Trotski e a literatura

Leon Trotski.

Xesús González Gómez.

Leo dun «tirón» as Cartas desde Moscú 1921-1930, de Andreu Nin, en edición de Pelai Pagès, publicadas pola Editorial Laertes (Barcelona, 2019). A maior parte do libro está conformado por cartas de Nin a Joaquin Maurín (e algunha deste), así como algunhas das enviadas a León Trotski polo catalán e as que o ruso lle enviou. Logo hai unas cantas a membros, daquela, do Partido Comunista de España (Juan Andrade, H. Arlandis), así como unhas poucas enviadas por Nin a escritores cataláns: Eugeni d’Ors, Puig i Ferrater, Prudenci Bertrana, etc.; e finalmente algunhas «privadas». O libro complétase con dúas entrevistas a Nin publicadas cando volveu a Cataluña en 1930, unha bibliografía súa até ese ano de 1930, así como a bibliografía usada polo editor e unha Galería de Personaxes e Organizacións, e un interesante aparello iconográfico. Digamos que as cartas máis interesantes, mesmo máis que as de Trotski, son as enviadas por Nin a Maurín (ás veces en español; outras en catalán: Maurín era aragonés —que líder comunista galego até 1970, e posteriormente, escribiu unha carta en galego a un camarada, e non digamos unha carta privada?!), sobre todo a carta datada o 17 de xaneiro de 1929: unha carta «profética », mais as «profecías» de Nin sobre a posterior evolución tanto da do Partido Bolxevique como da URSS baséanse na realidade inmediata: é curioso que os trotskistas mantivesen esa teima de «Estado obreiro dexenerado» ao falaren da URSS até, xusto, o día da desaparición dese Estado e a caída dos réximes comunistas. Aos trotskistas pasáballes un pouco o que lle acontecía ao seu líder coa literatura. Se lemos os escritos de Trotski sobre literatura, sobre todo os dous volumes que no seu día publicou a defunta Ruedo Ibérico, e non só a antoloxía que a inicios dos 1970 publicou Alianza Editorial, e os comparamos coas idioteces dos líderes stalinistas, ou as do gran timonel Mao, o normal é que o lector fique cativado. Ademais, Trotski usa dun sarcasmo e dun humor que desapareceu do mundo comunista (e case me atrevería a afirmar que marxista) despois de 1940 –por outra parte, ese humor era, por así dicilo, propiedade, sobre todo, do marxismo, do comunismo, opositor das liñas oficiais dos PCs do planeta Terra. Mais se se afonda en Trotski e as súas lecturas, a causa xa non fica, a pesar dos trotskistas, tan clara.

