Joseph Roth e o cinema, Alcayde Dans e a impaciencia

DIARIO DE LECTURAS

Lois Alcayde.

Xesús González Gómez.

Comprei, en febreiro do 2020, na mellor libraría de Barcelona —e non vou dicir cal é para non facer propaganda—, o volume de Joseph Roth, L’avventuriera di Montecarlo. Scritti sul cinema (1919-1935), publicado no 2015 por Adelphi Edizioni, a cargo de Leonardo Quaresima, con tradución del propio e de Roberto Cazzola; volume que recomendo ferventemente a todas/os que poidan lelo. O libro divídese en catro partes: «Folletón», «Recensións», «Critica militante» e «Teoría do cinema»,  e o organizador engade as seccións «Materiais», que consta das notas ao seu epílogo, «Fontes», é dicir, de onde son tirados os textos, e un índice de filmes citados ao longo de todos os escritos. Digamos que Roth está contra o cinema hollywoodense, mais ama a Chaplin, Harold Lloyd e, sobre todo, a Buster Keaton; considera un cómico moi inferior a Chaplin a Max Linder; ama tamén os filmes documentais  e etnolóxicos; lanza dardos case que envelenados a directores como Lang e Eisentein, do que non lle agrada A liña xeral (que considera mero instrumento de propagando do goberno soviético) en cambio loa O acoirazado Potemkim; gusta de F. W. Murnau, aínda que tampouco lle aforra críticas, etc. Son moi interesantes os artigos en que narra a súa visita a rodaxes: semella que estivésemos a ler algunhas páxinas das súas novelas: non se salva ninguén: nin as divas, nin os produtores, nin os directores, nin os cámaras, etc.  Un libro interesante que nunca veremos en galego, mais esperemos que sexa traducido a algunha das linguas peninsulares. Despois de ler este interesante, e tamén curioso,  volume de Roth collo dos estantes o libro de contos de Lois Alcayde Dans, Os jeans de María, publicado pola Editorial Galaxia o pasado 2019. 

Alcayde é un rapaz novo (naceu no 1997) e esa mocidade percíbese nos 17 contos que conforman o volume. Dezasete contos de diferente tema e, mesmo feitura, ningún deles moi longo, de cuxo conxunto se pode afirmar que son contos sen pretensións nin reviramentos, que non buscar crear ningún abalo nin conmocionar nada nin a ninguén, como se estivesen escritos desde o tedio e o aburrimento narrativo. Ollo, estou seguro de que o autor non sentiu, cando estaba a escribir estes contos, nin tedio nin aburrimento, mais é a impresión que producen… en min. De seguro que a actitude vital de Alcayde Dans ao escribir estes contos era outra: euforia e optimismo. Mais esquecendo actitudes vitais e estados de ánimo, para quen isto escribe, a maioría destes contos son anódinos, como se autor lle tivese medo á imaxinación, cando os mellores relatos do libro son aqueles en que acode a esta: «Caraveis», «Hortensia», sobre todo o primeiro. En «Hortensia» faltoulle «fondura», ou, mellor dito, acho que non soubo realizar iso que Hemingway denominaba «arte da elipse»: é dicir, non soubo fundir os dous movementos ou accións da trama e facer que o lector enchese os baleiros que podían faltar: o afundimento dun navío e unha manifestación contra a reconversión industrial, para que se convertesen nun só. O autor tivo unha boa idea: o seu froito, infelizmente, non trouxo a promesa das flores. No entanto, non é un mal conto, pero del podíase esperar moito máis. En troques, penso que no primeiro dos relatos citados si soubo fundir soño, pensamento e realidade, o que dá lugar ao mellor conto do volume, e como tal, salva o libro porque os outros, como dixemos, non son nada ou case nada. Ás veces dá a impresión de querer o autor fascinar o lector con xogos de mans que maiormente, por non dicir que na totalidade, acaban derivando cara ao superfluo, como se eses contos («Animais», «Todo igual», «Diafragma», «Sorpresa», etc.) fosen só, ou talvez o son, exercicios retóricos para demostrar que posúe unha destreza suficiente para eludir tecnicamente os lugares comúns, e o que acaba triunfando é a contundencia previsíbel do tópico, o cambio de rumbo gratuíto e o paradoxo sen moita graza narrativa.   

Con todo, e debido a eses dous contos, e ao que dá título ao volume, e a pesar de frases que seica queren «impresionar» o lector («A luz da ventá facía da cara da nai un lugar coñecido», «A nai sorrí coa sombra da memoria nos brazos» (?!), «O día reméxese polo sumidoiro abaixo en círculos concéntricos», «A lembranza tiña olor a pelo e a marcas de poesía aeróbica na saba», «Damas non entendía a psicoloxía das rúas…», «As cores verbalizan os sentimentos con maxia eléctrica», etc.), hai que concederlle un voto de confianza a Lois Alcayde Dans: de 17 contos, un é bo («Caraveis»), outro é unha boa proposta non conseguida («Hortensia»), outro está bastante ben («Os jeans de María») e nalgún que outro albíscanse posibilidades («Avó», relato que, como «Hortensia» talvez necesitaba dun desenvolvemento que tivese en conta a teoría do iceberg de Hemingway, que, en certa maneira, se albisca neste conto), aínda que ninguén deles acabe de fascinar o lector; todo isto, nos tempos que corren e tendo en conta a idade do autor, lévanos a emitir un voto de confianza en Alcayde, porque demostra, en todo caso, que ademais de redactar sabe escribir. Só fai falta que traballe máis os relatos, que fuxa das frases «impactantes», e, sobre todo, que non teña présas, que non se precipite. Ao cabo, na literatura, como en tantas cousas, tamén a paciencia ocupa un lugar importante. 

Un comentario en “Joseph Roth e o cinema, Alcayde Dans e a impaciencia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s