‘O que non sabías’, unha vía interesante de ficción comercial

Elba Pedrosa.

Eva Moreda.

O que non sabías, de Elba Pedrosa (Xerais, 2020) vén ser un exemplo máis de como certas editoras e coleccións, como a propia Xerais Narrativa, intentan chegar a un lectorado que vaia máis aló da militancia e conformar o que podería ser un corpus de narrativa comercial-literaria en galego. Os resultados son, neste caso, bastante satisfactorios, aínda que non de todo.

Debo confesar que o primeiro capítulo, cheo de metáforas esaxeradas que case nos fan pensar que estamos no terreo da ciencia-ficción (“Pasou nun instante de sólido a líquido, deshibridou todas as súas células e a súa enerxía. Abateuse toda ela. Tamén foi por un anaco substancia gasosa”), fíxome temer o peor. A partir do segundo, porén, a cousa xa muda, e para ben. Pedrosa adapta un estilo que, sen buscar a poética, resulta acaído aos ambientes que se pintan e os temas que se tratan. Aquí é onde entra o atractivo comercial do que falaba antes; a historia que conta Pedrosa bebe de certos escenarios e tropos xa ben traballados da nosa tradición literaria e ao mesmo tempo entronca con outros que podemos atopar facilmente en certa ficción comercial (sobre todo a dedicada a un lectorado feminino, mal que nos pese) en calquera lingua. Trátase dunha historia ambientada nun pasado non tan remoto (segunda metade do século XX) e construída a base de segredos familiares, emigración e superación persoal, sobre todo para a personaxe principal, Marisa, muller afouta (tal como se nos describe na lapela do libro) que se ve abandonada polo home e abre despois a primeira libraría da súa contorna. A autora foi ben consciente de que esta historia e esta ambientación (a Galicia rural-mariñeira, cuase-matriarcal, moi tocada pola emigración) encaixan ben co imaxinario que noutras partes do Estado se ten de nós, e de feito a novela apareceu en castelán ao mesmo tempo que en galego, seguindo unha tendencia que cada vez se dá máis no noso sistema literario. Non digo isto como demérito: non me parece que Pedrosa conforme un discurso particularmente novidoso sobre a emigración galega (si que ofrece algunhas pasaxes poderosas sobre como esta afecta as relacións familiares), pero tampouco cae en demasía no tópico nin nos folklorismos.

Pedrosa tráenos, logo, uns ambientes e uns personaxes que podemos recoñecer facilmente (sobre todo Marisa e o seu fillo Roberto, o outro narrador), e consegue que sigamos con interese as súas peripecias. Non me pareceu, porén, que a novela tivese a extensión axeitada (160 páxinas) para desenvolver como é debido a historia: este tipo de literatura normalmente pide un percorrido algo máis longo, para que poidamos engancharnos á trama e sobre todo para que quedase algo máis desenvolvido o senso de misterio e reencontro que Pedrosa intenta introducir na segunda metade. A novela, porén, ten moitas calidades atractivas e apunta un camiño interesante para a ficción literaria-comercial en galego.

♦ O que non sabías, de Elba Pedrosa, Xerais, 2020. 160 páxinas. ♠16,35€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s