Os libros ‘soñados’ por Álvaro Cunqueiro (e II)

Xesús González Gómez.

Na anterior entrega deste traballiño, afirmabamos, seguindo a bibliografía de libros soñados por Cunqueiro que fixo Miguel Anxo Seixas e mais a bibliografía que o propio escritor lle enviara a Filgueira Valverde en 1936, que nos saía un total de vinte e seis (26) libros soñados, libros con título, porque, matizamos, non contabilizamos ningún «libro soñado» do que Cunqueiro non dera o titulo. Tamén se intentou dilucidar se a bibliografía enviada por Cunqueiro era soñada ou podía ser real, e fóra da novela (Papés de Andrés Delgado) e dunha obra teatral (Lume nas cerdeiras) pensamos que o mindoniense tiña argallados, e non só in mente, os «orixinais». A respecto da bibliografía entregada por Seixas, hai un libro que ben podía Cunqueiro telo non só soñado ou pensado, senón a piques de realizar: O mundo i-outras vísperas.

O mundo i-outras visperas é precisamente o xenérico dunha serie de artigos que de 1933 a 1936 publicou tanto en El Pueblo Gallego como na revista Nós, e talvez noutros «medios». Sen ser exhaustivo, a min sáenme só nove (9) desta serie, o que non daría para un amplo volume, pero podía engadirlle outros artigos que se semellan, no tema, a estes, como por exemplo, os publicados co epígrafe de «Doces poetas», o publicado na revista Universitarios («Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz»), algúns dos artigos que publicou co título «Notas. III Salón de arte gallego», que, ben que escritos en castelán, podía verter á nosa lingua, etc. Como, no fondo, o tema destes artigos é a suposición, a seguinte que fago é que Cunqueiro tiña, mais ou menos, preparados estes libros e que se algún non se publicou ao seu debido tempo (logo xa foi imposíbel, polo tempo político que se viviu, é dicir, a ditadura franquista), foi debido sobre todo á cativeza do mundo editorial, e cultural, xa que logo, galego. Cativeza na que, guste ou non guste, aínda andamos.

En fin, polo que dixemos até o momento penso que, talvez, deberiamos rebaixar o número de «libros soñados», mais non imos facer e seguimos co número de vinte e seis.

En 1994, a editorial Nigra publicou o libro Entrevistas con Álvaro Cunqueiro, estudio compilación e notas de Ramón Nicolás. No Capitulo II, «Dos Papeis do Club Pickwick a Herba de aquí ou acolá», Ramón Nicolas –que reproduce en nota a listaxe de M. A., e en apéndice a auto-poética e Bibliografía que Cunqueiro enviara a Filgueira–, despois de traballar nun monte de entrevistas para argallar o libro, engade algún «libro soñado» novo: Segundas sombras e vellos cantos e La batalla de los cuatro reyes. Outro título que entrega Nicolás é Los siete contra Tebas, no canto de Los nueve contra Tebas, que dá Seixas, mais consideramos que debe ser a mesma obra «soñada» e que, nun momento ou outro, o propio Cunqueiro cambiou de número – como veremos máis adiante, por escrito o propio autor dá o numero de sete (lembremos, por se alguén non o recorda, que «os setes contra Tebas» é un episodio da historia grega que dramatizou Esquilo co mesmo título que dá don Álvaro). Ou sexa, que neste momento temos vinte e oito (28) libros soñados.

Pero como sempre acontece con Álvaro Cunqueiro, hai máis. Velaí os datos que tirei dunha pequena pescuda realizada nalgún libro e nalgunhas hemerotecas dixitais estes días de confinamento, para matar ou acurtar o tempo.

Nas cartas de Álvaro Cunqueiro recollidas no volume Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego (1949-1961), Vigo, Editorial Galaxia, 2003,edición de Dolores Vilavedra), o autor de Escola de menciñeiros cóntalle ao seu amigo os seus proxectos, o que está a escribir, o que ten intención de escribir… ou traducir: novelas, teatro, libros de poesía, de ensaio, antoloxías, etc. Algúns dos títulos de que fala Cunqueiro viron lume, en galego ou en castelán; outros, infelizmente, ficaron no limbo. Foron, simplemente, soñados. Pero soñados en estado de vixilia, que é a peor maneira de soñar. Velaí os títulos soñados, ou imaxinados, que lle transmite a Fernández del Riego.

