Natalia Otero e David Botana, finalistas do III Torneo Biosbardia

Natalia Otero: “Intento unha narrativa sinxela pero que non caia na simpleza”

Cinco relatos en poucas semanas. Como viviu este alto ritmo de escrita e publicación? 

Non hai dúbida de que o ritmo do torneo é bastante frenético, xa que un relato ao que se pretende dar unha escrita sólida, require bastante adicación, polo menos para min. Ademáis do labor creativo de idear o relato, é importante a revisión, así como sintetizar para amoldarse ao límite de palabras. Confeso que isto último ás veces chegou a ser un dos detalles máis dificultosos para min. Con todo, non o lembro como algo que me causase demasiada desazón, salvo cando a miña vida cotiá non me deixaba tempo para adicarlle, que me imaxino que é algo que nos pasou a todos os participantes nalgún momento. Pero gústame escribir e desfrutei moitísimo, tanto dos relatos dos compañeiros coma de todos os momentos do torneo, así que ben pagaron a pena esos intres puntuais de estrés. 

Chega á final nun torneo no que participaron varios autores con premios literarios no seu haber. Como valora o nivel do torneo? 

O certo é que cando comecei a ler as diferentes biografías dos autores contra os que me ía bater, o primeiro que me veu á cabeza foi: “Miña nai, que fago eu aquí, onde me metín…”. Pero a verdade é que desde o momento en que mo propuxeron, a idea resultoume tan atractiva e divertida, que pasei a tomalo coma unha oportunidade na que podía aprender moito de autoras e autores cun nivel literario espléndido, así que estou profundamente agradecida por terme feito un oco nesta experiencia. Foi unha fortuna contar cunha análise tan xenerosa das miñas narracións por parte dos compañeiros (e non embargante rivais), e tentei ser igual de reflexiva e implicada nos meus comentarios. En canto ao nivel do Torneo, e lembrando relatos de compañeiros que me pareceron de primeira liña literaria, valóroo moi positivamente, e satisfaime moito que haxa unha canteira de escritores en galego de tanta calidade. Comparándoo con outros certames, é dos mellores que vin. 

Esta foi a edición con máis participación das tres que levamos en Biosbardia. Coida que haberá un cuarto torneo? 

Non teño nin a máis mínima dúbida! De feito dame moita mágoa que remate este. Estou desexando repetir e estou convencida de que moitos dos participantes tamén teñen presente esa intención. Ademais, contamos con moitas máis autoras noveis que de seguro estarán encantadas de vivir esta experiencia tan enriquecedora a todos os niveis. Noraboa por esta iniciativa, á que estou segura, lle queda un longo percorrido. 

Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo? 

Foi moi interesante ver como a medida que avanzaba o torneo, a pesar do anonimato inicial dos relatos, era xa máis doado intuir que autoría tiñan. Iso paréceme tan importante como fermoso, xa que cada autor, fóra de gustos persoais, deixa a súa pegada impregnada na escrita. 

Quizais o meu estilo tería que ser valorado polo lector, pero sempre intento avogar por unha narrativa sinxela, pero que non caia na simpleza. Algo que nos resulte agradable no padal, como a boa gastronomía galega, de elaboración modesta e humilde, pero con todo o gusto do propio produto. Gustaríame deixar a pegada dunha narrativa para o desfrute do lector sen demasiadas pretensións. En todo o momento tiven presente que estaba competindo con autores de enorme nivel, e polo tanto, tentei sempre presentar traballos coa altura que o torneo presentaba. 

Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival. 

Dificilísima elección! Podería nomear o meu favorito de practicamente cada un dos compañeiros. Decantarme por un é moi complicado. Teño no corazón o osiño Bilardo, de Daniel Ugarte, aquel “Morrer non debe ser tan triste” de Álex Bayorti, ou as “Nubes con Espiñas” de César Ariza… Réndome ante calquera dos diálogos do meu rival de final, David Botana (“deTalles”, “Porcorroso”…). Pero o certo é que Fran Fernández fíxome levantar dúas veces da cadeira para ovacionalo. Unha delas foi con aquel relato de transcurso, ritmo e remate impecable, “A Xusta”, e outra foi con “Bieito, o zapateiro”. En tal caso quedaría con este último, por ser máis completo en canto a elementos literarios e cun trasfondo moito máis profundo, que fixo que quixese lelo unha e outra vez, e de cada lectura sacarlle máis partido. 

Este torneo estivo marcado polo confinamento. Que supuxo ter que escribir nesta difícil situación? 

Non sei se podo falar en nome dos escritores en xeral. Creo que para este tipo de artes, véxase a literatura ou no meu caso a música tamén, adoitan ser propicios os momentos de soidade e illamento, inda que entendo que cada autor pode ter o seu contexto idóneo para crear. No meu caso incluso, debido á miña profesión, ao igual que a protagonista do meu último relato, o confinamento non foi total, polo que non me afectou tanto coma a unha persoa que o tivese que pasar de maneira máis estrita. Vivo nunha casa de aldea, algo que tamén axuda a non notar o peche tan agresivamente. Por outro lado, por mor da miña profesión vivín tempadas de moita tensión, cansazo e frustración. O torneo supuxo unha gran vía de escape, polo que cualificaría o confinamento como un “marco peculiar”, máis que de situación difícil.

