‘Mudanza’, desamor en carne viva

Xurxo Chapela.

César Lorenzo Gil.

Mudanza é un breve libro de poemas (17, repartidos en 33 páxinas), que o carballés Xurxo Chapela publica en Positivas. O tema do libro é o desamor, a ruptura dunha parella desde o punto de vista subxectivo do propio autor, que se identifica nun verso: “Chámanme Chapela desde que teño memoria”. Case todo o libro está escrito en prosa poética. A maioría dos poemas son longos aínda que hai algúns breves ou hiperbreves.

Facer poesía sobre o desamor no século XXI non é tarefa doada. A lírica intimista creada hoxendía ten que enfrontarse a varios dilemas: o primeiro e máis importante, a orixinalidade: para que escribir dun tema do que se leva escribindo milenios? A voz ten que soar nova malia inserirse na propia tradición, unha tradición, a galega, acugulada de exemplos de lamentos pola perda do ser amado desde o século XIII. E o segundo atranco que debe ter en conta o poeta é a competencia doutras expresións menos cultas, máis populares, na transmisión da mensaxe amorosa en todas as súas facetas: a canción, coa evidente depauperación do discurso pola constante explotación comercial do campo semántico dos sentimentos amorosos, polo mantemento do muíño industrial dos retrousos da canción do momento destinada a soar na radiofórmula. Como rachar a arañeira de tópicos? Só a través da evocación das imaxes mediante combinacións de palabras non desgastadas.

O autor consegue saír de ambos desafíos a medias. O libro ten moi bos poemas: “Tarde de cade(l)as”, “O Mesías da cinta adhesiva”, ‘Tatoo e brackets’. Outros teñen unha revisión pendente: nos poemas en prosa, ás veces, o autor esquece o ritmo e se ennobela nunha sintaxe complicada que só consegue que a mensaxe se perda no oco das frases.

Desde fóra, este libro parece aínda quente coma unha brasa. Parece que a voz aínda chora sobre as páxinas. Sobre algunhas, noutros poemas agradécese o distanciamento, a capacidade para fermentar as emocións e convertelas en versos/frases con altura literaria: “Miras o teléfono, na miña man, como a unha necrolóxica: «Esa foto xa cha lin nun poema»”; “Funte esperar á parada de Sevilla co paraugas que nos roubaron, pero nunca chegou o 9”.

O libro está composto basicamente con linguaxe coloquial, algunhas veces moi marcada. Falta, non obstante, nalgúns casos, traballar a precisión das palabras, levalas do bico da lingua ao oído, pensalas para que realmente digan o que queren dicir.

No relativo á composición literaria, Mudanza é irregular. Cae moitas veces en defectos formais: rima interna: “sucedendo sen o teu consentimento”; adxectivación evidente: “soidade cadavérica”, “ese rego perfecto entre o nariz e o beizo”, “orgasmo rotundo”; regusto a cancións pop: “Todos os trens que me levaban a ti descarrilaron”, “Se teño que escoller entre vivir ou ti”, “suspendín o exame da túa álxebra”; clixés: “madrugamos tanto que nin estaban postas as rúas”; cacofonías: “agora podo dicir que estiven en ti seguro de que non estivera en ti antes, nun corpo mellor antes”.

Mudanza necesita repouso. Así publicado parece un esconxuro, coma se colocando as palabras, os recordos, as imaxes que mancan, sobre o papel desen desaparecido das entrañas para sempre.

♦ Mudanza, de Xurxo Chapela, Positivas, 2019. 33 páxinas. ♠6€

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s