Duelo rápido para coñecer os primeiros clasificados no grupo B

ARTHUR BURDETT FROST..

Tras a fase de grupo produciuse un triplo empate no alto da clasificación do grupo B. Álex Bayorti, César Ariza e Marcos López Concepción presentan nesta rolda exprés novos relatos. Os dous con máis votos permitiranlles aos seus autores pasaren á segunda fase do III Torneo Biosbardia. A imaxe foi escollida polo outro participante do grupo, Miguel R. Fervenza.

Elemental (ou non)

César Ariza.

Escoitouse un berro e a xente amoreouse para ver o morto como as formigas o fan ao redor dunha pinga de mel. 

—Asasinado.

—Está seguro, Watson?

O doutor sinalou o cavadoiro chantado nas costas da vítima.

—Sen dúbida ningunha, Holmes.

—Ummm! —o detective abriuse paso entre a multitude. Aspirou un par de bocaladas da súa pipa e púxose a observar ao seu derredor—. Eu penso que foi un accidente.

—Ilústreme —contestou Watson afastándose do defunto con coidado para non lixar os zapatos na poza de sangue.

—Fareino. Atenda. Lembra cando ese coche rebentou o motor? O estoupido que pegou? —dixo sinalando ao vehículo.

—Pode apostar que si. Foi hai cinco minutos, non máis. Todos os presentes viramos a ollada cara a aló.

—En efecto. Todos agás eu. Mentres vostede e a paisanaxe local miraban abraiados o fume branco sair do capó do automóbil, eu decateime de como o cabalo de Xan do Rueiro se sobresaltaba e pegaba un brinco, asustando dese xeito o año que María da Sardiña levaba para vender. O tenro animal soltou unha couce que impactou no can de Antón da Carballa. O can saiu correndo e levou por diante a Sara do Frade que soltou a galiña que tiña baixo o brazo. A ave, acovardada, despregou as ás batendo na faciana de Manuel da Tocha que caeu para atrás chantando o afiado cavadoiro que Benito da Veiga deixara pousado á porta da taberna mentres degustaba o seu terceiro viño da mañá.

—É vostede magnífico! 

—Grazas —Sherlock volveu a chupar da cachimba, enchendo o peito de tabaco e orgullo—. Non ten que deixarse impresionar polos fogos de artificio ou perderá a oportunidade de apreciar a arte da man que os prende.

—Que gran verdade —Watson non podía evitar contemplar con admiración ao seu amigo.

—Apetécelle tomar algo? Eu convido. Nesta parte do mundo teñen un viño branco exquisito. E  sérveno en cunca.

—Boa idea, Holmes. Así poderá explicarme por fin que viñemos facer á feira de Padrón e como é que coñece vostede a toda esa xente que mencionou.

—Iso é elemental, meu prezado Watson.

O doutor cedeulle o paso ao seu amigo ao entrar na taberna, cousa que agradeceu o detective facendo unha reverencia.

Namentres, o asasino do cavadoiro axexábaos na distancia…

………………………………….

Relato 50 segundos

Álex Bayorti.

– Primeiro ciclo.

Non me arrepinto. Podería o cervo arrepentirse de acabar cun clan de lobos famentos? Eses mesmos lobos que outorgan e denegan á súa vontade, que son os xuíces dos soños de quen, coma min, presenciamos a nosa vida como meros espectadores. 

E daquela, que nos queda a nós, parias? A redención dun alén, dunha absolución divina que non chega. Estou a agardar ese alén. Ansío ese alén, mais, polo momento, só hai escuridade. Escuridade e unha dor que non é máis que unha simple molestia en comparación co que sentín ao perdela. 

Aínda podo vela co seu vestido de flores, cos seus ollos da cor do outono que se viraban doce e brandamente cando chanceaba con fuxir cara a pradarías máis verdes, lonxe do asfalto que o ía alagando todo.

Pecho os ollos. Ninguén pode posuír este recordo. É meu. Completamente meu. Eternamente. Ninguén pode arrebatarmo. Co seu vestido de flores, cos seus ollos da cor do outono que se viraban doce e brandamente…

Non, non me arrepinto.

– Segundo ciclo. 

Un sabor metálico galopa polo meu esófago. Aperto as pálpebras con forza. As bágoas obríganme a aferrarme aos repousabrazos. Ardo con mil labaradas, pero non vou rexurdir das miñas cinzas. Desta volta non. Nunha eternidade cruel, sinto cada músculo contraerse. O aire abandona os meus pulmóns e empezo a preguntarme se non será este o inferno destinado aos pecadores. Se cadra si. Se cadra experimentamos en vida o peor dos infernos. O meu corazón latexa con intensidade, fóra de control. Négase a frear. Aperto os dentes. 

