Cunqueiro, orador ao servizo da Falange (I)

Conferencia de Álvaro Cunqueiro en Vigo. Foto publicada en ‘El Pueblo Gallego’ o 25 de xuño do 1937.

Xesús González Gómez.

A semana pasada, no traballo sobre as conferencias de Álvaro Cunqueiro, escribía eu: «Observará o lector que do tempo da guerra (xullo 1936-abril 1939) non se informa de ningunha conferencia do noso escritor: non atopei, curiosamente, ningunha; debo engadir que tampouco mirei os xornais polo miúdo, senón a grandes trazos». Avisado por un amigo, cambiei, crucei, diversos nomes na busca e así dei con varias conferencias que ditou Álvaro Cunqueiro en tempo de guerra. Todas elas, como se comprobará, ditadas en Galicia, exactamente en Vigo e os seus «arredores». Faltaría agora baleirar a prensa que se publicaba nas «Provincias vascongadas» a partir da arribada de Cunqueiro a San Sebastián en novembro de 1938, até que vai para Madrid, cando «remate» a guerra coa vitoria franquista.

Cando, procedente de Ortigueira, chega o mindoniense a Vigo reclamado por Jesús Suevos, capo máximo da Falange Española Tradicionalista y de las Juntas Ofensivas Nacional-Sindicalistas, nome que tomaría o partido do bando franquista logo dun decreto (do 20 de abril de 1937) do Xeneral Franco –segundo Pedro Laín Entralgo, nesas memorias tan mentireiras que asinou co título de Descargo de Conciencia, Agustín de Foxá[1] (falanxista de primeira hora e membro da chamada «Corte literaria de José Antonio Primo de Rivera», comentaba que no próximo Decreto de Unificación, o partido, debería pasar a se denominar Falange Española Tradicionalista de las Juntas Ofensivas Nacional Sindicalistas y de los Grandes Expresos Europeos–, digo que cando chegou Cunqueiro a Vigo, en maio de 1937, Suevos nomeouno axiña Jefe Provincial do Sindicato Español Universitario, ademais, claro, de pasar a ser redactor de El Pueblo Gallego, etc. Como Jefe Provincial de tal sindicato, Cunqueiro ía cumprir coas súas obrigas. E como membro da Falange, á que nunca se afiliou, segundo din, deu conferencias e organizou actos máis ou menos culturais. Esas conferencias, eses actos, son os que imos comentar hoxe, para engadilos ao numero, incompleto, de conferencias pronunciadas por el que comentamos no devandito traballiño. Sen máis preámbulos, que diría un neo-clásico, vaiamos ao tema.

O martes 22 de xuño de 1937, na páxina tres de El Pueblo Gallego («El primer diario de la Falange», afirmaban, claro que despois do substantivo «diario» podían ter engadido o adxectivo «roubado», por aquilo de non faltar á verdade), publícase a noticia de que mentres dure a Exposición de Arte (a favor do Ejército Salvador) haberá unha serie de actos culturais organizados polo Grupo de Amigos del Arte: «[…] Podemos adelantar que estos actos consistirán en dos conciertos sujetos a programas selectos que en su día se harán públicos, a cargo de notables elementos que accidentalmente se encuentran en nuestra ciudad. Y en una charla del poeta gallego Álvaro Cunqueiro, cuyo solo enunciado dirá claramente a los lectores su interés extraordinario. El tema elegido es: “Estampas, flores, poetas y otros héroes de una antigua Primavera”. La juventud lograda de Cunqueiro y su talento que se viene entregando a una tarea honda y amplia de colaboración con la causa de España, dan a esta charla calidad excepcional […]». Velaí, xa quen logo, a primeira conferencia de Álvaro Cunqueiro pronunciada durante a guerra en Vigo, e a menos dun mes da súa chegada á cidade. Repare o lector en «charla del poeta gallego Álvaro Cunqueiro», porque aos poucos será denominado doutro xeito. A «charla» realizouse tres días despois de que saíse esta primeira noticia, é dicir, o 25 de xuño. Na páxina dous do xornal (o xornal será sempre El Pueblo Gallego) facíase o comentario dun concerto que houbera o día anterior nestes actos da Exposición de Arte, dábase o nome de «nuevos adquirientes de obras de la Exposición de Arte a beneficio del Ejército», e engadía:

Hoy habla Álvaro Cunqueiro

Para las siete y medio de la tarde de hoy, está anunciada una charla de Álvaro Cunqueiro, que responde al tema: «Estampas, flores, poetas y otros héroes de una antigua Primavera».

