‘Asuntos de Real Importancia’ vs ‘A primeira pedra’

Duelo de cuartos de final entre o gañador do grupo C, Fran Fernández Davila, e o subcampión do grupo D, Carlos Vega.

Asuntos de Real Importancia

Carlos Vega.

O rei Devite reinaba sobre Detrásnonhainadamáis e semellaba ter unha lea non resolta co azar, pois parecía empeñado en afastar del calquera froito do seu xuízo. Se algún cortesán espiase as súas manías, apoiaría as costas contra a columna máis preta, temeroso dalgún inimigo do imperio que parecía acharse en todas as esquinas. 

Así pois, o monarca  intentaba adiviñar, coa mirada amargada, liñas de ruta no paso das nubes, contaba os pasos e as veces que cantaban os grilos ata que caía durmido e o Dignísimo Escuadrón de Rexistros Varios recollía a conta e asentían convencidos. En silencio, por suposto. Tamén rexistraba meticulosamente as habitacións que pensaba percorrer aquel día, e facía retratar o aspecto delas nun enorme libro, antes e despois do seu paso. Planeaba a roupa ata a seguinte lúa, excepto a coroa, que era a mesma dende había uns anos grazas a unha cuberta de cobre que repelía de forma premeditada os bárbaros. 

Ninguén sabía o motivo desta cruzada pero parecía ser vital para a nación, pois o rei, máis aló da súa persoa, empeñárase en inculcar aquela disciplina nas seguintes xeracións e, para isto, enquisou a todas as mulleres da capital e arredores. Neste informe figuraban as preferencias destas ao nomear un descendente xunto cun retrato robot do que se encargaba o Real Adiviño, antes de entrevistalas como posibles concubinas. Desta forma, cando un dos recén nacidos encaixou raspadiño co retrato que se lle asignara ao seu nome, foi nomeado Descendente Incriblemente Real por Divina Anunciación; pero no castelo ordenouse que se dirixisen a el por medio de siglas, xa que tanta silaba fomentaba un indesexable número de variantes na súa pronunciación. 

Dende aquela o trono pasara a ter o dobre de preocupacións, ao alcanzaren estas o dobre de xente importante, pero era necesario para que aquel incerto mal xamais estendese o seu descontrol pola idílica rexión de Portas Faxeiras. Anotouse cada mordedela e tirón de barba do que facía gala o novo herdeiro e, para o seu divertimento, tróuxose unha desmesurada, pero en ultima instancia controlada cantidade de pasatempos e xoguetes reais entre os que destacaba a privada Praia de Infinita pero Acoutada Magnitude, na que, grazas á sempre indulxente man escrava, fora removido e logo colocado de forma ordenada un leito de pedras, sobras de lapidacións que non chegaran ao descanso. 

É desta praia da que, nestes momentos, chega un mensaxeiro: 

—Maxestade! Proclamo que o D.R.D.A, no seu paseo diario nesta tardiña do Señor, colleu a pedra número 3.481, columna esquerda. Esta é un exemplar magnífico, lisa, con lixeiras arestas, que sen dúbida, fixo estragos no cranio do Real Acompañante de Infancia e, De Así Contemplalo, Outras Etapas Posteriores de Crecemento. Amosa unha predisposición excelente aos asuntos bélicos, se vosa maxestade mo permite —engadiu o Real Emisario, coa lingua no chan. 

O rei sorrí orgulloso, aínda que a número 732 tamén aparecera con forza nos estudos previos. Un pensamento asáltao, de forma terriblemente espontánea: Que bo rapaz.

………………………………..

A primeira pedra

Fran Fernández Davila.