Que modificacións propón vostede para futuras edicións do torneo? 

Como debutante desta edición non podo facer demasiadas valoracións acerca do que podería funcionar mellor, pero sí que é certo que me atopei con grandes relatos que non merecen quedar no tinteiro do torneo. Moitos deles conseguiron ter un lugar no noso podio particular, pero outros, de non menos calidade, quedaron á marxe na fase clasificatoria. Incluso me atrevo a dicir que houbo relatos con moito peso literario que resultaron perdedores do duelo correspondente por diversos motivos, pero que non embargante non deixan de ser dignos de saída. Por iso me gustaría propoñer algún mecanismo de publicación ou de mención a estes relatos, que previa votación, poderían igualmente pertencer ao salón dos favoritos. 

David Botana: “Espero que haxa cuarto torneo, quinto sexto, e volume recompilatorio”

Cinco relatos en poucas semanas. Como viviu este alto ritmo de escrita e publicación?

Realmente escribín seis, o meu grupo estaba tan axustado de nivel que tivemos que facer unha abafante rolda rápida de desempate a fume e suor. O ritmo é demencial e o cansazo, sobre todo creativo, acúsase moito cara ao final. Pero supoño que un vai collendo calo despois de tres torneos. Ata os cochiños, co tempo, se poden facer fortes no matadoiro.

Chega á final nun torneo no que participaron varios autores con premios literarios no seu haber. Como valora o nivel do torneo?

Se en algo destaca este torneo é na uniformidade dos relatos, unha calidade media moi alta. En ningunha edición houbo tantísimos empates. Unha alvada literaria! Pero o mellor de todo, máis alá diso, foi o gran compromiso de participación e seguimento, tanto na escrita como nos comentarios. Estes contendentes sonche xente da que sabe que zapatos calza e coa mecha precisa para mirar aos ollos do abismo dun noitébrego bosque cheo de acacias.

Esta foi a edición con máis participación das tres que levamos en Biosbardia. Coida que haberá un cuarto torneo?

Espero que haxa cuarto, quinto, sexto… volume recompilatorio, presentación, birras ao nivel Misha, sushi de churrasco ben cortado e volta á casa en limusina rosa.

Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?

Non son un escritor demasiado técnico, as miñas eivas son evidentes e nunca chegarei ao nivel de xente coma Martín María Troitiño. Se algo me gusta cando leo, e polo tanto sempre intento facer cando escribo, é que o relato diga algo, calquera cousa, que a estrutura sirva para facelo da mellor maneira posible e que as personaxes teñan voces naturais e recoñecibles. Que me quede máis ca un pastiche de Celso Kunstler, unha paratha estilo foodge (sen cagallón) feita polo Tonaya inda articulado. Poida que así chegue a ser algún día un zapato-escritor con toda a meritocracia.

Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival.

Iso é complicado, houbo pezas boísimas, solidamente narradas e con ideas moi claras. Se penso agora mesmo nun, venme á cabeza “O oso Bilardo”. O tratamento da perda humana narrado de maneira tan sensible, levándonos da man dese oso esfarrapado, deixoume abraiado. Conseguiu, dalgunha maneira, que morrer non fose algo tan triste.

Este torneo estivo marcado polo confinamento. Que supuxo ter que escribir nesta difícil situación?

Permitiume ocultar o verdadeiramente importante, foi máis unha sorte de liberación conceptual ca un ensaio sobre a soidade. Nestes tempos de máscaras non é pouco. Tamén me deu material para gañar en tres disputadas xustas. Rematalo vaime dar tanta saudade coma se deixase de escoitar o ruído de tren que me leva a Albufeira ou a Garryowen Road, pero supoño que é lei de vida. A dona do tempo non perdoa.

Que modificacións propón vostede para futuras edicións do torneo?

Manter o formato da foto, resulta creativo a varios niveis. Poida que axustar a puntuación nos duelos de tres para dar máis emoción. Estandarizar os duelos de exhibición (grande iniciativa para amenizar as esperas e non perder o fío do torneo). Crear un lugar dentro da propia revista onde poder resubir os relatos reformados tras os torneos, para demostrar que comentar razonadamente o lido é a mellor maneira de axudar a un escritor a encontrar o espazo para a pataca no seu estilo. Renovar o obradoiro de plaxio. E, por último, procurar que nas entrevistas da final os autores intenten falar de todos os magníficos relatos que fan deste torneo algo tan grande.

2 comentarios en “Natalia Otero e David Botana, finalistas do III Torneo Biosbardia

  1. David, que crack eres. Debes ser de esos que están vendendo unha maqueta por internet na sobremesa, cáelles un astrolabio enriba do teclado e escribes un best seller con todo tipo de deTalles. Non te coñezo e xa te odio profundamente.

    • Mentres o odio non supere a barreira do metro e medio non hai fallo, inda nos da para poder desfrutar unhas cañas virtuales Covid Free. Eu inda non teño idea para o relato…tou moi bloqueado de dios.

Deixa unha resposta a Natalia Otero Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s