Firme valor de la juventud española, Álvaro Cunqueiro, el más claro y recio poeta de la Galicia actual, se ha ofrecido a los organizadores con su cooperación inestimable, que se sustancia en esta conferencia donde la cultura amplia y honda de Cunqueiro va a dar a los vigueses su gracia y su tono mejores.

El grupo de Amigos del Arte, organizador de este ciclo de actos culturales, estima que nada mejor podía brindar a Vigo que esta charla de Cunqueiro, vanguardia viva de la intelectualidad gallega, que juntamente con los artistas que forman el conjunto de los programas constituye un cuadro de selección, de categoría auténtica, en la España azul.

Para Álvaro Cunqueiro, también, nuestra gratitud cordial y sincera por su ayuda, que sabemos apreciar en su valor exacto.

E o día seguinte, sábado 26 de xuño, na páxina dous do xornal, a dúas columnas:

En la Exposición de Arte

AYER DIJO CUNQUEIRO UNA BELLA CONFERENCIA

En la tarde de ayer, ante un público numerosísimo que había acudido a escucharlo, dijo el poeta Álvaro Cunqueiro una magnífica conferencia.

En charla sencilla y amenísima que respondía al enunciado: «Estampas, flores, poetas y otros héroes de una antigua Primavera», Cunqueiro trazó una visión de cosas, ideas, a la manera clara de los poetas, maravillándonos con su facilidad prodigiosa y con la jugosidad de sus comentarios.

Trataremos, aunque sea tarea casi imposible, hacer una síntesis o esquema de su conferencia.

El contrasentido de llamar antigua a la Primavera, que en la lírica y la pintura existe como algo reciente. El origen de las cuatro estaciones y el Milagro de Nuestra Señora Santa María. El verano y el mar, las más modernas invenciones. Las imaginaciones de Góngora sobre el mar y las costas. La Primavera, origen de problemas medievales. El amor en sus tres temas: milagro, caballería y canción. Recuerdo del Petrarca. La luz, el aire, el olor y el amor. Las cántigas de Alfonso el Sabio, Amadis nace del mar, Villasandino caballero de Burgos. La canción de Villasandino. El mundo puede ser una hermosa estampa. La vocación de historias. Paul Fort, el príncipe de los poetas de Francia. Los cinco sentidos personificados en las cinco partes del mundo, etc.

Al finalizar su bella charla, el público la agradeció como regalo, traduciendo su admiración en aplausos copiosísimos, con profunda cordialidad prodigados.

Para Cunqueiro, alto poeta de Galicia, juventud cuajada ya en madurez plena, la fervorosa gratitud de los organizadores de la Exposición y del cielo cultural a ella anejo

Continua a noticia, pero xa non ten nada a ver coa conferencia de Cunqueiro. (Por outra parte, case se pode afirmar, eu afirmaríao, que o redactor desta recensión foi o propio Cunqueiro, xa que o resumo que se fai parécese demasiado ao que sería o guión da conferencia.)

Esta foi a primeira conferencia que deu Cunqueiro despois da sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Deuna en Vigo, onde desenvolvería o seu quefacer político-xornalístico até novembro do ano seguinte (1938), como xa se dixo.

A seguinte conferencia que pronunciará naquel 1937 Álvaro Cunqueiro será o 20 de xullo. A conferencia, que se publicitaba desde o pasado día 13, era, en principio, unha alocución que, xuntamente con Jesús Suevos, debía dirixir aos asistentes dunha concentración do SEU, programada para do sábado 17, véspera do aniversario da sublevación militar.

