‘Liberación conceptual’ vs ‘DeTalles’

Duelo de cuartos de final entre a campioa do grupo D, Marisol Gándara, e o segundo clasificado do grupo C, David Botana.

DeTalles

David Botana.

Antes do día D

23:20  

Chis-chas! O lóstrego de metal deixa a Marta sen dous milímetros de perrera. Con esta van cincuenta talladas no día. Flora entorna os ollos coa pose maxestática do samurai.

—Vasme deixar calva…

—Teño que quencer, corazón. Mañá é a guerra.

—Cantas citas tes?

—Setecentas cincuenta.

—Miña naiciña…

—Ela ten para as seis e cuarto. Dille que non faga coma sempre.

Día D

8:47

Unha eiruga de cabezas peludas agarda impaciente diante do salón de peiteado DeTalles.

—A repasar o planning unha vez máis. Isto é unha cadea de montaxe. Lavado, triaxe, corte, cor, peiteado. Sen pausa. Lembrade: leria, leria, leria. Esta xente ten moita faltiña de falar. Dúbidas?

—Eu onde ía?

—Ti es gandeira, non? Cos cativos.

10:15

As cadeiras de plástico inzan as carpas que amplían o salón de campaña, como di Flora. Afanosas voluntarias intentan adecentar unha abandonada e excitada veciñanza post-corentena.

—Señooora…

—A min só me toca Flora! Que carallo vas peitear ti se vendes sardiñas no Eroski!

—Que pasou?

—Floriña. E non me quere rapar a peixeira…

—Se eu lle fago sempre de taxi, hoxe ben que a pode lavar a peixeira. Non me poña esa cara de ollomol.

12:33

—Que fixeches, Xulia?

—Pediume que a maquillase. Deille un repasiño namais.

—Un tiro coa escopeta-maquilladora, máis ben…

—Que?

—Nada, nada. Gústase, Edelmira?

A velliña levanta o ar co pestanexo púrpura e cuartea o carmín vermello que lle precinta a boca.

—Desta o Antonio espicha!

—Non o descarte.

14:15

Clientas e traballadoras roen uns bocadillos e chuchan duns zumes mentres descansan as doridas mans e cabezas. Na radio, Bisbal; na tele, Pedro.

—Chegoulle, carallo. Mira que olleiras.

—Eu inda lle daba.

—Ti si, ho…

19:15

O cansazo vai facendo das súas. Tanto que a froiteira confunde o Paixón caoba con chocolate co Ledicia verde… verza.

—Ai! Flora, que facemos?

—Unha sebe fixeches ti… Deixa, deixa.

A muller mírase ao espello desorientada. Presa do estupor verdoso desa pradaría na cabeza.

—Luisa! Nunca pensei que te atreverías. O verde… err… Peppermint fresh Highlands é a mellor cor que puideches elixir, cor esperanza. Que moderna! Pero falta o meu toque.

Cun veloz chis-chas, que faría chorar ao emo-gótico Eduardo Manstesoiras de impotencia, o arbusto vai collendo maneiras de muller.

—Ves? Moito mellor.

—Vaia! Que pescociño me fai.

—Como fixeches? —Pregunta a froiteira nun descansiño.

—Mira, a xente vén aquí para sentirse ben. Se ti a vés guapa, ela vaise ver guapa tamén. Sómosche psicólogos de peite e tesoiras. Tira ese bote, anda, fai o favor.

20:14

As mulleres miran pampas a montaña de catro metros de pelame corentenal acumulada no patio. Unha decide que plantar unha cacharela resultaría un acto fermoso.

—Deus, como fede! Traede a mangueira!

21:21

Marta entra pola reixa a medio baixar. Flora repousa no sillón de lavado.

—Que tal?

—Morta.

—Veu miña nai?

—E marchou coqueta coma un apio. Que fas, corazón?

—Alguén te terá que poñer a ti guapa, non?

………………………………………..

Liberación conceptual

Marisol Gándara.

Todo estaba alí dende había semanas, quizais meses, pero non acababa de poñerse mans á obra co relato. Autoestima, medo. Quen sabe? 

Na cociña, as latas de cervexa facían barricada contra a memoria: desordenada, imperfecta, sen vida. Protexida, saboreaba a nova liberación coma un fluxo oscilante con algún que outro pico de euforia, mais …”Todo está baixo control” —dicían os medios, e decidiu non contradicilos, acostumada como estaba aos ciclos de autoridade e absurdo colectivo. 

Método, disposición, hábito, un pouco de illamento, pero era difícil concentrarse coas musas bailando orxiásticas de cuarto en cuarto. Pensou en cear humus.  