Atravésame un torrente de imaxes. Ese médico burgués pechando o seu maletín. O farmacéutico sentenciando a morte.  Flora completamente branca, exsangüe. Esculpida en cera. As dúas mulleres berrando. O forcexo. Dous disparos. A cea de onte. Boi e patacas asadas con cervexa. As últimas palabras. 

– Terceiro ciclo. 

Adeus, inferno. Xa vou, Flora, xa vou. Espero que na morte todos sexamos iguais.

……………………………………….

Espazo para a pataca

Marcos López Concepción.

Coas mans afumadas coas que agora sacha a terra dálle unha labazada. Non lle custa moito rebentarlle o nariz, tumbalo. A mesma receita para o outro. As mulleres berran. Sobre todo a máis gorda. O condutor é forte pero non está acostumado a pelexar corpo a corpo. A covardía acaba notándoselle. Tírao no chan agarrándoo coas mans que aínda conservan a memoria da violencia: aquelas gadoupas roubaran cabalos, mataran tsaristas e nos anos de fame pasaran de estraperlo touciño enfermo con comisión para os de arriba. Acabaran sendo as mans sucias dun interno colaborador nun campo de traballo. Alí recibía ordes de torturar por calquera parvada política.

As mans aínda falaban do seu pasado e non eran a mellor carta de presentación. Tatuadas nos cotenos con estrelas, xadrezados e a serpe coroada. As tatuaxes cubrían desde as mans todo o corpo con debuxos de coitelos, áncoras vellas e igrexas de cúpulas de cebola. Imaxes bastas feitas con agulla e carbón. Tiña no peito un espazo en branco. Reservado.

No pasado aproveitara as vantaxes de ser un preso de confianza para poder bañarse, o día da Epifanía, nas augas xeadas. Pedía perdón polos pecados e para sorpresa súa, un ano logo do ritual ortodoxo, o perdón foille concedido cun cuño administrativo que o deixou ceibe. Obrigóuselle a vivir nunha aldea esquecida. A súa idade pedía calma. Aínda había días que non durmía temendo que a tranquilidade fose unha trampa. Traballaba duro na terra para esquecer. Miraba as mans sen saber se foran antes as cicatrices ou as tatuaxes. Os tubérculos eran o alimento da relixión verdadeira. Pensaba que no espazo libre do peito podería debuxar unha pataca grelada. 

Antes da pelexa cos do coche collera unha canastra de patacas para regalarlla á veciña viúva. Era o día da visita semanal. Cruzaba un carreiro noutrora camiño de gando e que agora era pista dos comisarios do partido que ían de fábrica en fábrica, de granxa a granxa, axustando as porquetas dos plans quinquenais. Pasaban veloces en auto e rían dos campesiños. Facían como que os atropelaban. Aqueles homes vestían mellor segundo pasaba o tempo, casaban ben e viaxaban coa familia pero seguían divertíndose do mesmo xeito. Se el ía á esquerda, o coche ía cara a alí. Se el intentaba quedar na dereita, o coche ía para a dereita. Aquel día na xogueta de sempre o coche tirou con el e escachizou a canastra. Pero nunha manobra torpe unha roda enganchara na cuneta.

Mira para os homes zoscados. Pensa que haberá consecuencias pero o feito é de xustiza. As mulleres berran. A máis nova intenta evitar que de detrás do coche saia un neno tremelicando. Cunha pistoliña. Con iso non contaba. Adiviña a determinación do noxo. Estira a man nunha defensa imposible e a través do buraco que aparece na palma ve o rapaz entre a pólvora do disparo. 

Un pequeno golpe no peito. Abre a camisa e un manancial de sangue quente cobre o espazo que tiña reservado para a pataca.

19 comentarios en “Duelo rápido para coñecer os primeiros clasificados no grupo B

  1. Elemental (ou non)

    Facer humor é complicado. A min o relato non me transmitiu nada. Os dialogos son funcionais, ruido branco, o único que tiña capacidade de ser enxeñoso, aquel no que holmes describe o “accidente” non chega a selo porque está desconectado do resto do relato, daría o mesmo que durase 3 reglons mais que 3 menos, todo é info nova, sen mais referencias no relato agás a primera e a utlma parte. Ademais Holmes describeo como se o vise, pero entón non diría que “pensa” que foi un accidente. Entre tanto, o asasino axexaos na distancia… que significa isto? que Holmes o encubriu? que Holmes se confunde (pero non o viu)? que o asasino o que fixo foi provocar o fallo do motor do coche e por tanto si hai un asasino tras dese aparente accidente? E o principal: importa algo todo iso?
    Non fun capaz de atopar o ouro que esta parodia pode estar agachando.

