‘Máscaras’ vs ‘Ruído de trens’

Semifinal do III Torneo Biosbardia entre Natalia Otero e Fran Fernández Davila.

Ruído de trens

Fran Fernández Davila.

A herba hoxe sabe a merda. Mastígoa con ganas porque a fame é máis forte que o noxo. Hai tempo que é así. Demasiado tempo. Chove. Algunhas din que mexan por nós, pero eu prefiro pensar que chove, do mesmo modo que penso que a herba non sabe a merda, senón que as amas a estercan para que creza máis. De aquí a un pouco acabarase a fame. En canto este campo deixe de estar infestado acabarase a fame. Cando sexamos menos, haberá menos fame.

Boto de menos as moscas porque hai tempo que non movo a cola. O único que fago é mastigar estas malditas febras de clorofila. Teño os maxilares tan grosos coma os pernís. Pero tanta musculatura non me serve para pechar os oídos. Ogallá puidera pechar os oídos coma pecho os ollos cando pasa o tren. Violéntame o paso do tren cargado de vacas. Esas caras ocultas tralas táboas, cos fociños a asomar por entre as fendas, coma tentando apañar un pouco de aire. Eses bruídos sobrenaturais son a destilación do medo. Non deberían ter medo. Este é un proceso necesario. Non podemos ser tantas a devorar o pasto ou pronto quedaremos sen el.

Disque as levan a outros sitios. Disque as devolven ao país das vacas, que nunca deberon saír de alí, e que agora lles pagan o billete para volver ás súas casas.

Outro tren que pasa, e canto ruído fai. Paréceme ver entre as sombras entrecortadas máis vacas, máis siluetas, máis contornos de corpos de distintas proporción; corpos grandes, corpos medianos e perfís de pouca idade, pequenos descendentes da fame que nos asola, garabullos aínda por criar. Sinto calafríos nas costelas, pero é normal, esquecín pechar os ollos.

Hai algunhas neste prado que se incomodan, que berran e protestan. Non soportan a visión das vacas. Esas son as idealistas, as que poñen a ideoloxía por diante do ben do prado. A súa voz é mais molesta que o zunido do tren cando esvara polos ferros inzados de resío. Deberían levalas a elas. A súa voz é sonora e persistente. A súa voz barréname os miolos polas noites, sobre todo polas noites, cando as azueiras se vencen para durmir.

Din que esas vacas antes eran coma nós, que eran parte das nosas, que os trens levan chifrando toda a vida sobre os raís, e que sempre van cargados de vacas coma nós. Atrévense a chamarnos vacas, a dicir que un día aparecerán as amas polo noso prado e que nos levarán a todas, non só as revoltosas senón todas sen excepción. Insúltannos, chámannos vacas inconscientes. Suxiren que vivimos apampadas, que miramos os vagóns cargados co futuro das nosas fillas e pensamos que é o futuro doutras. E non é así, o meu futuro está agora e aquí, neste fato de herba, neste bocado que me sabe a bosta. Que delicioso está este bocado que me sabe a bosta, e que me fai esquecer o ruído dos trens.

……………………………………..

Máscaras

Natalia Otero.

—Agora, todos con máscaras! A culpa é de quen deixou entrar os comunistas cagonacona! —sentiuno ouvear dende a cociña.

Porén, a ela gustáballe a idea de parecer unha cirurxiá, o que sempre quixera ser, e rasparía no peixe coma se o estivese intervindo cun bisturí. De sempre lle atraeran as vísceras e o sangue, e macanas da vida, acabaría adicándose a limpar tripas. 

Polo visto, meter xoubas nunha lata considerábase unha actividade esencial, o que a permitía fuxir daquela cova que a afogaba por todos os ángulos, dende a hipoteca ata o desemprego do fillo, que estudara filoloxía sen o beneplácito de seu pai porque iso era un “morrer á fame”. Tamén a atafegaban as paredes, que cheiraban a humidade, a cerramento, a rutina, a tempo caducado e a soños agretados. 

A máscara tampouco levaba a exclusiva de taparlle a boca. Estaba xa afeita a facelo ante as balloadas sen sentido que lle caían na fábrica, ou polas condicións precarias baixo a ameaza de que para ese posto había trescentas máis agardando á porta. Incluso por facer que non se daba conta cando o porco do xefe lle arrimaba a verga por detrás.

Aquilo non axudaba a acudir a diario a aquel intento de campo de concentración, mais si o facía poder cantar a berros mentres conducía ó mencer pola estrada baleira, darlle tres voltas ás rotondas e sentir que o mundo era dela neses minutos de camiño cheos de aire e recendo a vida silenciosa. Inda que isto, non explicaba que voltase a depilar as pernas nin a escoller os apertadores máis novos. 

