‘Sobremesas’ vs ‘O enterro do Doutor Salk’

MÓNICA CASTRO.

Semifinal do III Torneo Biosbardia entre David Botana e Daniel Ugarte.

O enterro do Doutor Salk

Daniel Ugarte.

Morte nunca asistía a enterros xudeus. Se non o facía era, principalmente, por unha cuestión de respecto. Sabía que o Talmud prohibe ollar o rostro dos defuntos, e quen era el para forzar toda unha comunidade de crentes a contradicir os seus preceptos, presentándose na cerimonia coa cara descuberta?

Así e todo, esa mañá, Morte dubidaba. Por moito que quixese convencerse, sabía que Jonas Salk non fora só un home con anteollos. Durante media vida humana, Morte aborrecérao. Considerárao un ser arrogante que cometera a ousadía de desafialo. Un ambicioso obsesivo que lle estragara o seu labor de milenios. No entanto, o falecemento do Doutor Salk non lle causara a sensación afagadora que Morte agardaba. Ben ao contrario, vía a ansiedade que estaba a experimentar como un sinal de que lle debía a deferencia de participar nas súas exequias.

Decidido, Morte abriu o roupeiro e vestiu a gravata de loito. O traxe gris marengo aínda ulía a alcanfor. Da gabeta retirou o estoxo que contiña dous ollos de vidro con pupilas de acibeche. Sacou tamén un pano de fío holandés. Era aquel co que adoitaba enxugar a suor do esforzo en tempos de guerra. Coseulle elásticos nos estremos e cubriu o rostro. 

Morte viaxou a San Diego e entrou no camposanto. Evitou as cámaras, mais tivo con cada un dos asistentes cos que se cruzaba un aceno de cortesía. Os máis deles respondían coa cabeza mentres pronunciaban, Doutor. Imaxinou que, por causa da máscara, o tomaban por un colega do falecido.

Chegou xunto a sepultura pouco antes de que o rabí comezase a oración do Tziduk Hadin. Pousou unha man sobre o cadaleito e sorprendeuse de que fose o Doutor Salk quen comezase a falar.

—É vostede? Comezaba a dubidar se viría. 

—Eu tamén dubidei. Desculpe o atraso.

—Síntome honrado de coñecelo. Quería agradecerlle que non me reservase unha agonía longa e chea de sufrimento. Temía que me gardase rancor.

—Rancor? É posíbel. Todos odiamos a quen nos descobre os defectos, a quen nos fai sentir incapaces. Por sorte, en ocasións, desa frustración non abrolla a vinganza, senón o respecto. Doutor Salk, vostede foi quen me fixo ver que me volvera un nugallán. Grazas ao seu desafío, redescubrín o pracer de crear virus complexos. En verdade son eu quen ten que estarlle agradecido.

—Non sei se consideralo un cumprimento.

—Con certeza que o é. De feito, se vin hoxe foi para preguntarlle unha cousa. Doutor, pensou vostede no que vai facer de aquí en diante? A espera polo Mesías pode parecerlle longa a quen permaneza desocupado.

—Debo admitir que non. Nada planifiquei. Non podía saber que era o que ía atopar deste lado.

—E por acaso, consideraría vostede traballar comigo? Podo ofrecerlle un laboratorio con  medios case ilimitados.

Tan pronto como a sepultura se cubriu de terra, Morte axeonllouse e o subsolo tremeu. Millóns de microorganismos devoraban o cadaleito. Sen dúbida, converteríanse nos primeiros cultivos dos novos experimentos do afamado Doutor Salk. 

…………………………………….

Sobremesas

David Botana.