    Relato 50 segundos

    Entendo que o relato mostra os ultimos pensamentos dun condenado a morte. Relacionandoo coa imaxe, interpreto que Flora morreu atropelada e o prota (alguen que a apreciaba moito) matou ó seu asasino, sendo el á sua vez condenado a morrer. Os ciclos poden ser cada vez que a electricidade lle pasa polo corpo.

    Xuntar as pezas do puzle foi o unico entretenemento que me proporcionou o relato. O segundo ciclo é mera descripcion de algo que podía resumirse en 2 frases, xa que argumentalmente non aporta gran cousa que dar unha explicacion a posteriori e pistas para asegurar que o lector entenda o que pasa.

    Todo o relato é, como dixo alguén unha vez, como pouca manteiga untada en demasiado pan.

    Escribir un relato de 500 palabras non debe ser ter unha idea e a continuacion intentar ocultala ou entregarlla ó lector en comodos prazos ou no texto que se escribe. Suponse que a hai que expresar e desenvolver. “Estou na cadeira electrica porque matei á persona que atropelou a Flora”. Se poñer esta frase no primeiro paragrafo che reventa o relato é que non tes relato.

    Espazo para a pataca

    Paréceme un relato realmente bo. Para terlle envidia. A descricion nace veloz e de xeito natural a partir das duas labazadas que da o prota. Alí o/a autor/a xa vai deixando ese maxistral espazo para a pataca que logo ocupará a bala. Incluso sobraba especificalo na ultma frase. Hai moito medo a que o lector non entenda e o que mais se queixa non ten voto. Compensa. Despois xa se borrará na casa o que houbo que poñer a maiores para ganar o duelo.

  2. Os tres relatos parécenme moi ben conseguidos, parabén¡
    Sorprendeume moito Elemental, non esperaba atopar a Holmes aquí, sen embargo, cara ao final, chiscoume un pouco, e penso que se lle podería ter algo boísimo cun pouco de tempo, que é o maior problema aquí.
    Relato 50 segundos foi quizais o que mais frío me deixou. Creo que non o conseguín pillar completamente., de todas formas, penso que me fago á imaxe que quere transmitir, pero decántome polos outros dous.
    O inicio de Espazo para a pataca non me convenceu, pero foime enganchando ata o final. Non lle hai unha palabra que sobre. Está moi ben escrito, e da medo que se fixera só con un día de prazo. Describe maxistralmente, e foi o que máis captou a miña atención. Por isto e polo ben que manexa o ritmo, o meu voto vai para el.

  3. Pois de novo còmpre felicitar aos tres autores pola calidade dos seus textos nun tempo tan limitado. E felicitar tamñen a Miguel, penso que escolleu unha foto suxestiva, o que facilita moito a tarefa. Nese particular, penso que dà màis xogo que a que perpetrou Fran no outro desempate (sen acritude, Fran).
    Penso como Lois e Carlos, Espazo para a pataca combina moi ben tanto unha historia interesante como unha execuciñon impecàbel. Penso que dos tres foi o que màis me gustou aìnda que tanto a historia de Holmes, como a do condenado a morte teñen o seu atractivo e estñan ben executadas.

    O meu voto vai para Espazo para a pataca.

  4. Parabéns tamén pola miña parte as autoras destes relatos. Nunca é doado con tan pouco tempo de marxe.

    Sherlock é un relato que me resultou simpático e moi agradábel de ler. Non embargantes, como aventura detectivesca quédaseme algo frouxa (normal, é un xénero moi complicado e que require moito tempo para que as pezas encaixen). E na parte un pouco máis humorística, sácame un sorriso pero non máis aló.

    Relato 50 segundos
    Coido que está ben escrito e vaime gañando cara o final do mesmo. Aínda así, non conseguín entrar no que se conta.

    Espazo para a pataca
    Máis aló do título que non me chista moito consíderoo un grandísimo relato de principio a fin. Realmente felicito a quen foi capaz de conseguilo en tanto pouco espazo de tempo.