Lavaba os garavanzos coma quen abraza un ser querido e sentiu que o amor non entendía de corpos, inaudible e sutil, non podía ser pronunciado. Tiña o Tao no vertedoiro. O tráfico executaba a melodía perfecta pola AP-9 e á cabeza viñéronlle as tardes na Alameda vendo pasar coches, amores, probas e erros, aprendizaxes. Precisaba atopar un concepto transversal que reconciliase o ser e non-ser, humano, en todos os ámbitos, como mans que upan, a cunca da que beber, Marx, dialéctica, hinduísmo, Heráclito. 

Pola contra, só atopou un índice acusador e “ti”, coma unha ofensa, “pola túa culpa”,  enfermizo mantra, fixeron unha avanzada e volveu ser aquela nena pecando, catolicismo, tradición, vontade estanca. 

Prestáballe esa autodestrución creativa e abriu outra cervexa por Schumpeter e Derrida, polos estudos de xénero, postcoloniais, e as viaxes que non fixo para aprender idiomas, cosmopolita pero pobre, atada á terra. Bebeu por iso. 

Lembrou as preguntas de David: “As personaxes… por que falan? E o lugar? É real?”

Definitivamente non tiña relato, só conceptos illados que a facían saltar da psicoloxía á socioloxía pasando pola neurociencia e a didáctica. 

“E a sexualidade?”, preguntouse. Pensou na psicanálise, perspectiva superada, e na súa vez excitouse con posturas non convencionais e a satisfacción dos desexos. Lembrou a pirámide de Maslow, os exipcios, falos, Vox e o temor ao cambio. Xamón ibérico.  

Sentiuse percorrendo unha coxa entre os garavanzos, escorregadiza, morna; redondeada e dura no xeonllo, morder durante o acto. Sadomasoquismo con Erich Fromm, mercadotecnia emocional e os electrochoques da comunicación de masas, Skinner, Naomi Klein e as vellas pantasmas. 20:00, aplausos. 

“Todo é cuestión de distancia”, pensou. Proxémica e Hall, esferas concéntricas illándonos dos outros, de nós mesmos. Caricia ou golpe como patoloxías das mans, autolesionarse. 

Non embargante, a causa estaba máis arriba, no diálogo entre amígdala e codia pre-frontal, controlando os instintos. Evolucionar, querido Darwin, tamén era iso.

Repasou os ingredientes de cabeza e as sementes de sésamo déronlle un recendo orixinal á súa nova vida de filóloga. Todo ficaba na lingua, nun sabor que non lle lembrara a infancia, nun significado novo para sangue e obrigas. 

Coma sempre, sorprendeuna a voltaxe do trebello e agarrouno coas dúas mans, fascinada naquel xesto inconsciente: palma, pinza, puño. O uso que facíamos delas decidía a construción do noso universo, e meteu unha vez e outra as coitelas, triturando o pasado, no seu meirande acto de impotente violencia… e foi libre. 

42 comentarios en “‘Liberación conceptual’ vs ‘DeTalles’

  1. DeTalles

    Gustoume o relato. Ten humor, está ben montado e, non menos importante, soubo facer literatura coa actualidade que estamos vivindo. Este relato hai uns meses ninguén o entendería, e hoxe todo o planeta sabe de que fala. O argumento non é adaptable nin intercambiable. Non aparece a palabra cuarentena nin coronavirus (tampouco no título) e non fai falta, porque están presentes. Tamén é un relato de esperanza, digamos, nestes momento porque fala do final do confinamento. Non sei vós pero eu necesito un corte de pelo.

    Liberación conceptual

    E tamén me gustou este relato. Vou ir ó gran, gustoume todo menos as ultimas 3 palabras. Ese tipo de conclusions (digoo nos 2 sentidos, tamen porque é a ultima frase) ten que extraelas o lector a través do texto, porque son cousas… que é ser libre ou ser feliz? é un tópico que parece querer darlle ó final unha profundidade forzada, e non facia falta ningunha. O relato quedaría perfecto rematando na palabra violencia. Ademais xa está dito no titulo, para que repetilo?
    Outra cousa, non logro ver a relacion do relato coa foto. Fálase dun relato, supoño que se trata de metaliteratura, pero non logrei asocialo ó torneo, e inda así, valeria para calquera das fotos que levan saido.
    Curiosamente neste relato tamen se fala da situacion actual de confinamente, e coma no relato anterior, tamén o fai á perfeccion.

    Un gran duelo.

  2. Gústame cando podes adiviñar de quen é cada relato, temos algúns autores cuns estilos moi recoñecibles.

    “DeTalles”
    Creo que o título é bastante elocuente, porque o principal deste relato non está no presunto argumento, senón nas pinceladas, que achegan reflexións moi interesantes e tamén algunha gargallada (a referencia á escopeta, xenial). A verdade, encántanme os samurais; ao comparar a Flora cun deles xa gañou moitos puntos comigo. E qué dicir do verde Peppermint fresh Highlands (e toda a lección que trae consigo). 10/10 would try. O final é precioso.
    Vou facer unha confesión: non me gusta nada que me anden no pelo, pero entráronme ganas de ir á perruquería.

