Alfredo Conde: “Moito me gustaría recobrar as noites que Juan Ramón Díaz, Casares e mais eu pasamos bebendo Porto e falando”

Entramos na biblioteca íntima dun dos autores máis recoñecidos da literatura galega actual. Alfredo Conde fala nesta entrevista dos seus recordos e tamén dalgún soño literario. Recomendamos ler as súas dúas obras máis recentes: Homes de ferro (publicado por Ézaro) e Un vento que pasa (Galaxia).

Alfredo Conde. AELG.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Lido coa conciencia plena de que xa sabía facelo, foi un libro de contos; un libro pra nenos  que viña impreso con distintas caligrafías, con moitos tipos de letras manuscritas, o que me fixo crer que si, que xa sabía ler e comprender o que fose malia que viñese escrito con letras que non coñecía; pero aprender a facelo, aprender a ler, fíxeno nunha edición do Romancero, obra de Menéndez Pidal, feita polo Instituto-Escuela, Junta para ampliación de estudios, no 1933, durante a Segunda República, que conservaba a miña nai coma ouro en pano xunto con moitos outros máis. Conservo ese libro.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Considero que hai moitos. Esta é ou unha pregunta trampa, ou limitativa que nunca entendín a pretensión que encerra. En todo caso, un deles pode ser Luz a los vivos y escarmiento a los muertos. Foi escrito por Juan Palafox, bispo de Osma, e impreso en Madrid no 1661. Nel veñen centos de relatos nos que outras  tantas ánimas do Purgatorio, lle relatan ao bispo os pecados que cometeron en vida e os tormentos que estes pecados lles supoñen no citado Purgatorio. Palafox fai nel todo un alarde de imaxinación, ás veces sádico, pero que tamén implica un fondo coñecemento da máis abxecta humanidade, pura fantasía, todo un alarde, que mereceu a atención da egrexia doutora Cayetana Álvarez de Toledo que, quen o diría escoitándoa hoxe, lle dedicou a súa tese doutoral ao señor bispo antes de se decidir a vir salvar a patria dos seus devanceiros, debidamente metida en fariña política,  decidida a educar o resto do país nas verdades que ela profesa con independencia das que profesen os demais. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

Máis de unha, certamente, pero como os canons dependen de quen os estableza non me vou permitir ironizar do mesmo xeito que no caso anterior, incorrendo no contrasentido de considerar que un texto vén sendo unha obra mestra cando a min se me veu das mans embaixo. O canon de Harold Bloom esqueceu as literaturas ibéricas e glorificou as anglo-xermanas, por exemplo. Confeso que non poucas das obras pertencentes a ese corpus literario, consideradas mestras, non fun quen de rillalas por enteiro. Pero mellor é non sinalar co dedo. Xa o fixeron o devandito Bloom e Reich-Ranichi e abonda con recordar como aquel se referíu ás nosas, pola outra, para saber que hai criterios imperdoables nos críticos literarios que non se lles deben pedir aos escritores que os fagan e caian en idéntico exercicio.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.

Se por unha noite de festa se entende unha noite grata, unha noite amena na que falar de todo, moito me gustaría recobrar as moitas noites que Juan Ramón Díaz, Carlos Casares e mais eu pasamos bebendo viño do Porto e falando de todo o divino e o humano. Gustaríame falar con Murasaki Shikibu, a xaponesa do século XI. Debeu ser unha persoa extraordinaria.

Pero se do que se trata é de pasar unha noite de festa-festa, unha noite pagá, diríalle que iso se lle pregunta a un escritor ou a unha escritora antes da vellez ou, coma mal menor, formúlaselle  doutro xeito, por exemplo e no caso que me ocupa: con que escritora lle tería gustado facer un par de pecadiños por detrás da igrexa, que diría o finado do Carlos Casares, facéndoo coa conciencia de que non hai que andar dando que falar e, a maiores, un élle moi mirado no tocante a certos asuntos. Velaí unha razón máis para quedar caladiño coma un peto e, por outra parte, responder á derradeira opción, a de que pode estar viva, podería implicar, no caso de non estalo, certa tendencia á necrofilia que non profeso en absoluto.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o.

Trátase de pasar un pouco de tempo, non de ler a súa obra, pero voulle dar unha pista: se  fose certo, repito, se fose certo que Marguerite Duras, foi a torturadora que se di que foi durante a guerra de Indochina, nin para falar de literatura estaría eu disposto a pasar demasiado tempo con ela. Éme abondo con lela. Sucédeme o mesmo con Louis-Ferdinand Céline, excelso novelista, pero lúgubre individuo. Ou con Ezra Pound, poeta grande, pero dono de verdades absolutas. Mesmo con Hemingway, que se gababa de facer un sinal na culata do seu fusil cada vez que, durante a guerra, mataba un dos seus inimigos. 