Atópome co vello no súper. Os nosos dedos plastificados rózanse na captura da mesma bandexa de iogures. É curiosa a incomodidade, medo incluso, que agora sentimos por algo antes tan anecdótico. Déixollos, claro. El méteos no carriño, xunto a outras vinte bandexas: melocotón, amorodos, con e sen cachos, vainilla, Oykos de maracuiá… Hai variedade e certo luxo dentro do monográfico lácteo da súa compra. Baixa a mascariña para darme as grazas cun sorriso. Entón caio, o do terceiro, de cando vivía con Mario no Paraíso. Sempre saudaba así, rindo, sen poñer a típica cara de «vello xulgando maricas». Lembro cando mo atopei a durmir no coche e de como ao día seguinte se veu explicar, avergoñado. Ás veces a muller non o recoñecía polo alzhéimer e botábao da casa. Se nesa época xa estaba acabadiño, agora era pouco máis cá sombra dunha sombra. A moreaza de iogures pasa de ser un chiste a un drama. Cando o volvo ver na fila posúeme o espírito de miña avoa. Dígolle que vou facer lasaña e que, se quere, lle levo unha pouca cando saque a Nixon pasear. El asente, desorientado. O fedor a abandono que emite supera amplamente as barreiras do distanciamento social. Así que, a iso das dez e cuarto, desafío o estado de alarma para que un pobre home que sempre me sorrí deixe, por unha noite, o Danone perpetuo do seu malvivir.

Son parvo. Xa o sei.

Chego e timbro, preparando mentalmente un «Déixollo aquí no portal» que el aborta abrindo cun insalvable «Sube». Fágolle caso e alá me vou, con can e lasaña. Atopo a porta aberta. Chámoo, ninguén responde. Meto o fociño dentro, a casa é tan súa coma o fedor. Entro na sala, a penumbra fai da desorde un cuadro abstracto. «Traio a lasaña!». Sae dunha porta vestindo bata e mascariña. Leva a pixa fóra, tesa coma un vimbio. Vén cara a min, desnortado, bisbando algo de que lla chupe, de cartos, de que está só; un senfín de rogos acompañados pola cadencia eléctrica da man acariñando o sexo… Non consigo procesar nin a metade do que di porque me cago vivo e só penso en fuxir. Amárrame polo ombreiro. Eu empúrroo e lisco a fume de carozo. Estou xa chamando o ascensor cando o escoito laiar, Nixon faille os coros ouveando. Fuxo coa comida e deixo o can, realmente son parvo. Volvo por el á saliña. O home está axeonllado na alfombra, chora mainiño, como perdendo o ar. O cadelo lámbelle a cara, el déixase facer, apertándoo sen forzas. «Antonio», digo con cautela. El ergue, durante un arrepiante e eterno segundo, uns ollos tristes dentro dunha caveira embozada.

18 comentarios en “‘Sobremesas’ vs ‘O enterro do Doutor Salk’

  1. O enterro do Doutor Salk

    Gustoume moito a idea da morte asistindo ó funeral dun “rival”.
    Creo qeu a explicacion sobre por que Morte non asistia a enterros xudeos sobraba. Eu optaría por empezar dicindo qeu Morte nunca asistía ós enterros e despois xa seguir con que esa mañá dubidaba. Así tamen lle da inda mais forza á idea de que asista a este en particular, sexa xudeu ou non. Acaso asiste ós das demais culturas/relixions? É necesario que o lector se pregunte iso? Parece unha tontería, pero xa é un parágrafo “perdido” (non falo do limite das 500 palabras) nalgo totalmente accesorio, e ademais o 1º parágrafo.

    O 2º parágrafo é o nucleo do relato e a idea aí contido ten a potencia suficiente como para obrigarnos a seguir lendo. Como se viste e como chega ata o ataude está ben, son como unha ponte (creo que se usa en terminoloxia musical tamen) que une esta idea (en terminos clasicos, o conflicto) co desenlace, neste caso o dialogo entre o doutor e a morte.

    O diálogo non me convenceu. Nunca é facil poñer a falar a duas personalidades, así qeu so vou entrar nun detalle: se Morte foi alí para ofrecerlle choio ó doutor (di eso especificamente), enton toda esa parafernalia do respeto ó rival era falsa, vai por interese e aqui a min aniquilanseme ambas correntes. Preferiria (eu, como lector) unha Morte que vai só rendir honores ou unha Morte que vai só na busca dun profesional. Ou que o segundo xurdise de forma improvisada. Por ultimo, non comprendo a razon de que o Doutor acepte a oferta da Morte así sen mais.