Carta 7 [1950], p. 49-50: «Si pensades editar poesía [a editorial Galaxia], teño un libro, case oitenta poemas, refeito ó longo destes anos: Favorábel prisón de sono. E unha traxedia, Os sete contra Tebas».

Carta 13 [1950], p. 59-60: «Comecei a traducir o Cancioneiro e a Vida Nova do Dante para o concurso dos Bibliófilos Gallegos. Tamén teño case feito un Gaspard de la Nuit de Bertrand».

Carta 18 [1951], p. 67-68: «Tan axiña como esteña Idea de unha monarquía galega remesareiche dez exemplares para que os deas ós amigos. […]. Logo, con dez láminas coreadas a man, do Vidarte, publicarei Flora dos tellados de Mondoñedo. Soio se farán 25 exemplares e, claro está, terás o teu».

Carta 25 [1954], p. 77: « Para os Cadernos [estes cadernos debían ser a Colección Grial, que decapitou Juan Aparicio] de Galaxia enviareiche o prólogo de Os sete contra Tebas, uns poemas, unha nota sobre Valle-Inclán, outra sobre Cristiandade e Europa de Novalis, e unha traduzón duns anacos de Lawrence de Arabia».

Carta 26 [1954], p. 78: «Oxe rematei La cociña gallega e mándoa xa para Bos Aires». (Con toda evidencia, vista a colección en que se debía publicar este libro, non é o mesmo texto que publicaría anos despois en galego, A cociña galega, Vigo, Galaxia,1973. Chegou a enviar Cunqueiro o texto español ao Centro Gallego de Buenos Aires, que era quen publicaba a colección en que apareceron libros como Las ciudades gallegas, de Ramón Otero Pedrayo, Danzas populares gallegas, de Francisco Fernández del Riego, Las catedrales gallegas, de Jesús Carro García ou Romerías gallegas, de, José Mª Álvarez Blázquez, entre outros?)

Carta 35 [17 de maio, 1954], p. 88-89: «Estou a escribir en galego, e nunha prosa diferente da do Merlín –vista desde outra sintaxis diferente, mais severa de vocabulario–, algo semellante ó Gaspard de la Nuit, de Aloysius Bertrand. O título provisional é As crónicas, desbotando xa As crónicas iluminadas, que foi o primeiro. Xa che mandarei un par de anacos, para que vexas como vai».

Carta 36 [1955], p. 91-92: «Unha vez que o Merlín salla, e si se vende, que coido que si, matinaba facer dous libros máis en prosa galega, en dúas cualidades de prosa diferentes. Un de ensaio e outro de poemas en prosa: un libro algo semellante ó Gaspard de la Nuit de Bertrand».

Carta 38 [1955], p. 95: «Matinaba facer unha colleita de textos sober da formación dos grandes idiomas europeos, que servira de guía para unha inquisición sober o estado actual da lingua galega».

Carta 40 [1955-56], p. 97-98: «Tamén recibirás axiña o anuncio do primeiro fascículo dos meus textos El Laberinto, que sairá para comezos de febreiro. Soio editarei 40 exemplares, numerados de o I ó XL, non venaes, e dez numerados do 0 a 9 adicados a venda. A un precio de bibliófilo, cen pesetas poño por caso. Ti recibirás o número 7. Mandareiche os números XXXI e XL, para ese Candeira, que escribiu carta tan fermosa e sabia sobre o meu libro, e para Luís Tobío, respectivamente. O primeiro fascículo leva uns poemas catalás de Tomás Garcés, xentileza pola súa tradución ó catalán dos poemas galegos. E unha nota sobre a poesía de Dylan Thomas. Isto no que toca á poesía. De prosa leva un texto: “Don Amor y las monjas”,cun conxunto de romances, canciós, etc. de monxas namoradas, e un fermoso retrato dunha prioira saíndo do baño. En castelán.

»Leva asemade unhas entregas do meu Hamlet, en galego, co tíduo: “Dúbidas e morte de don Hamlet”. As páxinas de crítica e noticias levan un texto en francés “Correspondencia de Keats”, outro en italinao de Curzio Malaparte, outro en galego de Burckhardt. […]

»O segundo fascículo sairá para San Xoán. De xeito que sallan catro ó ano ou cinco […]».