É difícil saber por que o atoparon no dedo daquela nena, e por que a nena apareceu no regato, espida, con marcas nos pulsos e nas coxas, no regato cheo de sangue de nena morta, apodrentada coma o ollar amarelento do inspector Callón, ao que xa lle facía falla unha ducha o ano pasado, e que alcatrea máis que a praia chea de fecais, que a praia onde as pupilas da pequena se esmerilan coma estrelas en conxelación, entre os prantos desconsolados dunha nai feita descoido, porque ela só a deixou un momentiño, o xusto para facer a compra, o xusto para fumar un pito, o xusto para regalarlle un bico ao veciño do segundo, que sempre axuda coas bolsas, e que lle mercaba “huevoskinder” á súa filla, porque con todo isto da corentena fai falla contacto humano, todo o mundo quere un abrazo, e que mellor que agora, para sostela ante o corpo miúdo da súa cativa morta, ela e mais el, feitos espasmo, a nai sen poder abrir os ollos, o veciño sen poder pechalos, disimulando o morbo ante Lucía, a veciña Lucía, que menos mal que lle deu por pasear o can e atopou a meniña, que se non fose por Lucía as gaivotas esburgaban o seu corpo, que están que alangrean coa fame, e máis dende que os barcos non saen a pescar, a Lucía que sempre coida de todos, que mira por todos no edificio, porque foi unha pena que non sacase o can onte á tardiña, e ben que ela quería, farta de que a condenen dende os balcóns, de que lle leven a conta das veces que caga o seu rottweiler, que non hai quen o aguante na casa, sobre todo cando a porca do terceiro baixa a foder co do segundo, porque mira que fan ruído, e non lles debe importar que se escoite en toda a escaleira, nin deixar a nena soa, a pobre da cativa, que máis semellaba encherlle o ollo ao veciño que á súa nai, que vaia prea é ese tal home, que de boa se librou Lucía cando el a rexeitou, debe ser que lle gustan máis noviñas, ao moi cabrón, porque el tamén sabía que a pequena escapaba da casa cando a súa nai baixaba ao segundo, e que ía á praia a apañar nas cunchas e a xogar coas pedras, mesmo agora ten unha na man, a defuntiña, e que xa volvera a casa algunha vez coa policía, co mesmo inspector Callón, que non as multaba por saltar o confinamento, que só avisaba porque é un amigo da familia, e que agora terma da cabeza como se levase unha pedrada nela, porque a el tamén o hei levar comigo, e cedo, porque total xa cheira, levareino si, como levei onte a pobre nena, e como algún día tamén te levarei a ti, si a ti que me estás a ollar neste momento, non disimules agora,

que xa é tarde para mirar para outro lado.

16 comentarios en “‘Asuntos de Real Importancia’ vs ‘A primeira pedra’

  1. Uf. UF. Para min esta é unha loita de titáns. Tanto podo dicir un coma o outro. Temos dunha banda ‘Asuntos de real importancia’, que podería ser o Dignísimo Herdeiro de Terry Pratchett, goza dun humor e dunha inventiva maxistrais. Quizais o final precisaría algo a maiores, pero a natureza do pensamento, “terriblemente espontáneo”, parece conseguir ligar de novo coa tese da historia. Pola outra parte, ‘A primeira pedra’ ten unha construcción moi arriscada que xeralmente botaríame para atrás e que, porén, encaixa perfectamente nesta historia. Máis ca encaixar, parece feita en exclusiva para esta narración. Ese ritmo trepidante cun único punto deixa un regueiro de historias e personaxes diferenciados e con actitudes singulares. Se algo me falla, é que pola última liña parece que estea a falarnos a mesma Morte, mais polo ton en que se expresa eu tomárao polo chismorreo dunha veciña. Tamén quedei sen saber que ten no dedo a rapaza.

    Creo que é a miña decisión máis difícil no que vai de torneo, levo horas dándolle voltas e non é un dicir. Con moito pesar de non poder salvar a ambos, voume decantar por ‘Asuntos de real importacia’.

  2. Sempre me gusta que a mesma imaxe sirva para parir relatos tan diferentes coma estes dous. Non sei vós pero eu penso que a idea de que sexa a foto a que inspire os relatos debería ficar en próximos torneos.

    Asuntos…

    Coido que o principal problema deste relato é o seu rexistro. Canto máis alambicado é un estilo, coido, ten que manexar máis recursos para que non resulte sobrecargado ou estéril. Este relato coido que gañaría moito máis se a narración fose máis fluída, máis directa, e que gardase eses detalles barroquizantes nuns poucos chispazos. En canto á propia narración, non acabei de encontrar o interese á anécdota da pedra dentro do universo de suposta fantasía do conto. Gústame que un autor procure o desacougo, a ambigüidade, incluso o pulso surrealista pero penso que neste caso a propia narración non ten peso suficiente como para que o desenlace provoque iso. Máis ben parece que hai simplemente un peche mellorable.

    A primeira pedra

    Non sei vós pero a min deume a sensación de que o relato vai mudando de rexistro liña a liña. É como se fose transformándose dun relato escrito en terceira persoa por un narrador omnisciente, adscrito ao xénero policial a un monólogo interior pasando por un relato psicoloxicista. É un formato arriscado e penso que non acaba de funcionar cento por cento. Quizais sobra certa insistencia no ton, algunha pista escura, como dixo Leticia sobre a primeira liña; talvez a apelación do final é algo efectista … Mais sempre é agradable ver como un autor experimenta. A valentía coido que debe premiarse aínda que o resultado non sexa sobresaliente.

