Albert Uderzo, moito máis ca o debuxante de Astérix

Viñeta de Astérix.

Edu Maroño.

O 24 de marzo do 2020 faleceu Albert Uderzo, mundialmente coñecido por ser, con René Goscinny, creador das aventuras de Astérix e Obélix. Pouco se pode engadir ás merecidas loas que se verteron nos medios de comunicación nos días seguintes á súa morte, abonda con abrir calquera dos seus álbums para comprobar que se trataba dun debuxante dun talento inmenso. Maxistral na definición gráfica dos personaxes, foi quen de levar a Astérix e demais secundarios dende o seu desguedellado aspecto primixenio a unha perfección icónica que explica boa parte da súa popularidade. Era ademais un narrador excepcional que se guiaba, coma a maioría dos seus coetáneos, polos principios de transparencia e economía: todo tiña que resultar diáfano e comprensible, sen aderezos nin pinchacarneiros visuais. Son lexibles os álbums de Astérix sen prestar atención aos textos? Fagan a proba. Perfecto nos gags visuais, a linguaxe corporal dos seus personaxes recollía innumerables matices expresivos, case sempre dirixidos ao efecto humorístico. As aventuras de Astérix é, en definitiva, unha das series máis populares da historia da banda deseñada e a influencia dos seus autores no medio foi e é enorme.

Albert Uderzo.

Non embargante, hai aspectos da traxectoria de Uderzo que ficaron nun segundo plano estes días e que merecen ser recuperados para termos unha imaxe máis completa da súa figura. En primeiro lugar, cómpre lembrar que a súa carreira profesional non comeza con Astérix nin se esgota con el. O éxito da súa creación máis célebre chegoulle cando apenas superaba a trintena e fixo que en menos dunha década a súa carreira se concentrase nunha única cabeceira. Non obstante, nos anos anteriores publicara títulos diversos nas principais revistas franco-belgas de BD, algúns deles en colaboración co propio Goscinny ou escritores tan distinguidos coma Jean-Michel Charlier, pai do tenente Blueberry. Unha ollada de conxunto permite contemplar a evolución do artista, asistir ao seu proceso de maduración e apreciar con maior exactitude como foi agromando a súa personalidade a medida que o éxito lle foi concedendo maior liberdade. O clasicismo impersoal de traballos primixenios coma Belloy (1948) ou, en menor medida, Jehan Pistolet (1952) revelan unha clara influencia do cómic e a animación norteamericanos, sendo moi evidente a pegada das películas Disney da época no primeiro dos títulos. En contraste, as aventuras de Luc Junior (1954), que o autor definiu como “o meu Tintin”, mostran un estilo que o achega á chamada Escola de Marcinelle, representada por xigantes da BD europea coma Franquin, Morris, Peyo, Jijé ou Tillieux. Esta influencia pode rastrexarse aínda nas páxinas de Oumpa-Pah, cabeceira que Uderzo e Goscinny publicaron na revista Tintin a partir de 1958. Protagonizada por un indio norteamericano e un colono de orixe francesa, atopamos nela un primeiro ensaio dalgunhas das estratexias narrativas que ambos autores exploraron posteriormente en Astérix, dende a ambientación nunha aldea poboada por veciños enfaticamente caracterizados, até o humor baseado en xogos de palabras típico de Goscinny. Constátase así que o talento de Uderzo non medra no baleiro nin discorre nunha única dirección; pola contra, desenvólvese nun contexto histórico de notable efervescencia creativa en Europa, os anos 50 e 60, onde evoluciona en contacto coas tendencias dominantes no eido da BD e tamén coas demandas do público.

Máis interesante aínda resulta contemplar o seu traballo para Les aventures de Tanguy et Laverdure, serie que escribiu o mencionado Charlier e que debutou, como Astérix, no número 1 da revista Pilote, en 1959. Concibida para competir con outros seriais de aviadores que estaban a publicarse naqueles anos (o Buck Danny que aparecía en Spirou ou o Dan Cooper que publicaba Tintin), as características da serie obrigaban a Uderzo a adoptar un acabado realista pouco frecuente no conxunto da súa obra. Resulta un exercicio fascinante contemplar o debuxante nun rexistro tan afastado do de Astérix, o cal non impide que en momentos determinados o seu estilo resulte recoñecible, case sempre na figura algo máis caricaturesca de Laverdure, contrapunto cómico do heroe protagonista. Os oito álbums de Tanguy et Laverdure publicados entre 1959 e 1967 mostran un Uderzo versátil, minucioso no detalle, preocupado pola exactitude na reprodución dos avións, barcos e demais maquinaria bélica, mais cunha tendencia case irresistible á caricatura nos rostros dos personaxes. O Uderzo que pasou á posteridade podería ter sido outro se o éxito profesional o tivese levado por un camiño distinto.

Momento crucial na súa traxectoria foi a morte de Goscinny en 1977, cando Astérix estaba xa no cumio da súa popularidade e os seus autores gozaban dun amplo recoñecemento entre os lectores. Uderzo decidiu entón continuar coa serie, ocupándose el mesmo de escribir as historias ademais de debuxalas, unha decisión controvertida que se lle ten reprochado en máis dunha ocasión. Comprensiblemente, optou por manterse fiel ás estruturas sobre as que se construíra a cabeceira, acadando puntualmente resultados razoablemente bos. Non embargante, nunca chegaría a igualar a chispa dos mellores álbums de Goscinny e co paso dos anos a mediocridade foi a máis. Poderiamos caer na tentación de pensarmos que era só Goscinny quen lle insuflaba alma á cabeceira, mais tampouco semella un xuízo xusto. O de Astérix é un deses casos nos que o éxito é consecuencia da asociación feliz entre dous creadores privilexiados. Sen a participación de ambos o fenómeno non pode entenderse.

Viñetas de Tanguy e Laverdure.

Le ciel lui tombe sur la tête, a achega da serie que Uderzo publicou en 2005, marca unha nova inflexión na súa carreira. Simple e desleixado, cheo de metáforas grimosas e chistes sen graza, o álbum recibe críticas desapiadadas pola súa groseira diatriba contra a penetración no mercado internacional, nomeadamente no francés, do cómic xaponés. No canto de poñer o seu talento ao servizo dos personaxes, Uderzo válese destes para librar unha batalla miserable na que, para colmo, defende unha postura baseada na ignorancia cultural e o desprezo ao outro, xusto o contrario do que ensinan as aventuras de Astérix. As súas páxinas rexistran tamén as primeiras mostras claras de decadencia artística. É probable que sexa o primeiro momento no que o autor ve o seu prestixio ameazado. Será a derradeira aventura dos galos que Uderzo escriba e debuxe. O seguinte álbum é unha especie de despedida e a partir de 2013, como é sabido, as aventuras de Astérix serán continuadas por outros autores.

A traxectoria de Uderzo pode ter claroescuros mais o seu talle artístico está fóra de toda dúbida. O lector galego pode achegarse á súa obra a través da vintena de álbums de Astérix que foron traducidos ao galego en distintas etapas.

Un comentario en “Albert Uderzo, moito máis ca o debuxante de Astérix

Deixa unha resposta a manuel veiga Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s