‘Zapatos doutros’ vs ‘Zapatos de coiro marrón claro’

3ª e derradeira xornada. Grupo A. Amador Castro vs Mónica Castro.

Zapatos caros de coiro marrón claro

Antes non era quen de diferenciar os zapatos. Cando? Cando era un cativo. Antes da gran crise. Antes de que o pai se enfrontase, bébedo, ao tren e a nai comezase a coller por costume pecharme nun soto moi semellante a esta cela.

Alí, cando cansei de contar arañeiras, de escarificar conas e carallos na parede cun cravo oxidado e de calcular, segundo o asubío do tren na madrugada, canta xente do barrio se deixaba levar polo mesmo camiño do pai, comecei a ollar para os zapatos que circulaban por diante da única xanela que dá á beirarrúa. 

Fascinoume aquel xogo. Cal? O de tentar facerme unha idea da caste de persoa que pertencía a cada zapato. 

Se pasaba un par, calcando con decisión no chan, dos que custan moito máis do que valen as nosas vidas, sen dúbida portaban a alguén que podía decidir ao seu antollo sobre elas. Se aparecían, apenas bisbando, uns retallos de pel arrastrando uns pés violáceos sobre media sola gastada, eses eran os da nosa xente.

E pensei nos zapatos que eu quería ser algún día. De que tipo? Dos caros de coiro marrón claro.

Pasaban zapatos abondo. Botas sen tacón cara á dereita, sandalias atadas con cordeis cara á esquerda, mesmo un zapato con fiestra: dos que sempre amosan un dedo. Pero ningún como aquel primeiro par. O home que pertencía a aqueles zapatos, nun barrio coma o noso, quen sería? O patriarca do clan que enchera o noso barrio de heroína? Un funcionario municipal corrupto? Un criqueiro rico e casado que viña á caza de efebos onde ninguén coñecese o seu rostro?

Entraron entón, no meu campo de visión, uns zapatos vermellos de agulla camiñando cara a atrás. Uns zapatos gastados, sen brillo. Dubitativos. Chocando entre si. Case que afociñando. E un intre despois, os zapatos caros de antes, de cara, gañando terreo con ímpeto. Amodo, foron enchendo a xanela dous corpos dobregados. As mans do home premendo con forza na gorxa da muller. Quixen romper o cristal. Saír correndo. Pero quedei inmóbil. Ríxido. Apampado. O home mirou cara a min pola xanela. Abriu a boca. Abriu os ollos. Abriu as mans. Deulle unha labazada á muller e deixouna ir cambaleando.

Quen era? O que pechou a fábrica que lle daba vida ao barrio. O que amosou a tantos o camiño das vías do tren.

Ao pouco ouvín moverse o peche da porta do soto. Supuxen que a nai viña para me erguer o castigo. Renxeron os gonzos. Entrou luz. Os chanzos de madeira soaban á tristura duns zapatos vermellos de agulla tremendo. Fundímonos nunha aperta, tépeda como un recordo da infancia, húmida como a única vez que foramos á praia.

E logo? Logo xa non quixen ser aqueles zapatos.

…………………………………..

Zapatos doutros

—Metástase —digo.

—Metástase —repite.

A súa mirada é fixa, como sempre foi.

—Estou invadida —di.

Nunca me gustou esa verba: Invadir: intervir sen permiso. Penetrar pola forza. Sempre penso en bárbaros e guerrillas. En barricadas. En liñas de defensa celulares  derrotadas. Sempre penso en violaciós de dereitos, en crebamento de esperanzas. Sempre penso en fin.

—Temos que loita —digo.

—O tempo. Cánto tempo —pregunta 

E é unha pregunta que non sei a cal das dúas vai dirixida. Se é unha pregunta para ela mesma ou pola contra é para que eu responda. Por iso calo. Agardo en silencio e poño a miña man sobre a súa man, que mantén inmóbil, coma morta xa, sobre a mesa branca do despacho branco do hospital branco.