    Voto por ‘A primeira pedra’.

  3. eu tamen penso que o das fotos veu para quedar.

    Asuntos de Real Importancia

    “Descendente Incriblemente Real por Divina Anunciación”, non sería o DIRDA?

    Pasoume como a Cesar neste relato. A lectura fixoseme algo pesada e da historia non logrei sacar nada. Hai algunha frase simpatica e o final ten a sua graza. Fora diso non din conectado o que se conta como metafora dalgun aspecto da realidade nin tampouco dentro da propia historia vin un avance cara ningures. O tema do azar que ten que ver con apuntalo todo? Recordoume ó relato de Bieito: un exercicio de escritura automatica sen contido propio no que o lector pode ver o que lle preste.

    A primeira pedra

    eu tamen quedei pensando que tería a nena no dedo. Non sei dicir se iso foi un bo macguffin ou era mellor non tirar esa pedra. A narracion vexoa ben como idea, pero faltoulle un pulido para dar unha mellor impresion na lectura. Hai algunha redundancia mencionando os veciños e por veces parece que só da voltas sobre iso. Con respecto ó final, non sei que sentido ten argumentalmente pero o efecto ó lelo é potente. É a morte, é o autor? Nin idea. Venseme á cabeza algo tipo “a comunidade”, pero en plan biblico polo da primeira pedra e o mirar para o outro lado.
    Un relato curioso.

  4. O meu voto vai para “A primeira pedra”. Para min é o mellor relato dos cuartos. 1 parágrafo, 1 punto (o final) e 64 comas. Sublime.

    “Asuntos de real importancia” o ten todo (en só 494 palabras!): un universo moi ben construído, un toque de humor, crítica política… Magnífico.

  5. Asuntos de Real Importancia
    Así como hai temáticas que non adoitan atraerme (por exemplo, os contos de terror), estas tipo de fábulas sobre tempos que non existiron si que me gustan. Foi por iso que comecei este relato con boa disposición. E os primeiros parágrafos metéronme na historia. Quería saber máis sobre o universo imaxinado polo autor e sobre o que lle sucedía a ese rei. Desafortunadamente, chegou un punto no que a miña capacidade de atención saturou. Penso que como resaltou xa cequelinhos, ten un problema de linguaxe que afecta o ritmo.
    Correxídeme se me equivoco, mais o que entendo que sucede é que o rei elixe un herdeiro e este bátelle cunha pedra a un membro do séquito. Como o rei é belicoso, coñecer esa noticia faino sentir fachenda do herdeiro.
    Se o resumo é ese, a min sóbranme moita información, en especial personaxes e nomes propios (por exemplo, o xogo das siglas non me convenceu). Na miña opinión é un relato que gañaría se reducise detalle e extensión. Por exemplo,a frase “Planeaba a roupa ata a seguinte lúa, excepto a coroa, que era a mesma dende había uns anos grazas a unha cuberta de cobre que repelía de forma premeditada os bárbaros.” paréceme fermosa, mais creo que distrae do núcleo do relato. Eu gardaríaa para outro conto.

    A primeira pedra
    O estilo de escrita ala “Saramago”, iso de usar un narrador potente que vai enlazando pensamentos e facendo avanzar a historia moi amodo, é algo que me encanta cando está moi logrado (penso no Herba Moura de Teresa Moure). É un formato moi difícil, que resulta horroroso cando non sae ben (aquí non poño o exemplo da obra na que estou a pensar, mais gañou un dos premios importantes).
    O autor de A primeira pedra penso que consegue sair airoso do reto. Non chegou ao nivel de cativarme porque, na miña opinión, repite excesivas veces a mesma fórmula (“que menos mal que lle deu”, “que se non fose por” “que están que” “que sempre coida de todos” “que mira por todos”), mais pareceume un relato entretido, cunha linguaxe coidada e algunha referencia con sentido do humor (e.g. os huveoskinder).

    É por iso que o meu voto vai para A primeira pedra.