Dende a cinta na que ela estaba podía velo, metido nunha peixeira no alto dunha escaleira de obra. Quedáballe a tiro para adicarlle algunha mirada pícara, mollar os beizos debaixo da máscara gozando do imaxinario e tamén renxer os dentes cando a laverca da encargada acudía alí con calquera desculpa ridícula para pousarlle as tetas enriba da mesa. 

Entre catro paredes onde nunca pasaba nada, era onde pasaba todo. O único intre no que quitaban as máscaras para romperen coas normas, espíndose da pesada madurez para equivocárense a conciencia, convertendo o confinamento do resto do mundo na súa liberdade. Pouco importaba que ela lle levase case vinte anos, ou que él só tivese contrato ese mes. Aproveitarían o seu momento, a historia que transcorría coa garantía non firmada de que só sería o que era, sen máis cómplices que os groseiros azulexos.

Chocaron as ondas dos xemidos abafados co ton dun móbil. Na pantalla aparecía o nome de “Cari”, o que fixo que el marchase subitamente abotoando o pantalón. 

Adoitaba acordarlle o fillo despois e, mentres abrochaba a bata, veulle á cabeza como prendía ultimamente porque disque nun torneo literario no que participaba non gustaban os xiros finais, o que a fixo bufar unha risa amarga. 

Sentada na friaxe da tapa do váter, soa e coas cachas inda núas, determinou que a ela si lle gustaban os xiros finais. 

Pero non ese.

20 comentarios en “‘Máscaras’ vs ‘Ruído de trens’

  1. Ruído de trens

    É moi orixinal que a protagonista sexa unha vaca alienada, conformista. Un vaca fiel ó rexime (de herba). Quere pechar os ollos ante o evidente pero ainda oe o tren pasar. O relato está moi ben, talvez o final é xa demasiado explicativo no sentido de que a vaca parecer ser totalmente consciente (polo seu razoamento) de que está equivocada. O natural sería simplemnte dicir que minten ou que inventan cousas ou que tolearon polo que sexa. Reproducir as suas palrabas tan claramente (“suxiren que vivimos apampadas”) indica que é unha frase de cara o lector (unha pista) e non un pensamento lexitimo da vaca alienada.

    Máscaras

    O relato está moi ben fiado. Semella lento, pero frase a frase vai dando nova informacion. Dar nova informacion (fisica -accions- ou emocional -sentimentos-) é para un relato como respirar. É como o que din dos tabeiróns, que se paran de nadar morren. Cos relatos é o mesmo. E este relato móvese.
    Só tiven un tropezo ó final, co tema do movil (o del, non?) e sobre todo o do torneo: o que participa é ela ou o fillo? Tampouco teño claro a cal xiro se refire ó final (a que o tipo tivo que marchar pola chamada?).
    Un relato interesante, en todo caso.

  2. Neste duelo quedo con Máscaras. Os dous son bos relatos. Gustoume especialmente o segundo. Creo que toda a historia vai ben fíada, avanzando, aportando información en cada parágrafo o que fai que a cada volta a personaxe vaia collendo máis e máis peso ata conseguir que vexamos a vida polos seus ollos. e logo ten esa brincadeira sobre os xiros finais. En ruído de tréns quizáis un pouco menos de quilometraxe, tamén quizáis sobra algunha explicación didáctica, adiviño unha comparanza coa situación actual polo medo e o confinamento. En todo caso sendo un bo relato, non me parece un texto tan redondo como o segundo.

  3. Custoume moito decir o voto neste duelo. Con vacas pasoume que ese inicio pareceume unha declaración de intencións. Un relato dunha vaca. Correxideme se erro pero e un animal moi pouco narrado sendo tan narrativo. E lenta, pausada, resilente. Non e unha vaca enganada polo exterior, está convencida da determinación a autoenganarse “o futuro está ..”
    Con máscaras pasoume que me gustou moito. Avanza moi ben pero non sei como se chega a infidelidade. Despois de toda unha recreación moi lograda non sei como de repente están ai, ao asunto. O final paréceme xenial. Aí si vin a prota. Un grandísimo relato.
    Con todo isto voto por ruído de trens.

  4. Moi bo duelo. Digno de semifinais.

    “Ruído de trens” sen ser eu ultrafán da humanización animal (son demasiado carnívoro de aldea como para iso), gustoume moito este relato por dous motivos. O cerne da vaca alienada conformista de ideoloxía rancia (conexión coa foto?), o ton surrealista do relato ten como un aire de ensoñación perturbadora nas imaxes: ese tren, as amas, o prado… son poucos elementos que a min me se me foron asentando coma un pesadelo, máis alá do que se conta, que por outro lado é moito. Non me gusta que se repitan certas imaxes, nin certas frases que rozan o didactismo cara o final.