    Sobremesas

    A escena que ve o protagonita cando a abre a porta é das que acompañan a un todo o torneo. Facer que un imaxine ó seu veciño (que podería cadrar perfectamente co do 1º parágrafo) dese xeito e facelo pasar ademais como algo plausible borra a liña que separa o humor negro e do drama.
    Se a escena non estivera tan ben arroupada polo inicio e o final podería pensar que é só unha provocación facil para o lector, como tamén e facil meter o can como elemento que fai que o prota volva dentro para ter o final desexado. Un sabe que o que está lendo é inventado (sempre asumo que o que leo é ficcion porque o xulgo como ficcion) e inda asi faite reaccionar (sentir, pensar) como se fose algo real (para o protagonista é real, esa é a clave da empatía personaxe-lector).
    Pareceume un bo relato. Eu en vez de chamar por Antonio tería chamado polo can.

  2. No primeiro conto “O enterro do Doutor Salk” non fun quen de entrar na personificación da morte. Custoume e iso fixo que no diálogo tampouco acabase de entrar de todo. Ten unha idea boa pero faltoulle tempo para acabar de cociñala. Se cadra a este relato non se lle verían tanto as eivas se non tivese un rival que fixo un relato 10. Para min un dos mellores do torneo. humor, patetismo, tristeza, soidade: todos os elementos ben conxugados e equilibrados. É difícil equilibrar elementos tan dispares. Eu ata diría que o can podería chamarse Antonio. Voto por Sobremesas

  3. Parabéns aos autores, son dous grandes relatos.
    ” O enterro do Doutor Salk’ o que me pasou con este relato e que ao principio non o entendín moi ben.
    Unha vez souben quen fóra o doutor stalk, non o sabía, perdon pola ignorancia, o relato e outro e gaña amplitude. O primeiro párrafo segue a ser confuso, non sei se e para xustificar o uso da máscara. Despois os diálogos son xeniais. O respeto de morte cara o doutor, o ofrecemento, o final, parécenme creativos moi ben finados.
    Sobremesas.
    Que dicir! Pareceume xenial. Rápido en como avanza a historia e cunha sintaxe escueta, precisa para llevarnos ao mundo danone. Pura poesía láctea me pareceu. Vaina deixando aí para rematar con esa imaxe que me pareceu brutal ” o perpetuo Danone do seu malvivir”
    Outra cousa que me gustou foi o xeito de levar a personaxe Antonio da nada, facer que sintamos compaixón, abrandarnos e despois ese sátiro para volver a persoa do súper.
    Para mim ese Antonio final non pode ser nixon. E a miña interpretación e de feito sería un “Antonio, pero home” faltou quizais recrear mellor o porque volve. O can e un recurso para volver a presentarnos o Antonio real, non o satiro perverso. Seria unha mala imaxe coa que ficar.
    O meu voto para Sobremesas

  4. Como dixen na outra semi, paréceme que os relatos van de máis a menos. Como nesta rolda participan (seguno o meu xuicio) catro dos cinco mellores escritores do torneo, agardaba algo máis (culpa de tod@s vós por deixar o listón tan alto na primeira fase e nos cuartos).

    “O enterro do Doutor Salk”. Pois eu penso que aínda que este doutor fose inventado, o relato non perdería forza. O relato xa explica que o defunto é un médico que librou da morte a moita xente, a min dáme o mesmo se foi a través da vacina da polio o do Covid-19. E que o prota sexa a morte personificada é un grande acerto. Unha cousiña: por que di Morte que a chegada do Mesías se lle vai facer longa a Mr. Salk? Acaso os xudeos teñen razón e a súa relixión é a “única y verdadera”? Ou a cada un lle agarda segundo o que cre en vida? Ou é que Morte non quere darlle un disgusto ó doutor e dille iso pra convencelo do seu plan? Bueno, xa llo preguntarei eu cando vexa de preto a Morte.

    “Sobremesas”. Estou un pouco decepcionado co amo de Nixon. Se Antonio che invita a entrar e che ofrece a sobremesa, polo menos próbaa, por educación máis que nada XDDDD (Perdón pola brincadeira). Moi bo relato, ben escrito, cuns personaxes moi traballados e cunha historia persoal (a de Antonio) moi real.

    O meu voto vai para “O enterro do Doutor Salk”.

