‘Un vento que pasa’, un Conde máis artesán ca artista

Xesús González Gómez.

Ás veces, á hora de facer a recensión dun libro, o comentarista pode sentir a tentación de ser «brillante», o que, noutras palabras, significa ser «gracioso» e, por exemplo, empezar a recensión dicindo: «Estamos perante unha obra que non é nin unha boa nin unha mala novela: é un vento que pasa». Mais, en realidade, toda obra literaria é un vento que pasa, pero pode producir, ou non, «perturbacións» e/ou cambios atmosféricos. Outras vén o vento tan frouxiño que nin se nota. E outras é unha brisa que trae un pouco de frescor (ou frescura) cando os termómetros indican unha forte alza ou o tempo está enrarecido, así que habería que fuxir de toda brillantez e moito máis de calquera «graza» e intentar, se e que se pode, lanzarse por outros camiños.

Podiamos escribir: «A novela que acabamos de ler, presenta, ou, mellor dito, formula unha visión nada escura da vida, o que se verifica mediante recursos narrativos máis propios da novela decimonónica que dunha obra do século XXI: unha mestura de estilos tería salientado, acho, o propósito humorístico e/ou paródico dalgunhas partes da novela (sobre todo a partir do capítulo VI, e, aínda máis, cando desaparece da novela o inspector de Facenda e a historia que este narra) por non dicirmos que da novela no seu conxunto. E realzaría, acho, as partes menos “humorísticas”. (Con isto non quero dicir que o “humorismo” estea conseguido: a ironía usada polo autor é “frouxa”, superficial, fica na tona. Noutras palabras, usa dunha ironía sobreentendida, indicio de profundo instintivo amor cara aos personaxes, é unha posición ditada por un sentimento exterior de abstracto deber ditado por unha moral determinada.)»

Podiamos tamén indicar que «A anécdota da novela non acaba de alcanzar grande importancia (non así para o narrador, como se decatará o lector cando chegue á última páxina) porque en realidade funciona como frouxo fío argumental para intentar apreixar algún trauma profundo e demasiados “pensamentos” que nunca se afondan mais que serven (os pensamentos) para inzar de bos sentimentos e de, digamos, gran moralidade, ao narrador/protagonista: a novela está narrada en primeira persoa por “un home enfermo, a fin da súa vida, desenganado de todo”. Narrador/protagonista que acaba, sen querer?, colocándose nese xusto medio de tanta predicación hoxe en dia –xusto medio que informa a moral que impregna a ironía. Os traumas profundos, os demasiados pensamentos, e as “historias badocas”–contra-portadista dixit– que enchen (estas últimas) o que se podería denominar segunda parte da novela, cando esta pasa a se desenvolver do hospital á casa do narrador/protagonista, son recreados mediante divagacións e xogos de memoria situados por sobre dunha realidade patente, mais a maioría das veces só insinuada. E as historias “badocas” quizais funcionarían mellor con tratamento sarcástico no canto do irónico usado polo narrador.׃

Tamén cumpriría falarmos un pouco do autor e así habería que escribir: «Xa hai tempo que o autor desta novela deixou de ser un escritor que intentaba sorprender os lectores. É verdade que desde a súa quinta ou sexta novela –cando se decatou de que querer sorprender a cada produto que se entrega é cousa bastante parva– se pode afirmar que nas súas seguintes entregas narrativas hai cambios… mais cambios accesorios. Como todo bo artesán, e o escritor de quen falamos éo, domina cada vez mellor o seu oficio co paso dos anos: a novela ordénase, os diálogos son informativos, á vez que queren ser irónicos e mesmo auto-irónicos (do narrador respecto de si mesmo), o equilibrio narrativo mantense, como se mantén a tensión, aínda que esta se vai diluíndo pouco a pouco, o respecto reverencial polo cliente, o dominio teimudo e traballado das técnicas do oficio, etc. Nunha palabra, aquí nada renxe, o que non é pouco. Mais non abonda. Non abonda, porque todo este saber non acaba de agachar as insuficiencias e, ademais, impídelle un salto cara a adiante que talvez desvelaría as capas máis ocultas do narrador e dos personaxes e, totum revolutum, das historias que se narran. Talvez, de superar o confidencial, o autobiográfico –ben que se nota un intento en procura desta superación, pero non acaba de, digamos, “frutificar”–, como supera unha certa tendencia inicial ao lirismo máis ou menos enfático, talvez a novela ingresase noutra percepción da realidade e esas capas ocultas de que falabamos fixesen acto de presenza. Capas que se ventan, sobre todo na, digamos, estoria do inspector de Facenda, mais non se perciben».

