Así será a I Liga Maruxairas de Relatos

Libraría Maruxairas, en Allariz.

A I Liga Maruxairas de Relatos é un experimento estival ao redor da narrativa curta. Logo de tres torneos de relatos, gañados por Pablo Fernández Barba, Érica Couto e David Botana, mudamos a dinámica dos duelos sen que isto signifique que damos por rematadas as convocatorias dos torneos de relatos, que seguramente volverán para o outono.

As novidades da Liga Maruxairas son principalmente dúas: o modelo de competición e a figura dos e das lectoras-beta. Tamén cambia o número de participantes, que pasa dos 16 do último torneo, aos oito duelistas.

O modelo de competición que usaremos combina unha xornada preliminar de “todos contra todos” con tres xornadas máis cuxos duelos se decidirán mediante o sistema suízo. Este sistema emparella vencedores contra vencedores e perdedores contra perdedores, polo que, agás na primeira xornada, non haberá sorteo. A diferenza das ligas ordinarias, nas que hai tantas xornadas como se necesite para que todos compitan contra todos, neste caso só haberá tres xornadas, amais da xornada preliminar xa que para esa altura xa só debería quedar un só competidor que conte todos os seus duelos por vitorias.

O sistema de lectores e lectoras-beta procura crear hábito entre as persoas dedicadas á literatura de dar a ler os seus traballos a xente próxima que valore, avalíe e faga propostas para a mellora dos relatos. Na Liga Maruxairas cada duelista pode traer consigo un lector-beta da súa confianza ou pedirlle á organización un beta de oficio. Autor e lector farán equipo na creación dos relatos mais nos demais cometidos da liga (comentar e votar) poderán actuar por separado.

Os relatos da xornada preliminar publicaranse na primeira semana de xullo. As demais xornadas iranse publicando cunha cadencia de dúas semanas.

Tal e como ocorrera no III Torneo Biosbardia, a inspiración para os relatos será unha imaxe, unha novidade nesa edición moi gabada tanto polos autores e autoras como pola comunidade lectora de Biosbardia.

Nesta edición inicial, contamos co patrocinio da libraría Maruxairas, especializada en libro de segunda man e libro de vello. É un establecemento diferente que se desfruta como visitante (o gran pracer de follear libros que xa non se poden conseguir novos) e tamén por internet xa que gran parte do seu catálogo se pode recibir no propio domicilio.

Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles. Se che apetece competir e che presta escribir narrativa, asgurámosche que vas desfrutar.

Bases da I Liga Maruxairas de Relatos

 

1 Convocatoria

A I Liga Maruxairas de Relatos é unha competición entre escritores e escritoras, composta por un conxunto de duelos de relatos curtos en lingua galega, estruturados en base a certas características. A cerna da liga son os comentarios aos relatos, non os relatos en si, por iso é importante participar activamente nas dúas dimensións da liga, a de autor/a e a de comentarista dos traballos dos demais. O obxectivo da liga é compartirmos o gusto pola literatura, desfrutar da convivencia e aprendermos todos xuntos.

2 Inscrición

As inscricións deben facerse no correo biosbardia@gmail.com. Os participantes deben ser maiores de 16 anos. De haber máis demanda que postos dispoñibles (8), a preferencia será por orde de solicitude pero incluirase un factor de corrección para favorecer que polo menos tres participantes sexan mulleres, sempre que haxa suficientes solicitudes.

2.1 Lectores/as beta

Cada autor/a participante na Liga deberá inscribir con el un “lector/a beta” da súa elección para axudarlle na revisión dos relatos de cada xornada. Os autores/as deberán indicar o nome e apelidos da persoa que exercerá como “lector/a beta” no seu equipo no mesmo correo no que soliciten a súa inscrición á Liga. Se alguén non dispón de “lector beta” debe pedirlle á organización que lle asigne un.

O nome das persoas que actúen como “lectores/as beta” será publicada canda o dos autores/as que compitan na Liga e terán igualmente a obriga de comentar e votar en cada xornada, agás naqueles duelos nos que participen os seus autores/as. Neste caso poderán facelo cando se publiquen os resultados da xornada.

As opinións e votos dun “lector/a beta” non teñen por que coincidir coas dos autores/as cos que fan equipo.

2.2 Imaxes como tema para os duelos

Cada autor/a enviará 4 imaxes e asegurarase de que teñen licenza de creación común con ou sen atribución ao seu autor. Estas imaxes empregaranse como tema dos duelos. A imaxe inspiradora de cada duelo será sorteada pola organización entre as enviadas polos participantes xunto co seu correo de inscrición ao Torneo, unha vez realizada a selección de participantes. As imaxes terán que ter formato horizontal.