  5. Dende logo, Sobremesas é un dos relatos que van a quedar deste torneo. O primeiro parágrafo é xenial. A historia encantoume, mestura tanto sentimento que non podo deixar de envexalo. Meus parabéns ao autor.
    Gústame moito a atmosfera de O enterro do Doutor Salk, non toma un camiño nada fácil, coa personificación da morte. Recórdame en algo á Morte de Terry Pratchett, aínda que non lle vexo demasiada personalidade nin me encaixan moi ben diálogos. Con todo, paréceme que se se traballa algo máis, pode quedar un relato de dez, dende logo, un relato digno de semifinal.
    O meu voto vai para Sobremesas. Sinceramente, estou encandilado con el.

  6. Dous relatos moi distintos. Outra vez dá enorme gusto ver esa diversidade de enfoques. Parabéns aos dous autores.

    O enterro…

    É un relato clásico, correcto e convencional. A idea coido que está moi ben: sinxela pero efectiva. Os recursos narrativos nunca renxen. A orde dos acontecementos é impecable. Coido que os diálogos son mellorables porque, como xa se apuntou, nin son coherentes con ambas personalidades nin se entende cal é a natureza da súa relación. Non conseguín, tampouco, entrar nese mundo onde a Morte se sente ameazada polo descubridor da vacina contra a polio. Con todos os respectos polo doutor Salk, o adversario xoga noutra liga.

    Sobremesas

    Concordo en que é un dos mellores relatos do torneo. Hai economía de medios, sorpresas, humor, tenrura, algo de medo… Os personaxes, para o pouco espazo que teñen, acadan unha personalidade clara. Sempre podemos dicir que é máis doado para o relato realista conseguir empatía porque é máis doada a identificación entre o lector e o que le. Mais tamén corre o risco de deixarse levar polo costumismo. Neste caso penso que o autor tivo moito mérito ao espremer ao máximo os lugares comúns do confinamento, aqueles espazos que todos coñecemos para atopar iso único e ás veces incomprensible chamado literatura.

    Voto por ‘Sobremesas’.

  7. Parabéns ós autores porque ámbalas dúas historias gustáronme moito.

    No caso do Enterro do Doutor Stalk consegue crear unha atmosfera previa ó encontro que me parece unha marabilla. Mágoa que quizais o diálogo non esté ó mesmo nivel malia a que está tamén moi ben construído.

    En Sobremesas tamén me ocorre algo parecido. Toda a parte da historia que ocorre no supermercado coido que é excelente. Pola contra, non me convence tanto a segunda parte do relato. Resúltame, quizais, un tanto brusco demais nalgúns intres.

    Por moi pouco pero vou votar polo Enterro do Doutor Stalk

  8. De ‘Sobremesas’ gustoume moito a primeira metade, cun uso intelixente la linguaxe. A segunda parte causa incomodidade, e creo que esa era a intención, narrar unha verdade crúa e incómoda, pero chámame máis o universo de ‘O enterro do doutor Salk’. Si que vin a incongruencia de que a Morte estea a dubidar de se ir a presentar os seus respectos ou non pero ao final o motivo sexa ofrecerlle traballo ao doutor. Porén, non habería que cambiar moito para arranxalo, facendo da proposta unha ocorrencia de última hora.

    O meu voto vai para ‘O enterro do doutor Salk’.

  9. «O enterro do Doutor Salk»
    Ese primeiro parágrafo a min tampouco me acaba de funcionar, esfórzase en xustificar a máscara cando non era preciso: a caveira representa a Morte e a máscara o virólogo; a inspiración na fotografía seguiría a ser clara. A orixe xudía de Salk tampouco semella relevante para o relato, ou cando menos as trazas usadas non o parecen enriquecer. Podería haber un preámbulo moi pequeno para introducir a relación entre ambos personaxes, mais o seu era alixeirar porque é na secuencia na que se viste Morte para asistir ao enterro onde o relato arranca con vigor. Encántame ese parágrafo que volve amosar a brillantez que lle vimos ao autor noutras fases do torneo; cómpre reconstruír unha idea interesante dende aí, porque este relato así non acaba de funcionar. O encontro con outros asistentes e que o confundiran cun doutor tamén coido que só aporta ruído. Na última parte hai cousas de interese, aínda que segue a faltar máis implicación, algo que lle dea carácter á narración, que afonde na relación pasada e na posíbel futura dos personaxes. Coido que o peso do torneo acabouse notando nun participante que sen dúbida está entre os mellores do torneo, mais non tivo o seu mellor momento na semifinal. Parabéns en calquera caso, será un pracer seguir léndoo en diante.
    A elección dun doutor real paréceme igual de ben ca un de ficción, para min non muda nada.