Coma case todas as semanas penso no mesmo. Que o difícil non foi a carreira. Que o sacrificado non foi o exame MIR. Que os veráns perdidos para acadar a praza non foron nada. Unha fungalla no prezo da existencia. O complicado veu despois. Foi aprender a poñerme nos zapatos de cada un deles. Axustar os meus pés sans á punteira tinguida de cancro, á sola salpicada de ciclos de quimioterapia, e sentir o medo subindo polos nocelos ata o xeonllos. A brevidade da vida polas miñas costas. A derrota zigzagueando pola miña espiña dorsal. 

A tarefa máis arriscada foi comprender que, unha vez feito isto, non habería volta atrás e os meus pés endexamais volverían calzar as miñas zapatillas deportivas, ou os meus zapatos de tacón negros sempre incómodos. Que a miña pegada xa non sería só miña.

—Loitaremos entón, qué facer se non —a súa voz rescátame de min mesma.

Cando abandona o despacho, o seu lombo adoita estar mais enderezado do habitual, a súa cabeza erguida. Os seus pasos seguros. Crúzase na porta con A. Calza un 45 . Os meus pés (un 39) deslízanse comodamente no seu interior. Gústame. O calor da vida ferve nas miñas plantas.

21 comentarios en “‘Zapatos doutros’ vs ‘Zapatos de coiro marrón claro’

  1. Zapatos caros de coiro marrón claro

    A intro está ben, a situacion creada ten gancho. Inda que, coma en outros casos, estendeuse demasiado. Se se eliminase o paragrafo onde explica que uns levan zapatos caros (que non deberia expresarse asi, senon con outros atributos) e outros uns retallos, non se perderia moito, é unha info moi basica que o lector xa levaba cargada por defecto antes de empezar a ler o relato. E son tres liñas de texto.

    “O patriarca do clan que enchera o noso barrio de heroína? Un funcionario municipal corrupto? Un criqueiro rico e casado que viña á caza de efebos onde ninguén coñecese o seu rostro?”
    Estas preguntas non me cadran coa imaxen que teño dun rapaz aislado. Ademais de novo aportan pouca informacion sobre o mundo creado, todo son cousas standard. Este recurso funcionaria se as preguntas fosen do tipo: “quen sería? un krakantiano de Omega-3? un alugador de lúas corrupto?”

    Chego ó final (estouno comentando en tempo real) e paréceme que o relato non logra mostrar ben o que quere. Os elementos empregados (o cautiverio, a vision dos zapatos, o contexto e critica ó poder, a relacion del coa nai…) non forman unha imaxe conxunta, non hai sinerxia, só se superpoñen restandose forza uns aos outros.

    O encerro do rapaz non logrei entendelo. Refirome a por que o relato precisaba iso. Sei que é para que funcione o tema dos zapatos, obligado pola foto, pero ese elemento é demasiado colateral con respecto ó final e faise raro o seu uso. O abrazo entre nai e fillo e o aborrecer á persoa que responsable do suicidio do pai poderia terse dado igualmente sen o confinamento. Tampouco me pareceu un acerto non dicir que a muller atacada era a sua nai xa no momento en que o soubo, é dicir, cando lle viu a cara, nin a referencia final á praia, cando non se mencionou iso anteriormente.

    Por ultimo, pareceme entender que o prota estáo contando todo desde o cárcere, o cal é outro elemento que “está aí” e pouco mais, case pasando desapercibido. Creo que se poden aproveitar moitas cousas do relato (o inicio e a idea xeral) pero que compre reescribilo tento mais en conta que quere contar realmente o/a autor/a.

    Zapatos doutros

    Tardei bastante en ubicarme no dialogo, quen era quen e que sucedía exactamente. Despois xa non tiven problemas, pero non logrei meterme nos zapatos do relato. O uso da primeira persoa pareceume demasiado languido, afectado. Dito doutra forma: podo entender que o dialogo si sexa asi, pero o estilo da narracion parecese mais do debido ó estilo do dialogo, e iso xa é un artefacto a corrixir.
    Non era un relato para primeira persoa se a prota se ve obrigada a explicar (a quen?) que coma todas as semanas pensa o mesmo (e despois nolo relata, claro). Para insistir na 1º persoa penso que habería que tirar de pasado, non de presente, ou ben non romper a narracion con flashbacks e explicacions. A reflexion de como a prota se mete nos zapatos doutros está ben, podería rescatarse.

