Iria Collazo: “Os meus ‘Tintíns’ da infancia están tan desgastados que parecen a piques de romper”

Iria Collazo. DIEGO ALFONSÍN.

A biblioteca íntima de Iria Collazo abre as portas con gran variedade de títulos, de recomendacións e de lembranzas. Convidamos tamén a ler as obras máis recentes da autora, A casa do paralelo 54 e a súa participación n’O libro dos trens, ambos títulos publicados por Galaxia.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido? 

Puido ser Jim Botón y Lucas el maquinista, de Ende, que agora xa está traducido ao galego e que de pequena me marabillou. Tamén recordo ler unha e outra vez os cómics de Tintín, que hoxe aínda conservo e que están tan desgastados que parecen a piques de romper en anacos. Algo parecido me sucedeu tamén con Mujercitas, de Louisa May Alcott.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra? 

O de pouco coñecido depende para quen sexa. Quizais unha das últimas sorpresas positivas foi Retiro, de Dovlátov, do que non tiña noticia. Gustoume moito o tratamento dos personaxes e dos diálogos, pero tampouco chegaría a dicir que se trata dunha obra mestra. Tamén me encantou Génie, la loca, de Inès Cagnati.

E que obra mestra canónica lle cae das mans? 

Non puiden aínda co Ulysses, de James Joyce. Teño que collelo con máis ganas.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a. 

Podo elixir dous? Encantaríame unha velada con Pizarnik e Cortázar. 

 E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o. 

Pois pese a que me gusta moito a obra de Murakami, dáme a sensación de que un encontro entre el, que sospeito bastante identificado cos seus personaxes, e mais eu, que tampouco son a alegría da festa, non daría demasiado de si. Igual ás oito da tarde xa estabamos a durmir.

Un libro recente que lle gustase moito.

Entre a recente literatura galega gustoume moito Carrusel, de Berta Dávila. De fóra de Galicia podería dicir, por exemplo, Desierto sonoro, de Valeria Luiselli. Os dous son libros que non se rematan nunca, no sentido de que continúan ao noso lado. 

Unha novela que non puido terminar.

Non lembro agora outra, así que volverei dicir o Ulysses.

Que novela lle gustaría protagonizar? 

Gustaríame ser a Blimunda do Memorial do convento, de Saramago.

Que novela a reconciliou coa literatura? 

Nunca me sentín enfadada coa literatura, así que non nos tivemos que dar segundas oportunidades.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito? 

O que teño máis ganas de comezar, e por iso mesmo o estou deixando para o final, é Que fue de los Mulvaney, de Joyce Carol Oates

Que libro lle gustaría ter escrito? 

Non estaría nada mal ser unha escritora con tantísimo talento, éxito (e anonimato) como a Elena Ferrante da tetraloxía de La amiga estupenda. Por outro lado, tamén me gustaría chegar algún día a escribir algo semellante a un libro de Amos Oz onde os xéneros se dilúen dun xeito delicioso e que me marcou profundamente:  El mismo mar.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Non me sinto orgullosa dos libros que escribín. Sempre lles atopo miles de defectos. Pero tampouco querería que desaparecesen. Son froito dun esforzo e dunha certa inconsciencia que forman parte de min e por iso lles teño moito cariño.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Non.

Escribirá as súas memorias? 

Tampouco. A quen lle pode interesar iso?

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura? 

Non quero facer responsable a ninguén de semellante temeridade.  

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina? 

Non.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta? 

Durante a carreira lin Crime en Compostela, de Carlos Reigosa, e pareceume terrible. Quizais se o lese de novo hoxe se me fosen as soberbias, pero o certo é que ese é o recordo que gardo del.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora? 

O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Pornografía ou Camuflaxe, de Lupe Gómez. Seique, de Susana Sánchez-Aríns. Non necesariamente nesa orde.

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado. 

Non teño moi claro a que lle chamamos clásico galego, pero quizais poida dicir A nosa cinza.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto? 

Aínda que sigo sen saber moi ben a partir de que data un libro galego pode ser considerado como un clásico, o primeiro libro que se me ocorre para regalarlle a unha amizade que nunca o lese sería un poemario, o De catro a catro, de Manuel Antonio. En prosa, se cadra elixiría A esmorga, de Blanco Amor ou Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Cunqueiro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s