Como se indicou algo sobre as insuficiencias, sería necesario sinalar algunha: «Unha das insuficiencias, para min maior, é o tratamento dos personaxes, dos compañeiros cardiópatas do narrador, e outros, como as monxas. Ao tratalos sen distancia, ao non usar dunha xerarquización que sería necesaria para remarcar a importancia destes personaxes secundarios (?) que serven, ou deberían servir, para deseñar o narrador, a historia profunda que o autor quería narrar, váiselle das mans: de aí o recurso á ironía. Outra das insuficiencias, penso, é a non total implicación do narrador na trama. Porque o narrador participa, non querendo participar, na novela. A maioría das historias que se narran sonlle referidas. A posición do narrador a respecto delas (deixemos de lado a que lle explica o inspector de Facenda) é ás veces “disciplente” (“estaba eu nesas íntimas recordacións cando acordei regresar a prestarlle ao relato a atención que merecía”), outras irónica, mais nunca “empatiza” e moito menos xerarquiza, como temendo (o autor esta vez) que o acusen de argallar narradores omniscientes. E cando o narrador fala de si propio, a verdade é que non se enfronta cos seus propios fantasmas: ironízaos, polo que os problemas aos que se enfronta: a falta de amor, o tempo, a soidade, a morte, etc., non fan o necesario acto de presenza que lle infundiría á novela unha, digamos, fondura da que non goza. Porque o narrador/protagonista desta novela acepta con sorna e compracencia a súa mediocridade, a súa vida case absurda de xubilado que, finalmente, van dirixir algúns dos personaxes que se introduciron na súa vida e na súa casa.»

Todo lector de novelas sabe que moitas veces os autores usan materiais tirados de aquí e acolá; materiais que debe, o autor, recrear, ou como escriben algúns cun verbo (en todos os sentidos da palabra) horroroso: ficcionalizar. O autor da presente novela tamén usa deses materiais, pero «talvez haxa que “recriminarlle”, en voz baixa e sen estridencias, que ás veces use dun material de derribo… en bruto, sen recrealo (como a anécdota da p. 185, que o lector curioso pode atopar en Revoeira, de Núñez Búa, este lla apón a Portela Valladares: non teño o libro a man, así que non podo indicar o número de páxina); ou que na homenaxe que lles rende aos amores de Carlos Casares (p. 207, primeiro parágrafo) non se espraie un pouquiño máis, esta vez para divertimento do lector.»

E como toda recensión pode ser interminábel, o que aborrecería tanto ao autor como ao posíbel lector e, moito máis ao autor da obra comentada –aínda que os comentarios fosen laudatorios–, hai que ir acabando. Así que usemos dun final máis ou menos «clasico»: «Para acabarmos; o resultado que se obtén, ou que un obtén, unha vez finalizada a lectura desta novela, é o dun sentimento de perplexidade, pois abalo, como se di, nun mar de dúbidas, e non sei concretar se o quen lin quería ser unha sabia e desamparada reflexión sobre a condición humana e as inútiles estratexias de supervivencia practicábeis fronte os embates da vida, ou se, simplemente, caín nunha hábil cilada montada polo autor con materiais abondo fráxiles, e que quere dotar dunha complexa e robusta fortaleza o que non é máis que unha vacua exhibición de boas intencións narrativas sobre as que paira, debilmente, unha inxenua, e ás veces ridícula, fábula existencial. En todo o caso, se caín na cilada foi debido, ou é debido, a que o autor domina correctamente tanto as técnicas verbais como narrativas da novela (polo que esta se le sen dificultade ningunha), pero a este autor é hora de pedirlle que non fique nun correcto artesán –aínda que son estes, os artesáns, os que crean lectores e consolidan unha literatura–: pódeselle, e hai, que esixirlle moito máis, porque é quen de dalo».

Podíase escribir todo isto, e algunha cousa máis, sobre esta novela, pero por hoxe, acho, é suficiente…, é que se non talvez entrariamos no debate, algo parvo, do uso dos materiais autobiográficos na novela (materiais que penso ningunha novela, mesmo as do nouveau roman, foi capaz de «obviar») e a confusión que sufriu algun/ha comentarista ao aporlle opinións de personaxes, ou do narrador, ao propio autor. O que é unha maneira de botar pola borda un dos elementos máis importantes (e fortes) de todo escrito literario: a imaxinación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s