Finalmente, esa concentración do SEU pospúxose, e o sábado houbo unha gran manifestación en Vigo, na que Suevos, despois de se retiraren as autoridades, faloulles aos concentrados, segundo noticia aparecida o martes 20 en El Pueblo Gallego. Cunqueiro non falou. Ao día seguinte da realización do acto no Cine Odeón, o xornal daba ampla noticia del, titulando a catro columnas (das seis que tiña o xornal) e comentándoo en columna enteira e unhas poucas liñas máis. Era o mércores 21 de xullo, na páxina catro, que ocupaba completamente a sección «Voz de la Falange Española Tradicionalista y de las JONS». O título da noticia-crónica era: «Ayer se celebró en el Cine Odeón el acto cultural organizado por el SEU // Hicieron uso de la palabra los camaradas Álvaro Cunqueiro, jefe provincial del SEU, y Ramón González-Alegre, jefe provincial de P. y P. del SEU» [P. y P.: Prensa y Propaganda]. O que fora en principio un acto de concentración do SEU pasaba agora a ser un acto cultural e nel non participaría Jesús Suevos, quen, segundo a desculpa de Ramón González-Alegre, achábase aqueles momentos depositando, xunto con outras autoridades, unha coroa na tumba do capitán Carreró, que proclamara o estado de guerra en Vigo e morrera na fronte.

O acto, cuxo cambio de día non se publicitou no xornal da Falange, foi no Cine Odeón, de Vigo, ás once da mañá. Arrexuntouse, segundo o cronista, unha morea de xente para ver dous filmes «de la revolución fascista italiana, Vértigo y Camino de héroes». Coméntase o adorno dos palcos e a xente que estaba instalado neles. «Al hacer su entrada en el salón la Cámara Sindical del SEU con el Jefe Provincial, camarada Álvaro Cunqueiro, sonaron las notas del Himno de la Falange, que el público corea puesto de pié y saludando a la romana». Saudaría tamén Cunqueiro á romana naquel momento? De seguro que si: mágoa de fotografía. Inmediatamente, proxéctase o filme Vértigo que, segundo o cronista, mostra a fantástica organización da mocidade italiana, e durante a proxección déronse vivas a Italia, ao Duce e ás nacións amigas. No descanso subiron ao escenario os compoñentes da Junta de Mando provincial do SEU, acollidos con grande ovación, acabada esta (é dicir, os aplausos) fai uso da palabra o Camarada Jefe provincial de P. e P. do SEU, Ramón González-Alegre, que rematou a súa intervención, en «medio de una gran ovación, diciendo que pronto amanecerá sobre los campos de España el sol cubierto de los haces y flechas del Imperio». Pasa a falar Álvaro Cunqueiro:

Con palabra fácil y elocuente dice que el S.E.U. es la sal y la alegría de la Falange, según la Falange es la sal y la alegría de la revolución.

Nuestro lema es, dice, como tres flechas siempre tensas en el arco.

Si llevar una camisa azul es cosa que obliga y dobla al hombre, llevar un cisne Imperial en el lado derecho obliga a más aún. Somos la maestría de mañana y por lo tanto el futuro poder de España.

Queremos Universidad depositaria de la Doctrina Tradicional española, para en ella engendrar la doctrina de nuestro tiempo.

Glosa luego la palabra Revolución y pone de manifiesto que queremos una revolución porque queremos cambiar la piel de España y sacar de ella toda la podredumbre de los malos hijos. Dice a continuación que anhelamos un Imperio porque queremos ser alegres y hacer las cosas con grandeza y terminó pidiendo a Dios nos de (sic; por dé) guerra y no paz.

El discurso del Jefe Provincial del S.E.U., magnifico fué (sic) entusiásticamente aplaudido».

Logo da intervención de Cunqueiro proxectouse o filme italiano Camisas negras, cando no inicio do seu escrito o anónimo cronista afirmaba que no outro filme italiano sería Camino de héroes. Ao acabar o acto: «Cara al sol» e «Himno nacional» (de España).

González-Alegre, berciano de nación, escribiu en galego un libro de poemas e catro pezas teatrais de importancia case que nula, o que non quere dicir que non debera figurar, que non figura, no Diccionario de literatura galega (Tomo I: Autores), publicado por Galaxia en 1995. Tamén foi autor dunha Antologia de la poesía gallega contemporánea, publicada pola Editorial Rialp na colección Adonais. Antoloxía na que inclúe un tal Cesáreo Pardo Esperanza, que debía ser amigo seu, e a Alfonso Alcaraz, que en galego debeu escribir os dous poemas que aparecen no volume; antoloxía da que se moquea Cunqueiro na súa correspondencia con Francisco Fernández del Riego. Nestas cartas, o mindoniense chámalle ao seu antigo subordinado O Moucho.