    «Sobremesas»
    Forma boa parella co do salón do peiteado como contos deste tempo. Comeza moi ben, directo, preciso, creando as sensacións oportunas. Mais non ía funcionar sen un cambio de ton, a tenrura até o final non abondaría. Esa variación de rexistro chega da forma máis inesperada co esperpento. Non era doado saír de aí con éxito, tanto para o protagonista como para o autor, mais lográrono. O relato precisaba dese regreso onda o veciño, para volvelo humanizar. Non sei se o recurso do can é o mellor, dende logo que foi efectivo. Encántame como é capaz de romper con todo e despois volver xuntar os retallos. Gran relato, as cincocentas palabras déronlle ao autor para levarnos por unha morea de sensacións. Para el vai o meu voto.

  10. Moi bo duelo, abofé. Nótase quen se bate.

    O enterro…

    Un magnífico exercicio de imaxinación e documentación. Semella o episodio piloto dunha serie con moitas posibilidades. Os americanos estropearíano poñendo os dous protagonistas a resolver crimes. Como na serie Lucifer. Soben ó diaño do inferno e póñeno a resolver crimes. Estou certo de que o autor deste relato lle sacaría moito máis partido o orixinal universo que acaba de crear. As posibilidades son infinitas.

    Sobremesas

    Outro magnífico exercicio, pero esta vez de estilo. Nótase o traballo e o agarimo en cada frase. Un traballo de reloxeiro, ou de tallador de diamantes. Parabéns ó autor.

    A decisión está difícil pero voulle dar o meu voto a O ENTERRO… porque me seduce moito máis a trama.

  11. Non teño moito máis que engadir. Dous relatos á altura dos enormes autores que compiten.

    O enterro do doutor Salk, inda sendo un tema xa recorrido, pareceume moi ben traballado e traído, sobre todo para a imaxe. A min sen embargo, o diálogo gustoume, e o final tamén me pareceu grandioso.

    Sobremesas é un relato sinxelamente desgarrador a cada paso que avanza. Gustoume sobre todo o cambio de sensacións que produce de uns parágrafos a outros. Pasas da simpatía, á tristura, ó noxo, á mágoa… Brutal.

    Cóstame moito decidirme, pero o meu oficio faime decantarme polo tránsito tan curioso do creador das vacinas que tanto administrei. Voto polo Enterro

  12. Non sei que pasou co meu comentario anterior. Pero basicamente non engadía moito máis que os compañeiros. Dous relatos dignos dos enormes autores que compiten nesta semi.

    No Enterro do doutor Salk, a pesares de que a personificación da morte é un tema bastante recorrido, creo que está moi ben traído á historia e tamén á imaxe. Pareceume orixinal e a min sen embargo non me renxeron os diálogos. Resultáronme frescos e atractivos, e o final a verdade é que tamén me gustou.

    Que dicir de Sobremesas. Como narrativa brutal. Un relato desgarrador onde a cada paso che fai fluctuar por diferentes sensacións. Pasas da simpatía, á tristura, ó noxo e finalmente á mágoa. Un relato con moita forza, sen dúbida.

    Custoume moitísimo decidirme. De verdade que mil veces cambiaría de opinión. Sodes moi grandes!!!!! Finalmente decidireime por facerlle un chiscar de ollos ó curioso tránsito do creador da vacina que tanto administrei. Voto polo Enterro

  13. Bo día. Achégome aquí para gañarme, como pouco, certa animadversión: alomenos de quen escribiu o relato que menos ponderei. Talvez, tamén, a das persoas partidarias do mesmo. E incluso algunha máis polo pobres que se xulguen os meus argumentos. Mais así e todo, comento as miñas impresións.

    O do Enterro do Doutor Salk remitiume, nun plano superficial, a un par de series que vin ultimamente e retrotraeume, no literario, ao Dicionario Kázaro, de Pavic. Mais encontreino desprovisto dalgo máis que nos faga sentir un maior interese polo que vai acontecer. Pareceume, en todo caso, ben escrito e non me atrevería nunca a opinar dun parágrafo, faríao así ou faríao doutro xeito.

