‘Ninguén dorme’, a exposición dos corpos

Rexina Vega. AELG.

Xesús González Gómez.

Por esas cousas tan absurdas da vida, que dicía a canción, de Rexina (ou Xina) Vega lin a súa primeira novela, Cardume, unha boa novela, pero descoñezo a segunda, Dark Butterfly, da que, polo tanto, non podo dicir palabra. Estes días lin dúas cousas súas: «Nuevas tesis sobre la economía de los muertos. A la manera de John Berger», texto máis que interesante recollido no volume «oulipiano» Textos Potentes (Logroño, Pepitas de Calabaza, 2019, edición e prólogo de Pablo Martín Sánchez ) e a versión orixinal da novela Ninguén dorme (Laiovento, 2019) que, incomprensibelmente (?!), viu lume antes en español –case que tres anos!– (Pepitas de Calabaza, 2017) que en galego. Non vou intentar dilucidar tal misterio, o da publicación desta novela antes en español que na súa versión orixinal: como admirador que son de Sherlock Holmes deixo tales esclarecementos para o gran detective, aínda que penso que o heroe d’O val do terror se atoparía nun verdadeiro cul-de-sac e talvez non daría coas razóns do feito, sobre todo se temos en conta algúns dos «textos» novelísticos que neses case tres anos publicaron as editoriais galegas: textos que non alcanzan ese nivel, o de textos, xa non digamos o de novelas. Porque despois de ler moitas das cousas, novelas (?), que se editaron en galego nos últimos tres anos, un coida que aos editores do país lles deu por pensaren que o mellor é entregarlle ao lector (ou lectora) o que, supostamente, demanda e non perturbarlle o seu sono mental, aínda que tamén un coida que talvez nin ese lector nin esa lectora que moran nas mentes dos editores demandarían as idioteces con que os obsequiaron, previo pago. Mais pode ser, tamén, que Rexina Vega decidise que se publicase antes a versión española que a orixinal galega, decisión esta que me estrañaría demasiado. Mais, como diciamos, deixemos o esclarecemento deste misterio a Mr. Holmes e dediquémonos ao que, en principio, nos temos que dedicar: falar de Ninguén dorme como obra literaria.

Polo que se leva escrito, a algún lector lle pode dar por pensar que quen escribe estas liñas considera que tal novela, Ninguén dorme, é unha obra mestra. Non; non o é, aínda que comparada con algunhas das cousas que se publicaron en galego neses últimos tres anos aos que nos referiamos, pode alcanzar o cualificativo de excelente obra, cando, para min, só alcanza o grao de «unha boa proposta».

Nin «vómito, nin ouveo», que se di na contraportada. Simplemente, unha novela (os vómitos e os ouveos pouco teñen que ver coa literatura, a non ser que sirvan como títulos). Unha novela na que trama é mínima; unha novela na que non hai personaxes, senón corpos. Porque en Ninguén dorme os personaxes son, inicialmente, só un corpo. Un corpo que a literatura, neste caso a novela, unicamente pode mostrar ou, se se quere, expor. Ir alén da exposición do corpo –ou xogar coa súa representación simbólica e/ou mesmo alegórica– quizais sería, como moi ben sabía Koltès (unha das grandes pegadas que se nota na novela) negalo. E ben que na novela os corpos doridos, humillados, maltratados, violados, son negados, quen os nega son precisamente os representantes da violencia estrutural que se exerce sobre os débiles. E non é necesario que o negador sexa un violador, pode ser alguén que se considera progresista (léanse con atención as primeiras páxinas da obra).

