Javier Gómez: “Son o que son grazas aos meus profesores de literatura”

Javier Gómez.

Javier Gómez (Javier Nogueira cando asina na prensa) naceu en Becerreá no 1982. Licenciado en Hispánicas pola USC, fixo o mestrado en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Foi profesor na universidade na que estudou entre 2007 e 2010 e agora exerce de profesor de Lingua e Literatura no ensino secundario. É crítico literario en El Progreso desde 2010, tamén tradutor e ensaísta inédito.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Aprendín a ler de moi neno pero sobre todo con xornais, que estaban máis á man ca os libros na miña infancia. Se teño que lembrar un que tivese carácter iniciático, non sei se o primeiro pero si dos primeiros, foi unha edición adaptada de Moby Dick. Lembro que era de cor rosa, destas novelas para adolescentes que se facían nos oitenta, que se vendían en supermercados grandes e que eran tan malas que ás dúas ou tres lecturas quedaban esnaquizadas. Por iso non a conservo, o que é unha mágoa.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Aquí permitiráseme dar unha resposta longa, de especialista en Literatura Comparada e no que se denomina Weltliteratur (agora que a RAG aceptou outra verba en alemá famosa, déixolles esta para o seguinte pleno). A pregunta sería: Que significa “pouco coñecido”? O que nos levaría a analizar os distintos sistemas literarios e as recepcións de obras moi diversas, xa que un comparatista endexamais debe caer no etnocentrismo. Dito cun exemplo: eu podería dicir que Soño no pavillón vermello é unha obra mestra pouco coñecida e o lector podería ir a un manual ou á Wikipedia e dicirme que como demo se me ocorre dicir iso se falamos dunha das obras máis vendidas de todos os tempos.

Feita esta precisión… creo que podo considerar pouco coñecido a Edmond Jabès e unha obra mestra O libro das preguntas. En canto a novela, se a consideramos pouco coñecida, Ethan Frome de Edith Wharton. E no ámbito galego La catedral y el niño de Blanco Amor, que para min está á altura d’A esmorga.

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

En xeral, a novela realista francesa e inglesa do século XIX, en particular Balzac e Dickens. Cando lin foi como tomar unha medicina, puro sentido do deber. Disto teño que exceptuar en Francia a Flaubert e a Stendhal e en Inglaterra a Thomas Hardy e George Eliot. Pero en calquera caso a novela de narrador omnisciente, predominio da descrición e tamaño considerábel é algo que non leo por pracer.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Como son pouco de esmorga, case que mellor excluír os Burroughs ou Hemingways… Disque Alexandre Dumas era un gran comedor e bebedor, e se sumamos iso ás súas novelas e á súa particular orixe relacionada con Haití… pois quizais estaría ben.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Esta é moito máis sinxela ca a anterior: Louis-Ferdinand Céline. Poucas veces tal xenialidade na escrita se viu acompañada de tal maldade persoal creo eu.

Un libro recente que lle gustase moito…

Se entendemos “recente” como escrito hai pouco tempo, Para que eu beba, de Luís Valle. Se entendemos “recente” como publicado hai pouco aínda que teña material antigo, Poesía completa, de Vicente Aleixandre, co que pasei unha parte da corentena. Como as miñas lecturas son principalmente de ensaio, These truths, unha historia dos Estados Unidos feita por Jill Lepore, do New Yorker, unha nova visión polémica sobre o país que tamén recoñeceron os recentes Pulitzer premiando Proxecto 1619.

Unha novela que non puido terminar…

Moitas, por exemplo Oliver Twist, de Charles Dickens, ou Xosé e os seus irmáns, de Thomas Mann a pesar de que me encantou o que lin. Pero isto para min non é ningún trauma senón algo derivado da miña vida persoal e profesional. Ler un libro á semana e compatibilizar isto con outros traballos e coa vida familiar fan que ao longo dos anos quedasen moitísimas obras incompletas. Unhas vanse completando, outras pasan a unha eterna pilla de obras pendentes (isto despois) e a outras xa sei que por moito que o intente, non vou volver. Como dicía Séneca citando a Hipócrates, Ars longa, vita brevis.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Vai ser unha resposta tópica, pero o Ulysses de Joyce porque ademais teño unha conexión persoal moi intensa con esa novela. Iso si, a ser posíbel preferiría ser Stephen e non Poldy Bloom. Outra posibilidade atractiva sería ser Voland en O mestre e Margarita de Mikhaíl Bulgákov.