    “Máscaras” outro bo título para o que se está a contar. Gran relato tamén, moi áxil. Pese a tocar temas que poden parecer típicos o asunto está tan ben levado que gaña moita verosimilitude. A protagonista está moi ben perfilada e esa faísca de liberdade dentro do confinamento é unha idea moi potente coa que xogar nestos días. Esta frase: “O único intre no que quitaban as máscaras para romperen coas normas, espíndose da pesada madurez para equivocárense a conciencia, convertendo o confinamento do resto do mundo na súa liberdade.” É tan boa que debía pechar todo. Non me acaba de convencer o final tal como está. (Ademais, quen colle o móbil cando está a botar un foguete?)

    Está duro… Non sei por cal votar. Despois de relelos varias veces penso que me pesan máis as repeticións de “Ruídos de trens” que o xiro-interruptus de “Máscaras”. VOTO por Máscaras.

  5. Ruído de trens. Lendo o comentario de Botana esquecinme de aventurar o que a min tamén me fallou ao primeiro: a relación coa foto. Auxe dos fascismos? Segunda guerra mundial? Xa nos aclarara al final.
    En máscaras eu creo que o que colle o móbil e él , que e o que marcha non? Ela queda ali e non fala por teléfono. Pregunto.

    • Si, si. Eu entendo iso tamén. Pero él tamén está a botar o foguete… Inda que igual teña moito sentido que o colla así de rápido. Saíndose. Un canivete prohibido, culpable, á menor sinal que traia de novo á realidade imaxino que é coma un balde de auga fría polas costas. Igual por iso ela pensa no fillo.

      • O que entendo eu: “Na pantalla aparece o nome de “Cari”” Seica é a moza de el, que o chama e el colle a chamada. E ela pensa no fillo porque ten un fillo ou da idade do rapaz co que bota o canivete (vinte anos máis novo), ou por aí lle anda. Un fillo que estudou filoloxía e participa nun torneo de relatos. De aí a brincadeira cos xiros finais. En canto o relato das vacas eu penso que a relación coa foto ben polo peor que está sacando a pandameia: medo, control social, fakes news, salvar a economía por riba da xente, etc…

  6. Un gran duelo. Dous relatos moi ben escritos, cada un co seu estilo e con moita forza. Pero, como na outra semi, paréceme que os relatos van de máis a menos. Con iso e todo, parabéns ós dous duelistas polos relatazos presentados. Fíxoseme moi difícil escoller ó gañador.

    “Ruído de trens” é moi bo relato e que a prota sexa unha vaca é “a leche” (como din no meu lugar). Parécemo a min ou este relato é unha metáfora dentro doutra metáfora? Os comemerdas somos nós porque pensamos que mexan por riba nosa cando en realidade chove e que chove cando en realidade mexan por nós? Ou ese gando que non quere ver a realidade son os votantes do partido político ao que pertence a señora da foto? O tren que pasa é a vida mesma ou é relativo aos “trens da morte” da II Guerra Mundial? Herba que sabe a bosta, ou bosta con aparencia de herba. Por pensar nestas cousas estou perdendo bocado.

    “Máscaras”. Na primeira lectura o final descolocoume; agardaba outro desenlace vendo como ía transcurrindo o relato, pero nas seguintes todo encaixa. O xiro final encantoume (é que eu son moi fan dos xiros finais). E o que fixo decantarme por este relato foron as palabras: “…darlle tres voltas ás rotondas…” que vos parecerá unha chorrada tan grande coma o Congreso dos Diputados pero a mín, un ardente apaixonado da condución que leva seis semanas sen poder coller o coche máis aló de ir ó super e voltar, iso chegoume a ialma.

    O meu voto vai para “Máscaras”.

  7. Moi boa semifinal¡
    Gustoume moito a linguaxe de Ruído de trens e a atmosfera que crea. Pode ser que haxa algo de repeticións ao longo do conto, pero penso que pasar toda a parafernaliña política ao rancho ven lle vale o esforzo.
    Penso que Máscaras está mellor escrito, ou que manexa mellor o desenvolvemento da historia. O final renxe un pouco, pero ata alí está moi ben composto, o escenario asenta ata o derradeiro paragrafo, que quizais se lle pode dar unha volta. Un relato con moito nivel.
    Con todo, a pesar de que me pinchou un pouco, o meu voto vai para Máscaras.