    “Liberación conceptual”
    Lin este relato nada máis erguerme pola mañá. Demasiados nomes e conceptos para unha mente a ralentí. Decidín volver a leelo xa cos miolos funcionando e a cousa cambia. Aínda así, pérdome nalgunhas partes da cadea de relacións, non sei se porque non están ligadas e simplemente sáltase dunha tese a outra. En “Non embargante, a causa estaba máis arriba” non sei da causa de qué se está a falar. “as latas de cervexa facían barricada contra a memoria” paréceme unha comparación elegante, mais non poría o que hai tralos dous puntos porque neste relato xa hai moitísimas enumeracións.
    Un dos grandes problemas, creo, é que xa houbo nos pasados duelos polo menos outros 3 exercicios de metaliteratura, un deles na rolda de desempate do meu grupo. Diego e mais eu tivemos a idea de facelo, malia que ao final optamos por outros camiños. Quero dicir que, por moi ben que poida estar, quédame ese resaibo a recurso sobreutilizado. O outro é que non vexo por ningures a relación coa imaxe.

    O meu voto vai para “DeTalles”.

  3. Bueno, de DeTalles podo dicir que oxalá sexa un futuro próximo porque a miña situación capilar está chegando aos limites emos que se mencionan. Asómbrame como con tan pouco dialogo, e ademais tan separado, se pode conseguir unha narración tan ben feita. Ademais non sei quen o fixo, pero pillei a referencia dos simpson, mira que a fuches a buscar.

    Liberación conceptual gustoume máis, quizais fose polo rexistro. Tamén síntome algo cércano. Derrida e as cousas que me están a tocar en Conceptos aínda me fixeron simpatizar moitísimo con este relato, pero acho que non está moi conectado coa foto. Aínda que vexo a corte de peluxe como unha saída a toda a corrente de pensamento, aínda que non a termiño de encaixar. De todas formas, gústame moito o ritmo que ten, e penso que está moi ben escrito.
    Con todo, o meu voto vai para DeTalles, porque o sinto máis conectado ca foto, sen desmerecer a Liberación Conceptual, que me parece superior noutros aspectos. Moi boa semifinal, sen dúbida.

  4. Liberación ten partes como esta “E a sexualidade?”, preguntouse. Pensou na psicanálise, perspectiva superada, e na súa vez excitouse con posturas non convencionais e a satisfacción dos desexos. Lembrou a pirámide de Maslow, os exipcios, falos, Vox e o temor ao cambio. Xamón ibérico.” ou o parágrafo final que son unha pasada… e un relato que les varias veces e sempre atopas cousiñas.

    Pero con Detalles pasoume que cando ía darlle novo repaso descubrin que a miña cara xa anticipaba o que ía ler, xa estaba a facer o aceno de sorrír e decateime que é desas historias no torneo que logo de acabar quedan na memoria. Unha aposta atrevida empregando o humor. Colleu ademais a foto sen medo e deulle un remeneo. Os diaálogos xeniais e a fogueira de pelos para rir un cacho cando se decatan que cheira mal jejej…

    Voto Detalles

  5. O meu comentario non vai engadir gran cousa ao xa apuntado polos compañeiros.
    DeTalles
    Gustoume bastante esta historia.É sutil na súa sinxeleza. Sabe o que quere representar e faino ben. Habitualmente son crítico coa profusión de diálogo, mais neste relato penso que lle acaen ben. Achegan o ambiente da historia ao lector, como o ambiente que ten que haber nunha perruquería de barrio. Tamén me convenceu o nome da perruquería e a relación entre as traballadoras.

    Libración conceptual
    Penso que é un relato que está moi ben escrito, con frases desas que marcas co lapis e combinacións moi atractivas. A miña favorita foi esta (Método, disposición, hábito, un pouco de illamento, pero era difícil concentrarse coas musas bailando orxiásticas de cuarto en cuarto. Pensou en cear humus.).

    Porén, véxolle dous defectos que xa foron apontados. Por un lado, a relación coa foto. Espero que o autor/a nola explique porque eu non a collín (non sendo que se trate de cousas que lle pasan pola cabeza). Por outro, o recurso a escribir sobre a falta de relato xa saiu nesta edición do torneo, co cal se me fixo un tanto repetitivo.

    Por iso o meu voto vai para DeTalles

    En todo caso, parabéns a ambos.

  6. Á hora de valorar un relato o contexto do opinante conta moito, ó mellor mais do que estariamos dispostos a admitir friamente. Se un dia nos levantamos de mal humor, ó mellor votamoslle a un relato e se nos levantaramos de boas, levaba o voto o outro. Se lemos os relatos só unha vez votariamoslle a un e na segunda talvez ó outro. Se se vota sen ler os comentarios tamen pode dar un resultado distinto que se o facemos tras lelos.
    A experiencia e circunstancias do votante contan e iso é positivo porque será un voto mais sincero, que é o maximo que se lle pode pedir a un voto.
    Dito isto penso que non é xusto calificar como defecto dos relatos estas circunstancias, como neste caso, o feito de ter lido antes algun texto similar a Liberacion conceptual (ou que use a metaliteratura).
    Votar con subxectividade é san. Disfrazala (inda que sexa inconscientemente) como defectos do relato, non.