  6. “Cousas de real importancia” custoume ubicarme na historia e a sintaxe, aínda que traballada, non facilita as cousas. Para cando empezaba a aclararme xa chegaba ao final e non acabei de ver moito aquel no debate das pedras. Aínda así en sucesivas lecturas gústame esa mestura entre sarcasmo e esaxeración, os nomes satíricos e a complexidade.
    “A primeira pedra”
    Coincido con Leticia en non saber que atoparon no dedo da nena. Un croio que se volveu pedra?
    Sobranme cousas na descripción do axente. Polo demais paréceme unha enumeración moi boa de lugares comúns, sen chegar a ser pesada. Ten asociacións que me pareceron xeniais “unha nai feita descoido” a repetición cos ollos. Chegou a me incomodar toda a violencia que contén por como está contada, sen respiro, sen filtro, sen orde, e o final paréceme que lle encaixa ao milímetro… Sinceramente non sei quen interpela se a morte como dixo alguén, ou unha Lucía demente. Fico con esa última suposición.
    E para “A primeira pedra’ o meu voto.

  7. “Asuntos de real importancia”
    Como xa se comentou abusa dunha linguaxe barroca que coido que lle acae ben a historia máis que rematou por facérseme pesada de máis. E a iso súmase que a propia historia non me acabou de atraer.

    “A primeira pedra”
    Gustoume moito e atropoume dende o primeiro intre. É certo que lle viría ben un pulido a certas frases pero coido que ten un ritmo excelente e, para min, o seu formato, tan pola súa dificultade como pola súa realización, é un gran acerto.

    Voto por “A primeira pedra”.

  8. Asuntos de Real Importancia: paréceme un relato con moito peso literario, pero eu que son fan dos contos de Reis de Jorge Bucay, con unha prosa moito máis sinxela e fluida e unha moral que dea sentido ó relato, faltoume moito isto. É un pouco o que di César. Nótoo como sobrecargado de esa linguaxe rimbombante, que fixo que tivera que poñer demasiada atención ó que estaba lendo para non perderme (certo é que eu non son moi espelida), co cal non desfrutei moito da lectura, a pesares de apreciar a súa indiscutible calidade narrativa.

    A primeira pedra: pois que digo, que me encantou. O tema enlazar pensamentos uns detrás de outros e encima, arriscarse a facelo con comas e prácticamente sen puntos (inda que sexan seguidos), paréceme un formato perigoso, xa que chega un momento que pode chegar á agobiar. Pero non sei, neste relato, como que lle funciona. Porque empeza a aumentar o ritmo (igual que o da vida, que temos que estar pendientes da dos outros antes ca da nosa, porque que tire a primeira pedra quen estea libre de pecado…) ata que ó final che pilla a morte (eu tamén o entendín así). Gustoume.

    Eu téñoo claro. Voto por “A primeira pedra”

    PD: por favor, que o autor explique que diantres lle atoparon no dedo á rapaza xD

  9. “Asuntos de real importancia” ten unha calidade literaria que me encantou dende o principio. Non teño que engadir moito máis ao que xá comentaran as compañeiras.

    “A primeira pedra” remata mellor do que empeza aínda que non sei por que non me acabou de gustar. Supoño que é unha cuestión persoal porque a escrita está ben traballada.

    Porén o meu voto vai para “Asuntos de real importancia”.

  10. Parabéns os dous autores polas súas historias. Que estilos tan diferentes…. O escritor da primeira Asuntos de Real Importancia monta toda unha fábula de arriba abaixo, imaxina un reino e dálle corpo, cos seus personaxes cheos de violencia e poder. Un exercicio como xa apuntaron, cheo de floreos que axudan a cargar a atmosfera, a que o mundo imaxinado colla forma, fáltalle quizáis non estar sempre levando ata abaixo o lector, mergullándoo nos detalles, deixalo respirar un pouco. Pola contra “Aprimeira pedra” aposta por un díxome que sinal co dedo nun final efectivo e suliñado. O fio do que se nos conta nesa mistura narrador/monólogo está levado coa mestría dunha persoa que ten moitas letras na chepa. Ten a súa chispa tamén: O humor (ese inspector Callón que cheira e precisa dunha ducha jejej… o micromundo do patio de veciños), non nos afasta de todo de que se está a falar da morte dunha nena e por iso o final pecha moi ben a historia. Por poñer un defecto, ao contrario do seu rival, neste conto o escritor vai por riba, pola tona da trama, case como nunha descripción apresurada, e non nos mergulla na historia todo o que me gustase. Foi difícil decidir. Voto por A primeira pedra.