  8. Ruído de trens
    Concordo con (Carlos?). Gustoume a atmósfera deste relato. Tamén o estilo do narrador. Penso que é un texto ben traballado e evocador. O que me renxeu algo foi a forma na que unha vaca denomina ás outras vacas (e.g. Violéntame o paso do tren cargado de vacas). É un xeito tan neutro de chamalas que me parecería máis propio de estar a falar doutra especie.

    Máscaras
    Deste relato gustoume moito o segundo parágrafo e a parte central. Cando describe o carácter íntimo da traballadora da conserveira e cando narra a aventura co compñeiro. Paréceme que está moi ben conseguido e que che fai querer ler máis. Porén, o inicio fáiseme demasiado obvio, pouco sutil (e.g. o marido queixándose do goberno comunista, o capataz arrimándolle os xenitais). Tampouco me convenceu o final. Polo xeral non son moi afeccionado á metaliteratura e, neste caso, penso que a referencia ao torneo de relatos non se sostén sobre nada que veña antes do texto. En resumo, deixoume unha sensación agridoce. Ten partes moi boas, mais outras que para min estropean o conxunto.

    O mu voto vai para Ruído de trens,

  9. Coido que a ambos os relatos lles faltou algo de tempo para maduraren na mente e no escritorio dos seus autores.

    ‘Ruído de trens’

    Esta fábula sobre a alienación e o totalitarismo carece, ao meu ver, dun factor determinante. Unha vaca non pode queixarse das outras vacas sen dotalas e dotarse de identidades diferentes. Ningún proceso de deshumanización, e aquí a vaca actúa con emocións e razón humanas, non animais, se pode dar sobre semellantes. Simplemente substituíndo vacas por outro substantivo ou pronome sería suficiente para que a fábula gañase moitos enteiros. Esta historia recordoume outra que lin cando estaba no instituto, de Leopoldo Alas ‘Clarín’, ‘Adiós, Cordera’, que narra a despedida duns nenos da vaca coa que conviviran, transportada nun tren cara ao matadoiro.

    Máscaras

    Concordo con Daniel Ugarte en que o principio e o final do relato son mellorables. É un recurso habitual pero pouco puído o de caricaturizar os antagonistas para crear unha mellor atmosfera de identificación coa protagonista, neste caso. Malia iso, o relato ten interese e consegue captar un momento e unha pulsión. Hai traballo de pescuda psicolóxica. A personaxe principal está moi ben conseguida e o relato lese moi a gusto. É un relato realista pero imaxinativo, sinxelo pero efectivo. O final busca complicidade co torneo e paréceme bonito que o autor ou autora quixese mandarnos esa chiscadela. Penso que melloraría o final se quedase máis verosímil o coitus interruptus. Ninguén que comete unha infidelidade deixa un traballo a medio facer porque soe un móbil. Talvez ninguén pense nos terecos do fillo xusto antes de masturbarse no váter.

    Voto por ‘Máscaras’.

  10. Pouco podo engadir que non se dixera nos anteriores comentarios. Concordo con cequelinhos en que á vaca de Ruido de trens lle tería vido ben algo que a diferenciara das outras vacas para soster mellor a súa postura. E con Daniel en que o comezo de Máscaras é demasiado obvio quizais e en que o final tampouco me acaba de convencer. Dito isto, ámbolos dous relatos coido que están bastante ben, no primeiro caso grazas a unha moi coidada atmosfera e no segundo por como se vai fiando a historia con algunhas frases de moito mérito.

    Difícil elección pero vou quedar con Ruído de trens.

  11. En ‘Ruído de trens’ non me convence o ton, teño a sensación de que se intenta deixar excesivamente clara a metáfora. En ‘Máscaras’ a mención ao torneo literario pareceume fóra de lugar na primeira lectura, custoume un pouco ubicarme cos saltos de situación, pero coas relecturas gaña puntos. Ademais, aprecio máis o vínculo coa imaxe, por iso quedo con ‘Máscaras’.

  12. «Máscaras»
    Hai moi boa literatura aquí. Os tópicos do comezo coa boa escritura pasan ben. O relato evoluciona, vainos levando por camiños que non sospeitabamos e estrágase un tanto ao final, cunha referencia bastante gratuíta e unha conclusión que non está tan ben construída como o resto. Como di David, fechándoo un pouco antes quedaría redondo.
    «Ruído de trens»
    Gústame que fuxa da literalidade da máscara e vaia ao fondo da imaxe: o fascismo e a complicidade necesaria da xente. Inmigrantes que veñen a roubarnos os traballos, inmigrantes que devolvemos a gastos pagos ao matadoiro seu país. A vaca incluso se sinte culpábel por humanizalas (bovinizalas?) nalgún intre. Para min é redondo, nin sequera creo que o derradeiro parágrafo sexa explicativo, está a dar esa visión, completamente errada dende o seu punto de vista, das vacas do país «buenistas» que pensan que o inimigo é o opresor e non as outras vacas. Ten algúns parágrafos magníficos. En que cabeza cabe.