  2. Un bo duelo, con dous acercamentos moi distintos ao tema.
    Gustoume Zapatos de coiro claro, non me chamou en especial o tema, pero si o escenario, e penso que, porén disto, esta ben escrito, manexa ben o tempo e, en xeneral, é moi decente.
    Custoume algo entrar en Zapatos doutros. Cando o fixen vin unha personaxe que me atrae bastante, o ultimo parágrafo gustoume moito, aínda que me costa chegar ata el, creo que o uso demasiado como ás na manga. Sen embargo, o fragmento da invasión pareceume ben escollido. Iso si, non me discorre igual de fluído que o outro.
    Por isto último o meu voto vai para Zapatos de coiro marrón claro.

    • Aínda que si que, agora que leo a Lois, chamoume a atención o recurso de confesión dende o cárcere, ao que non se lle da máis bombo. Quizais con algo máis de lonxitude podería darse ben.

  3. Magnífico duelo. Dos que máis me gustaron esta xornada.

    A historia do preso é espectacular, levoume a Hitchcock nun chascar de dedos. A identificación dos distintos tipos de persoa cos seus zapatos da moitísimo xogo.

    Os zapatos doutros paréceme moi ben escrito. Gústame moito o tema. Eu mesmo me preguntei un millón de veces como pode haber alguén que escolla ese traballo.

    O meu voto vai para Os zapatos doutros. Tocoume máis.

  4. “Zapatos caros de coiro marrón claro”
    Ó contrario que Lois, a min si me gusta o parágrafo sobre os tipos de zapatos. Si, xa sei que cae de caixón quen usará cal, pero o importante dun relato non é só chegar ao final o antes posible, e trátase da visión do rapaz sobre os tipos de xente. Non é simplemente rico vs. pobre, hai unha actitude distinta.
    O tema do cárcere non sei se ten algo que ver co resto do relato ou non. Se está aí porque non foi quen de gañar a vida legalmente ou se a carraxe levouno a elixir ese camiño.

    “Zapatos doutros”
    Non o acabo de ver. Un médico precisa dunha certa empatía, pero con mesura. Sería dolorosísimo, sobre todo para un oncólogo, entrar na pel de todos os seus pacientes (non sei se era a intención, pero pareceume que a mensaxe era que teñen que facelo). A primeira persoa non me convence por esa recapitulación de “fago esto cada semana; o difícil non foi o MIR, etc.” que (creo) un mesmo non adoita facer a non ser que fale para outra persoa.

    Voto por “Zapatos caros de coiro marrón claro”.

  5. Dous relatos moi interesantes e de temática moi intensa, cada un deles á súa maneira.
    Con “Zapatos caros de coiro marrón” sentinme dende o primeiro momento como se estivese a recuperar imaxes de “O Tragaluz” de Vallejo e todo me cadraba ata que o protagonista ve ás personaxes de corpo enteiro e xa non fun quen de ubicar a atmósfera na que se atopaba o prota cando era neno. Parece unha parvada, pero non fun quen de “ver” como era o lugar no que estaba encerrado.
    Polo demais paréceme un gran relato. As descripcións dos zapatos non me resultan accesorias, coido que son o celme da historia, ao igual que na foto e quizabes iso foi o que guiou ao autor/-a dixose a si mesmo: “imos falar de zapatos pois” e con iso en mente, paréceme un grandísimo relato.
    Con “Zapatos doutros” creo que a idea que vertebra o relato é diferente, xa non falamos de zapatos, senón do que conteñen.
    É un xogo interesante aínda que coincido con que a terceira persoa ao final desubica a lectura.
    Fun capaz de ver todos os zapatos que se describen no primeiro relato pero coñezo moi ben a sensación de estar nos zapatos doutro e é tan brutal como se describe.
    Porén voto por “Zapatos doutros”.

