A atracción do acento galego no novo audiovisual

Victória Guerra, protagonista de ‘Auga seca’, nun fotograma da serie, ambientada en Vigo.

Alejandro Bonmatí.

Hai uns días, lendo a prensa, tivemos un pequeno déjà vu: unha serie gravada en lingua galega vai ser distribuída por unha plataforma internacional de televisión á carta. Non é O sabor das margaridas en Netflix desta vez, senón Auga Seca en HBO, a coprodución galego-portuguesa estreada simultaneamente na TVG e na RTP a comezos de 2020. Como é habitual no sector, moitas veces necesitamos que alguén se interese no estranxeiro polo noso produto local para que nos chame a atención a nós e tendemos a ser moi críticos co noso audiovisual sobre todo cando aspira a superar o mercado interno. E ollo, isto non é malo per se, o único chauvinismo transversal na nosa sociedade é o gastronómico e xa temos dabondo con el. 

O feito de que a distribución internacional sexa noticia proba que non estamos moi afeitos a que a ficción rodada no noso idioma teña difusión alén dos repetidores de Retegal. Moitas veces, sexamos xustos, foi por falta de calidade. A recente reposición no prime time da sitcom Pratos combinados é boa mostra de que a nostalxia funciona moi ben na nosa cabeza e é un sentimento moi tenro, pero o pasado está ben onde está. O tempo mallou nela sen misericordia, na actualidade non resiste un visionado crítico e o que é peor, nin sequera lúdico. A que pasou á historia como a serie da TVG que visibilizou unha variedade dialectal, Mareas vivas, si que se emitiu daquela nalgunhas autonómicas españolas, mais dobrada ao castelán e polo tanto sen a súa característica máis gabada polo público. Se queremos mantela na memoria coma unha boa serie o mellor que podemos facer é non repoñela, o trauma sería horroroso. Noutras ocasións, o atranco foi a ausencia dunha promoción ou distribución apropiadas. É o caso do estupendo filme de animación O apóstolo, capítulo negro na filmografía nacional polos seus resultados en cinemas derivados da súa case inexistente distribución. Feita a autocrítica, porén, non é casualidade que as portas dalgunhas televisións sigan ben fechadas cando se trata de emitir produtos en galego mentres as distribuidoras internacionais non parecen amosar preocupación ningunha. Xa sabiamos que o cheiro do prexuízo anula o olfacto para os negocios, isto novo non é, mais coma sempre nestes casos, no pecado xa levan a penitencia.

Ao que estamos asistindo na actualidade é ao triunfo da ollada local en historias universais fronte a produtos despersonalizados e debidamente desodorizados para que non parezan vir de ningures. Este novo fenómeno non se dá só en ficcións rodadas en lingua galega, senón que unha nova vaga de producións ambientadas e rodadas en Galicia e con actores galegos para as televisións públicas e privadas de España parece estarlle dando a volta ao conto. Desde o punto de vista económico é ben positivo que a industria cultural española descentralice a produción e renove de paso a temática e a ambientación, que está ben ventilar de cando en vez. É salientable tamén a desaparición do prexuízo do acento en moitas destas producións. Fariña está rodada en español, aínda que moitos dos seus actores tiveron que desaprender a falar en castelán peninsular neutro para recuperaren o seu acento nativo e crearen unha especie de galego neutro un tanto tópico, pero que funcionou moi ben no público ao que ía dirixido. Iso é un grande avance se temos en conta a historia recente do cinema e a televisión. Non hai que ir moi atrás no arquivo fílmico para atopar películas ambientadas nunha Galicia só recoñecible polas localizacións, actores galegos dobrados en estudio a posteriori para eliminar prosodias e vocalismos sospeitosos, galegos interpretados por actores foráneos sen o mínimo traballo do personaxe ou directamente, galegos que só falan como galegos para representar un estereotipo lamentable. Non acabamos de descubrir agora a diglosia, pero é importante celebrarmos certos progresos nese aspecto.

Ademais das nosas características culturais, algo que tamén cruzou fronteiras é a fascinación que ten a TVG polo labor das forzas policiais plasmada desde Matalobos e Serramoura. Cun chisco menos de devoción, iso si. Cando parecía que o glamour latino do narcotráfico pasado polo filtro galego abriría unha nova vía na construción do estereotipo de Galicia chegou Néboa, a serie de misterio e crimes —outra máis— de TVE ambientada en terra húmida e misteriosa que tan ben loce en pantalla pero que dá reuma só de mirar para ela. A paisaxe autóctona convértese así nun escenario arquetípico para a serie negra, como antes o foi da chamada novela negra viguesa. Vigo, a cidade do país con máis horas de sol ao ano transformada en Silent Hill, así é a ficción. É moi probable que nunca cheguemos a superar o tópico da Galicia da choiva e das tebras ou, como di Miguel-Anxo Murado, da “paisaxe inocente”, pero quizais é porque nin sequera é necesario que o fagamos. Si, é como nos ven desde fóra pero tamén é como tantas veces queremos ser vistos.

2 comentarios en “A atracción do acento galego no novo audiovisual

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s