    O meu voto vai para Espazo para a pataca

  5. Súmome a felicitación xeral.
    Elemental.
    Gústoume e ten un aquel de humor. Pasei un bo anaquiño léndoo pero certo e que non e o meu xénero predilecto.
    Relato 50 segundos.
    Ten moi boas imaxes e unha proposta arriscada. Gustoume moito por ambas pero ao final daríalle unha volta. Paréceme un moi bo relato que se desinfla nese final.
    Espazo para a pataca
    Moi bo relato. Redondo. Ao mellor e cousa miña pero o presente na primeira frase non me encaixa.
    Excepto iso paréceme o máis traballado dos relatos así que para él o meu voto.

  6. Dádesme moita rabia e moita envexa. Como se pode escribir así en tan pouco tempo! Parabéns de corazón ás tres. Flipo!

    “Elemental”
    Gustoume todo. O fío de acontecementos, a maneira de escribilo, o tipo de humor blanco e o final. Sí, o final. Vou a tentar ser diplomática. Considero que a maneira de facer un final non é única. Non tódolos finais teñen que ser conclusos nin determinantes. Creo tamén que iso de que hai que desvelar todo desde o principio é unha mera cuestión de gusto personal. Por suposto que a morfoloxía do relato é a que leva o peso da calidade do mesmo, pero un final sorpresivo ou aberto, para nada estraga esto. Todo o contrario, até o punto de que son das que pensa que estamos falando de microrrelatos, é dicir, relatos pequenos, que se dan máis de si, mellor que mellor, e se nunha segunda lectura (ou incluso terceira) se lle saca outro xugo ou outra visión, en realidade tes case dous relatos en un. Non é o caso deste, que sinxelamente ten un final aberto, onde o lector pode poñer da súa colleita para interpretalo, inventalo, ou continuar o microrrelato coa súa imaxinación. Para min é un punto a favor. Para comprender algo con lectura única xa temos o estilo xornalístico. Esto é literatura.

    “Relato 50 segundos”
    Tamén entendín que os ciclos son os da cadeira eléctrica (agardo telo entendido ben). Se é así, encantoume o formato. Enganchoume bastante e gustoume a escrita. Resalto especialmente a parte na que describe as sensacións que lle provocan as descargas. Brutal. O final recoñezo que non me atrapou tanto.

    “Espazo para a pataca”
    Non teño moito máis que engadir ca o que se dixo. Está sendo o gran favorito, e por algo será. É un relato case redondo que parece incrible que fora feito en tan pouco tempo. Parabéns

    O meu voto vai para “Elemental”, que foi co que máis desfrutei.

    • Mais que unha cadeira eléctrica penso nunha inxección letal. Dígoo polo sabor metálico e os músculos contraéndose. Se lembro ben, na película aquela de Sean Penn na execución había tres émbolos (os ciclos) que acababan co reo. Xa nos contará o autor/a

      • bo apunte, eu imaxineino como a cadeira, porque foi onde me levou o de estar sentado, pero tamen pode ser (ou seguramente sexa con mais seguridade) unha inxeccion letal.

  7. Moi bo truelo, digno de semifinais ou final. Co ben que escribe Miguel Fervenza imaxino a súa loita con estas tres pirañas de bidé. Nivelón.

    Elemental
    Encantoume. Sóubome a pouco. Suxírolle a persoa que o escribiu que faga unha noveliña con el. Eu compraría o libro. Parabéns.

    Relato 50 segundos
    O relato que máis me custou. Tiven que lelo varias veces para apreciar o bo texto que me parece. Que o fixo decidiu arriscar, tanto en formato coma en historia. Parabéns.

    Espazo para a pataca
    Tremendo final, con moi boas imaxes que retratan a violencia da pelexa. Coido que este vai ser o gañador da contenda.

    O meu voto vai para os 50 segundos.

  8. En “Elemental (ou non)” teño que subscribir as palabras de Lois, especialmente no que respecta ao final: Holmes non viu nada e está a inventar todo para ser o máis listo? O asasino argallou toda esa cadea de sucesos? O de que os dous ingleses estean en Padrón e Holmes coñeza a medio pobo tampouco me di nada, e a cadea de presuntos accidentes pode que quedase ben véndoa, pero narrada… Creo que o gran problema é que hai moita idea para pouco espazo.

    “Relato 50 segundos” é un relato que esixe que o lector deduza o que sucede. A min iso dáseme de pena. Lina un par de veces, despois fun a ver outros comentarios, e aí si. Teño que recoñecer que, despois de saber o que está a pasar, parécenme unha idea e unha estruturación fermosas. E eses ollos de outono, tremenda imaxe.