E co Moucho partillará novamente tribuna Cunqueiro, o 31 dese mes de xullo, en Redondela. Ese día, na páxina 8, entre noticias internacionais, algún pequeno anuncio e a cuarta entrega do traballo de Juan Antonio Correa (Calderón), o que fora director de Vanguardia Gallega, de Lugo, titulado «El sentimiento de Hispanidad de Galicia», aparece este solto:

R E DO N D E L A

CICLO DE CONFERENCIAS

Bajo los auspicios de F.E.T. y de las J.O.N.S., de esta villa, tendrá lugar hoy, a las ocho y media de la tarde, en el amplio salón del Cine Royalty, la primera de las conferencias de carácter patriótico e instructivo.

Entre otros oradores, harán uso de la palabra los distinguidos camaradas Álvaro Cunqueiro y Ramón González Alegre, de los Sindicatos Universitario y Magisterio, respectivamente […]»

O 1 de agosto, o xornal, páx. 6, daba a recensión-crónica do «Acto de afirmación nacional-sindicalista en Redondela. Al pueblo de la Nueva España». O dia anterior, sábado, ás oito da noite, Álvaro Cunqueiro, como Jefe Provincial do SEU e González-Alegre, como responsable de Prensa e Propaganda, dirixíronlle a palabra ao público de Redondela. Sentados cos dous funcionarios do SEU, estaban o Jefe Local, camarada Ferrín, e o delegado local de Prensa e Propaganda, camarada Contreras, quen se ocupou de presentar os oradores. González-Alegre fixo a historia do movemento revolucionario escolar en España, e dedicou emocionada lembranza aos caídos. Logo, interrompido con aplausos, expuxo «los principios básicos sobre los que ha de asentarse el Nuevo Estado» e pediulles aos asistentes unha fe cega nos destinos da Patria, que baixo a «sabia regencia del Generalísimo» nos conducirá bla bla bla. A continuación fixo uso da palabra o camarada Álvaro Cunqueiro, «que en párrafos de gran belleza literaria y de particular estilo manifestó las ansias de la Falange Española Tradicionalista». Nada nin ninguén torcera, afirmou o de Mondoñedo, a dura e flexíbel espada da xustiza «ni de la Falange Española Tradicionalista». E expuxo o significado das tres consignas: Patria, Pan e Xustiza, en «párrafos de gran belleza literaria que arrancaron los aplausos unánimes de la multitud.// La falta de espacio nos impide recoger con la extensión que el orador se merece toda la magnificencia de la trama oratoria de su bellísimo discurso, lleno de imágenes y de citas de gran brillantez y hermosura. // Terminó pidiendo una oración por los caídos, y con los gritos de Falange y el “Cara al Sol”, finalizó tan brillante como entusiasta acto, a que el público coreó unos y otro con el mayor fervor y entusiasmo».

[1] Foxà, que non é o grande escritor que non queren facer crer os Trapiello and company, debía ser un tipo peculiar. Falanxista de primeira obra, cortesán da «corte literaria de José Antonio». Cando ía a Latinoamérica a congresos de escritores, dicíalle á xente que ía a un Congreso Eucarístico; ante o asombro do interlocutor, proseguía: «Dígoo pola cantidade de hostias que nos dan» (aos escritores franquistas que ían a eses congresos)

3 comentarios en “Cunqueiro, orador ao servizo da Falange (I)

  1. (…) magnifico fué (sic) entusiásticamente aplaudido». Se tan melindroso é, procure ser máis cuidadoso.

    (” En la publicación Nuevas normas de prosodia y ortografía: declaradas de aplicación preceptiva desde 1.º de enero de 1959, la RAE decretó que las palabras monosilábicas no deben llevar tilde, salvo tilde diacrítica en algunas de ellas. Con esta regla cayeron las tildes de fué, vió, dió, etc.)
    No caso: (…) Dios nos de (sic; por dé) guerra (…) non podo levarlle a contraria.

    Escúseme pola impertinencia. E grazas (nós tiñámolo por borrachín, tanto como eramos nós, por aquel anuncio coa taza) por algho que sabiamos pero cumpría temperar. fernando ferrovello.

  2. Desculpe, escribe sic, porque así consta no orixinal (ou estou equivocado?). Entenderá o de “quisquilloso”, o melindroso portugués da súa raia e da miña, “que se ofende facilmente, susceptível” de lle ler tamén o comentario sobre “Vivir a galope”. Ou RNE foi algunha vez Radio Pirinaica? fernando ferrovello.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s