Ao non ser unha obra de personaxes, ao non querer ser, e conséguese, unha obra simbólica, a autora debe lanzarse polo camiño recto, ou directo. É dicir, debe lanzarse polo camiño da poesía (non da prosa poética, nin da novela lírica): debe, mediante a palabra, alcanzar certos cumes poéticos para que o corpo poida ser mostrado, exposto. E aquí radica o gran traballo de Rexina Vega, aínda que non sempre conseguido ao non «matizar» (usemos este verbo) as contradicións do corpo violado, humillado, etc. Por momentos (as páxinas 14-19), lanzase polo camiño fácil e a contradición entre o africano inmigrante e a muller branca non se expón con toda a claridade, á parte de, acho, pór na boca do emigrante palabras demasiado poéticas ou comparacións que semellan tiradas de filmes hollywoodenses pro-indios: «Nós [os africanos; os africanos negros] somos paisaxe, somos chaira inmensa, iso está ben, a diferenza de vós, que perseguides sen cesar contornas, límites estables: estades equivocados, meus, non hai marxe de seguridade» (p. 16). Noutras palabras, pódese (e débese) tomar partido a prol dos africanos, mais non mitoloxizalos, convertelos no que non son, pero cedo foxe desta mitoloxización a autora, e nas páxinas finais, cando a rapaza sexa violada, a «actuación» do africano será a que lle dita a súa posición de humillado e explotado; ou sexa, unha actuación que se podería definir como «covarde» ou como «neutral», no sentido de que o africano se desentendería da solidariedade entre os oprimidos baseándose na… súa pel; ou, simplemente, no instinto de supervivencia dos explotados, ou na diferenza de xénero. Con todo, nunca é condenado.

Dixemos novela de «corpos», non de personaxes. Tamén poderiamos dicir: novela de temas. Os de sempre: o amor, o odio, a amizade, etc. Temas que é difícil «vestir», xa que sobre eles semella que se dixo xa todo, mais que, como dixo non lembro quen, continúan a ocupar as enerxías da maioría dos cidadáns –tanto se escriben como se non. Mais, infelizmente, estes temas son, como os corpos, simplemente expostos, non afondados en ningún momento: nin as relacións da parella madura, nin as relacións entre a rapaza e o africano (limítanse a ser corporais), nin mesmo a «representación» dos, digamos, representantes do poder. Talvez porque Rexina Vega considera que a linguaxe non é só un instrumento válido para a narración, senón tamén para revelar un coñecemento. A partir disto, é máis que normal que a autora cree unha prosa tensa, en ocasión enganosa, dada a imprecisión dos seus argumentos, na que o narrativo se inverte (ou se converte) en algo máis puro e máis sublime: a poesía. Nesta novela, poesía e narrativa cumpren un intenso proceso rotatorio: as palabras, que escurecen e disimulan a narración, convértense nunha engrenaxe de imaxes cuxa esencia poética permite moitas veces albiscar matices dunha realidade subxacente na experiencia deses «corpos» que inzan a novela. Outras, as palabras convértense en poesía; e algunhas, por sorte moi poucas, simplemente argallan frases tópicas, sobre todo nos poucos diálogos; e outras, as palabras acaban por tratar os sentimentos con demasiado sentimentalismo. 

Ninguén dorme é, só, como dixemos máis enriba, unha boa proposta narrativa a usar unha lingua que ás veces pode dar a impresión de que caeu no preciosismo, aínda que ás veces introduce palabras «coloquiais» que no canto de investir de calidade as imaxes expresivas nas que se apoia a autora, convértenas en «vulgares», xa que as deforman cando do que se trata é de que teñan máis forza (as imaxes); unha boa proposta que foxe dos problemas da estrutura narrativa: pode afirmarse que aquí é mínima, xa que non se trata de narrar unha acción, de desenvolver unha trama, senón de expor, de mostrar uns corpos; unha boa proposta que quizais mellorase se Rexina Vega aproveitase máis algunhas escenas que, infelizmente, se limita a esbozar; unha boa proposta que só é iso, o que non é pouco nestes tempos. Pero tamén se pode considerar que Rexina Vega deu un paso na tarefa de toda escritora (de todo escritor): atopar unha voz propia, a que non se pode confundir con calquera outra, a única que pode dicir o que aínda non foi dito. Esperemos, xa que logo, novas entregas narrativas de Rexina Vega; entregas que, pensamos, deben ser xa algo máis que propostas para ver se conseguiu atopar esa voz propia que se albisca na presente.

♦ Ninguén dorme, de Rexina Vega, Laiovento, 2019. 70 páxinas. ♠14€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s