    • Cando me refiro a “defectos”, por suposto me refiro a cousas que a min non me gustaron. Considero que procurar unha certa orixinalidade tanto na temática como no estilo do relato é un valor a ter en conta neste formato de torneo. Por suposto, mera opinión persoal miña. Non pretendo desmerecer para nada nin o talento nin o esforzo mostrado polo autor/a. É máis, penso que todos os participantes estamos esforzándonos en valorar o que menos nos gusta dun xeito que non resulte ofensivo para quen os escribiu.

      Co debido respeto Lois, eu agradezo moitísmo as túas análises. Vese ben que sabes moito de literatura e que as propostas de revisión que fas son moi valiosas. Agora ben, aconsellaríache revisar o ton no que formulas eses comentarios, xa que varios deles ultrapasaron por moito o nivel de arrogancia que cabería esperar dun torneo amateur.

      • Estou dacordo contigo en que en xeral se percibe nos comentarios do torneo algo de medo a quedar mal se se din cousas que non gustan dos relatos.

    • As circunstancias sempre inflúen no que é ou deixa de ser un defecto. Se a idade media dos que votamos fose duns 60 anos, mencionar a escopeta maquilladora sería un erro. Se vas facer un relato contando algo que xa se contou mil veces, valo ter que currar moito para que quen o lea esqueza esas outras mil veces e non se aburra. Ti mesmo apuntaches na rolda de exhibición “creo que había que meterse (…) menos en escenas postruptura mil veces lidas”; aquí pasa un pouco o mesmo. Pode que non haxa tanta metaliteratura coma historias de desamor no mundo pero neste torneo xa houbo varios relatos que tocan ese recurso, e iso faille (para min) un fraco favor.

      Se este tivera sido o primeiro exercicio metaliterario do torneo, sería un pro por orixinalidade, pero aquí importa o ‘cando’ contas algo, non só o que e o como, porque non é unha obra para que a xulgue un público aberto, senón un grupo moi concreto. Pode parecer inxusto nun primer vistazo, tipo “estades a ter en conta outras rondas cando só habería que mirar cal é mellor destes dous relatos”, pero non é tan sinxelo. Se todos os relatos metaliterarios apareceran de golpe nunha mesma fase, eu polo menos diría “que casualidade” e non tería en conta que varios fixeran o mesmo. O que ocorre é que van un detrás de outro, e sempre vai parecer que o último é froito de que o autor está a aproveitarse da inventiva allea (“isto funcionou antes, vou facelo eu tamén”). A min alguén me dixo en ‘Incompleto’ que é que xa había outra historia anterior cun científico obsesionado coa súa investigación. É certo e paréceme unha crítica xusta. Xa sabía que me arriscaba a esa comparación.

      • Pois a min non me parece esa unha critica moi util, nin mo pareceu tampouco cando Marcos mencionou que xa houbera outra historia dun cientifico obsesionado. Así e todo el dixo iso porque era o que sentía e fixo ben dicilo se foi algo que pesou na sua decision final. Podería engadir (el), nesa mesma liña, que foi un erro estratexico (teu como autora) volver sobre un tema que xa se tocara no torneo.

        O que non me parece ben (ademais de pouco util) é sinalalo como erro do relato (Daniel xa se explicou aquí) e por iso quixen defender a Liberacion conceptual, porque é un gran relato que non se merece que cada comentarista lle veña recordar relatos pasados. É mais, o de que é metalilterario é interpretable. Non todo relato no que alguén estea escribindo un relato ten que selo.

        Insisto en que me parece un argumento normal que digades que como lestes antes un relato coa tematica X estoutro que ten a mesma tematica xa non vos estimule tanto como o primeiro. Esa é unha explicacion honesta e coherente. Só quero deixar claro que esa afirmacion non lle servirá de nada á/ó autor/a á hora de mellorar ese relato ou as suas habilidades como escritor/a. Só lle servirá para facer tactica no torneo (que non é malo tampouco, pero bueno).

  7. Pouco máis vou aportar eu.

    DeTalles é simplemente xenial. Rinme un montón cos diálogos, inda que sí que é certo que quizás en futuras lecturas xa dá un pouco de pereza. Xenial a referencia da escopeta maquilladora dos Simpson, e as 14:15 do día D, brutal! jajajaja. Gustoume sobre todo a idea do relato. Moi orixinal e moi ben colocado no texto actual.
    E con Liberación Conceptual pasoume que me custou un pouquiño seguir o relato e eso tiroume para atrás. Definitivamente a metaliteratura non é o meu. Pero con respecto ó seu rival, sí que se lle saca máis xugo en próximas lecturas, e dende a miña opinión, iso sempre é maxistral para un microrrelato, porque as poucas liñas do mesmo se aproveitan especialmente ben. Xenialmente colocados esos autores das ciencias psicosociais para precisamente apoiar todo ese mexunxe de ideas que lle pasan á protagonista pola cabeza. ¿Será isto a referencia coa foto?