  6. Outro duelo ben interesante no noso querido grupo A.

    Zapatos caros de coiro marrón claro
    É unha historia clara e emotiva. Penso que está ben contada e que ten unha relación clara coa foto suxerida. Así e todo hai unha cousa que non me acabou de conquistar, o perfil dos personaxes. Nunca me gusta cando os “malos” e os “bos” responden a perfis moi tópicos (e.g. un mestre republicán paseado por un cura feixista, por exemplo). Fai que perda simpatía pola historia. E neste caso sucedeume co empresario que pechou a fábrica, co traficante que encheu o barrio de droga e co político corrupto. Como dixera Lois nun duelo da primeira xornada, cambiaría algo se a persoa que lle pega á nai (que entendo é prostituta) fose o mestre da escola á que vai o rapaz?

    Zapatos doutros
    A min si que me resultou un relato doado de comprender que parte dunha premisa interesante, a empatía, meterse nos zapatos doutros. O personaxe da médico paréceme críbel e o ton introspectivo e afectado do relato tamén me parece o adecuado para abordar o tema.

    O meu voto vai para Zapatos doutros.

  7. Outro duelo interesante no noso querido grupo A.

    Zapatos caros de coiro marrón claro
    É unha historia clara e emotiva. Penso que está ben contada e que tem unha relación clara coa foto suxerida. Así e todo hai unha cousa que non me acabou de conquistar, o perfil dos personaxes. Nunca me gusta cando os “malos” e os “bos” responden a perfis moi tópicos (e.g. un mestre republicán paseado por un cura feixista, por exemplo). Fai que perda simpatía pola historia. E neste caso sucedeume co empresario que pechou a fábrica, co traficante que encheu o barrio de droga e co político corrupto. Como dixera Lois nun duelo da primeira xornada, cambiaría algo se a persoa que lle pega á nai (que entendo é prostituta) fose o mestre da escola á que vai o rapaz?

    Zapatos doutros
    A min si que me resultou un relato doado de comprender que parte dunha premisa interesante, a empatía, meterse nos zapatos doutros. O personaxe da médico paréceme críbel e o ton introspectivo e afectado do relato tamén me parece o adecuado para abordar o tema.

    O meu voto vai para Zapatos doutros.

  8. Encántame ver como os compis do grupo A souberon sacarlle ese xugo a un par de zapatos. Noraboa por esas temáticas.

    “Zapatos de coiro…”
    Como historia, un 10. Como narrativa, non me gustou tanto… Para nada considero que o parágrafo onde describe os zapatos e a persoa que presuntamente poida ir neles sobre. Creo que di moito, posto que non solo fala da calidade do zapato (que é moi suxestiva e invítovos a facelo pola rúa a partires de agora), senón que nomea tamén cousas como “pisar forte” para facerse unha idea de quen pode ser o habitante desos zapatos. É algo moi propio da imaxinación dos nenos, con pequenos detalles, facer historias. Pero despois sen embargo, ten palabras demasiado adultas en ese caso (patriarcas de clans? funcionarios municipais corruptos?). Inda que estea contada dende o cárcere, está relatando unha memoria de cando él foi un neno, polo tanto, non me resulta verosímil. Despois, o tema do confinamento (palabra usada moito ultimamente). Ó principio parece como un castigo ou unha actitude maltratadora da nai. Despois, podemos chegar a entender que era para protexelo. Non sei… ¿Por que non decilo antes?. Tivera entendido o relato mellor e houbera disfrutado máis del. Por outra banda, o tema desas preguntas polo medio. O feito de que o faga ó principio, no medio e ó final, poden darlle certa sostibilidade ó relato, pero poñéndoo como diálogo, inda que non saibamos quen é o interrogador, presta moito máis. E por último, concordo en que o feito de que o malo, sexa un típico malo, réstalle interese. Pero o final gustoume.

