‘Por puntos’, un fresco de hoxe en día a medio cocer

Manuel Portas.

Eva Moreda.

Por puntos (Galaxia, 2019) é a novela coa que Manuel Portas levou o penúltimo premio Blanco Amor. É unha novela na que poucas cousas hai que renxan, pero que, por iso mesmo, non coido que chegue a espertar tampouco grandes entusiasmos. No fondo está, ao meu ver, unha certa preocupación do autor por agradar, por ofrecer un fresco da sociedade galega urbana actual na que o lector se poida recoñecer sen demasiados esforzos, aínda que ao final o que sucede (como moitas veces é o caso con este tipo de novela) é que o que recoñece o lector non é tanto a súa realidade senón outros retratos desta realidade que coñece a través doutras novelas, da televisión, de conversas de bar ou de memes de WhatsApp. 

A escusa elixida para presentar este fresco non é un bar nin unha asociación veciñal (se cadra os escenarios máis socorridos na nosa contorna), senón que algo máis orixinal: unha autoescola á que acoden diversos personaxes para facer un curso que os axudará recuperar os puntos que perderon no carné de conducir. Baixo esta premisa, sucédense varias intrigas paralelas (algunhas policiais, outras sentimentais) conformando o que poderiamos chamar unha novela coral. Estas intrigas non están, en xeral, mal atopadas; lástraas a miúdo, porén, o exceso de adxectivos e en xeral de palabras (“Non sabería explicar que é o que provoca este pracer descoñecido, este regusto gregario e voluptuoso. Quizá a calor humana, intuída no rozamento inevitábel da pel das mans que se apreixan ao paraugas. Quizá o recendo á vida, o latexar dos alentos que se esparexen en vapor de auga nas bocas bafexantes. Quizá a atracción mórbida por unha sensación descoñecida, esa sensualidade inesperadamente pracenteira”). Estas pasaxes acaban pexando o ritmo do que se supón que debería ser unha novela de lectura lixeira (varias veces tiven a sensación de que o que nos está a contar Portas funcionaría mellor como unha serie da TVG). Hai momentos en que se reproduce a fala oral de xeito moi conseguido (“Que dis ti? Como que rapasa? Ti vas ter que poñer ghafas! Polo menos é do tempo da miña nai. E oíches a vosiña aqueloutrada do paisano? Ola, Marité. E paresía parvo cando o compramos”), e é unha mágoa que estes excesos expresivos rematen por pexar estas pasaxes tamén, por pura acumulación de frases feitas.

Pero, máis aló da trama, son os personaxes, como xa adiantei antes, os que se supón que deben levar o peso da novela e cativar o interese do lector. Non hai aquí sorpresas: como podiamos esperar, preséntase un grupo diverso en canto a clase social, trasfondo, condición sexual, etc. Entendo que non se trata tampouco de caer en profundidades sociolóxicas ou psicolóxicas, pero si que hai construcións de personaxes que renxen un pouco, motivadas como parecen estar polo afán de presentarlles aos lectores un ready-made que poidan recoñecer, aínda que logo non vaia aló moi acorde cos tempos: eu non sei, por exemplo, se resulta moi crible que unha muller nacida nos primeiros 80 e con certa educación non tivese de máis nova máis horizonte ca casar, estar na casa e coidar dos seis fillos que o home (vendedor de electrodomésticos) pensaba ter, a non ser, se cadra, que esteamos falando de membros do Opus Dei, que non é o caso. É se cadra nos personaxes cun puntiño friqui (a viúva dependenta nun bazar, o profesor de autoescola misóxino e sobre todo o opositor a ensinante e programador no tempo libre) onde este fresco do que falaba antes está máis conseguido, e sería interesante ver que pasaría se Portas lles dese máis peso e liberdade a estes personaxes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s