    O meu voto para deTalles

  8. O meu voto vai para “Liberación conceptual”. Dáme a impresión que a algún dos meus compis, a lava ardente escorrendo ladeira abaixo non lles deixou ver o volcán. Dito doutra maneira (como homenaxe ós clásicos): as árbores non lles deixaron ver a fraga. Outra máis, veña: o secador da foto distraeuvos da cabeza que aparece na foto. Porque este relato trata diso: do que acontece dentro dunha cabeza. E por se fose pouco, coido que o último parágrafo é unha perífrase que nos conta que o prota colleu a máquina de cortar o pelo e se rapou ó cero. Quizais a liberación, ademais de conceptual, é de piollos XDDDD

    “DeTalles” fíxome rir e está moi ben contado pero como xa comentaron antes, na segunda lectura xa sabes por onde veñen as grazas. Coido que vai ser un bo duelo.

    • Eu pensei que se refería á batidora. Tanto falar de facer humus… Xa teño dito que son moi literal e, como carezo da habilidade de meterme na mente dos autores, terei que xulgar o que entendín eu. Que neste tipo de relatos adoita ser pouco.

      O que estiven a facer no torneo foi tomar as imaxes como punto de partida, contruir o relato arredor do que se ve, non en conceptos asociados ao que aparece retratado. Hai xente que fixo o segundo e quedoulle ben, pero se corre o risco de que quen te está a ler non faga a mesma asociación de ideas.

      • Por suposto que cada un xulga o relato segundo o que le e interpreta, faltaría máis. Pero unha mesma imaxe (que xa de por si ten varios matices, ou quizais por iso), inspira a cada autor de xeito diferente.
        Quero pór de exemplo a foto do duelo de cuartos entre Daniel e Marcos: a mesma persoa por cuadriplicado diante dun muro de pedra. Un autor escribiu sobre clons, obviando o muro; e o outro sobre o muro, eludindo á persoa da foto. Cal dos dous se axusta máis á foto? Cando eu vin a foto deste duelo, o primeiro que me ven á cabeza foi que se eu fose un dos duelistas, escribiría o relato sobre o secador de pelo, cousa que nin sequera é mencionada en ningún dos dous relatos. Con todo isto quero dicir que me parece moi inxusto que se acuse a un relato de ter pouca relación coa foto cando, neste caso, na foto vense moitas máis cousas que unha melena loura.
        P.D.- Quero mostrar a miña decepción cun dos autores deste duelo por non confundir o secador de pelo cun Satisfayer XXXL

    • “Con todo isto quero dicir que me parece moi inxusto que se acuse a un relato de ter pouca relación coa foto cando, neste caso, na foto vense moitas máis cousas que unha melena loura.”

      O meu comentario, textual, foi “non vexo por ningures a relación coa imaxe”. Non que non haxa, que non a atopei. Eu non vexo unha fotografía dunha muller á que lle están a arreglar o pelo e a relaciono co relato dunha muller que se está a comer a cabeza. Na fotografía por haber hai un espello e unha camiseta amarela, e se fas un relato sobre a camiseta amarela, pois bueno, un pouco forzado pero ao mellor se o vendes ben vale. Se o que fas é un relato en torno aos matices de amarelo que existen pois… non compro. Porque cambias amarelo por rosa e podes presentalo no duelo da limusina rosa.

      Con ‘Liberación conceptual’ pásame iso: menciona a cervexa así que vale para a imaxe cos vasos; está dentro da casa así que valía tamén na das caixas; as pedidas de matrimonio son algo que hai que meditar, así que ao mellor cuadra no duelo de ‘París’ vs ‘Historia de amor’… Síntoo, pero non podo estar de acordo con que teña unha boa relación con esta imaxe concreta.

  9. Home Ariza, alegrome de ver que cambiaches de criterio de forma tan fulminante desde o ultimo torneo, porque recordo certo relato do que o unico que dixeches foi queixarte porque non lle vias relacion a co tema do duelo.

    Vou citas as tuas propias palabras:
    “Para min “tema” significa que o relato ten que xirar sobre a palabra proposta. Se o tema é “X”, o relato versará sobre “X” e non sobre “o que eu penso ou me suxire a palabra X”.”

    Si, xa sei, o cinismo é estratexia de supervivencia coma outra calquera.

    • Cinismo? Estratexia? Pero se eu xa estou fóra de competición! Eu non son estratega, son escritor. Se os meus relatos non gustan, pois mira ti, que deixo de gañar? Unha mochila? Un lote de libros? De todo iso teño de sobra (excepto cinismo).