    “Zapatos doutros”
    Sendo un tema tan sensible, non logrou espertarme demasiada emoción (pero claro, como neste torneo o chamado tremendismo resulta que debe ser ilegal…). Creo que ten frases moi boas, como as dos zapatos tinguidos do cancro e as súas consecuencias médicas. Ou tamén cando describe o impacto que lle causa á prota a palabra “invadir” (creo que foi a parte que máis me gustou). Sen embargo, o momento no que indica que o difícil non foi a carreira etc… senón poñerse nos zapatos doutros… como idea paréceme un 10, porque é certo que a túa vida nunca máis será túa somentes, e levarás a enerxía, as emocións e as historias vividas nesa garda para sempre. Empatizo moito con iso, pero a maneira de contalo paréceme un pouco sensacionalista e facilona. Non cheguei a empatar ben con esta historia… ó mellor son eu…

    Non creo que sexa o mellor que nos poden ofrecer os meus compañeiros, que ambos nos teñen acostumados a relatos moito máis brillantes. Voto por “Zapatos de coiro…”

  9. O meu voto vai para “Zapatos doutros”. Encheume máis a historia e como o conta. Ben escrito e cunha personaxe protagonista moi ben lograda.

    Unha vez que les “O tragaluz” de Buero Vallejo, xa non ves os tragaluces do mesmo xeito. “Zapatos caros de coiro marrón claro” e un moi bo relato. Nada sobra no texto: coido que se a nai o encerraba no soto sería para poder levar homes á casa; e se el conta a historia dende á cadea, quero supoñer que é porque se vingou do tipo que fixo que o seu pai se botara ao tren e que se aproveitaba da nai. Chamádeme romántico.

  10. “Zapatos de coiro marrón claro”, mira, este título si que me gusta. Un relato algo descompensado. Hai moitos elementos que están ben, que poden funcionar por si sós, pero así soltos están como dispersos, sen dono. A cerna do relato é potente, a imaxe de ver a nai polo tragaluz. Pero pasoume coma a certa xente, non fun quen de situar a escea. Eu optaría por que só se visen os pés, sempre, entendo que é difícil explicar así a agresión, pero o reto paga a pena. Porque se o neno ve a súa nai sendo golpeada e na recoñece, o relato perde moita credibilidade. Era mellor narralo en terceira persoa de presente, que o neno fose máis neno e olvidarse do home da cela, inda que nos perdamos a praia que rememora.

    “Zapatos doutros” é un relato moi sólido e ben armado. Os diálogos son coma deben ser nesos casos. No me gustou como lembra as cousas que sacrificou, como explicándonolas. O final está moi ben, ben conseguida a relación coa imaxe cunha mensaxe positiva. Pero fíxoseme algo máis aséptico e conservador ca o do seu rival.

    VOTO por “Zapatos de coiro…” porque penso que ten máis potencial.

  11. Nestes dous relatos tiven a sensación de que o primeiro “zapatos coiro marrón” empeza moi ben e vai perdendo forza e o segundo “zapatos doutros” ao revés. Sendo quizáis o primeiro tamén o que ten máis potencial, como xa se apuntou, as pezas están algo espalladas. A aproximación de “zapatos doutros” á foto proposta pareceume orixinal, eu si empaticei con esa médica e as súas reflexións e creo que a historia está maís redonda e acaba ben arriba con ese “A calor da vida ferve nas miñas plantas” Para zapatos doutros vai o meu Voto

  12. Ámbolos dous relatos están ben escritos e coido que consiguen levar a historia cara onde pretenden. Aínda que no caso de “Zapatos de coiro…” hai algún intre que quizais pode estar de máis, a súa temática tamén me resultou máis interesante. Polo que, por pouco, pero voto por este último.

  13. Coido que ambos os relatos precisarían unha reescritura. Deume a sensación de ver neles borradores, intencións, pero os resultados non me acaban de convencer desde un punto de vista literario.

    Zapatos caros

    Coido que o personaxe principal non está ben traballado. Hai un relato do narrador adulto, cos preconceptos do narrador adulto pero nos tempos nos que era neno. Penso nun cativo castigado (non sabemos por que) nun soto horrendo pola súa nai e coido que a carraxe había dirixirse cara a ela ou, en todo o caso, ter con ela unha relación ambigua. Hai moitos elementos accesorios, coma a cadea do presente ou as descricións un tanto esquemáticas dos diferentes donos dos zapatos, que penso que sobran. Se é un neno o que imaxina non debería cinxirse aos preconceptos dun sindicalista do metal do Vigo da década do 1970. E se o adulto o que cuestiona, mellor dicilo desde o principio e xa está.