Un libro recente que lle gustase moito…

Os amnésicos. Historia dunha familia europea, de Géraldine Schwarz.

Unha novela que non puido terminar…

Case que sempre unha alemá… que lle vou facer. Pero para que non se diga que non respondo unha a dereitas direille que non puiden coa tan famosa de Marcel Proust, refírome á Na busca do tempo perdido que, por certo, é unha obra mestra.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Teño máis que  abondo con intentar ser dono da miña propia vida. Non me vexo facendo o zascandil por ningunha novela. Nin sequera por unha miña. O reto é vivir na pel doutra xente, facelo na propia hai momentos nos que cansa e para min o feito de escribir é a posibilidade de roubarlle vidas á morte, dado que coa que teño non me chega a nada, tanto é o que me gusta a vida e máis segundo vou avanzando nela e o horizonte se vai encollendo perceptiblemente.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Nunca me enfadei coa literatura, non teño pois necesidade ningunha de me reconciliar con ela. Hai novelas que non me gustan malia que recoñeza que son grandes novelas e poida admirar os seus autores. Creo que teño dado mostras abondo de ser quen de eloxiar novelas de autores que non me demostraron precisamente amizade ou de chegar a facer bo o meu criterio, chegada a hora de premiar un autor confeso inimigo meu; pero non me pida que dea nomes que non llos vou dar.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Direillo unha vez que perdan a súa condición de obras de lectura pendente; en principio os dos amigos, mesmo os que aínda non están editados e teñen a deferencia de mos deixar ler primeiro para ver que me parecen porque confían en que lles diga o que realmente penso.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Unha saga de Allariz, que comezase no século XVII ou no XVIII coa descrición da vida e do ambiente dunha familia ilustrada, pola familia dos Feijoo-Montenegro, que se cruzaría logo, chegado o XIX, coa dos Rumbao, outra familia comezada por un Audal Rumbao no 1818, ao chegar á vila e se casar cunha Dopico Conde, para deixar vinte e dous fillos vivos e unha fábrica de curtidos a cada un deles e logo no, xa no XX cruzar as dúas anteriores coa dos Conde, tanto cos de Vilaboa, como cos de Valverde e tamén cos da Veiga, dos que precedo eu, tecendo unha trenza na que collesen tres coros que compuxesen unha a modo de sinfonía dun país coma o meu. Unha obra moi ambiciosa que para poder escribila tería sido preciso que eu dispuxera de tanta ambición e capacidade como as que ao mellor non teño e sobre todo dun tempo de dous ou tres anos e dun diñeiro dos que nunca dispuxen pois non levo feito outra cousa na vida máis que traballar arreo. O milagre é que deixe escrito todo canto deixo. Espero que por iso se me xulgue chegado o día. Se se decata, no que veño incidindo é na necesidade de que á xente, tamén a un escritor e tamén a min, se lle xulgue non polo que din que dixo, senón polo que realmente escribiu e fixo.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Non renego de ningún. Por outra parte probe vostede a ver cantos libros meus atopa nos andeis das librerías galegas e logo xa me dirá. Agás Homes de ferro, publicado en decembro de ano pasado, non vai ser doado que dea con algún deles e mira que levo escrito. Xa editei medio cento deles. Os meus libros hai que buscalos preferiblemente por aí fóra, polo estranxeiro.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Dispoño de boa memoria, cando menos de momento. Ademais escribín un artigo diario  durante vinte e tantos anos e agora escribo catro, e longos, á semana; se iso non é un dietario do que son, do que vivo, sinto e penso xa me dirá que é.

Escribirá as súas memorias?