      Hai 2 anos, no II Torneo, os relatos dos duelos tiñan que versar sobre o tema proposto, que era unha palabra. Neste III Torneo, deben xirar sobre unha imaxe, que como se pode comprobar, dá pra moitos temas, non só un. Se a foto é dunha cabeza, paréceme ben que o relato fale do que pasa dentro ou fóra dunha cabeza. Pero agora ben, se o tema fose a palabra “perruquería”, pois loxicamente, o 2º relato non tería cabida.

      No II Torneo, cada duelista usaba a palabra proposta como tema como lle saía do lugar que algúns utilizan para uso e desfrute do “Anal Intruder 2000”. Ti por exemplo. Ti por exemplo, escribiches un relato no cal, cambiando so 3 (tres!!!) palabras, podías participar na metade (na metade!!) dos duelos da xornada, e non esaxero o máis mínimo. E diso queixeime moitas veces ó longo do torneo porque foron moitos casos. Cousa que eu non notei neste ano.

  10. “DeTalles” pareceume ben orixinal na proposta e cuns diálogos moi ben levados malia que o seu humor non sexa tan do meu gusto. “Liberación conceptual” ten varias frases que me parecen realmente boas (“Lavaba os garavanzos coma quen abraza un ser querido”) mais non acabei de entrar nesa profusión de conceptos que me remataron por parecer un tanto confusos en ocasións.

    O meu voto vai para DeTalles

  11. “Liberación conceptual” paréceme intenso, ben resolto e consistente. É un acto de rebeldía desperezar ao lector e tratar de afondar un pouquiño máis alá da superficie.

    “DeTalles” fíxome rir e a lectura fíxose moi interesante.

    O meu voto vai para “Liberación conceptual” aínda que ben podería ir para DeTalles. Parabéns!

  12. Sobre a polémica da relación entre imaxe e texto, só quero engadir que en todos os torneos son os comentaristas quen deciden (co seu voto) se o autor cumpriu ou non a condición de inspirarse, neste caso, nunha foto concreta.

    DeTalles

    Un relato que consegue 100% o que pretende é, sempre, un relato afortunado, un relato ben feito. Eis o caso desta historia. Os diálogos están moi conseguidos e loce moi ben toda a atmosfera utópica dun final de confinamento festexado nunha macroperrucaría popular. Coido que é un dos mellores textos do torneo e que consegue falar do inevitable nestes días dun xeito moi orixinal pero revelador, nos niveis psicolóxico e social, das incertezas e arelas do confinamento.

    Liberación conceptual

    Na miña opinión, o parágrafo final fala dunha máquina de rapar, como dixo César Ariza, así que non teño dúbidas sobre a relación texto/imaxe.
    O relato está ben construído e consegue un ritmo constante e harmónico. A atmosfera de escrita atormentada polas pantasmas das esixencias académicas coido que está ben conseguida. Hai unha presenza case surrealista, algo así como de escritura automática en base a tópicos dos estudos de humanidades. Paréceme un bo texto. Parabéns.

    Voto por DeTalles.

  13. O debate sobre a relación foto-texto é moi apropiado que salte nun relato que se titula precisamente “liberación conceptual”. Porque a miña opinión é que este texto (Liberación conceptual) é tan metaliterario que rompe coas regras do torneo á mantenta, un pouco provocando: “fago o que me peta” parece que di o autor/a “a ver ti como o valoras?” Xa nos aclarara se quer logo das votacións

    • Se o/a autor/a estanos a “tomar o pelo” co relato, entón cadra coa foto, non? XDD
      Cando eu no II Torneo me queixaba disto, remitíanme as bases do torneo onde puña que o relato tiña que tocar o tema aínda que fose “tanxencialmente”, de aí o cortapega de Lois Z coas miñas declaracións. Nas bases deste III Torneo pon que o relato ten que estar “inspirado” na imaxe.
      Mentres no se aclare este punto ben aclarado, coido que estaremos dándolle máis voltas a isto ca a regla do fóra de xogo do fútbol

      • jejeje…. aí está a conexión, Ariza. ou iso ou aceptar que a idea de liberarse da foto como un xogo metaliterario igual é un xeito de cumprir coa regra. Algo parecido fixo Botana con “cona! un astrolabio?” pero no final dese texto aparecía o fío que o ataba coa foto… esa “inspiración” (lixeira e un pouco fóra de foco) de que avoa que era como un sol, etc…

        Sobre o outro tes razón. É moi diferente escribir sobre palabras que sobre imaxes e a valoración do cumprimento é moi diferente. Curiosamente a imaxe semella constrinxir menos. Eu inicialmente pensaba que ía ser ó contrario, pero resulta que non, porque os votantes tamén valoran o xeito orixinal de achegarse á foto. De espremela.