Carta 50 [1957], p. 114-115: «A ratos perdidos boteime ó lombo traducir a Antoloxía clásica china asegún definiu Confucio, da traduccion ó inglés de Ezra Pound. É un traballo difícil, e ademais crucigramático, porque non soio usa inglés, que tamén “jazz-idioms” e “hillbilly dialect”, é dicir, a linguaxe dos montañeses do norte e do noroeste…»

Carta 78 [Lus, 19, outubro, 1959], p.162-163: «Teño moitos propósitos sobre cousas que coido de gran interés. Verbigracia: Lafcadio Hearn axuntou nun libro cuio tíduo é literalmente: Follas esparexidas de literaturas extrañas, e que eu, en galego tiduaría: Follas de todo arbre, cun subtíduo semellante o do texto inglés: Historias novamente escritas asegún os libros Anvarisoheile e baital-pachisi, e tiradas do Mahabarata, Pantchatantra, Gulistan, Talmud e Kalewala, ou algo semellante. […] Eu teño traducidas unhas seis ou sete, pro faría todas».

Cartas 92 [inverno 1960-1961]: «Traballo en dous libros en castelán, La batalla de los cuatro reyes e Las selvas vagabundas, tiduos provisionaes… En (sic) nunha cousa de teatro en galego, A casa. E fago versos. Quero publicar este ano un tomo grande de poesía, como xa cho teño dito».

O total dos libros soñados ou imaxinados por Cunqueiro nas cartas enviadas a Fernández Del Riego dá un total de trece (13) e mais un «fascículo». Destes trece descontamos tres que non teñen título (cartas 36 e 38, este último sería unha escolma-tradución), tres que se repiten (Favorábel prisón de sono, Os sete contra Tebas é La batalla de los cuatro reyes), un que daremos como publicado, en galego: La cocina gallega, cinco traducións, un «fascículo» pensado case ao milímetro, e unha obra que repite título compulsándoa coas listaxes anteriores, mais non xénero: A casa –noutras partes novela, aquí obra teatral; con todo, non a introduciremos como «libro soñado»– polo que quedarían só catro títulos de «libros soñados»: Idea de unha monarquía galega, Flora dos tellados de Mondoñedo, Las Crónicas e Las selvas vagabundas. Catro novos «libros soñados», que sumados aos enumeraramos vinte oito até o de agora, dan un total de trinta e dous (32).

A estes trinta e dous «libros soñados», hai que engadirlles algún máis que encontrei nunha busca rápida por diversas hemerotecas dixitais.

Nas páxinas literarias da revista Destino, nos anos 1940, había unha sección titulada «Secreto a voces» na que se daba conta de feitos e anécdotas literarias, de novidades bibliográficas por saír, etc. No número 156 (13 de xullo de 1940) e na devandita sección, dábase a nova: «Álvaro Cunqueiro, el gran poeta, ha comenzado la traducción de Napoleón, de outro gran poeta, Teixeira de Pascoaes […] esta obra aparecerá seguramente en octubre, y forma parte de la colección de biografías noveladas y comentadas, de Editorial Apolo».

No número 165, correspondente ao 15 de setembro de 1940, dáse conta deste «secreto a voces»: «Álvaro Cunqueiro, ha entregado a la Compañía de María Paz Molinero una comedia de excelente contexto teatral, que lleva el bello título de El cuervo vuela sobre la casa».

Case tres meses despois deste último «secreto a voces», no número 168 (5 de outubro de 1940), na mesma revista e na mesma sección de referencia afírmase que «La editorial Mar, de Cádiz, prepara unas cuidadosas y lujosas ediciones de bibliófilos. El primer libro será una obra de Eduardo Lossent (sic) y Marañón; a él seguirá uno de versos, de Adriano del Valle, titulado Arpa fiel, otro de ensayos de Pedro Laín Entralgo, y una novela de Álvaro Cunqueiro llamada El clérigo de la flor». (O libro de Adriano del Valle existe, e foi editado en 1942 por Afrodisio Aguado; referencias a unha Editorial Mar radicada en Cádiz, non atopei ningunha.)

Transcorridos case seis meses, volve aparecer Cunqueiro nesa sección, no numero 188 (22 de febreiro de 1941), cunha notiña na que se se informa que «Nuestro colaborador Álvaro Cunqueiro ha terminado durante su última estancia en la capital portuguesa una novela, todavía sin título, para el editor Luis Miracle. La acción transcurre en plena época romántica.»