Comecei con elas pero ao reler as cen primeiras páxinas decateime de que se trataba dun axuste de contas coa miña avoa Rexina, a materna, e considerei que a vella non o merecía… así que as deixei. Agora non me apetece retomalas. Total para que e a quen lle van interesar? Aos do meu tempo? Moitos xa morreron e, coa que esta a caer, non creo que vaiamos quedar moitos máis; eu entre eles, pois pertenzo a ese sector composto polos chamados “de alto risco”. Algo así como cando durante a Guerra Civil se dicía aquilo de “alférez provisional cadáver efectivo”, Conste que non teño nin o máis mínimo interese en desembarcarme da vida pero que, por se acaso e vendo por onde camiña o  mundo cultural, voume afacendo á idea de me ir sumindo pouco e pouco no silencio. E nesas ando.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non hai un autor nin unha autora responsables, nin sequera un ambiente familiar propicio, que o houbo, miña nai contábanos moi ben os argumentos das películas que case que todas as noites ían ver ao cine e o meu pai era un conversador infatigable preferiblemente tratando temas da política ou de medicina, as súas dúas grandes paixóns, pero dese ambiente tamén desfrutaron os meus irmáns e curmáns e, xa ve, ningún deles escribe. O responsable son eu, que saín así.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Pois sí. Todos aqueles que propaguen teorías totalitarias, sexan estas dun nesgo ideolóxico ou doutro; todos canto defendan a intolerancia ou a intransixencia, pois penso que só con eles hai que ser intransixente e pouco ou nada tolerante. Non creo na imposición relixiosa, nin na política. Tamén todos cantos condenen a liberdade de expresión e, por aí seguido, mesmo chegar deica a linde da relixiosidade pois penso que, dado que hai censados uns tres mil deuses, a diferenza entre un ateo e un crente é que, mentres aquel nega a existencia dos tres mil, este limitase a negar a de dous mil novecentos noventa e nove e estou convencido de que, respectando as conviccións alleas, todos teñen dereito a pensar e crer no que lles pete, mesmo nun pau convertido en ídolo por un artista calquera.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

De neno, na casa, aprendéronme que hai que comer de todo. Por outra parte parécelle a vostede que aínda son capaz de me desfacer de máis simpatías? Seica non é abondo coas que xa levo derruído? Non creo nos libros escritos por beatos ou por devotos desta ou daquela confesión política ou relixiosa.

Por outra banda hai grandes escritores galegos que son moi ruíns novelistas, pero que son poetas excelsos e viceversa. Hai outros que non son bos novelistas pero si moi bos contistas, ao tempo que poetas infumables, pero non se me vén ningún deles á cabeza.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Hai moitos, faltaría máis. De rapaz lin con verdadeira devoción O acomodador e outras narracións, de Marcial Suárez e Vilardevós, de Silvio Santiago. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Haille autores de obras magníficas que fixeron outras que, efectivamente, se me antollan sobrevaloradas, pero iso pásanos a todos os que escribimos. Se algún día se reeditase Xa vai o Griffon no vento, que acaso estea sobrevalorada por algúns que din dela que é un clásico, pero que ao tempo é infravalorada para e por outros de xeito que non se atopa nas nosas librerías pois non está reeditada, de ser reeditada algún día na lingua na que foi escrita, digo, moito me gustaría que fose acompañada dun libriño no que figurasen os traballos de Giuseppe Tavani e Giuliano Soria, por Italia; de Roy Boland, por Australia ou de Anthony Percival por Canadá; de Kirill Korkonosenko, por Rusia, de José Antonio Baujin por Cuba e dalgúns máis cuxa relación resultaría onerosa, acompañada doutras de por aquí ao redor, por non citar as teses doutorais ou as tesinas feitas por fóra e os silencios e mais os esquecementos padecidos por dentro. Quero xustificar con isto que non quero caer na tentación de infravalorar a ninguén que teña escrito un libro. Limítome a non reler na vida eses que, senón no fondo dunha piscina, non me custaría imaxinar non fondo dunha foxa abisal. Non quero para ninguén o que non quixen para min por moi afeito que xa estea a iso.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Amo moitos libros de Cunqueiro e de Torrente, de Otero Pedrayo e de Cela, de Blanco Amor e de Pardo-Bazán, de Luís Pimentel e de Manuel Antonio, de Luz Pozo e de Manuel Tenreiro, de Aquilino Iglesia Alvariño e do Padre Feijoo, do Padre Sarmiento e do Cura de Fruíme, de Risco e de Rosalía, de Neira Vilas, Carlos Casares… e un feixe deles máis, escritos por autores galegos, con independencia de que os escribisen en galego ou o en castelán; tamén duns xa mortos e doutros aínda e afortunadamente vivos que silencio como non o fago cos mortos, aos que lles ha importar un pito que o faga, porque temo esquecer e ferir a máis de un.

Temos unha gran literatura equiparable a calquera outra, temos un país pequeno, o que non sería óbice, pero tamén temos unha sociedade civil feble e, o que é ben peor, temos unha burguesía escasamente culta ou que, polo menos, non exhibe razóns e actitudes que nos permitan pensar o contrario. O que se di para a literatura é aplicable, xa que logo, ao resto das artes. A nosa burguesía, a nosa clase empresarial e maioritariamente unha “desentendida”. E así non che hai xeito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s