    Zapatos doutros

    Todo neste relato é algo esquemático. Falta traballo no texto. Dáme a sensación de que a idea está aí presente mais só dun xeito preliterario. Coido que cómpre imprimirlle orixinalidade a esa relación entre profesional da saúde e doentes, que esa sensibilidade se exprese con certa estética máis alá da (acertada) metáfora dos zapatos.

    Voto por ‘Zapatos caros de coiro marrón claro’.

  14. «Zapatos de coiro marrón claro»
    A idea de narrar a través da fragmentación corporal sempre me parece suxestiva, pode ser unha forma moi poderosa para xerar emocións de forma máis indirecta en escenas, como as de violencia ou sexo, nas que a descrición dos feitos non adoitan funcionar ben. Un exemplo de ambas cousas vémolo no filme «The Wind», de Victor Sjöström, na escena na que narra os momentos previos á consumación matrimonial (violación, de feito) a través —precisamente— de planos dos zapatos. O gran problema é que no relato, cando chega o momento culminante, onde se atopa o reto literario de narrar a través dos pés, dos zapatos, a persoa que o escribiu decidiu rachar coa súa propia premisa: o protagonista xa non ve só zapatos, senón que ve un plano contrapicado da rúa, contempla a acción ao completo. Iso creo que desposúe a narración de sentido, alén do resto de melloras que se poderían facer no relato con máis traballo de edición, como xa se apuntou noutros comentarios.

    «Zapatos doutros»
    A idea está ben esquematizada, paréceme moi intelixente o uso da imaxe. Na execución é onde están as eivas, penso que ao texto lle viría ben máis traballo. A parte do MIR non funciona, tes que transmitir esa sensación, non explicala por una camiño diferente ao da literatura. Noutras partes do texto tamén lle habería que meter man á redacción. Neste caso o feche si que xoga a favor.

    Aínda que ambos relatos precisaban máis traballo, quedo con «Zapatos doutros» porque é máis consistente na súa proposta.

  15. “Zapatos caros de coiro marrón claro”

    Incitante, neglixente. Gústame mais falta algo e non sei que é. A verdade é que a nivel descriptivo non deixa indiferente. Tampoco a historia en sí. Sen embargo…

    “Zapatos doutros” transmite máis. E por iso é polo que ten o meu voto.

  16. O meu voto vai para ?Zapatos de coiro marrón claro’, ainda que non entendín o feito de que o protagonista se atope no cárcere, o resto da historia pareceume interesante e desde un punto de vista orixinal.
    ‘Zapatos doutros’, vai mellorando conforme avanza, e tamén está bastante ben, pero gustoume máis o primeiro.

  17. A organización do torneo chamoume en causa para axudar no desempate. Xa vos digo que me custou ferro e fariña decidir. Ámbolos dous textos usan a idea de calzar os zapatos doutro para explorar conceptos como a empatía, a identidade e a construción de diferencias sociais, cousa que apreciei. Coido que “Zapatos caros de coiro marrón claro” é máis orixinal no tratamento do tema, mais, por moito que comece con forza a narración e xogue cunha chea de elementos temáticos e narrativos potentes, o/a autor/ra deixa demasiados fíos colgando da trama. “Zapatos doutros”, malia ese inicio que nos fai perder o norte durante uns instantes, é máis recollido e compacto e, paréceme a min, consigue chegar máis facilmente ó lector.
    O meu voto vai para “Zapatos doutros”. Parabéns ós dous autores polo traballo feito.

  18. Moitas grazas a todas polos vosos aportes e moitísimos parabéns á Mónica polo seu relato. Recollo algunhas das ideas deixadas por aquí, probarei un par das do David que me semellaron acaidas.
    Sorte ás que continuades e vémonos nos comentarios 🤗

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s