Preparando a I Liga de Relatos: Así se “cociñou” ‘Sobremesas’, de David Botana

Un xeneral romano vitorioso escoita as palabras do seu escravo: “Triunfador, recorda que es mortal”.

David Botana, gañador do III Torneo Biosbardia de Relatos, comparte o proceso que seguiu coas súas «lectoras-beta» para pulir o relato que o levou á final.

Na I Liga de Relatos de Biosbardia introducimos unha nova figura: a do lector/a-beta. Para moitas autoras, son persoas de saber e de confianza que axudan a desbravar os textos antes da publicación. Un labor que ten o privilexio (a responsabilidade) de dicirlle as verdades ao rei.

Como mostra, David Botana comparte con nós o camiño que seguiu o relato «Sobremesas» cos seus lectores-beta. Á esquerda tedes a versión inicial, coas marcas que levan aos comentarios (á dereita). Obviamos nesta transcrición aquelas correccións de tipo ortográfico. A versión final do relato podedes lela aquí.

Dígoche que a vin! Unha caveira, todo óso e ollos. Ás veces… vexo cousas. Como miña avoa. Cóntoche.1

Atópome ao vello2 no súper. Os nosos dedos plastificados rozáronse na captura da mesma bandexa de iogures. É chamativa3 a incomodidade, medo incluso, que agora sentimos por algo antes tan anecdótico. Déixollos, claro. El méteos no carriño, xunto a outras vinte bandexas: melocotón, amorodos, con e sen cachos, vainilla… Hai variedade e certo luxo dentro do monográfico lacteo da súa compra. Baixa a mascarilla para darme as gracias cun sorriso. Entón caio, era o do terceiro de cando vivía con Mario no Paraíso. Sempre saudaba así, rindo, sen poñer a típica cara de «vello xulgando maricas». Lembro cando mo atopei a durmir no coche e de como ao día seguinte se veu explicar, avergoñado. Ás veces a muller non o recoñecía polo alzheimer e botábao da casa. Se nesa época xa estaba acabadiño, agora era pouco máis ca sombra dunha sombra. A moreaza de iogures deixa de facerme gracia. Cando o volvo ver na cola, posúeme o espíritu de miña avoa. Dígolle que vou facer lasaña e que, se quere, lle levo unha pouca de paso que saco a Nixon pasear4. El asinte, desorientado. O fedor a abandono que emite supera amplamente as barreiras do distanciamento social. Así que, a iso das dez e cuarto, desafío o estado de alarma para que un pobre home que sempre me sorrí abandone, por unha noite, o Danone perpétuo do seu malvivir.

Son parvo. Xa o sei.

Chego e timbro, preparando mentalmente un, «Deixollo aquí no portal», que el aborta abrindo cun insalvable, «Sube». Fágolle caso e atópome a porta aberta. Chámoo, nada. Meto o fuciño dentro, a casa é tan súa coma o fedor. A penumbra fai do desorden un cuadro abstracto. Entro na sala e falo de novo5, sae dunha porta, vestido con bata e mascariña. Leva a picha fóra, tesa coma un vimbio. Vén cara a min, desnortado, bisbando algo de que lla chupe, de cartos, de que está só; os rogos acompañan o movemento nervioso da man…6 Non consigo procesar nin a metade do que di porque me cago vivo e só penso en fuxir. Cólleme polo hombreiro. Eu empúrroo e lisco a fume de carozo. Estou xa chamando o ascensor cando o escoito laiar. Nixon faille os coros oubeando7, na man levo só a lasaña. Cando volvo8 está axeonllado na alfombra, chorando, o cadelo lámbelle a cara, el déixase facer, apertandoo, sen forzas. Fálolle9 e ergue, durante un escalofriante e eterno segundo, uns ollos tristes dentro dunha caveira embozada10.Fálame, pídeme perdón moitas veces, vaise vestir. Segue a falar, a muller morreulle e xa non ten nin quen o bote do piso, leva o illamento a base iogures e porno. O fillo págalle internet para estar comunicados, seica11. Ceamos. Di, rindo xa, que en Google todo dios a chupa.

Que se volvín? Xa o dicía a avoa: «Para un só non se pon a pota ao lume».

Comentario 1
L1: Esta liña non parece ter nada que ver co resto do relato.
Botana: Hai tres liñas así, esta, a do medio e o final. É como se o prota lle estivese contando o de máis abaixo a alguén.
L2: Eu tampouco entendo esta intro.
B: Igual me casco a intro e o final.
L2: Eu voto por iso.
B: Operación Napalm. Imos intentar incrementar o corpo personalizando ao narrador.

Comentario 2
L3: Se é un encontro inesperado, o verbo é “atoparse con”.

Comentario 3
L3: Castelanismo. Tes “rechamante”, pero igual non ten o significado que lle buscas aquí.
B: Curiosa…

Comentario 4
L3: pouca paso pasear. Moita pe? Quizais quitar o “pasear”, quizais mudar o “de paso” por “cando saque”. Non sei, quizais xa me estou poñendo repunante.
B: Tes razón. É un ripio horribilis.

Comentario 5
L3: “falo de novo” é unha cousa así moi xenérica. Di algo en concreoto? Volve chamar por el? Traio a lasaña?

Comentario 6
L3: Eu dáballe unha revisión aos puntos e comas desta parte. Porque hai momentos que a min me piden punto e levan coma, e viceversa. Proba a lelo en voz alta.

Comentario 7
L3: É estraño que se subiu co can non o menciones antes porque para min o lóxico sería que non subise con el, que o deixase atado no portal, non sei.
B: Antes tiña un frase onde dicía que subía con el pero quiteina. Para min o lóxico é que o leve. Nixon é un can pequecho, pero iso nunca o aclaro… refareino para que quede claro que o sube.

Comentario 8
L2: Onde volve?
B: Ao piso, desde o ascensor.
L2: Xa que o final sería este podes usar máis palabras para que se entendan mellor estas accións.

Comentario 9
L2: Fálalle a el (que di?) ou chama polo can (mellor).
B: Estou por usar aquí o nome do vello por primeira vez. “Antonio”, digo.

Comentario 10
L2: Eu poñía o final aquí. O que segue rompe demasiado co que se está xestando sen achegar nada que o supere.
B: Penseino moito tamén… é o máis pontente. Pero vaime quedar un micro, micro. 412 palabras…fiu. Zenkius. Creo que me salvaches o pescozo.

Comentario 11
L2: isto é importante?
B: Era para recalcar que está só de todo e para xustificar, dalgunha maneira, que un vello teña acceso a internet… Igual queda forzado, xusto cando isto precisa velocidade.
L2: Pois iso, a quitalo todo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s