    Aínda que non está a falar de vacas, tamén podemos probar a lelo con ese enfoque. Así o que conta resulta aínda máis incómodo, porque xa non está a falar deles, igual somos máis pasivos e colaboracionistas coa opresión do que criamos.

    Quedo co «Ruído de trens»

  13. Xa me dicía a miña nai que non me métese en política.

    En primeiro lugar felicitar a Natalia polo seu estupendo relato e desecarlle o mellor para a final. Vaia Miura lle toca lidar.

    Respecto ó meu relato, quería facer un xogo co lector segundo o nivel que cada un de nós profundaba na metáfora. Dende que César me mandou a foto, quedei marcado pola imaxe de Macarena Olona, portavoz dun partido no congreso, cun traxe da mesma cor que as SA hitlerianas e unha máscara verde militar coa bandeira de España no lateral dereito. Hai quen só viu unha máscara, a situación actual, o presente. No medio todas as distancias posibles.

    A intención non era ser sutil, non era humanizar unha vaca senón, como moi ben pillou Miguel, bovinizar os humanos, a nós aquí hoxe. Algo está a pasar, queiramos velo o mirar para outro lado.

    Por último quero agradecer todos os comentarios e en xeral os de todo o torneo. Salvo contadísimas excepcións todos foron moi mesurados e construtivos. Aprendín moito con vós. Pareceume unha experiencia fantástica. Foi un auténtico pracer. Repetiría se puidese.

    Apertas fortes!!

    • Fran, xa sabes que nestas cousas inflúen moitos factores. Probablemente se tivesen votado a totalidade dos compañeiros, o resultado cambiase completamente. Ó final foron un cúmulo de circunstancias que se foron dando e fixo que me colara 😂
      Eu pola miña parte, só podo renderme ós pés do autor de “A xusta” e “Bieito, o zapateiro”. E por suposto este último relato, que é sinxelamente brutal. Moitas grazas e seguímonos lendo!!!!

    • Muuuu!!

      Eu non recoñecín á Olona…o das fotos ten cousas bóa e malas. A percepción de cada un da imaxe está máis gravada a fogo. Gran torneo, maese Fran. Molaba unha revancha morte na cúpula do trono. Queda para outro torneo, vale?

      Natalia, non te me olvides de que Fran fixo tamén “Néboa”, un dos meus favoritos do torneo. E iso de que te colaches… nada. Repasemos: Fran gañoume a min, ti gañácheslle a Fran. Case me gaña Ugarte, ti gañácheslle a Ugarte… Eres a rival máis implacable que me puido tocar.

      VIches a foto?

      • Vin vin…

        Eso de implacable… Que llo esteas decindo a unha que mide metro e medio, colle ese tinte de humor intelixente que tanto te caracteriza xD
        Esto xa sabes que depende de moitos factores. Nesta última volta non votaron tódolos compañeiros, e en anteriores duelos houbo que desempatar con votos externos… En fin, que ó final todo son circunstancias que se van dando, e podía ser eu ou outra.
        O que si tiña claro de unhas semanas atrás é que ti serías o finalista. O que menos me imaxinaba era que sería eu quen se batera contra ti na final, que creo que teño menos posibilidades que un agaporni nunha colonia de gatos. Pero moi honrada ó mesmo tempo de que así sexa, señor Botana. Non te portes moi mal! xDD

  14. Pois que dicir… nin mo creo. Non teño palabras!!!! Por suposto, xa dispostísima a morder o pó contra o que considero un dos pesos pesadísimos do torneo, pero contentísima por chegar ó final!
    Para min este torneo supuxo unha vía de escape á miña vida diaria, que nestos días a anacos, resultoume un pouco difícil. De aí que, supoñendo que este sería o meu último relato, quixera facer mención ó torneo, por tódolos bos momentos que me dou.
    Moitísimas grazas a todos! Por perder o tempo en analizar os meus pequenos trozos de alma e todo o que me fixéchedes aprender! Insistirei ata que vos cansedes en que é un luxazo ter comentaristas de tantísimo nivel literario coma vós. Grazas tamén a César por propoñermo. Dame pena que se acabe, e igual que o meu flamante compañeiro de semifinal, non dubidarei en repetir! Non podo estar máis feliz. Gracias!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s