  14. Bueno, eu acostumo a votar o relato coa historia que máis disfruto, e neste caso será DeTalles: pareceume ameno, unha historia entretida. Creo podería chegar a gustarme máis se tivese máis descripcións, gustaría me saber máis, coñecer máis as personaxes, pero as palabras dan para o que dan. Liberación conceptual está ben escrito, é un bo relato tamén, pero o da metaliteratura non me chega moito.

  15. «Liberación conceptual»
    O centro da imaxe é a cabeza dunha muller, e diso vai o relato: «[…] a causa estaba máis arriba, no diálogo entre amígdala e codia prefrontal». Non teño claro sequera que fale do concurso, ou si podería, mais tanto ten que sexa ese proceso creativo ou calquera outro. Paréceme unha escritura moi libre no bo sentido (se é que o ten malo). Explora con mestría pensamentos de distinta índole nun marco conceptual coñecido para todos. Paréceme un exercicio de mérito e ben executado.

    O final non pode ser unha máquina de rapar, está a falar de facer o humus (e a carga simbólica que ten para a protagonista), relata como se colle un túrmix deses: «palma, pinza, puño». Non se vai sorprender pola «voltaxe do trebello» (supoño que quería dicir potencia) e moito menos vas agarrar unha máquina de rapar con dúas mans (facede a proba).

    «DeTalles»
    Era un dos camiños probábeis para esta imaxe, mais o complicado era facelo así de ben. Ten un ton consistente, non dá puntada sen fío, sabe xogar dende a comedia con varios sentimentos e logra darlle un bo feche. Gran traballo.

    Son dous bos relatos, ambas persoas merecían estar na seguinte rolda. Quedo por pouco con «DeTalles».

  16. Calidade suma en relatos totalmente opostos. Lembroume a unha das miñas cancións favoritas de Nacha Pop.

    DeTalles. Parabéns ó cerebro que deseñou este relato. Mestría pura. Intelixencia. A mención á escopeta maquilladora é simplemente xenial. Foi directamente ó meu cerebro reptiliano, coma o torpedo de Skywalker no episodio IV.

    Liberación. Felicitacións ó corazón que hai detrás deste relato. Non me fagades moito caso, que eu non sei moito disto, pero creo que o seu principal defecto é que é unha magnífica poesía. Digna de premio. Triplicade o número de enters.

    “Sentiuse percorrendo unha coxa entre os garavanzos,
    escorregadiza,
    morna;
    redondeada e dura no xeonllo,
    morder durante o acto.
    Sadomaso con Erich Fromm,
    mercadotecnia emocional […] a electrochoques
    comunicación de masas,
    Skinner, Naomi Klein e as vellas pantasmas.
    20:00, aplausos”.

    O meu voto vai para Liberación.

  17. Coido que o debate esta a ser moito mais interesante se cabe que os relatos !!!!!! E broma!!!
    A verdade e que me gustaron os dous. Moito. Desta volta os que mais .
    Gostame especialmente o plantexamento de De talles, estético, divertido.
    Pero o relato en sí gustoume mais Liberacion conceptual.
    Para el vai o meu voto

  18. Pois ata aquí cheguei e que ben o pasei!!
    Antes de nada dar as grazas a Biosbardia, Cesar e demais xente detrás disto. Está a ser unha experiencia excepcional de aprendizaxe e de espírito crítico fronte a lectura.
    Segundo, a imaxe. Coido que un título claro desta relación tería sido “Divagacións sobre a man e a violencia, entre outros, trala contemplación dunha pinza do pelo” pero parecíame longo. Ao final si que hai que decilo case todo. : )
    Intuía que ía ser o meu último relato así que fun a liberarme de conceptos e ideas que me gustaria tocar e foiseme a medida. Faime gracia cando Lois comenta o de que e a felicidade, ou a liberdade?. A felicidade non, pero tratei de apuntar sobre o amor, a memoria, o trauma, a aprendizaxe, a liberdade, a sexualidade, algo de política, relixión …o dito, foiseme a man pero cando menos a prota fica liberada … aínda que incomprendida.
    Parabéns a Botana, quedoulle un relato DePerlas. A por todas na semifinal!!
    Finalmente grazas a todos os autores, e autoras aprendo con vós e de vós. Lémonos!!

  19. Graciñas a todos por darme a oportunidade de volver á cúpula do trono en semifinais, prometo deixar moito sangue na cancha para divertirvos (seguramente meu). Gustoume moito facer este relato, creo que se nota e que por iso vos gustou tamén. Pensade que ten dobre mérito porque estou máis calvo ca unha bombilla e hai uns tres anos que non piso un salón de peiteado…

    En canto a “Liberación conceptual”, parabéns Mari por facer deste derbi (os dous temos lugares comúns ata nos relatos) algo tan intenso. Como apuntou Marcos o relato, aparte do enorme valor lírico e da potencia emotiva e narrativa que posue, ten o gran mérito de prender un gran debate. Algo que se botaba moito de menos aquí. Se en vez de humus fixeras rapa… penso que a balanza podería ter cambiado. Prométenos traer outro derbi a este estadio virtual.