Que novela o reconciliou coa literatura?

Pois ningunha. Observei en charlas con compañeiros profesores, escritores e outros críticos que é un lugar común afirmar que houbo un momento no que se desconectaron das letras, que lían moi pouco, moitas veces asociado coa mocidade, cando se mesturan outros intereses e unhas “responsabilidades” académicas que para os rapaces poden ser abafantes. A min isto non me ocorreu: dende neno fun un apaixonado da lectura e nunca tiven unha ruptura que implicase unha reconciliación. Son afortunado niso, creo.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

É moi difícil escoller un porque como xa dixen a pilla de obras pendentes é moi moi grande. Hai moito tempo que teño gana, por exemplo, de ler os contos completos de Isaac Bashevis Singer, que se publicaron hai pouco nos Estados Unidos. Bela do Señor, de Cohen tamén está moi arriba nesa lista de obras pendentes. E nalgúns casos o que preferiría é reler con moito tempo, por exemplo co Tristram Shandy, que é unha das miñas novelas preferidas e que lin dúas veces pero con demasiada présa, quedando coa sensación de perder matices.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Isto supoño que é preguntar cal é o meu libro preferido doutro xeito, ou así o entendo eu. Eu son un shakesperiano convencido e teríame encantado ser o autor, en particular, de Macbeth. Para min é unha obra que o ten case que todo: a arela de gloria, a ambición de poder, unha figura feminina fascinante, a conexión cos clásicos, o papel da maxia e dos prognósticos… Non me canso de lela e vela (sobre todo nas versións de Welles e Kurosawa). Cando tiven que elixir obra para as clases universitarias, non o dubidei pola paixón que sinto por esta.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

Lamento non poder responder a isto a xeito porque non teño libros publicados e dubido que chegue a telos. Se ocorre, serán ensaios porque non teño ningunha capacidade nin interese na ficción. Mesmo chamalos ensaios sería excesivo: sempre me gustou a divulgación de tipo enciclopédico e con eses libros non hai esa “paixón” que pode levar, como fixo Juan Ramón Jiménez, a retiralos expresamente dunha bibliografía. Ou mesmo a queimalos, como quixo facer Kafka.

Leva vostede un diario ou un dietario?

Non. De feito, custoume levar unha simple axenda laboral sempre. Os que me coñecen saben que teño a sorte de ter unha memoria moi boa (mesmo para datos totalmente inútiles, o que me amola ás veces) e non preciso estes detalles. Ademais cos teléfonos móbiles un pode navegar por conversas con certa facilidade e atopar datas concretas se é preciso.

 Escribirá as súas memorias?

Permítaseme dar unha resposta ambigua: si e non. Se entendemos “memorias” como relato persoal da miña vida, dende logo que non. Como lector non me gusta absolutamente nada a autoficción e a súa abafante presenza na novela actual. Creo que demasiados autores, non sei se por egolatría, falla de ideas ou intereses editoriais, tenden a considerar a súa vida como algo apaixonante que, cuns toques ficcionais quizais, todos podemos gozar. Non é o meu caso: houbo episodios dignos de contar na miña vida, como na de calquera supoño, pero non son un Solienitsin, cunha peripecia vital que dá xa non para unha senón para varias obras (no seu caso, obras mestras).

Agora, se entendemos “memorias” como algo máis amplo, quizais si me interesaría, por exemplo na liña das memorias de Israel Y. Singer –recentemente publicadas en España. Falo de libros nos que o narrador non é o protagonista nin se conta a súa historia, relatos sobre un mundo que xa non existe. E eu proveño dun grupo de familias da montaña de Lugo que viviron nun mundo que está a piques de desaparecer por completo. Ese mundo ten os seus poetas, excelentes: Novoneyra no Courel, Fiz Vergara na zona de Samos, Helena Villar en Becerreá, que é a miña vila… pero non hai creo un relato dese mundo e ese quizais si me gustaría facelo. Dito todo isto, non creo que teña a capacidade para facelo… escribir algo así é dunha complexidade enorme, eu admiro a quen o fai ben e prefiro ler a escribir en verdade.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Habería que saber se en realidade me dedico á literatura, que moitos lectores pensarán que non. Como xa dixen antes, Melville –aínda que pasado pola peneira dun adaptador descoñecido. Na mocidade influíron con forza os poetas españois, en particular San Juan de la Cruz e Quevedo, e Blanco Amor. Un chisco despois, Sófocles. Shakespeare, Juan Ramón Jiménez e Lorca. Como se pode ver, tiven unha formación clásica sen procuralo, xa que a todos eles cheguei ben por vía autodidacta, ben polos programas escolares. 

