Rubem Fonseca, a grande arte da lingua do pobo

César Lorenzo Gil.

Rubem Fonseca visitou Galicia no tempo de San Miguel do ano 2004. O Centro PEN Galicia agasllouno aquel ano co Premio Rosalía, que recoñece o contributo de escritores nas linguas próximas ao galego: castelán, éuscaro, catalán e portugués. Premio que segue a darse hoxe, único destas características no noso contorno. Con 79 anos, o autor carioca, un dos máis prestixiosos e populares no Brasil, descubriu de repente Galicia. As crónicas recordan varias das anécdotas do seu paso por Santiago e Padrón (onde visitou a Casa de Rosalía). “Este pazo de Fonseca quedou para min. Tomo posesión como Fonseca verdadeiro”, brincou durante o discurso de aceptación do premio no senlleiro espazo compostelán.

Odiaba as entrevistas. Requichaba o fociño cando vía un xornalista perto. Na visita á Matanza, Helena Villar Janeiro, que foi unha das súas guías, íalle facendo preguntas case ao escuso, que el contestaba entre dentes. Naqueles días en Galicia animou os autores galegos a manteren a lingua propia viva na escrita, “non escriban en castelán nin en portugués, escriban en galego porque a súa lingua ten futuro”. Emocionado, chegou a anunciar que a partir dese momento se ía converter en embaixador das Letras Galegas no Brasil, e aínda na Suramérica toda. “No Brasil somos 180 millóns de galegofalantes e nin sequera sabemos que o somos”. Ofreceuse a levar ás bibliotecas do seu país libros escritos en galego e prometeu voltar a Galicia. Nunca o fixo. O 15 de abril do 2020 morreu, camiño do hospital, no seu amado Rio de Janeiro, onde viviu a maior parte da súa vida.

Rubem Fonseca foi un dos poucos escritores da literatura universal capaces de gozar do favor do público sen necesidade de sacrificar a súa ambición literaria. Ou talvez logrou ser querido polos lectores grazas a que conseguiu algo só ao alcance dos mellores: converter en arte a vida mediante formas accesibles e atractivas para un amplo número de lectores. Varias das súas obras foron trasladadas ao cinema e á televisión e entre o seu amplo repertorio de premios recibiu o Premio Camões, o máis alto galardón das literaturas en lingua portuguesa.

O seu primeiro libro publicouno con 38 anos. Titulado en Dereito, traballara na policía (chegou a ser delegado, o equivalente a comisario) antes de converterse en avogado penalista con moitos clientes pobres e mais escritor, con moitos protagonistas pobres.

A traxectoria literaria de Fonseca está chea de acertos. Mestre no relato curto, deixou para a posteridade, polo menos, tres obras mestras: A grande arte, Bufo & Spallanzani  e Agosto. O escritor é imprescindible para quen ame a boa literatura por varios motivos. A súa capacidade de narrar o tempo no que vive e definir os personaxes e atmosferas cunha grande economía de medios. Sabe ir ao gran coma ninguén e os seus relatos son escola para aspirantes a escritores polo dominio das técnicas narrativas modernas. El logrou para as letras brasileiras sublimar a denominada linguaxe cinematográfica, afastala da súa función eminentemente práctica para elevala a un xeito de narrar profundamente popular, por veces vulgar mais profundamente persoal e literario. Pódese dicir que Fonseca foi quen de poñer a bailar a lingua dos botecos nos máis fermosos salóns da poética.

Fonseca sentíase moi cómodo no xénero policial. Permitíalle contar o que quería sobre a corrupción, a desigualdade, os abusos, o poder do diñeiro e a dor da miseria. E nas súas narracións xamais caeu nin no esquematismo nin nos preconceptos, fosen estes sociolóxicos ou literarios. Describiu co mesmo pulso de verosimilitude as angueiras do carioca criminoso, do pai de familia mulato ou preto que a duras penas dá mantido a familia sen un flirte coa ilegalidade. Adentrouse comodamente no luxo da clase alta brasileira (unha das máis exuberantes do mundo) e cinxiu coma poucos o realismo sucio, o “brutalismo”, co culturalismo.

Rubem Fonseca e Helena Villar Janeiro, no 2004, durante a visita á Casa de Rosalía, en Padrón.

Mais como calquera grande entre os grandes, a literatura de Fonseca mídese na súa capacidade expresiva. Nos contos e novelas do autor respírase a verdadeira lingua fluminense. Non cómpre pensarmos que cada substantivo ou adxectivo está tomado directamente tal cal se fala na rúa. Sería absurdo tomar a Fonseca como un notario da expresividade popular. El ía moito máis lonxe: servíase do magma que fora aprehendendo durante décadas para crear unha nova koiné, unha forma recoñecible de brasileiro literario, moderno, poderoso e autosuficiente para narrar un cambio social no que o propio Fonseca se integrou, quizais sen ser totalmente consciente. O autor viviu a transformación da antiga capital brasileira, cidade maravilhosa, baía balneario, motor do Brasil culto e creativo, froito suntuario da orde e o progreso do réxime de Getúlio Vargas, nunha metrópole carcomida polo inxusto reparto da riqueza, decadente no político e no económico, aferrada ao seu propio simbolismo e á beleza dos tempos pasados. Nos palabróns, nas descricións crúas das paixóns humanas, foi Fonseca anunciando, coma un arauto lúcido e brutallán, a perversión do capitalismo curtopracista e cruel cuxo meirande símbolo é o círculo de favelas situadas nos morros da cidade.

As súas obras máis representativas están publicadas en Portugal por Sextante Editora. Algunhas delas tamén foron traducidas ao castelán. Destacan as versións de Basilio Losada (Seix Barral e RBA).

Para nós, os galegos, Rubem Fonseca pasa por ser talvez o máis influente autor brasileiro sobre a nosa literatura. Dun xeito explícito, o autor de Feliz ano novo é mestre de Bieito Iglesias e do primeiro Diego Ameixeiras. A outros moitos gustaríalles ser Rubem Fonseca, cando o lean.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s