Na nota 277, páxina 147, Pelai Pagès escribe: «Moi probabelmente refírese [Trotski] a Gérard Rosenthal (1903-1992), un dos dirixentes da Ligue [communiste]. Foi o avogado de Trotski mentres este permaneceu exiliado en Francia. Aínda que a finais dos anos 1930 se afastou do trotskismo, foi, até o final dos seus días, un dos constantes loitadores contra o Gulag e o antisemitismo». Gérard Rosenthal foi un dos que fixo, segundo Breton no Manifesto do surrealismo, «acto absoluto de fe surrealista»… co nome de Francis Gérard. En 1926, con Pierre Naville, entrou no PCF e entregouse á política en corpo e alma. Con Naville pasou a militar na oposición de esquerdas, trotskista, e a fundar diversos grupos e partidos desta tendencia. Despois da Segunda Guerra Mundial as súas aventuras políticas foron por outros camiños; militou no Ressemblement Populaire, ou como se chamase, en que estaba tamén Sartre e outros. Unha vez desaparecido este grupo, non sei onde foi parar: Sartre, ás mans dos comunistas até 1968. Hai uns 10 anos, por un prezo irrisorio, comprei o libro de Rosenthal, Avocat de Trotski. O libro contén moita información sobre as infiltracións da GPU no movemento trotskista internacional antes de 1939, tamén retrata diversos personaxes do trotskismo internacional e francés, mais, sobre todo, trata do líder bolxevique a partir da expulsión deste da URSS. Quere retratar a Trotski como un gran teórico e un gran político. En política, acertou ás veces, outras cagouna completamente: sobre o POUM e a guerra de España. Como teórico, ten un diversos libros que mellor sería agachar: Terrorismo ou comunismo? e A súa moral e a nosa. Sobre este último, Rosenthal toma partido a favor de Trotski contra Victor Serge. En À sang et à feu, Traverso puña os puntos sobre os is e, naturalmente, dálle a razón a Serge. Por outra parte, o «Vello» teima sempre en que os seus seguidores se dirixan ao proletariado, e quéixase de que as revistas e xornais dirixidos por Pierre Naville (o íntimo de Rosenthal, o primeiro director de La révolution surréaliste, o teórico dos trotskistas galos, etc.) son «demasiado teóricas.» Está obsesionado con que cheguen aos ambientes obreiros, se introduzan neles, teñan forza, etc., e por iso as publicacións trotskistas deben dirixirse aos obreiros, ser menos teóricas e máis accesíbeis, etc. Claro que si, mais se esqueces a teoría, meu caro «vello»; resulta que a acción sen teoría adoita converterse en puro deporte. Por outra parte, se ben Rosenthal preséntao como un home culto, amigo das artes e das letras, etc., un dos maiores tópicos do trotskismo internacional, hai un momento en que, sen querer?, ispe o líder bolxevique: «Un jour il insista sur l’importance des Paysans dans lesquels Balzac avait remarquablement analysé le rôle social de la propriété terrienne. Plus tard, j’ai discuté en vieux surréaliste son goût pour La Maternelle de Léon Frapié, dont le misérabilisme m’irritait. Le Vieux y retrouvait un prolonguement émouvant de la littérature de Flora Tristan e de Louise Michel.» [«Un día insistiu sobre a importancia de Les Paysans, no que Balzac analizara notabelmente o papel social da propiedade agrícola. Máis tarde, discutinlle, como vello surrealista, o seu gusto por La Maternelle, de Léon Frapié, cuxo miserabilismo me irritaba. O Vello achaba nela unha prolongación emocionante da literatura de Flora Tristan e de Louise Michel»] Sería moi «emocionante» a novela do tal Frapié, que non sei quen é, mais hoxe non a recorda ninguén por iso, por miserabilismo. É nestes retratos dos seus seguidores onde o verdadeiro Trotski aparece: en literatura e arte, como secuaz dun conservadorismo (ou conformismo) penoso. En política, obreirista e dogmático. Non obstante, tampouco imos negar os seus achados e as súas iluminacións. Quizais son demasiado duro, non o sei, mais talvez sexa porque eu fun un dos «seducidos» polo Trotski «literato», e un pouco menos polo político. E non está de máis, seguindo co tema, lembrar que en xaneiro de 1929, cando era conducido pola GPU á fronteira de Turquía, un xornalista estadounidense, que lle ía facer unha entrevista, atopouno lendo: «É un libro de Anatole France. Anatole France (díxolle) é o meu escritor favorito. Non soamente é un grande estilista, senón, ademais, un profundo pensador». Se pensamos que este xuízo foi feito por un revolucionario profesional, polo home que fora o técnico da revolución rusa, que tantas esperanzas levantou, polo teórico da revolución permanente, teremos unha nova proba do que enganan as aparencias, e a medida en que, baixo a casca de revolucionario, poden agacharse as mentes máis preguizosas, máis retrógradas e máis ultramoderadas. Con todo, haberá que lembrar que no seu traballo sobre Viaxe ao cabo da noite, de Louis-Ferdinand Céline, soubo ver que este podería caer, facilmente, no fascismo (nas tebras); que analizando A condición humana, de Malraux, afirmou que este acabaría como burócrata (como así foi: ministro de De Gaulle), e que soubo xulgar, alén das súas posicións políticas persoais, a grandeza da novela Os xavaneses, de Jean Malaquais, que estaba máis preto dos consellistas alemáns e era antileninista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s