    No tocante ao segundo, Sobremesas, paréceme que a sucesión rápida de frases, ben dispostas, axuda na súa sinxeleza formal a entrar máis pronto na historia. En todo caso, pareceríame máis interesante se o perfil do protagonista engadise un toque de inquedanza e nervios: que fose cego? Poñamos que ademais deses trazos, fose cego. E o can fose un can guía. (xa estou a facer o que dixen que nunca faría…)

    Malia todo, o relato ten entidade abondo e conclúe ben e decántome por este último, parabenizando ás dúas autoras polo seu traballo.

    Apertas, saúde e forza para o que queda.

    Lito Pereira

  14. Primeiro de todo desculpen se cometo algunha incorreción gramática. Estou usando Google Translate e é ben sabido que esa non é sempre unha ferramenta fiable.

    Non quería deixar de mostrar a miña indignación con que se fixese pública unha conversa privada miña sen terme pedido a debida autorización. O autor debería sentir vergoña.

    Polo que puiden comprender do texto e dos seus comentarios, penso que a maior parte das críticas que se lle fixeron ao texto son acertadas. Especificamente, con respecto aos motivos que tivo o meu actual empregador para ofrecerme traballo. Tamén os motivos de min mesmo para aceptalos. Desafortunadamente, sería demasiado longo de elaborar e, francamente falando, non creo que puidese explicarme coa suficiente claridade nesta a súa lingua.

    Felicitar tamén ao merecido gañador do duelo. Creo que foi quen de darlle ao seu relato un sentimento que claramente estaba faltando no relatorio sobre o meu enterro.

    Sr Ariza (encantado de coñecelo),
    Nunha cáscara e noz, a diferenza de outras relixións como a cristiana ou musulmá, no dogma xudeu, os defuntos non vamos inmediatamente a ningún ceo. Actualmente, nos encontramos agardando pola construción do terceiro templo que suporá a chegada do Mesías, e subsequentemente, a resurreción dos mortos. Niso teño que darlle a razón ao autor do relato. A espera polo Mesías comeza a facerse un pouco longa.

    Finalmente, dicirlles que non se obsesionen co virus que o meu empregador lanzou hai cousa de un ano. Estamos traballando noutros moito peores.

    Despídome xa, que a conexión vai e ben. Movistar non ofrece moi boa rede aquí abaixo.

    Cordialmente,
    Jonas Salk MD

    Por Daniel Ugarte

    • O pracer é meu, Mr. Salk. Sei que os xudeus agardan polo mesías, mais eu referíame na miña pregunta a que se Morte sabe de certo que o Mesías chegará entón eu estou a pintar o parvo sendo ateo. Quizais Morte tiña que ser máis retranqueiro e dicirlle: “non agardes polo Mesías que non vai vir. Os que están máis preto da verdade son os vikingos… Te lo digo tó y no te digo ná…” Ou algo así.
      Noraboa, Daniel, por este relato e polos anteriores, fixeches un torneo moi bo. E parabéns @s finalistas, agárdanos unha final espectacular.

  15. Graciñas a todos por permitirme chegar á finalísima. Prometo dar o callo e intentar presentar algo digno de tanta confianza. Teño que confesar que a foto (xa dirá ou autor como a sacou…) me causou certa inquedanza e tamén tristura. Fixei esos sentimentos no maxín e fun a por eles. Sen ter nin puta idea de como, claro, ata pensei en falar dun tal Morte, mimir aloucado dun magnífico videoxogo… cousa que ninguén ía pillar. Ata que un día, estando de compras, o veciño de cando vivía no Paraíso me botou unha risa. O pobre metía iogures e iogures dentro da cesta. Eu non fun tan persoa como o meu prota como para facerlle unha cea e iso que miña avóa turraba de min desde a memoria. Nunha primeira versión do relato todo remataba mellor para o señor, pero peor para o relato. Así que decidín deixalo na cuneta tamén dentro da ficción.

    Parabéns ao meu rival. O seu recoñecible Morte case me leva para a pataqueira. A saber o que chegaría a pasar se votasen todos os compañeiros. Creo que para afinar o relato só precisa algo máis de espontaneidade no diálogo, un pouco da caos como contrapunto perfecto á ordenada escena onde a morte se vai vestindo. Eu no meu vou a chamar polo can.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s