E a derradeira vez que atopamos o nome de Álvaro Cunqueiro nesta sección, foi nove meses xustos despois, no número 227 correspondente ao 22 de novembro de 1941, e a noticia que se daba en «Secreto a voces» era a de que «Ya ha terminado la traducción del Napoleón de Teixeira de Pascoaes, nuestro querido colaborador Álvaro Cunqueiro».

Ou sexa, unha obra teatral, unha tradución e unha novela con título nunca publicada e non sei se escrita, e unha novela que se dá como acabada mais sen título. Se tiramos desta lista a tradución que, teoricamente, iniciou, xa que no número 52 da revista Vértice, 3 de xuño de 1942, entregou uns fragmentos do libro de Pascoaes, e a novela sen título, quedan dous libros soñados que sumados aos trinta e dous que levabamos contabilizados dan un total de trinta e catro (34) libros soñados. Libros aos que poderiamos engadirlles as cinco traducións que quería facer ao galego, segundo vimos nos anacos das súas cartas a Fernández del Riego, e esta versión ao español de Pascoaes (en 1946, a Editorial Apolo, publicou a versión española de Napoleão, de Teixeira, en tradución de… Mario Verdaguer), o que daría un total de corenta (40) «libros soñados». E a estes trinta e sete poderiamos engadirlle El mundo y otras vísperas (así, en castelán), que aparece editado por Edición Un, de Compostela, en 1936, segundo a bibliografía que o escritor galego lle meteu á edición do seu único poemario en castelán, Elegias y Canciones (Barcelona, Editorial Apolo, 1940), polo que chegariamos á cantidade de corenta e un (41) libros soñados, deixando de lado aqueles de que falou que ía facer ou lle gustaría facer mais nunca deu un título, como esa novela xa acabada e que debía publicar Luis Miracle Editor, entre outras obras. Lembremos que deses corenta e un (41) libros seis (6) serían traducións; e que non contabilizamos o fascículo pensado ao milímetro.

Moitos deses libros soñados nin tan sequera se iniciaron, como sería aquel, que eu gustaría de ler, no que, segundo lle explicaba a Joaquin Soler Serrano na entrevista que este lle fixo en TVE, en 1978, no programa «A fondo», no que contaría historias medievais nas que sairía sempre un xudeu ou unha xudía, de nome imposíbel: dona Niebla, dona Sol ou dona Sorprendida, que debía ser moi fermosa, engade Cunqueiro. Outros si, e deles quedaron unhas poucas páxinas, como o caso de A taberna da Galiana, novela da que Cunqueiro só redactara, como quen di, pouco máis de un folio (Grial 72), etc. Outros, talvez iniciados, deberon ser «canibalizados» (Cunqueiro chegou a ser un mestre deste procedemento literario), como é o caso da novela en castelán La batalla de los cuatro reyes: non esquezamos que o título completo da novela El año del cometa (Barcelona, Editorial Destino, 1974) é El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes, cuxo inicio, como se sabe, redactou en galego: «Comezando por un morto» (Grial 41), etc.

E polo que respecta ás traducións, se ben non traduciu ningún libro completo ao galego, non acabou ningunha das traducións que se menciona nas súas cartas (lembrémolas: Cancioneiro e Vida Nova, de Dante; Gaspard de la Nuit, de Aloysius Bertrand; Antoloxía clásica china asegún definiu Confucio e Follas esparexidas de literaturas extrañas, de Lafcadio Hearn, ao galego; e ao castelán, Napoleón, de Teixeira de Pascoaes), se sumásemos os poemas e os textos de prosa que traduciu ao galego Álvaro Cunqueiro durante toda a súa vida literaria, de seguro que darían máis páxinas que esas seis traducións anunciadas mais nunca realizadas.

E por hoxe acabamos. Outro día tocaría (ou tocará) falar, por exemplo, de obras e traducións de Álvaro Cunqueiro que parece case prohibido mencionar, ou so mencionar de pasada: a obra teatral, orixinal do mindoniense, Era una vez…, estreada no García Barbón, de Vigo, o 22 de febreiro de 1938, e que El Pueblo Gallego saudaba, nunha crónica-recensión que semella saída da máquina de escribir cunqueiriá: «Ensayo nacional-socialista para un teatro nuevo» (penso que desta obra só se ocupou Enrique Acuña). E a tradución-adaptación da obra de Emmet Lavery, La primera legión. Orixinal e tradución reais que difícil é ver citados nas bibliografías cunqueiriás.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s