Alberte Momán: “Gustaríame ser o Stirlitz da saga de Semionov”

Alberte Momán. ADRIÁN FERREIRO

Iniciamos a sección ‘Biblioteca ínima’ nos andeis, tamén nos da memoria, do escritor e editor Alberte Momán. Convidamos tamén a ler a súa obra. O seu título máis recente é Terra Nullius (M editora, 2020).

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Non sabería escoller un só libro ao que puidese denominar obra mestra. Foron moitos os que me marcaron. Pode que a primeira obra que espertase en min un sentimento de adhesión á causa literaria e que me levou a usala como patrón ou canon estilístico foi O Arrancacorazóns, de Borias Vian. Aínda que non é unha obra descoñecida. Tampouco é un  libro recoñecido como candidato a obra mestra.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Ulysses, de James Joyce

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Condicionado polas obsesións destes últimos tempos, diría que con Iulian Semionov. Se teño que escoller un autor vivo, por proximidade, pode que escollese a Xurxo Borrazás.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Con Michel Houellebecq.

Un libro recente que lle gustase moito…

Vou escoller un libro sobre o que teño sentimentos encontrados, pero que me parece excelente pola escrita, polo ben documentado e por algúns outros motivos que me obrigarían a retomar o libro para poder enumerar: El hombre que amaba a los perros, de. Leonardo Padura.

Unha novela que non puido terminar…

Un hombre enamorado, de Karl Ove Knausgard. Un libro que teño pendente dende hai moito, pero non consigo rematar.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Gustaríame ser Stirlitz da saga de Iulian Semionov.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Nunca precisei reconciliarme coa literatura. Ambos soubemos manter as distancias, buscando encontros desexados e ausencias necesarias. A Covid19 provocou que tivese máis tempo libre para ler, obrigándome a permanecer na casa. O que, dalgún xeito, é unha reconciliación, xa que o traballo nos mantiña afastados.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Agora mesmo teño Homenaje a Cataluña, de George Orwell, na miña lista de pendentes máis desexados. Aínda que a Variante Española, de Iluliam Semionov sexa ao que lle teña máis ganas. Aínda non o conseguín, estou negociando cun tipo a adquisición dun exemplar de ediciones Júcar de finais dos anos oitenta. Con iso, poría fin á montaña de libros de Semionov publicados nalgún idioma comprensible para min. As referencias de Padura a Orwell e o que puiden descubrir do traballo de Semionov, coido que podo ir tecendo, con eses volumes, unha idea do que foi a Guerra Civil.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Calquera dos libros que me gustan. Pode que os máis elaborados e documentados. Pero, nese sentido, coido que teño a mesma incapacidade de Poe para escribir novelas longas. Por motivos distintos aos del.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Hoxe non tería escrito, ou polo menos dese xeito, o meu primeiro libro, pero non me gustaría que desaparecese, foi o inicio dun proceso de experimentación que me levou onde estou hoxe. Proceso que, por suposto, non dou por concluído.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Non, como con todo, son moi pouco constante. Se os diarios se puidesen escribir nun par de horas, completaría varios diarios por día. Non contaría o que realmente me aconteceu, senón o que imaxino que me podería suceder ou, simplemente, o que acontece na ficción do meu cerebro.

Cando teño que tomar nota de algo referente á literatura, evito pensar noutra cousa durante uns minutos, até que o teño tan interiorizado que non sabería diferenciar a ficción da realidade. En canto teño un minuto, escríboo e volvo á normalidade, onde todo é discernimento.

Escribirá as súas memorias?

Non teño memoria. Espero que algún día, as persoas que me coñeceron se xunten para tomarlle unha cervexa e conten as cousas que eu non podería.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Boris Vian.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non é lugar apropiado para ningún libro. Con todo, probablemente fora un sitio preferente para os libros de historia de España.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Recordo un libro co que non puiden no seu momento, cando no bacharel se nos recomendou como lectura. A nosa cinza. Lembro que incluso unhas das profesoras de lingua nos recomendara obviar aquela proposta. Hoxe, nin recordo de que ía.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Cando eu era aínda un neno, os veciños do lugar onde vivía xuntáronse para buscar unha solución ás fochancas que había no camiño que conducía ás casas. Como o concello non quería asfaltalo, chegouse ao acordo de que o consistorio poría os materiais e os veciños cementarían a estrada. Dende aquela, gardo sempre na memoria O Valo de Manselle, de Anxo Angueira.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Hai algún clásico que non estea, a estas alturas, sobrevalorado? Supoño que non son a persoa máis indicada para responder esta pregunta. Supoño tamén que vai depender das variables a considerar á hora de lle outorgar valor a un clásico. A miña apreciación é que resulta complexo falar abertamente do valor dos clásicos, en calquera das súas formas, porque, como pais subalterno, sempre se considerou que eran precisos os mártires e as glorias (literarias) para lle dar sentido á construción da identidade nacional, facendo unha relación case matemática, cantas máis glorias máis identidade. Sempre poño como exemplo o Día das Letras Galegas, que vén sendo como o da Inmaculada Concepción pero algo menos relixioso. O protocolo é recrear a voz de algún morto, e ben morto despois de dez anos, e proporcionar un sentido á recreación desa persoa. Os sentidos poden ser diversos. Serán asépticos e edulcorados para a cultura oficial, como cando se fala de Castelao “aquel extraordinario debuxante”, ou poden posuír un sentido reivindicativo e de re invención da causa, se nos achegamos á facción oposta.

Ninguén pensa na evolución dos clásicos, en que as persoas que hoxe teñen algo interesante que dicir –non é o meu caso– beberon dos clásicos e que, postos a inventar, poden proporcionar unha perspectiva actualizada do seu discurso, incluso poden erradicar a imaxe dalgún clásico por rancia e caduca, amplificando unha visión dinámica e viva da actualidade dunha identidade nacional que ninguén ten claro o que significa, pero que a todo o mundo se lle dá por reivindicar.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

As receitas de cociña de Cunqueiro, supoño que é un bo agasallo.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s