  11. Vaia duelo máis estiloso. Os dous autores decidiron tirarse á piscina con dobre tirabuzón carpado.

    “Asuntos de real importancia”. O relato é barroquismo puro, manda o estilo sobre o fondo e xa se di no comenzo (o reino de Detrásnonhainadamáis non pode ser casual). É unha magoa que se centre tanto no estilo cando ten unha idea moi potente coa que poder xogar a tope dentro dese ambiente de fábula tan ben desenrolado. O rei obsesionado con controlar o azar podería ser un candidato perfecto para padecer algunha sucesión de catastróficas desdichas fortuitas ao puro estilo Pratchett e así cerrar a fábula (porque as fábulas precisan moito punch) con graza e estilo. Para min o problema empeza co herdeiro, porque semella que se dilue todo o que se dixo antes.

    “A primeira pedra” é un relato cun estilo moi difícil. Que iso quede ben… está ao alcance de poucos, como xa dixo Daniel. O autor sae ben parado pese a certas repeticións e ese ir evolucionando o narrador. Habería que comprobalo, non sei, pero para min, con ese final tan fero pedíame o corpo un inicio coherente, un: “Só eu sei por que o atoparon no dedo daquela nena…”, porque a morte sábeo todo. De todas as maneiras é un relato moi potente e por iso leva o meu VOTO.

  12. «A primeira pedra»
    Non creo que sexa a morte quen está a narrar, non tería ningún sentido que así fose. O estilo elixido, sen puntos, serve para expresar como se amorean e suceden os pensamentos nunha mente perturbada, que matou a nena por saltarse o confinamento e ten pensado levarse por diante a máis veciños, incluído a ti, por fitala desa maneira que o estás a facer. É un exercicio de estilo ben executado, coas cousas claras, que sabe remexer na psicose colectiva. Ben interesante.

    «Asuntos de Real Importancia»
    Hai moito enxeño aquí, dende a mesma partida, co nome do reino e tamén co do rei: Devite (o contrario de convidado, moi axeitado para un monarca). A primeira vez o estilo tamén me dificultou un chisco a lectura, mais xa non nas vindeiras. Para min si que encaixan as pezas, ese rei obsesionado coa certeza, que tenta estudar todo ao detalle para facer as mellores predicións posíbeis. No final eu entendo que o rapaz era unha elección axeitada porque tiña ese carácter que demandaba un rexente, mais tamén era bo rapaz abondo porque decidiu non atizarlle coa pedra 732 e agardou á 3481 para facelo. É resolto mais non carece de contención.

    O da procura de herdeiro e a pedrada nun súbdito levoume aos Simpson, cando Burns procura un sucesor e Bart catívao pola súa (mala) actitude; o feito de baterlle na testa a Smithers cunha pedra só fixo que se reafirmara na idoneidade para o suceder.

    Gustáronme ambos os dous, Parabéns a Fran e Carlos. O voto ía estar disputado no meu caso, mais como xa está todo decidido, voto por «Asuntos de Real Importancia», o autor ben merece deixar o torneo con algún voto máis.

  13. De ‘Asuntos de Real Importancia’ gústanme moito algunhas descripcións, pero non acaba de convencerme o estilo: a ratos pensaba ‘a este vai o meu voto’, e a ratos non.
    Despois empecei a ler ‘A primeira pedra’, e sen contar que xa na segunda liña sentinme perturbada perdida, pois estaba disfrutando la lectura, sentín a historia e a disfrutei ata que me empezou a entrar ansiedade ao non atopar ningún punto por ningures. E acabei o relato coas neuronas colapsadas.

    Así e todo, votarei por ‘A primeira pedra’, porque as dúas primeiras liñas impactáronme.

  14. O mais chamativo as aportacions literarias tan diversas que se piden sacar dunha soa imaxe !
    Increible!
    Gustame moito mais Asuntos de real importancia, pola critica sutil e porque fixome rir. O meu voto e para él.
    A primeira pedra pareceme forzado. Non ten credibilidade dende o meu punto de vista.

  15. Grazas a todas e a todos polos vosos comentarios e os vosos votos. Parabéns a Carlos polo seu relato. Gustoume moito o universo que creou, sobre todo os nomes, que son coma pequenas subtramas en si mesmos. Creo que aí hai unha boa semente para un relato máis longo.

    Teño que dicir que esta foi a imaxe que máis me custou neste torneo. Non sei se será polo reducido do plano pero resultoume moi difícil arrincarlle unha trama.

    De novo, grazas polos comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s