    “Espazo para a pataca” está ata arriba de información que, non é que sobre, pero non sei se está ben dosificada. Comezamos no medio dunha pelexa pero, antes de saber con quen e por qué, cóntasenos media vida do protagonista. Vida que non sei se preciso coñecer para entender a historia, creo que tanto me ten que sexa un exconvicto ou un labrego de duodécima xeración, o seu enfado non deixa de ser comprensible, pero o sentimento dilúese nese amplo pasado fóra do común. O de ver ao rapaz a través do buraco da man paréceme esaxerado, case de debuxos animados. Por outra parte, a frase “Miraba as mans sen saber se foran antes as cicatrices ou as tatuaxes” paréceme de dez.

    Desta volta creo que vou votar polo risco de “Relato 50 segundos”. Parabéns a todos polo esforzo.

  9. “Elemental…” traer a Sherlock Holmes á feira de Padrón, como idea, é hilarante (así lle saíu a Garci unha comedia involuntaria). A escena é simpática. Eu desde que lin un relatiño de Borges onde fai mofa dun supe-detective, nunca traguei o incrible poder de deducción destos máquinas que sempre obvian o máis elemental de todo, a estupidez humana. O relato non vai por aí, de feito ten o problema de que non se sabe moito por onde vai. Coido que tiña que ter metido pementos na ecuación.

    “Relato 50 segundos”, a primeira vez que o lin non entedín nada. Iso non é algo malo, de feito acostuma gustarme esa sensación. Despois fixen como dixo Leticia, nos coments aparece a revelación. Ao volvelo ler xa entendo todo sen problema. Hai algunha repetición que non queda moi ben, o vestido de flores e os ollos da cor do outono. Estas imaxes con forza, cando se repiten tal cual… é coma cando comes dous pasteliños de Belem xuntos. Está ben narrado o de irse achegando á morte, o segundo ciclo é o mellor. O final está ben, porque eu tamén espero o mesmo.

    “Espazo para a pataca”. Con este título eu agardaba de todo menos o que lin. A esta historia íalle mellor outro nome. Lembroume moito á xenial “Unha historia de violencia” de Cronenberg. A mala fortuna dos malfeitores, esa estrela negra que os persegue por moito que queiran refacer as súas vidas, tamén ten un aquel con “Sin perdón”. O relato é impecable, o que conta, como o conta e en tan pouco. Definindo o xusto á persoaxe para que o que fai, cando o fai e o como, non se vexa enturbiado polo porque. A min o da man si que me prestou. O final engancha co título inda que eu aí daríalle unha volta.

    VOTO a “Espazo para a pataca” cachelazo de relato. Parabéns a todos.

  10. Tres relatos, tres estilos, tres técnicas. Parabéns novamente a estes e aos demais duelistas pola variedade e compromiso neste torneo. Coido que aínda nos quedan momentos ben bonitos de aquí á finalísima.

    Elemental

    Coido que é mellor a idea e o argumento ca a execución. Ese modelo serpentín de contar os acontecementos é tenro e funciona. Igual que a homenaxe a Sherlock (hai por aí un obradoiro de historias sherlockianas en galego, no que participou, entre outros, Bieito Iglesias, que talvez merecera unha edición). O primeiro gran detective da literatura é unha figura que non envelleceu e hei recoñecer que cando vin a imaxe proposta por Miguel Fervenza pensei primeiro nun escenario moi de Conan Doyle.

    Non obstante, non me acabou de convencer o final e dáme a sensación de que o relato é máis ben un borrador. Animo o autor ou autora a que lle dea un bo puído, que intente ficar coa esencia do que quixo contar e eliminar lastre.

    50 segundos

    É complicado utilizar nun microrrelato recursos como capítulos. Patricio Pron faino moi ben, por exemplo. O autor/a deste relato coido que tamén. Hai historias que funcionan ben polo fondo e outras pola forma, é unha obviedade. Hai relatos máis narrativos e outros máis líricos, outra obviedade. Hai relatos onde se aprecia a engrenaxe dos acontecementos e outros nos que o que prevalece é a mecánica das palabras. Este relato ten valor no formal, no poético, no expresivo. E coido que aínda que está perto dos seus obxectivos, precisaría algo máis de traballo literario para eliminar o accesorio e ir ao esencial.