3 Relatos

Os relatos nas xornadas ordinarias deberán ter entre 150 e 500 palabras, sen incluír o título. Na xornada preliminar os relatos non poderán superar as 150 palabras. A organización resérvase o dereito de aceptar algún relato que non cumpra esta norma por unhas poucas palabras, pero farase público este incumprimento para que as persoas votantes teñan en conta isto, se queren, na súa valoración.

O relatos deben ser orixinais e inéditos, e deben inspirarse nunha imaxe escollida para cada duelo. Serán as persoas votantes e non a organización quen valoren, segundo o seu criterio persoal, o cumprimento deste apartado.

Canda a publicación do calendario tamén se publicarán os prazos de entrega de cada xornada. Polo xeral, os e as autoras disporán de sete días para a entrega. Cada participante ten dereito a pedir unha prórroga de dous días para enviar o seu relato. Cando un participante pide prórroga, o seu rival dispón automaticamente dunha prórroga equivalente sen que lle conte como utilizada.

Os relatos enviaranse ao correo biosbardia@gmail.com. Agradécese que cada participante especifique no “asunto” do correo os seguintes datos: o seu nome e a xornada á que pertence o relato.

O anonimato dos relatos será parcial. Será pública a identidade dos dous duelistas, pero non se revelará ata a fin da xornada de votacións quen é o autor/a de cada relato.

4 Organización dos duelos

A liga disputarase en catro xornadas, unha preliminar e tres ordinarias.

4.1 Xornada preliminar

Na xornada preliminar todos os participantes competirán entre si, ao redor da mesma foto, con relatos que non superarán as 150 palabras.

A puntuación total obtida por cada autor/a determinará os duelos da 1ª xornada preliminar. Así, os catro participantes con maior puntuación enfrontaranse aos catro con menos, tal e como se explica no punto 5.1.

4.2 Xornadas ordinarias

Haberá tres xornadas ordinarias nas que se utilizará o sistema suízo de competición. Isto significa que tras cada xornada iranse emparellando como rivais os duelistas que teñan o mesmo número de vitorias e que non se enfrontasen antes entre eles.

5 Votacións e resultados

5.1 Xornada preliminar

O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada votante (autores/as e “lectores/as beta”) deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos nin os “lectores/as beta” aos seus autores.

Tras as puntuacións de cada xornada cada autor/a recibirá unha asignación de posto do 1º ao 8º. En caso de empate a puntos, a posición final decidirase por sorteo.

Estas posicións servirán para:

  1. Definir os duelos da primeira xornada ordinaria segundo o criterio de 1º contra 8º, 2º contra 7º, 3º contra 6º e 4º contra 5º.
  2. Servir de referencia para posibles empates a votos nas xornadas ordinarias
  3. Definir as posicións definitivas na clasificación logo da derradeira xornada servindo de criterio de desempate cando varios participantes compartan o mesmo número de vitorias. 

5.2 Xornadas ordinarias

Todos os participantes están obrigados a votar de maneira pública en todos os duelos, salvo aqueles nos que participen como duelistas ou, no caso dos lectores/as betas, aqueles nos que participen os autores cos que fan equipo. A votación realizarase na páxina web de Biosbardia, no fío correspondente a cada duelo, nomeando o título do relato que se considera gañador dunha forma explícita. A votación deberá ir acompañada dun comentario no que se valoren ambos relatos e se xustifique brevemente a elección dun sobre o outro.

As persoas participantes (agás as excepcións xa referidas) poden debater libremente durante o período de votación calquera aspecto sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, sen menosprezar a opinión doutros comentaristas nin o traballo dos autores/as. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.

O público en xeral tamén pode comentar e opinar, sempre co seu nome completo, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia. Estes comentarios non se terán en conta como votos á hora de resolver os duelos.

5.3 Voto de desempate

Ningún duelo pode ter como resultado final un empate. No caso de que dous relatos teñan o mesmo número de votos tras o reconto final o gañador será o do autor/a que quedara mellor clasificado na xornada preliminar.

6 Clasificación final

A orde clasificatoria decidirase polo número de vitorias conseguidas. En caso de empates aplicarase como método de dsempate o posto obtido por cada autor na xornada preliminar.

7 Premios

Premio para o campión/campioa de liga: un cheque regalo de 100 euros para gastar en Maruxairas*.

Premio para o subcampión/subcampioa: un lote de libros galegos actuais.

Premio para o ou a pechacancelas: un lapis de carpinteiro.

Ao final da liga todos os duelistas votarán polo que consideren mellor lector ou lectora beta, tendo en conta a calidade e funcionalidade dos seus comentarios durante a competición. O mellor “beta” recibirá un lote de libros galegos actuais.

 

*O prezo máximo de cada volume adquirido co cheque non poderá sobrepasar os 10 euros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s