zapateiro” nun aroma da miña infancia, “Retallos” merece o mesmo mais …a vida é inxusta. Bo combo de relatos. A verdade é que Biosbardia debería plantexar un caderno físico de relatos con estes e outros porque hai calidade.

  17. Vaia. Graciñas a todos polas palabras e os votos. Estou moi contento de que vos gustase o relato, ante iso perder non é nada. O certo é que a foto (déboche unhas cañas, Marcos) é moi evocadora. Un día espertei coa imaxe dun torso de cera, tentado berrar a pesar de non ter boca (gústame moito Harlan Ellison), pareceume unha boa imaxe sobre a que construír algo, así que aproveitei un relato previo inconcluso sobre unha queixeira (o meu artesán). A escena do colibrí é o contrapunto preciso. O relato vai sobre a vida, a morte e a creación. Tamén quería que quedase pouso ao final e metín os zapatos do cativo para que todos vos construísedes un relato moito máis chungo nas vosas cabezas. Son así de cabrón. Todo isto non sería posible sen os beta-lectores (amigos) que axilizan o proceso de revisión, sen que teña que deixar a criatura nun caixón. Non hai corrección dun texto posible sen un distanciamento previo e o formato do torneo non o permite. A eles débolles medio relato, unha cea con viño e un one shot (eles saben do que falo).

    Que podo dicir do Bieito de Fran? Pois que vaia poesía narrativa. Cada frase é un trallazo literario. O relato brilla moito, ten moita personalidade, creo que aí é donde me gañou. Na primeira lectura déixate pampo, pero ao relelo, para min, vai perdendo. Persoalmente, tiroume máis Néboa. Penso que aquí o Ricardo pivota en moitos eixos distintos e non remata de estar definido en nigún. E non entendo nada do da sublevación nin do que pasa ao final. Cando perdeu o corazón Ricardo? Ao irse María con Bieito? Dase a entender que, pese ao odio, se deixou reparar polo reloxeiro? Porque lle di que se engañou? Fran! Dinos algo!

    A todo isto, vitoria máis que merecida. Parabéns por este duelo co que perdín tres kg de pura tensión.

    Vou escribir o desempate! Diego, Leticia, como ides?

  18. Grazas a todos e todas polo tempo que adicáchedes a aturar os meus relatos. Parabéns a David, porque o seu relato é como para enviar ó New Yorker. Grazas especiais ós e ós que votastes por Bieto, por pechar os ollos e por deixarvos levar.
    A verdade é que pasei unha tarde enteira a esculpir unha explicación a cada frase do relato: que se o NSDAP, que se Palpatin, que se o proceso vítima-odio… Cando rematei de escribir, contei. Saíronme 523 palabras. Así que non vos vou martirizar.
    Moita sorte no desempate compañeira e compañeiros!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s