    O espazo…

    O autor/a deste relato ten un dominio absoluto da narración. O máis destacable deste relato é o oficio. Non sobra nada. Este é un relato gañador de torneos. Un exercicio perfecto. Un esquelete rexo no que todos os elementos son funcionais. Todos deberamos aprender deste relato para futuras historias. Neste pedaciño de pantalla condénsase boa parte da literatura clásica: un minipaseo pola historia de Europa a partir dun instante. Cantas lecturas hai que facer para destilar algo así?

    Voto por ‘Espazo…’

    • Relatos moi bos,,sen subida alguna, sorprendentemente ben rematados para o pouco tempo. Menuda destreza. Toda a miña admiración. Pero de todos ahí un, o finalmsempre hai un que rouba dalgun xeito o corazón dos lectores, por unha sinxela frase, unha reflexión, un xiro…algo que particularmente te fai sentir diante dun relato diferente.
      O meu voto e para Espazo para a Pataca.

  11. «Elemental (ou non)»
    Cando leo ou vexo historias de Sherlock Holmes e os seus imitadores sempre penso en algo nesta liña. Creo que a historia ten moito sentido, ese Holmes que sempre ten que buscar unha explicación alén da obvia e inventa unha sucesión de casualidades absurdas para quedar enriba dos demais. O final remarca esa idea, non lle vexo queixa. O único que non me funciona tan ben é que Holmes saiba o nome da vila toda, cando se sobreentende que non levaban moito en Padrón. Poderíase mellorar algo a execución, mais está ben concibido e paseino ben a lelo.

    «Relato 50 segundos»
    Eu tamén entendín que era a inxección letal e que os ciclos correspóndese coas diferentes fases do proceso. Non estou ao tanto dese proceso, mais lendo por enriba na wikipedia vexo que hai esas tres fases, pero o condenado xa queda inconsciente no primeiro ciclo ao cabo duns 30 segundos. Non sei como encaixa iso co relato. En calquera caso, leo para crerme o que me están a contar, vaia de pantasmas ou de futuros distópicos, así que dou por boa a versión da persoa que o escribiu. Tendo iso en conta, fáltame algo aí que me remova ou que me resulte audaz na proposta (sería interesante ver como o seu pensamento se ve alterado polas sustancias, que iso quedase reflectido na narración, no canto de que se describa o que experimenta o seu corpo). É un conto sólido, de moito mérito polo pouco tempo de elaboración, pero fáltame ese chisco máis.

    «Espazo para a pataca»
    Magnífico. Está igual de ben executado que concibido. Como a Marisol, só me pareceu fóra de lugar ese presente co que arranca. Lévanos con mestría polo pasado do personaxe mentres transcorre a acción, con moita claridade, cun ritmo áxil e cunha narración impecábel. Moi difícil de mellorar.

    Parabéns aos tres, unha vez máis sorpréndeme a capacidade para sacar relatos interesantes en tan pouco tempo e as miradas tan diferentes que inspirou unha mesma imaxe. O meu voto vai para «Espazo para a pataca», que me chegou á ídem.

  12. Ola, o meu voto vai ir por ‘Espazo para a pataca’, por ser o que máis desfrutei. Está moi ben escrito e a forma de plantexar a historia me encantou.

    Quero felicitar, tamén, aos escritores dos outros doues relatos, pola calidade dos mesmos.

  13. Creo que a eiva principal de Elemental reside na escolla de Holmes coma protagonista. A forza do investigador reside nos diálogos e na capacidade de ver o que as lectoras (e o resto de personaxes) non vemos. É un relato que precisa de moito máis tempo para chegar á redondez. Aínda así, lino moi a gusto.
    Os derradeiros pensamentos dun condanado a morte en 50 segundos pareceume un bo relato. Que máis dá se é na cadeira eléctrica ou con inxección letal. Por contra, creo que lle falta algo de intensidade cando lle falta o ar, renxen os dentes e o corazón latexa a mil. Sigue pensando lento. Un pouco de traballo posterior e pode quedar redondo.
    En Espazo para a pataca hai un cambio brusco de presente a pasado, e volta, que haberá que coidar na edición posterior, pero non lle resta a mestría conseguida en tan pouco tempo. E, como as tres autoras tiveron o mesmo tempo para escribir, voto pola pataca, sen desmerecer en nada os outros dous relatos.
    Parabéns ás tres autoras.

  14. A honra de baterse contra Daniel será pra Alex ou Marcos. O meu “Elemnteal (ou non)” pouco puido facer ante eses dous relatazos. Sospeito que en Biosbardia sodes máis de Agatha Christie XDDD.
    Grazas a todos polos vosos comentarios e noraboa aos oito cuartofinalistas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s