De feito, a pregunta estaría mellor respondida se preguntase que “profesores” son responsábeis da miña dedicación á literatura. Eu son o que son (en todos os sentidos, non só no literario) grazas aos meus profesores de literatura na escola, a secundaria e a universidade. Case que todos foron excepcionais tanto no académico coma no humano e teño sorte de poder chamalos amigos agora e dende hai anos. En especial teño que mencionar o meu gran mestre, Darío Villanueva.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Por suposto, a literatura serviu a fins moi execrábeis dende o principio dos tempos. Quen non botaría a unha piscina os libros que xustificaban a escravitude, a violencia contra as mulleres, Os protocolos dos Sabios de Sión… Podería citar moitos máis. Agora ben, isto é simplemente a opinión apaixonada dun lector ou dun crítico, falamos de gustos e opinións sobre o devir histórico. Se estivese na miña man non lanzaría ningún en realidade, so pena de caer no que fixo o xeneral árabe que —segundo a lenda, quizais apócrifa— destruíu a biblioteca de Alexandría. Cando lle preguntaron por todos aqueles libros, o home contestou: “Se están de acordo co Corán, non son necesarios; se están contra o Corán, tampouco”. 

E por certo… quen di que non tirei xa un libro a unha piscina? 

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

En xeral, os best-seller recentes. Non quero entrar en polémicas, isto é unha opinión que ten moito que ver coa miña traxectoria como lector e crítico e non pretendo sentar cátedra con ela. Pero o fenómeno do best-seller paréceme negativo por introducir factores economicistas que distorsionan en exceso o sistema literario. Creo que moitos escritores e escritoras moi capaces non ofrecen todo o seu potencial creativo por cinguirse a uns públicos moi determinados (agora, por exemplo, temos a moda da novela negra, despois virá a histórica ou a erótica, quen sabe). E si, é verdade que non se pode establecer unha correlación exacta entre best-seller e baixa calidade… pero eu penso que o artista é mellor canto máis libre é. E comparo isto co que me parece, e non teño problema en afirmalo con contundencia, unha idade excelsa da poesía galega, con autores de diversas xeracións e procedencias como María do Cebreiro, Luís Valle, Xabier Cordal ou Yolanda Castaño (escusen as omisións, que son moitas). Penso que a liberdade creativa destes axúdaos e non vexo o mesmo na novela.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Teño devoción pola poesía de Celso Emilio Ferreiro. Se falamos de posterior a 1970, polo tanto, Onde o mundo se chama Celanova

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Se imos ser iconoclastas, Eduardo Pondal e Ramón Otero Pedrayo. Por razóns ben distintas. No primeiro caso… Queixumes dos pinos é unha obra de 1886… eu leo a Rosalía e vexo modernidade, hai romanticismo e hai simbolismo, hai compromiso social auténtico… O valor simbólico de Pondal é evidente pero a súa literatura non mira ao futuro senón ao pasado e por iso agora é difícil conectar con ela, tamén no lingüístico. Otero Pedrayo é unha figura xigante e Arredor de si unha obra fundamental… pero está o resto da súa obra á mesma altura? Eu son un amante d’Os camiños da vida, pero non porque a considere unha gran novela, é un gusto impresionista se se quere chamar así. 

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

Como xa dixen, son un namorado de Celso Emilio e de feito O soño sulagado foi o primeiro co que agasallei a miña dona. Por non repetir resposta, eu considero un clásico galego Adiós, María, de Xohana Torres, e é un agasallo perfecto para alguén que é moi malo escollendo libros para os demais. Aos máis novos chégalles esa historia de muller nova, a un especialista as técnicas narrativas, a alguén comprometido o tema social e da emigración… Cada vez que o leo atopo unha capa nova de significado e un pracer novo. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s