      • Gran idea! un exercicio post-torneo de pequenos micros de despedida, xa sen votos, todos xuntos: que xuntos máis fortes. Xuntos nos trunfos e xuntos nos fallos tamén 😛

    • o relato de Msol Gándara expándese nos comentarios que debaten sobre se o texto ten que ver coa foto ou non, deberían formar parte do relato como un apéndice

    • Que me corrixa Lois, pero nos torneos nos que se inspira isto existía algo parecido, de nome: CIRCO. Podería ser grandioso.

      • si, o CIRCO era un concurso a 20.000 caracteres (5-6 folios de word), de tema libre, no que cada participante enviaba o seu relato, despois publicabanse todos xuntos e durante un mes comentabamolos entre todos. Para manter o anonimato cada un tiña que comentar tamen o seu propio relato e a veces era interesante iso. Despois, ou durante, enviabase a valoracion de cada un por privado (de 0 a 100) a un moderador e poñiase a clasificacion final ó cabo do mes.
        Para facelo en BB co mesmo formato haberia que adaptalo.

  20. Unha vez fixemos un concurso no que cada un tiña que enviar o mellor relato que lera nunca (a ver, ou o que lle apetecese mandar). Aparte diso a mecanica do torneo funcionaba da mesma forma. Eu mandei un de Stanislaw Lem. O ganador foi o principe feliz de Wilde. Foi unha experiencia interesante tamen. Para ler bos relatos, para analizalos e para ver como os analizan os demais.

  21. Se queredes máis exemplos de competicións, a editorial Literup fixo 4 edicións dunha chamada Inventízate (https://www.literup.com/contest/10) consistente en enviar un relato cada mes de ata 500 palabras, cumprindo 3 regras que variaban mes a mes (tipo que todo o relato acontecese na lúa, que aparecese un león, que fose de alta fantasía, que usases 6 onomatopeias, un tipo de narrador concreto…). Un grupo de avaliadores comprobaba se os relatos cumprían todas as normas (se non, a puntuación disminúe 1/3 por cada punto fallido) e a cada competidor se lle enviaban 3 relatos dos cales tiña que facer unha crítica (pros e contras) e puntuar. Era moi guai porque as normas forzaban a aprender conceptos literarios e a saír da zona de confort -se tocaba algo como escribir alta fantasía ou incluir diálogos, tiñas que facelo e xa.

    • Aquí o que propón Leticia sería unha especie de escola literaria Biosbardia. Paréceme unha boa idea, sempre que haxa unha masa crítica máis ou menos comprometida, tanto para escribir como para comentar. Logo de que remate este III torneo podemos falar e debater entre todos e todas. Encantaríame que a revista puidese acoller iniciativas coma esta. E, persoalmente, póñome á vosa disposición para o que faga falta. Graciñas, duelistas!

    • o de inventizate está moi ben, pero require un nivel de traballo maior que o torneo. Eu participei e fun avaliador nas duas primeiras edicions, eramos 4-5 avaliando e usabamos unhas ferramentas xa adaptadas pola propia web. Pensa que enste mesmo torneo algunha xente xa deixou de comentar, e esta edicion é das boas porque de momento ninguen se retirou, pero noutras edicions si que houbo autores que o deixaron na metade. Tamen en inventizate a veces a xente non comentaba ou enviaba relatos sen cumplir ningunha das normas, ou habia discusions sobre se as cumplian ou non. Tería que facerse unha adaptacion realista ós que somos e ó tempo que temos e non sei como quedaría a cousa.
      Ademais, inda que ese tipo de concursos son bos para practicar a verdade é que raramente sain bos relatos de aí, porque as constriccions eran tantas que o reto era mais o lograr un texto que recollese ben as 3 normas que o facer un bo relato.

      • Si, Inventízate require crear unha serie de ferramentas da páxina e que haxa quen supla aos que se escaquean de comentar (na última edición repartíase o traballo entre autores voluntarios). Eu suxerino como inspiración, non que teña que facerse un calco.
        Pois nas dúas edicións en que participei non me sentín constreñida (un pouco perplexa cando tocou mesturar que un personaxe tivera xirasois na man con que todo ocorrera na lúa, pero quedei bastante contenta). Vense cousas moi variadas polo xeral (e algunhas gustáronme moito, pero ese xa é o meu gusto persoal). Se vas coa mentalidade de “vou facer o que me peta”, entón igual é un problema. Nótase quen ten un rexistro amplio, “tablas” para armar unha boa historia co que lle pidas, e quen pode dominar moi ben unha técnica pero non o sacas de aí. Non é que sexa mellor ca estes duelos, o que ten, para min, é un obxectivo diferente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s